Skip to Content

Noticias sobre Ensino

Distribuir contido
Actualizado: hace 23 horas 51 min

A Xunta organiza en Ribadavia o II Congreso Nacional da Escola Rural para reivindicar o seu papel na sociedade

Dom, 28/04/2024 - 11:17

Summary: 

Esta cita conta coa colaboración da Fundación Princesa de Girona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia

A cita, que acollerá conferencias, paneis e exposicións de proxectos, pretende ser un punto de encontro de profesionais para impulsar o ensino rural

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia organiza o II Congreso Nacional da Escola Rural, que se desenvolverá o vindeiro 3 de maio en Ribadavia. Unha cita que conta coa colaboración da Fundación Princesa de Girona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia.

A cita, que pretende ser un punto de encontro para quen conforma a comunidade educativa rural, está dirixido principalmente ao profesorado de toda España, axentes das administracións educativas e expertos no ámbito do ensino rural. Deste xeito, a cita permitirá reivindicar o traballo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na integración da escola rural como axente clave do seu tecido educativo, do seu papel como vertebrador da sociedade e da cohesión territorial e familiar, así como da aposta pola innovación e a integración en todas as dimensións da ensinanza galega.

Programa do congreso

O programa, que inclúe conferencias, paneis, exposicion de proxectos educativos e a difusión de boas prácticas, comezará coa conferencia Patróns e compromiso coa escola rural da profesora da Universidade de Zaragoza Pilar Abós.

Ao longo da mañá, os participantes no Congreso Nacional da Escola Rural poderán asistir á presentación Escola rural vs escola urbana en Galicia da man do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila. Tamén se desenvolverá a mesa redonda Presente e futuro da escola rural, elementos de sustentabilidade coa presenza de representantes da Fundación Princesa de Girona, da Universidade da Coruña e das comunidades autónomas de Aragón, A Rioxa e Extremadura, coordinada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez. A xornada matinal rematará cun panel de expertos sobre a escola rural en Galicia con directores de centros galegos de diferentes etapas e tipoloxías.

A xornada continuará cunha feira para promocionar os centros educativos rurais galegos, seguindo pola tarde con talleres e proxectos de boas prácticas e experiencias. Os asistentes ao congreso poderán coñecer obradoiros de espazos de centros e aprendizaxe, coidado do benestar, atención á diversidade, innovación e internacionalización, entre outros. Ademais, daranse a coñecer proxectos de aulas multigrado, de metodoloxías activas, inclusión, dixitalización, internacionalización e o Programa Xeración Docente, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez comprométese a reforzar o apoio da Xunta á mellora das competencias lingüísticas do alumnado galego a través de distintas accións

Sáb, 27/04/2024 - 18:31

Summary: 

Lembra que a Xunta ten en marcha un amplo programa de estadías lingüísticas con preto de 2.500 prazas en primavera, outono e verán en Galicia e no estranxeiro

Neste impulso, este curso uns 5.500 alumnos de 205 centros poderán acceder a unha axuda directa de 100€ para acreditar oficialmente o seu nivel de idiomas 

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai seguir reforzando as distintas accións de apoio ao alumnado para que mellore as súas competencias lingüísticas nunha lingua estranxeira e, deste xeito, avanzar na consolidación do “modelo de éxito” do sistema educativo galego. Así o expresou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, en Mondariz-Balneario, onde visitou o alumnado participante nas estadías lingüísticas de primavera Spring Week, que este ano chegan a 1.450 alumnos de entre 6º de Primaria e 4º de ESO. 

Román Rodríguez animou á rapazada a “aproveitar ao máximo esta oportunidade” na que, durante unha semana, exercen a práctica oral en lingua inglesa con apoio de profesorado nativo a través de distintas actividades lúdicas que xiran en torno a temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental, ao tempo que “se fomenta a convivencia” entre o grupo. “Unha estadía que, ademais, é totalmente de balde para as familias”, puntualizou. 

2.500 prazas en Galicia e no estranxeiro 

O titular de Educación do Goberno galego lembrou que o seu departamento oferta este curso preto de 2.500 prazas de estadías tanto en Galicia (a través da Spring Week en primavera e da Digital Week en outono), coma no estranxeiro durante o verán. Neste último caso o programa, dirixido a alumnado de Bacharelato, desenvólvese en agosto e consiste nunha estancia de tres semanas en réxime residencial ou familiar en distintos países como Reino Unido, Irlanda, Canadá, Francia, Alemaña e Portugal.  

Ao abeiro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, outra das liñas de traballo da Consellería é a acreditación de competencias lingüísticas en diferentes idiomas a través de probas específicas financiadas pola Xunta, da que se van beneficiar un total de 5.500 alumnos de 205 centros este curso. A Consellería de Educación concede 100€ ás familias cuxos fillos se presenten á certificación de entidades oficiais recoñecidas. 

Ademais, de cara ao vindeiro curso a Xunta vai seguir implementando o modelo plurilingüe en Galicia -con ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- do que xa forman parte 500 centros plurilingües co apoio de 655 auxiliares de conversa nativos de ata 22 nacionalidades que imparten clases neles. 

