Skip to Content

Noticias sobre Ensino

Distribuir contido
Actualizado: hace 23 horas 29 min

A Xunta convoca 648 prazas de estadías lingüísticas de verán no estranxeiro para o alumnado de Bacharelato

Mar, 13/02/2024 - 15:08

Summary: 

O Diario oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria, que ten como obxectivo que os estudantes galegos melloren as súas competencias idiomáticas

Poderán facerse en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña, en réxime residencial ou familiar, e o prazo de solicitude estará aberto ata o 12 de marzo

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona ata o 92% da mesma

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de convocar un total de 648 prazas dirixidas ao alumnado de Bacharelato para realizar durante este verán estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O alumnado que resulte seleccionado disporá de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto. A relación de prazas é a reflectida na seguinte táboa:

 

 

Curso

Modalidade

Prazas

2º Bacharelato

Inglés en Canadá

90

2º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

120

2º Bacharelato

Francés en Francia

20

2º Bacharelato

Portugués en Portugal

3

2º Bacharelato

Alemán en Alemaña

5

1º Bacharelato

Inglés en Canadá

140

1º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

219

1º Bacharelato

Francés en Francia

40

1º Bacharelato

Portugués en Portugal

3

1º Bacharelato

Alemán en Alemaña

5

 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

O prazo para tramitar as solicitudes permanecerá aberto ata o 12 de marzo, e poderán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Requisitos e baremación

Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2023-2024; ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022/23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2022/23 (ata dez puntos) e a renda per cápita da unidade familiar (ata 20 puntos). Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa (dous puntos), contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez (dous puntos), ou non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado (un punto).

Contacto idiomático e cultural

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado.

O coñecemento dun idioma estranxeiro converteuse nun dos obxectivos básicos do sistema educativo, porque contribúe, por unha banda, á formación integral do alumnado e, por outro, porque é un valioso medio para o achegamento aos diferentes ambientes culturais-sociais. A estadía no país correspondente é un complemento perfecto ao estudo realizado durante o curso académico.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Xunta e Concello de Ferrol acordan unha folla de ruta para a mellora das instalacións deportivas en dez colexios da cidade

Lun, 12/02/2024 - 13:17

Summary: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde, José Manuel Rey, subscriben un acordo de colaboración administrativa

A Consellería destinará 500.000 euros a financiar a metade do custo das actuacións

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol acordan unha folla de ruta para a mellora das instalacións deportivas de dez colexios da cidade, tal e como queda reflectido no acordo de colaboración administrativa asinado hoxe entre o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde, José Manuel Rey Varela.

Así pois, ao abeiro deste acordo, está previsto que se leven a cabo intervencións de mellora nos colexios CEIP de Pazos, CEIP Plurilingüe A Laxe, CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, CEIP Cruceiro de Canido, CEIP Plurilingüe Ángela Ruiz Robles, CEIP de Ponzos, CEIP de Esteiro, CEIP Isaac Peral e CEIP Ledicia.

No caso da Xunta de Galicia, a Consellería achegará un total de 500.000 euros a financiar a metade do custo das actuacións. Pola súa banda, o Concello de Ferrol encargarase de redactar e aprobar os proxectos de obra e tramitar os permisos, licenzas e autorizacións pertinentes para levalas a cabo. Ademais, unha vez realizadas, tamén se encargará do mantemento e conservación das infraestruturas obxecto deste acordo.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta convoca as axudas para que os universitarios melloren as súas competencias en linguas estranxeiras con estadías no estranxeiro no verán

Lun, 12/02/2024 - 13:15

Summary: 

A dotación económica asignada a cada beneficiario será de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia ten aberta  a convocatoria das axudas para que o alumnado das universidades públicas galegas realicen estadías noutros países durante o verán de 2024, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e, como consecuencia, a súa cualificación.

As persoas solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2024, ambos inclusive, cun mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido e ser diferente do español.