Nove quendas entre abril e xuño

As estadías lingüísticas Spring Week arrancaron a mediados deste mes e desenvolveranse ata mediados de xuño en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte en nove quendas semanais e totalmente de balde para as familias. 

No caso concreto de Mondariz-Balneario, a estadía ten lugar no complexo natural CEMAR, onde nesta quenda participan 154 alumnos de oito centros educativos: CPI Domingo Fontán de Portas, IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez, CPI Castro Baxoi de Miño, IES Francisco Aguiar de Betanzos, CPI Plurilingüe Tino Grandío de Guntín, IES Universidade Laboral de Ourense, IES de Ortigueira e IES Plurilingüe Fontexería de Muros. Os participantes alternan actividades lúdicas e cooperativas en inglés centradas en temas relacionados cos valores democráticos, coa sostibilidade e o coñecemento da contorna. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A FP galega duplicará o inglés e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación en empresa

Ven, 26/04/2024 - 14:34

Summary: 

Os retrasos do Ministerio na publicación da normativa de desenvolvemento da nova lei de FP obriga á Xunta a anticiparse cunha orde para organizar o vindeiro curso

Deste xeito, a Xunta quere blindar o sistema de calidade da FP galega e xerar certezas entre alumnos, docentes e centros

A FP en Galicia tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como modelo a imitar en toda España

“O obxectivo é que nada poña en risco o modelo de éxito da FP galega, sustentado no prestixio, a confianza e a utilidade ”, destaca Román Rodríguez

Idioma Gallego

A Formación Profesional galega contará a partir do vindeiro curso co dobre de inglés do marcado como mínimo na normativa básica estatal e permitirá ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica, ata un 82% máis que ata o momento. Todo isto mantendo o peso da formación no centro educativo, cuxo profesorado é o piar fundamental do éxito acadado polo sistema galego de FP nos últimos anos.

Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que avanzou esta mañá en rolda de prensa a nova ordenación destas ensinanzas para os vindeiros cursos, xunto á directora xeral de FP, Eugenia Pérez. Tal e como explicou, o obxectivo é “blindar o modelo de éxito da Formación Profesional galega, un modelo de prestixio, confianza e utilidade que ten hoxe 64.570 matriculados, un 85% máis ca no curso 2008/09, e que conta cunha inserción de practicamente o 100% na FP Dual e de case o 85% no resto de ciclos”.

Román Rodríguez explicou que o Ministerio de Educación leva desde setembro do ano pasado incumprindo o seu propio calendario de implantación da nova lei de FP. “A menos de cinco meses para que comece o curso, o Ministerio aínda ten sen publicar a modificación do Real Decreto de Ordenación da FP, que tiveron que mudar polos seus erros e contradicións, e os reais decretos complementarios de actualización das titulacións”, sinalou.

Deberes feitos

“Estamos a falar de que o Ministerio ten en vilo a un amplo número de persoas e centros que conforman en Galicia o gran sistema da FP”, explicou o conselleiro, lamentando que os retrasos do Ministerio estean a xerar preocupación en todo este gran sistema de centros, docentes e alumnos.

“Diante desta situación de incerteza, en Galicia optamos por comezar a traballar e xa en xaneiro iniciamos os trámites para a elaboración do futuro decreto que regulará a FP na nosa Comunidade”, sinalou. O incumprimento dos prazos por parte do Ministerio fai imposible a publicación deste decreto para o curso que vén, polo que a Xunta está a elaborar unha orde para regular a nova ordenación da FP nos próximos dous cursos. “É dicir, unha vez máis, temos os deberes feitos antes de que o Ministerio remate os seus, pese a depender deles, dando certezas á comunidade educativa”, destacou o conselleiro. Engadiu, ademais, que “boa parte” dos cambios que introduce o Goberno central na lei son “puro maquillaxe”. “Facer para dicir que se fai, pero desde un fondo descoñecemento de como funciona a FP”, sentenciou.

Novos módulos

O modelo de FP de éxito tense adiantado e implementado moitos dos cambios que agora o Ministerio toma como sistema a imitar en toda España. Polo tanto a aplicación da nova lei vai ser flexible, de tal forma que en Galicia se manteña a excelencia e se incorporen as novidades.

O Ministerio establece na nova lei a eliminación de módulos como o de Empresa e iniciativa emprendedora, o de Formación e Orientación Laboral e o de Formación en Centros de Traballo. O calendario de implantación proposto en Galicia prevé introducir os novos módulos a partir de setembro de 2024 nos primeiros cursos dos ciclos formativos ordinarios, así como nos Programas formativos para persoas con necesidades especiais e nos másteres de FP, e a partir do curso 25/26 tamén nos segundos cursos dos ciclos ordinarios e na oferta modular.