O orzamento total da convocatoria é de 228.000€ e a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo e deberán facerse obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas solicitantes deben estar matriculadas no curso 2023/24 en como mínimo 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao nas universidades públicas galegas. Ademais, deben ter superado 60 créditos a data do 30 de setembro de 2023, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta abre a convocatoria do Plan Eduemprende para fomentar estas habilidades entre o alumnado e facilitarlles a transición ao mundo laboral

Dom, 11/02/2024 - 13:26

Summary: 

Dividido en tres liñas de actuación e 12 programas, diríxese ao alumnado das diferentes etapas educativas

Organízanse actividades prácticas como visitas a empresas e centros tecnolóxicos, concursos de ideas, iniciativas de mentorización ou relatorios

Os centros poden presentar as súas solicitudes ata o 21 de febreiro

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de programas do Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, que ten como obxectivo principal promover a cultura do emprendemento entre o alumnado, proporcionándolles ferramentas que permitan avanzar neste sentido e facilitarlles a transición da vida académica á laboral

Os distintos programas do Plan Eduemprende están dirixidos a alumnado de diferentes ensinanzas, etapas e niveis educativos, co obxectivo de traballar e potenciar as súas habilidades emprendedoras. Para isto, establécense unha serie de programas de carácter práctico, como visitas a empresas e centros tecnolóxicos, relatorios, formacións, concursos de ideas, actividades de orientación e mentorización, etc.

Unha ducia de iniciativas

O plan divídese en tres liñas de actuación, cunha ducia de programas. A primeira delas, de fomento da cultura emprendedora, busca motivar ao alumnado para desenvolver habilidades como a creatividade, a innovación e a iniciativa para xerar ideas e proxectos. Nela enmárcanse os programas Actúa, Eduinspira e Eduindustria.

A segunda liña de actuación, de desenvolvemento de habilidades empresariais, céntrase en ensinar conceptos fundamentais de negocios, xestión, márketing, finanzas e outras áreas clave para emprender con éxito. Desenvólvese a través dos programas Finanzas para mortais, Grand Prix Financeiro, Prepárate para o salto, Seguramente, A tola aventura do aforro e Simula.

Finalmente, a terceira liña está centrada na conexión co mundo empresarial e busca establecer vínculos co mundo empresarial, ofrecendo oportunidades de mentorización e colaboracións con empresas para brindar ao alumnado unha visión máis realista e práctica da contorna empresarial. Forman parte dela os programas Atrévete, EduTecEmprende e Mentoring FP.

Os centros poden consultar o detalle de cada un dos programas no anexo da convocatoria.

A través destas iniciativas sensibilízase á comunidade educativa sobre a importancia de fomentar unha cultura emprendedora dinámica e fomentar o seu desenvolvemento, integrando estes valores nos centros. Desta forma incúlcase esta mentalidade e habilidades ao alumnado, facilitando a súa transición desde a contorna educativa cara ao ámbito laboral, preparándoo para a súa inserción profesional.

Ademais, resáltase e valórase a contribución das persoas emprendedoras en Galicia e divúlganse as boas prácticas e iniciativas neste sentido. Así mesmo, recoñécese a importancia crucial da innovación e a creatividade no proceso emprendedor.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 21 de febreiro de 2024. Os centros interesados deberán presentala na Sede Electrónica da Xunta de Galicia a través do formulario correspondente.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez anima a gozar do primeiro Entroido declarado como ben de interese cultural

Ven, 09/02/2024 - 18:48
Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe ás actividades escolares do Entroido en Xinzo de Limia que nesta edición, debido ás condicións climatolóxicas, desenvolvéronse no Colexio CEIP Carlos Casares da localidade.

O representante da Xunta animou aos escolares a gozar ao máximo destes días de lecer cunha celebración da que salientou que é “unha das maiores riquezas culturais que temos en Galicia”. Non en balde, o Goberno galego vén de iniciar a tramitación desta esta tradición como Ben de Interese Cultural (BIC).

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta salienta a diversificada oferta de FP do instituto Castro da Uz, nas Pontes, que este curso reforzará accións formativas para desempregados

Ven, 09/02/2024 - 16:38

Summary: 

A directora xeral de FP visita o centro con motivo da cesión dun aeroxerador por parte da empresa Invenergy Service Huso ao servizo do ciclo dual de Mecatrónica industrial

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto IES Plurilingüe Castro da Uz, onde salientou a diversificada oferta de Formación Profesional deste centro nas familias de Administración e finanzas, Fabricación Mecánica, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento e por último Transporte e mantemento de vehículos, que dá cobertura ás demandas tanto do alumnado como das empresas da contorna.

Ademais, tal e como avanzou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este ano o centro vai ofertar dous cursos de accións formativas para desempregados, Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG e Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos, contribuíndo, deste xeito, á inserción laboral e actualización dos traballadores da zona. Neste senso, quixo subliñar o importante compromiso do equipo directivo e do profesorado do centro polo reforzo da súa oferta.

Eugenia Pérez visitou o instituto con motivo da cesión dun aeroxerador por parte da empresa Invenergy Service Huso no marco da colaboración para o desenvolvemento do ciclo superior de Mecatrónica industrial en modalidade dual. Este equipamento permitirá a que o alumando teña unha formación máis especializada e axustada as necesidades do sector produtivo.

Precisamente no ámbito dual, este curso iniciou novos proxectos como o mencionado ciclo superior de Mecatrónica industrial, un ciclo de grao medio de Soldadura e caldeiraría e continúa co ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións web. Todo isto é posible “grazas a implicación activa dunha vintena de empresas da contorna á que temos que agradecer o seu interese”, subliñou a directora xeral de FP.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta dota os Polos Creativos dos centros educativos de kits didácticos encadrados no Día internacional da muller e a nena na ciencia

Xov, 08/02/2024 - 17:31

Summary: 

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación comproba no Colexio O Cruce, de Cerceda, o funcionamento deste material

O kit está composto por cinco actividades distintas nas que se pon en valor o papel de grandes mulleres relevantes no eido científico

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de dotar os Polos Creativos dos centros educativos cun kit didáctico encadrado no Día Internacional da muller e a nena na Ciencia, que se celebra oficialmente o vindeiro domingo, día 11.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, achegouse esta mañá ao Centro Público Integrado CPI O Cruce, de Cerceda, para ver in situ este material que ten como finalidade poñer en valor o papel de mulleres relevantes no eido científico. O representante do departamento educativo da Xunta salientou a importancia deste tipo de actividades “que, de seguro, axudan a incentivar as vocacións científico-técnicas entre as nenas”. Neste obxectivo tamén se enmarca a xornada de hoxe organizada polo colexio de Cerceda, onde os alumnos tiveron un encontro por videoconferencia coa astrofísica Evanthia Hatzminaoglou, que traballa como investigadora no Observatorio Europeo Austral en Múnic (Alemaña).

Canto ao material didáctico enviado aos Polos Creativos, cómpre sinalar que o kit está composto por cinco actividades distintas para uso do alumnado. Trátase dun xogo, un taboleiro clásico en cartón e outro en DM, todos eles con referencia a mulleres relevantes na ciencia, un cubo máxico de 12 astrónomas destacadas e un caleidociclo con catro mulleres representativas no mundo da óptica. Este material está deseñado de xeito que os rapaces teñan que empregar material do Polo Creativo para a súa manipulación e montaxe, como impresoras ou cortadoras, entre outros.

Cómpre lembrar que os Polos Creativos son espazos educativos innovadores postos en marcha no curso 2022/23 en todos os centros de Infantil, Primaria e ESO sostidos con fondos públicos, e que están dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico matemáticas entre os máis novos. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A visita ao Colexio Agrupado Amencer de Ribadavia pecha a xira dunha delegación do Goberno Canario a Galicia para coñecer o modelo de ensino rural

Xov, 08/02/2024 - 17:30

Summary: 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos acompaña ao grupo, que na xornada de hoxe tamén visitou o CRA de Vilaboa, en Pontevedra

Idioma Gallego

A delegación do Goberno de Canarias desprazada estes días a Galicia para coñecer o modelo de ensino rural pechou hoxe a súa estancia na nosa comunidade cunha visita ao Colexio Rural Agrupado CRA Amencer, de Ribadavia, onde estivo acompañada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jesús Álvarez. Previamente, tamén visitaron o CRA de Vilaboa en Pontevedra.

A delegación canaria, encabezada pola directora xeral de Administración de Centros, Escolarización e Servizos Complementarios, Carolina León, recabou información de primeira man sobre o funcionamento deste tipo de centros, tanto a través das súas directoras e profesoras coma dos propios alumnos.

No CRA Amencer de Ribadavia efectuaron un percorrido pola Escola de Francelos así como pola de San Paio, mentres que no de Vilaboa-Consuelo González Martínez, visitaron a Escola de Pousada e a Escola de Vilaboa, que exerce como sede principal. En ambos casos, as representantes do departamento de Educación do Goberno canario tiveron a oportunidade de coñecer instalacións, as unidades escolares, a organización das mesmas e a súa biblioteca.