Os cambios realizaranse conforme ao seguinte cadro:

Grao e curso

Módulos novos

Módulos aos que substitúe

FP Básica

Curso 2024/25. 1º curso

Itinerario persoal para a empregabilidade

Novo módulo

FP Básica

Curso 2025/26. 2º curso

Proxecto intermodal de aprendizaxe colaborativa

Novo módulo

Ciclos de grao medio e superior

Curso 2024/25. 1º curso

Itinerario persoal para a empregabilidade I

Formación e Orientación Laboral

Inglés profesional

Módulo xa presente en Galicia en todos os ciclos de FP Dual e nos títulos implantados desde 2019

Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo

Novo módulo

Ciclos de grao medio e superior

Curso 2025/26. 2º curso

Itinerario persoal para a empregabilidade II

Empresa e iniciativa emprendedora

Dixitalización aplicada ao sector produtivo

Novo módulo

Módulo optativo

Novo módulo

Proxecto intermodular

Módulo de proxecto (nos ciclos de grao superior)

Inglés profesional (módulo autonómico)

Módulo xa presente en Galicia en todos os ciclos de FP Dual e nos títulos implantados desde 2019

 

Co novo horario, a FP galega mantén o módulo de inglés autonómico, que xa estaba presente en todos os ciclos de FP Dual e en todos os títulos implantados a partir de 2019, a maiores do novo estipulado polo Goberno central. “É dicir, imos duplicar o inglés na FP respecto do básico establecido polo Ministerio”, destacou o conselleiro, “dando resposta as necesidades do tecido produtivo galego altamente internacionalizado”.

Máxima formación práctica

No referido á formación práctica, establécese a posibilidade de acadar os máximos establecidos pola lei: 480 horas para o grao básico e 700 horas para medio e superior. Ata o momento, os máximos eran de 320 horas na FP Básica, de 410 na FP de grao medio e de 384 na de grao superior. Neste caso, os cambios aplicarase de xeito íntegro a partir do vindeiro curso 2024/25.

O mínimo obrigatorio de 400 horas (para a FP Básica) e de 500 horas (para grao medio e superior) centrarase nos segundos cursos. Nos primeiros cursos, a formación práctica será flexible, con ata 80 horas en FP Básica e ata 200 no resto dos graos e poderá adaptarse a cada alumno (por exemplo os menores de 16 anos non poden facer prácticas nas empresas), situación e tecido produtivo. Ademais, esta formación poderá realizarse tanto na empresa como no centro, en función de cada particularidade.

Román Rodríguez puxo en valor que a FP galega conta coa confianza consolidada de máis de 12.000 empresas que colaboran coa formación práctica do alumnado, “polo tanto, agardamos ter unha gran resposta pola súa parte diante deste incremento de horas”. Ao tempo, salientou que o profesorado vai manter as súas funcións e horario.

A orde abordarase nas próximas semanas aos equipos directivos e á Xunta Autonómica de Directores e, unha vez o Ministerio publique a modificación do Real Decreto de Ordenación e os catro Reais Decretos complementarios, levarase o texto ao Consello Galego de FP e á Mesa Sectorial, co fin de que estea lista coa suficiente antelación para preparar o curso que vén. O encaixe organizativo avanzarase cos grupos de traballo creados para tal fin, con docentes de FP especializados en distintos perfís.

Consolidar o éxito

“Queremos seguir avanzando na consolidación do éxito deste sistema de FP galega, cunha oferta que responda aos intereses da sociedade e dos tecidos produtivos, mantendo o compromiso e a confianza das empresas, potenciando a rede de centros integrados e impulsando unha FP Dual que é un referente para toda España e que ten incrementado a súa matrícula nun 97% en catro anos”, dixo o conselleiro.

“A nova lei de FP copia moitos dos avances da FP galega nos últimos anos. En Galicia imos aproveitar esta vantaxe competitiva para seguir mellorando, no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030”, rematou.

Audio: 

File: 

Presentación Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez agradece a contribución de Manuel Portas á mellora da calidade do ensino en Galicia durante catro décadas de carreira docente

Ven, 26/04/2024 - 14:31
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, agradeceu hoxe a contribución de Manuel Portas, ex director do Instituto IES Arcebispo Xelmírez I, á mellora da calidade do ensino en Galicia durante as súas catro décadas de carreira docente. 

O titular do departamento educativo da Xunta participou no acto de homenaxe ao profesor, desenvolvido no salón de actos do centro compostelán, no que toda a comunidade educativa do instituto, compañeiros e amigos desexaron a Portas o mellor nesta nova etapa de xubilación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

As alumnas de ‘Muxía en órbita’, do Instituto Ramón Caamaño, representarán a Galicia na fase nacional do programa de satélites da Axencia Espacial Europea

Ven, 26/04/2024 - 14:00

Summary: 

O Centro Integrado de FP Compostela acolleu a presentación de resultados dos 23 equipos participantes na fase galega de Cansat

O proxecto consiste nun satélite cun paracaídas feito de encaixe de Camariñas

Idioma Gallego

As alumnas do equipo Muxía en órbita, do Instituto IES Ramón Caamaño, alzáronse hoxe gañadoras da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024 cun satélite con paracaídas feito de encaixe de Camariñas. Como tal, representarán a Galicia na fase nacional do certame.