Ademais, en Vilaboa puideron gozar dunha exhibición por parte dos nenos de Madama e Galán do Entroido de Cobres, un dos nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta convoca o programa de estadías lingüísticas en primavera con 1.475 prazas para o alumnado galego

Xov, 08/02/2024 - 16:19

Summary: 

O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia

O programa desenvolverase do 14 de abril ao 15 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado

Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 8 de marzo incluído

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de convocar o programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 14 de abril e o 15 de xuño deste ano. A iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, vai dirixida a centros docentes sostidos con fondos públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.450 alumnos.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que na contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Un total de nove quendas

O prazo de presentación de solicitudes, que deberán tramitar os centros interesados a través da aplicación informática habilitada para tal fin, remata o 8 de marzo, incluído. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:

 

QUENDA

DATAS

CURSO

ALUMNADO

1ª quenda

do 14 ao 20 de abril

4º de ESO

175

2ª quenda

do 21 ao 27 de abril

3º de ESO

175

3ª quenda

do 28 de abril ao 4 de maio

2º de ESO

175

4ª quenda

do 5 ao 11 de maio

1º de ESO

175

5ª quenda

do 12 ao 18 de maio

6º EP

175

6ª quenda

do 19 ao 25 de maio

6º EP

175

7ª quenda

do 26 de maio ao 1 de xuño

3º e 4º de ESO

125

8ª quenda

do 2 ao 8 de xuño

1º e 2º de ESO

125

9ª quenda

do 9 ao 15 de xuño

6º EP

150

TOTAL

1.450

 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

O DOG oficializa a acreditación do Campus Auga de Ourense como campus especializado en temáticas de auga e alimentación

Xov, 08/02/2024 - 16:14

Summary: 

Convértese no terceiro campus en acadar este recoñecemento, logo do Campus Industrial de Ferrol e do Campus Terra de Lugo

A Xunta asinará un convenio coa Universidade de Vigo para desenvolver o seu plan estratéxico, coa correspondente partida orzamentaria

Idioma Gallego

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola cal se oficializa a acreditación do Campus Auga de Ourense, da Universidade de Vigo, como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG) centrado en actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga e alimentación.

Esta resolución faise pública logo de acadar o informe favorable por parte do comité de avaliación e, deste xeito, convértese no terceiro campus en acadar este recoñecemento que xa ostentan o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Terra de Lugo.

A acreditación, que estará vixente por un período de tres anos, implica a elaboración dun plan estratéxico para o fortalecemento de aspectos como a docencia e a investigación, para o desenvolvemento do cal a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades, asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, cunha dotación orzamentaria que se estima que superará os 3M€.

Así pois, o plan estratéxico convértese na folla de ruta para que o Campus Auga de Ourense camiñe na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional; e na internacionalización da investigación multidisciplicar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos.

Reforzo oferta académica

Precisamente un dos eixos fundamentais da especialización é a potenciación da oferta académica coa posta en marcha de dobres graos como Enxeñaría Agraria e Ciencia e tecnoloxía de Alimentos, Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais ou Enxeñaría Agraria e Sensórica; o impulso dos másteres en Viticultura e Enoloxía, de Hidroloxía-Termalismo e de Economía circular; a posta en marcha de titulacións sobre Sensórica e a transformación tecnolóxica dos sectores agrícola e alimentario.

Así mesmo, o Campus deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Unha delegación do Goberno de Canarias visita Galicia para coñecer o seu modelo de ensino rural

Mér, 07/02/2024 - 13:21

Summary: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades acompaña ao grupo nunha visita ao CRA de Valga para amosar o seu funcionamento

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, visitaron esta mañá o Colexio Rural Agrupado CRA de Valga acompañados por unha delegación da Consellería de Educación do Goberno de Canarias, que se desprazou a Galicia para coñecer o modelo do ensino rural galego.

A delegación canaria, encabezada pola directora xeral de Administración de Centros, Escolarización e Servizos Complementarios, Carolina León, puido comprobar de primeira a organización deste tipo de centros, constituídos por varias escolas unitarias, unha das cales exerce como sede principal e centro administrativo e de xestión e punto de encontro de toda a comunidade escolar do conxunto que conforma o Colexio Rural Agrupado.  

O CRA de Valga está constituído por seis escolas unitarias que aglutinan un total de 89 alumnos. A sede principal é a Escola de Campaña, onde a delegación canaria coñeceu o proxecto educativo que se leva a cabo, caracterizado pola colaboración e a dinamización de accións entre o conxunto das aulas que a conforman.  

Precisamente unha das vantaxes deste tipo de agrupamentos é que posibilita unha acción educativa coordinada, cun plan de centro e unha programación común; dinamiza a comunicación entre aulas, etapas e niveis educativos, e facilita a tarefa de coordinación, superando o illamento da escola unitaria independente. Así mesmo, favorece a optimización dos recursos materiais e humanos, incrementando a implicación do profesorado en proxectos de innovación e de formación, entre outros.

 A visita ao Centro Rural Agrupado de Valga é a primeira parada desta xira da delegación educativa canaria por Galicia, xa que mañá visitarán tamén os de Vilaboa e de Ribadavia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A directora xeral de FP visita o Instituto de Pontepedriña, en Santiago, para explorar o impulso da oferta dual neste centro o vindeiro curso

Mar, 06/02/2024 - 14:46

Summary: 

Eugenia Pérez subliña “a grande demanda” dos ciclos vinculados ao ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, onde este centro é un referente

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, para analizar co equipo directivo do centro as posibilidades de impulso da oferta formativa na modalidade dual de cara ao vindeiro curso escolar, sobre todo no ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, entre outros, cunha grande demanda por parte do tecido produtivo.  

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importante aposta pola Formación Profesional que está desenvolvendo o IES de Pontepedriña, especialmente no eido comercial, “onde está consolidado como un referente no sur da provincia da Coruña”.

Así pois, este encontro enmárcase no reforzo destas ensinanzas profesionais por parte da Xunta para atender a demanda que veñen manifestando as empresas do sector de contar con persoal con formación especializada para desempeñar postos de carácter estratéxico nas firmas. De feito, a taxa de inserción laboral do alumnado que realiza ensinanzas no ámbito do Comercio e do márketing é do 87,3 %, porcentaxe que se incrementa na modalidade de FP dual.

No presente curso escolar, o IES Pontepedriña oferta dez ciclos formativos, tanto de grao básico como medio e superior. Ademais, imparte en modalidade dual os ciclos superiores de Transporte e loxística e de Xestión de vendas e espazos comerciais, e o ciclo de grao medio de Comercialización de produtos alimentarios, todos eles en colaboración con importantes empresas como Leroy Merlin, Detacargo, Lidl, Sprinter, Carrefour, Ignacio de las Cuevas, Pérez Rumbao, El Corte Inglés, Gadisa e Coren, entre outras.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta convoca os Premios fin de carreira para estudantes das universidades galegas

Dom, 04/02/2024 - 14:27

Summary: 

O obxectivo é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica

O prazo de solicitude está aberto ata o 29 de febreiro

Idioma Gallego

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2023 en Galicia. O obxectivo é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación dos estudantes cunha excelente traxectoria académica.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina a esta convocatoria un orzamento de 395.500€. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Poderá solicitar estes premios o alumnado que rematase a carreira no curso 2022/23 e cursase de forma íntegra os estudos da titulación do Sistema Universitario de Galicia pola que opta ao premio, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 99 persoas egresadas optarán a un premio; entre 100 e 199 persoas, a dous premios; as que teñan entre 200 e 299, a tres e as que conten con entre 300 e 399, a catro. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a cinco premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar a seis. O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades.

O prazo de solicitude está aberto ata o 29 de febreiro e presentaranse obrigatoriamente por medios dixitais a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta recoñecerá os proxectos de transferencia tecnolóxica dos centros de FP cos premios de innovación

Sáb, 03/02/2024 - 14:29

Summary: 

O Portal Educativo vén de publicar a convocatoria destes galardóns, aos que se poderán presentar propostas ata o 19 de febreiro

O obxectivo é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros, empresas e outras entidades

Idioma Gallego

A Xunta recoñecerá os proxectos de transferencia tecnolóxica dos centros de FP cos premios de innovación. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a convocatoria destes galardóns, dirixidos aos proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica desenvolvidos por centros que imparten estas ensinanzas.