O Centro Integrado de FP Compostela acolleu a presentación de resultados dos 23 equipos participantes neste concurso, no que tomaron parte máis de 140 alumnos de 19 colexios e institutos. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asistiu ao acto e felicitou a todos os participantes polos seus satélites, que puxeron a proba o pasado martes no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. Animounos, así mesmo, a seguir interesándose por este tipo de retos tecnolóxicos, que melloran as súas competencias científicas e contribúen dun xeito moi positivo á súa experiencia escolar.

Premios noutras categorías

Ademais do equipo de Muxía en órbita, no acto de hoxe a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén entregaroo os premios a mellor difusión e financiación CoiaSAT para o Instituto IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, a equipo máis profesional para o CPR Compañía de María da Coruña, a mellor logro técnico para o Instituto IES Perdouro de Burela, a mellor misión científica para o Instituto IES Manuel Murguía de Arteixo e o premio honorífico para o CPR Ayala de Ferrol.

Un cansat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o cansat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez avoga polo impulso da ciencia e a innovación tras a integración de GAIN en Educación

Ven, 26/04/2024 - 13:33

Summary: 

O conselleiro preside a toma de posesión de Carmen Cotelo como nova directora da Axencia Galega de Innovación, que se compromete a aproveitar “todo o potencial de talento e coñecemento” para facer de Galicia “un referente de I+D+i”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, avoga polo impulso da ciencia e a innovación como “unha oportunidade de futuro” para Galicia. Así o sinalou esta mañá con motivo da toma de posesión de Carmen Cotelo Queijo como directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dentro do organigrama da Consellería, de quen destacou o seu coñecemento nesta área avalado pola súa traxectoria profesional.

Nesta nova lexislatura que acaba de comezar, o titular de Educación expresou que o seu departamento vai traballar para reforzar a cooperación entre o eido educativo e o empresarial co fin de avanzar no coñecemento aplicado á mellora social “buscando ser útiles para a ciencia, a investigación, os sectores produtivos, a sociedade e, en definitiva, a Galicia”. Tamén aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo desenvolvido ata o de agora á fronte da Axencia por Patricia Argerey -presente no acto- e o seu equipo, polo traballo levado a cabo nos últimos anos.

Pola súa banda, a nova directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, comprometeuse a traballar para aproveitar “todo o potencial de talento e coñecemento” que existe para posicionar a Galicia “como un referente de I+D+i”.

Currículo da nova directora

A directora do GAIN é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén obtivo o doutorado na área de Computación. Iniciou a súa traxectoria profesional no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no ano 1999, onde desenvolveu actividades de carácter científico, técnico e de xestión, principalmente no marco de proxectos de I+D+i rexionais, estatais e europeos.

En 2018 incorporouse á Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para traballar na área de Innovación e Programas Europeos, da que foi directora adxunta, colaborando estreitamente coas Universidades, Centros Tecnolóxicos, empresas e organismos públicos, galegos e de toda Europa para a captación de financiación pública e o desenvolvemento de estratexias. Neste contexto, contribuíu á formación de máis 200 consorcios e ao desenvolvemento de máis de 30 proxectos de I+D+i europeos.

Desde 2023 desempeñou o cargo de directora de innovación no Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu, traballando no establecemento de colaboracións a nivel galego, español e europeo, co obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en computación cuántica e acelerar a adopción destas tecnoloxías mediante a colaboración público-privada.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

O 97% do alumnado de cuarto de Infantil obtén praza no centro educativo escollido como primeira opción tras a mellora das rateos

Xov, 25/04/2024 - 15:47

Summary: 

Este ano recibíronse un total de 14.379 solicitudes de nenos de tres anos, que se incorporan así ao sistema educativo, para as 21.137 prazas ofertadas

Trátase de datos provisionais, que se axustarán nos vindeiros meses en función das cifras finais de matrícula

O 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos

Idioma Gallego

O 97% do alumnado que solicitou praza en 4º de Educación Infantil –3 anos– nos centros educativos galegos para o vindeiro curso 2024/25 obtívoa no colexio escollido como primeira opción. Así se desprende dos datos provisionais do proceso de admisión tras as novidades introducidas este ano, coa mellora das rateos de 25 a 20 alumnos ao abeiro do acordo coas organizacións sindicais.

En total, recibíronse 14.379 solicitudes de nenos de tres anos para un total de 21.137 prazas ofertadas, co que se ocuparán o 68% e quedan baleiras a día de hoxe o 32%. Tan só un 3% destes alumnos non acadou unha praza no centro de primeira escolla, o que supón 430 alumnos en toda Galicia, fronte aos 13.949 nenos que si estudarán no primeiro centro escollido polas súas familias.

Polo tanto, as incidencias derivadas da mellora da rateo é mínima no que respecta á obtención de praza no centro de primeira escolla. O 97% consigue praza na súa primeira opción, chegando a ser máis do 98% en concellos como Ferrol, Santiago de Compostela ou Pontevedra. No cómputo xeral a suba da taxa de alumnos non admitidos no centro de primeira opción é de só 2,2 puntos porcentuais respecto do curso 2023/24.

Nos casos de máis demanda que oferta de postos, as prazas serán asignadas como sempre polos centros ou a comisión de escolarización de cada zona, segundo corresponda, en función do baremo aplicable a cada solicitude de admisión e atendendo aos centros de preferencia marcada, tal e como establece a normativa. Nos concellos cun único centro educativo, os nenos obterán praza no mesmo aínda que a demanda supere a oferta. Para iso adoptaranse as medidas que, de ser o caso, sexan precisas.

Calendario de matrícula

Estamos ao inicio do proceso de admisión, que se desenvolverá ata a matrícula en xuño/xullo en coordinación permanente coa Inspección Educativa, polo que os datos se irán axustando ata concluír o proceso. En todo caso, o 100% do alumnado ten garantida praza nun centro sostido con fondos públicos.

As listas definitivas de admitidos e excluídos publicaranse o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 de xuño ao 1 de xullo para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 8 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Os datos provisionais polas catro provincias son os seguintes:

Provincia

Solicitudes

Admitidos en 1ª opción

Porcentaxe de admitidos en 1ª opción

A Coruña

6214

5978

96,2%

Lugo

1552

1515

97,6%

Ourense

1369

1321

96,5%

Pontevedra

5244

5135

97,9%

Total

14379

13949

97,0%

 

Os datos polas sete principais cidades son os seguintes:

 

Concello

Solicitudes

Admitidos en 1ª opción

Porcentaxe de admitidos en 1ª opción

A Coruña

1456

1344

92,3%

Ferrol

319

314

98,4%

Santiago de Compostela

624

612

98,1%

Lugo

570

545

95,6%

Ourense

622

606

97,4%

Pontevedra

519

511

98,5%

Vigo

1620

1579

97,5%

Total

5730

5511

96,2%

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Rueda asiste ao Congreso de Innovación na Formación Profesional FP Innova

Xov, 25/04/2024 - 15:46
Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe os proxectos do VI Congreso de Innovación na Formación Profesional FP Innova na Cidade da Cultura.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez reúnese co novo presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para abordar os retos de futuro da entidade

Xov, 25/04/2024 - 12:27
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co novo presidente do Consorcio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Juan José Nieto Roig, para analizar os retos de futuro da entidade. Na xuntanza tamén estivo presente a presidenta saínte, María Patrocinio Morrondo, a quen o conselleiro agradeceu “o labor e compromiso” amosado desde o ano 2009 que exerceu no cargo.

A ACSUG ten como misión fundamental contribuír á mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia e que este se manteña permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes. Para lograr os seus obxectivos, elabora informes, avaliacións, certificacións e acreditacións das actividades que desenvolven as universidades galegas, especialmente as referidas á docencia, á investigación, a transferencia de coñecemento e á xestión.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Rueda destaca que a excelencia do sistema de investigación de Galicia sitúa á comunidade coma un referente nacional e internacional

Mar, 23/04/2024 - 15:30

Summary: 

Subliña a aposta do Goberno autonómico coa Ciencia ao incorporar esta competencia na Consellería de Educación, Universidades e FP

Afirma a importancia de “poñer os medios para que se poida seguir traballando” dentro da comunidade

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a excelencia do sistema investigador e científico de Galicia que sitúan á I+D+i galega coma un referente a nivel nacional e internacional.

Durante unha visita ás instalacións do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Santiago de Compostela, Rueda salientou o compromiso da Xunta coa ciencia ao incorporar esta competencia á Consellería de Educación, Universidade e FP e apostar por seguir ampliando o número de centros de investigación de excelencia na comunidade.

A Rede de Centros de Investigación Universitaria  de Galicia (CIGUS) conta na actualidade con oito centros acreditados nos que traballan 1.650 científicos. Nesta liña, o presidente da Xunta afirmou que “o que temos que facer é poñer os medios para que se poida seguir traballando” e isto significa nunha aposta da Xunta por ofrecer “tempo, retribución, estabilidade e capacidade de formar equipos” a todos os investigadores da comunidade.

O titular do Goberno galego subliñou a aposta da Xunta polo apoio a estes centros punteiros. Nesta liña, a Xunta traballa na ampliación do número de centros que forman parte desta rede de excelencia, que se verá reforzada coa creación da categoría de Centros de Investigación Colaborativos. Con este fin, aumentarase tamén o investimento por parte do Goberno galego.

Por último, Rueda agradeceu o labor diario que realizan os milleiros de investigadores que traballan na comunidade e fixo fincapé na importancia de “reter o talento que hai na nosa terra” e que os investigadores galegos poidan “atopar aquí as oportunidades”.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

O curso escolar 2024-25 comezará o 11 de setembro e rematará o 20 de xuño

Mar, 23/04/2024 - 12:16

Summary: 

O DOG publica o calendario que rexe para todas as etapas educativas: Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de Réxime Especial

Idioma Gallego

O vindeiro curso escolar 2024-25 comezará o día 11 de setembro de 2024 e rematará o 20 de xuño de 2025. Este calendario, que publica o Diario Oficial de Galicia rexe para todas as etapas educativas. No caso de 2º curso de Bacharelato as clases rematarán de acordo coas datas previstas para a avaliación de acceso á universidade, ABAU.