O obxectivo da convocatoria, que conta cun orzamento de 1M€, é potenciar as iniciativas innovadoras no ámbito da Formación Profesional, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na FP, e o fomento do emprendemento, en liña coa Estratexia Galega de FP 2030 e co Plan Innova FP Galicia.

Establécense dúas modalidades. A primeira refírese á innovación tecnolóxica ou científica, na que as iniciativas deben estar centradas en impulsar a transferencia tecnolóxica entre centros educativos e a contorna produtiva, procurando ter un impacto significativo na futura inserción laboral do alumnado.

A segunda modalidade relacionase co ámbito didáctico e nela inclúense proxectos destinados á creación de materiais ou recursos didácticos innovadores para áreas profesionais específicas. Centrados na introdución de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e equipamentos nas aulas, promovendo ambientes virtuais de aprendizaxe.

Continuidade no Eduardo Barreiros

A avaliación dos proxectos terá en conta aspectos como a súa orixinalidade, viabilidade, colaboración con institucións educativas ou empresariais, participación activa do alumnado, as oportunidades potenciais de emprego xeradas e a planificación do proxecto. Terá especial relevancia a importancia e impacto nos sectores correspondentes, a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe e a capacidade de transferir os resultados obtidos para outros centros de FP.

Ademais, valoraranse especialmente aqueles proxectos que sexan susceptibles de ser continuados dende Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, para dar lugar a proxectos de emprendemento industrial.

A solicitude ten que ser presentada por un centro de FP, que actuará como coordinador. En todo caso, e ao tratarse dun proxecto colaborativo, este debe contar con dous participantes como mínimo. Deste xeito, figurarán como socios outros centros de FP, entidades ou empresas a nivel autonómico.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de febreiro, ambos os dous incluídos.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A directora xeral de Innovación Educativa da Xunta interésase polo funcionamento do programa Escolas de fronteira nos colexios públicos de Xinzo

Ven, 02/02/2024 - 15:19

Summary: 

O obxectivo da iniciativa é promover as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, desprazouse hoxe a Xinzo de Limia para coñecer de primeira man o funcionamento do novo programa Escolas de fronteira que desenvolven os colexios CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares, a través do que a Xunta de promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou o Colexio Rosalía de Castro, onde felicitou á comunidade educativa tanto deste centro coma do Colexio Carlos Casares, representado polo seu equipo directivo, polo seu traballo e destacou as accións desenvolvidas para estreitar o vínculo co país veciño.

O Rosalía de Castro e o Carlos Casares son dous dos seis centros educativos galegos que este curso participan nesta nova iniciativa, a través da que se organizan actividades interdisciplinarias que engloban as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Ao remate do curso, cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

O próximo luns abre o prazo de inscrición nas probas libres para a obtención dos títulos de ESO e Bacharelato para adultos

Ven, 02/02/2024 - 15:15

Summary: 

Así o adiantou a directora xeral de FP durante unha visita ao Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Eduardo Pondal da Coruña

Idioma Gallego

O próximo luns, día 5, a Xunta de Galicia abrirá o prazo para inscribirse nas probas para a obtención dos títulos de ESO e Bacharelato para adultos, o que posibilita que quen non obtivera estes títulos a través do ensino ordinario, poidan acceder a eles a través dunha proba libre. Así o explicou esta mañá a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, durante unha visita ao Centro Público de Educación e Promoción de Adultos EPAPU Eduardo Pondal da Coruña.

Así pois, as persoas maiores de 18 anos interesadas en obter o título de ESO teñen de prazo entre o 5 e o 21 de febreiro para a inscrición en primeira convocatoria, e do 8 ao 18 de abril en segunda convocatoria. Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, EPA Río Lérez (Pontevedra) e EPA Berbés (Vigo).

No caso das probas para a obtención do título de Bacharelato para maiores de 20 anos, o prazo de inscrición é do 15 ao 28 de febreiro.  Os centros nos que se poderá presentar a solicitude son a EPA Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), a EPA Albeiros (Lugo), a EPA de Ourense, a EPA Río Lérez (Pontevedra) e a EPA Berbés (Vigo).