Canto ás vacacións escolares, haberá tres períodos que son o de Nadal, do 23 de decembro de 2024 ao 7 de xaneiro de 2025, ambos inclusive; o do Entroido os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, e o de Semana Santa, do 14 ao 21 de abril de 2025. Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma así como o Día do Ensino, que se celebrará o 31 de outubro.

A orde de calendario tamén recolle que para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da LOMLOE para 4º curso de Primaria e para 2º de ESO realizaranse entre o 1 e o 11 de abril de 2025.

Canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil,  os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 17 de setembro. 

No que atinxe ao servizo de comedor escolar, en todos os centros públicos funcionará desde o 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025, ambos inclusive.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Unha vintena de centros escolares compiten para representar a Galicia na fase nacional do programa de satélites da Axencia Espacial Europea

Mar, 23/04/2024 - 12:15

Summary: 

O aeródromo das Gaivotas, en Cerceda, acolle o lanzamento de Cansat, no que participan 23 equipos e máis de 140 alumnos

O día 26 presentaranse os resultados dos proxectos e revelarase o equipo gañador

Idioma Gallego

Un total de 23 equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda.

A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Antes de lanzar os satélites, os máis de 140 alumnos participantes comprobaron os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos. A continuación, valéronse de drons para o lanzamento, baixo a coordinación e supervisión de Aeromedia. Finalmente, desprazáronse ata o lugar onde descenderon os artefactos para recuperalos.

Deste xeito, o programa Cansat contribúe a mellorar as competencias científicas do alumnado, ao tempo que os axuda a desenvolverse na resolución de retos tecnolóxicos.

Os centros e equipos participantes son os recollidos na seguinte táboa:

Provincia

Concello

Centro

Equipo

Coruña, A

Arteixo

IES Manuel Murguía

Cosmurguía

Coruña, A

Betanzos

CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen

NOE

Coruña, A

Cariño

IES Cabo Ortegal

PixinSat

Coruña, A

Coruña, A

CPR Compañía de María

CMCSAT24

Coruña, A

Ferrol

CPR Ayala

AyalaSAT

Coruña, A

Muxía

IES Ramón Caamaño

Muxía en órbita

Coruña, A

Noia

IES Virxe do Mar

Lata espacial

Coruña, A

Ortigueira

IES de Ortigueira

TecnoOrtigueira

Coruña, A

Pontes de García Rodríguez, As

IES Castro da Uz

Uzspace

Lugo

Burela

IES Perdouro

Foghete Pataqueiro-73X

Lugo

Lugo

IES Leiras Pulpeiro

LASA/Tecno-Leiras

Lugo

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

MINDOROCKETSAT

Ourense

Gudiña, A

CPI Laureano Prieto

Club de Ciencias Laureano Prieto

Ourense

Ourense

IES O Couto

As programadoras do Couto/Frutilla

Pontevedra

Caldas

IES Aquis Celenis

AquisSat3/AquisSat4

Pontevedra

Vigo

IES Álvaro Cunqueiro

Panoramix VII/CoiaSat

Pontevedra

Vigo

IES República Oriental do Uruguai

Rousat-1

Pontevedra

Vigo

CPR Las Acacias

Las Acacias SAT

Pontevedra

Vigo

CPR Montecastelo

MontecasteloSAT

Tras o lanzamento de hoxe, o día 26 desenvolverase un evento para presentar os resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024

Mar, 23/04/2024 - 12:05

Summary: 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recoñece a esta autora galega por ser a máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso

Idioma Gallego

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP anuncia que a escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024 por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso escolar.

Este premio, que se creou no ano 2015, ten por obxecto recoñecer o labor dos autores con obra en lingua galega que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos lectores que participan nos clubs.

Ata o momento recibiron o premio os escritores Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez e Manuel Núñez Singala. Todos eles, comprometidos coa lingua galega, axudan á construción de lectores nas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono.

Arantza Portabales é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego. Comezou a escribir en 2013 no xénero do microrrelato. No 2015 publica o seu primeiro libro en galego e colleita case unha decena de galardóns, como o premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago de Compostela con Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou o premio Manuel Murguía de relato con Xanelas, entre outros.

432 centros participantes

Este curso, un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas grazas ao apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Educación, enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado, como son a comunicación lingüística, as competencias sociais, culturais e sociais, entre outras.

Por provincias, 162 dos centros integrados son da Coruña (24 de nova incorporación), 60 de Lugo (cinco novos), 54 de Ourense (seis novos) e 155 de Pontevedra (18 novos).

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Rueda anuncia que arrancan os trámites para facer efectiva a matrícula gratuíta para todos os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores a partir do vindeiro curso 2024-25

Lun, 22/04/2024 - 21:30

Summary: 

Salienta que, deste xeito, o acceso ao ensino público en Galicia “será totalmente gratis”  desde as escolas infantís ata rematar unha carreira

A matrícula será de balde para todos os que inicien estudos en primeiro curso así como para os de segundo e posteriores cursos que superen unha porcentaxe de créditos entre o 65% e o 90% segundo a área de coñecemento

O conselleiro de Educación destaca que Galicia convértese, así, na única comunidade autónoma onde é posible obter unha titulación de grao totalmente gratuíta para as familias

A maiores, o Goberno galego seguirá mantendo conxeladas as taxas dos másteres, os máis baratos do Estado

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Goberno autonómico xa está a traballar nos trámites para facer efectiva a gratuidade de matrícula para todos os estudantes de grao universitario e de Ensinanzas Artísticas Superiores a partir do vindeiro curso 2024-2025.

O departamento que dirixe Román Rodríguez elevou ao Consello da Xunta un informe sobre a tramitación administrativa para formalizar esta acción de apoio ás familias que, segundo resaltou o presidente, vaise sumar a gratuidade xa aplicada na educación de 0 a 3 anos. Na práctica isto implica que en Galicia “o acceso ao ensino público vai ser totalmente gratuíto” desde a escola infantil e ata rematar un grao universitario.

Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, salientou que se trata dunha medida “pioneira” no conxunto do Estado xa que Galicia será a primeira comunidade autónoma en garantir o acceso gratuíto aos estudos universitarios, con matrícula de balde para todos aqueles que se matriculan por primeira vez, así como para o resto dos cursos superados ata obter o título correspondente. 

Isto significa que todos os universitarios que aproben van ter asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria a partir do próximo setembro, o que converte a Galicia na única comunidade autónoma onde é posible obter unha titulación de grao totalmente de balde.

A medida será de aplicación a todos estudantes de grao matriculados en calquera das tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG) así como aos estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos.   

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao ou de artísticas o próximo mes de setembro non terán que desembolsar ningunha matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades. 

Tamén será gratuíta para os alumnos do resto dos cursos ata finalizar o grao (segundo, terceiro e cuarto, ademais de quinto e sexto naquelas de maior duración) que aproben a porcentaxe de créditos establecida para cada área de coñecemento. 

Para acceder á matrícula gratuíta, no caso dos estudantes de novo ingreso que debutan na universidade, deberán ter superado a parte obrigatoria da ABAU en Galicia na convocatoria de 2024 ou un ciclo superior de FP en calquera centro galego. 

Para os estudantes de continuidade (segundo e sucesivos cursos), deberon estar matriculados nun grao nunha universidade pública galega durante o curso anterior (isto é, no actual 2023-24) e ter superados  o 90% dos créditos nos graos das áreas de Humanidades e Xurídicas, o 80% dos créditos nos da área da Saúde e o 65% no caso das Enxeñarías e graos da área de Ciencias, empregando así as mesmas porcentaxes que as bolsas a nivel estatal.

A previsión, tal e como salientou o conselleiro, é que as familias de alumnos universitarios poidan aforrar entre 700 e 800 euros ao ano, unha contía que sería duns 380 euros de medio ao ano para os matriculados en ensinanzas artísticas.

Redobrar esforzos no apoio ás familias

Tal e como destacaron Rueda e Rodriguez, esta medida supón redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardería, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que “se fomenta a cultura do esforzo”, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico. 

Rueda lembrou que Galicia xa levaba 13 anos coas matrículas universitarias conxeladas, unha medida mellorada agora coa gratuidade total  para todos os cursos de grao. No caso dos estudos de máster, as taxas vanse manter conxeladas unha vez máis no prezo medio de 11,89€/crédito, o que supón un importante aforro para as familias. 

Deste xeito, Galicia vai ter a universidade máis accesible de toda España, coa matrícula de grao gratuíta e os másteres máis baratos do Estado.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

O Consello da Xunta nomea a Carmen Cotelo Queijo como nova directora da Axencia Galega de Innovación

Lun, 22/04/2024 - 21:28

Summary: 

Substitúe no cargo a Patricia Argerey, que o viña desempeñando desde o ano 2016 e á que o Goberno galego agradece os servizos prestados

Idioma Gallego

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Carmen Cotelo Queijo como nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Substitúe no cargo a Patricia Argerey, que o viña desempeñando desde o ano 2016 e á que o Goberno galego agradece os servizos prestados á fronte desta entidade, fundamental para o impulso da I+D+i na nosa comunidade.

Nada na Coruña en 1974, a nova directora do GAIN é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén obtivo o doutorado na área de Computación. Desde o inicio da súa traxectoria profesional estivo vinculada á I+D+i desde diferentes roles, conferíndolle unha visión holística de todos os axentes do ecosistema de innovación galego.

Iniciou a súa traxectoria profesional no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no ano 1999, onde desenvolveu actividades de carácter científico, técnico e de xestión, principalmente no marco de proxectos de I+D+i rexionais, estatais e europeos.