O Eduardo Pondal é un dos 55 centros que actualmente forman parte da Rede de Capacitación Dixital, onde a Xunta de Galicia habilitou aulas específicas para impulsar a formación das persoas adultas en competencias dixitais básicas. Na visita, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, puido comprobar os avances este curso para a dixitalización do alumnado co obxectivo de garantir, desde a Administración autonómica, a formación da totalidade da poboación ao longo da vida.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Rueda avanza que Galicia será a primeira comunidade cun marco normativo para garantir a propiedade intelectual e industrial dos proxectos xurdidos na FP

Xov, 01/02/2024 - 16:56

Summary: 

Unha lexislación propia blindará que os resultados de investigación e innovación realizada por alumnado e profesorado revertan no sistema educativo

Salientou que cada vez hai “máis creacións ou actividades” dos centros que derivan en produtos que “poden ter utilidade comercial” e cómpre protexer a nivel industrial

Explicou que Centro Galego de Innovación da FP “será o encargado da xestión” integral destes resultados e a súa axeitada protección

Este centro asumirá os custes de solicitar patentes ou protección para deseños industriais, marcas ou nomes comerciais

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai desenvolver un marco normativo para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos na Formación Profesional galega. “Galicia vai ser a primeira comunidade” en contar cunha regulación neste eido, resaltou.

Trátase dun paso esencial para blindar que os resultados de investigación e innovación aplicada xurdidos do traballo do alumnado dos centros educativos de Formación Profesional revertan no sistema educativo. Deste marco regulador tamén se vai beneficiar o profesorado e as empresas e entidades que prestan a súa colaboración nos distintos ciclos de Formación Profesional.

O presidente salientou que “cada vez son máis” as creacións ou as actividades dos centros de FP que derivan en produtos “que poden ter unha utilidade comercial” e que cómpre garantir a súa protección intelectual e industrial.

A regulación abrangue os títulos de propiedade intelectual e industrial, as patentes, os modelos de utilidade, deseños industriais, marcas, nomes comerciais, nomes de dominio, segredos industriais e programas informáticos entre outros.

Tal e como explicou Rueda, establécese que “o Centro Galego de Innovación da FP” será o encargado “da xestión” integral dos resultados da investigación é a innovación que realicen os alumnos e profesores para garantir a súa protección.

Un procedemento en catro pasos

Para acadar esta protección, a Consellería de Educación establecerá un procedemento de xestión que inclúe catro pasos que son a comunicación, avaliación e protección dos resultados e o mantemento da protección.

O presidente indicou que, en primeiro lugar, as persoas inventoras, en coordinación coa dirección do centro, comunicarán ao Centro Galego de Innovación da FP a obtención dos resultados de innovación susceptibles de seren protexidos. A partir de aí entra a segunda fase, de avaliación dos resultados, no decurso da cal este centro valorará o seu impacto “e decidirá se procede a súa protección en función da calidade e características”, priorizando o impacto no mundo rural e a redución da fenda de xénero.

Na terceira fase, de protección dos resultados, o Centro Galego de Innovación da FP asumirá os custos derivados de solicitar a protección e o seu mantemento a nivel nacional, que se poderá estender a nivel internacional no caso de ter a suficiente relevancia. E, por último, tal e como indicou Rueda, haberá unha avaliación cada dous anos “para revisar” se cómpre manter esta protección.  

Paralelamente, levaranse a cabo distintas actividades de promoción e difusión da propiedade intelectual e industrial para dar a coñecer a carteira de patentes e modelos de utilidade entre o ecosistema da Formación Profesional galega. O obxectivo último é maximizar a transferencia de I+D+i e a creación de novas empresas de base tecnolóxica industrial.

Estratexia de FP e Plan Innova FP

Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Estratexia de FP Galicia 2030, ao abeiro da cal se puxo en marcha o Plan Innova FP Galicia para o impulso de liñas de actuación que avancen na innovación, investigación aplicada e no emprendemento tecnolóxico e industrial na Formación Profesional galega.

A este reto tamén responde o Programa InnovaTech FP, no que alumnado dos diferentes ciclos formativos deberá afrontar dez desafíos tecnolóxicos propostos por empresas, e cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.

As solucións seleccionadas incorporaranse á área de emprendemento industrial do Centro Galego de Innovación da FP, onde contarán cos medios dispoñibles para a súa incubación e aceleración, podendo derivar na creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación


by Dr. Radut