En 2018 incorporouse á Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para traballar na área de Innovación e Programas Europeos, da que foi directora adxunta, colaborando estreitamente coas Universidades, Centros Tecnolóxicos, empresas e organismos públicos, galegos e de toda Europa para a captación de financiación pública e o desenvolvemento de estratexias. Neste contexto, contribuíu á formación de máis 200 consorcios e ao desenvolvemento de máis de 30 proxectos de I+D+i europeos.

Desde 2023 desempeñou o cargo de directora de innovación no Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu, traballando no establecemento de colaboracións a nivel galego, español e europeo, co obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en computación cuántica e acelerar a adopción destas tecnoloxías mediante a colaboración público-privada.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Juan José Nieto Roig presidirá a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)

Lun, 22/04/2024 - 21:24

Summary: 

O Consello da Xunta ratifica o nomeamento do novo presidente, que substitúe a Patrocinio Morrondo, que exercía no cargo desde 2009

Idioma Gallego

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Juan José Nieto Roig como novo presidente do Consorcio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), en substitución de María Patrocinio Morrondo Pelayo, que exercía no cargo desde 2009.

Juan José Nieto Roig é catedrático da área de Análise Matemático na Universidade de Santiago e coordinador do grupo de investigación sobre Ecuacións Diferenciais, cunha traxectoria profesional centrada na investigación e divulgación do estudo dos sistemas dinámicos, a modelización matemática e as súas aplicacións ao ámbito biomédico.

No ano 2010 foi, segundo Thomson Reuters, un dos 13 científicos con máis artigos de gran influencia. E figura nas últimas edicións da lista publicada por Clarivate Analystics (antes Thomsom Reuters) dos Investigadores Altamente Citados.

Ademais, exerceu como editor-xefe da revista Nonlinear Analysis, e na actualidade é editor do Journal of Mathematical Analysis and Applications e do International Journal of Biomathematics, así como do Journal of the Franklin Institute. Tamén foi becario Fulbright na Universidade de Texas (EEUU) e na actualidade é membro da Real Academia Galega de Ciencias.

Sistema adaptado aos cambios sociais

A ACSUG ten como misión fundamental contribuír á mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e que este se manteña permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes. Para lograr os seus obxectivos, elabora informes, avaliacións, certificacións e acreditacións das actividades que desenvolven as universidades galegas, especialmente as referidas á docencia, á investigación, a transferencia de coñecemento e á xestión.

Como novo presidente da ACSUG, Juan José Nieto Roig terá, entre outras, as funcións de representar institucionalmente á axencia, supervisar as súas actividades e elevar ao Consello a documentación e os informes que considere pertinentes.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez agradece a Espido Freire a súa contribución á reflexión sobre o uso das tecnoloxías

Lun, 22/04/2024 - 21:15

Summary: 

A iniciativa forma parte do programa do ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia en torno á dixitalización e o seu uso nas aulas

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañou hoxe a Espido Freire na súa charla Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo ofrecida pola escritora no marco da segunda edición do ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia baixo o título Tecnoloxía con sentidiño.

O responsable autonómico de Educación agradeceu a participación de diferentes profesionais neste programa de conferencias, así como a contribución de Espido Freire “á reflexión sobre o uso das tecnoloxías”. “A tecnoloxía xoga un papel clave nas nosas vidas, pero é importante actuar con responsabilidade e sentidiño”, afirmou antes de referirse “ás moitas oportunidades e campos que se abren con estas novas ferramentas e os múltiples desafíos que debemos enfrontar para garantir que beneficien a todos”.

A Xunta organiza este ciclo nun momento no que o uso da tecnoloxías é motivo de debate, tamén no ámbito do ensino. O obxectivo é ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, e baseada en investigacións.

Próxima cita: 2 de maio

O Ciclo de Cultura Científica aborda nesta segunda edición temáticas en torno ao eixo común da tecnoloxía, como o uso da mesma nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros. Trátase dun programa de conferencias que se prolongará ata o mes de xuño coa participación de profesionais de diversos ámbitos. Así, tras a cita de hoxe, será a quenda de José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, que o 2 de maio afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta destinará case 600.000€ ao sostemento dos centros de ensino Puga Ramón e Rosalía Mera, da Deputación da Coruña

Lun, 22/04/2024 - 21:08

Summary: 

Renóvase o convenio de colaboración coa entidade provincial nos mesmos termos económicos para atender a arredor de 700 alumnos

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación dos convenios de colaboración coa Deputación da Coruña para o sostemento dos centros educativos Puga Ramón e Rosalía Mera. O Goberno galego destinará case 600.000€ a apoiar o servizo público educativo no curso 2024/25 nestes centros, que atenden máis de 700 alumnos.

A achega da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que se mantén respecto do actual ano académico, destinarase a financiar durante o vindeiro curso parte dos gastos de persoal (docente e de administración e servizos), gastos xerais (subministración e reparacións), mantemento, limpeza e conservación.

O departamento educativo da Xunta de Galicia vén prestando o seu apoio á institución provincial para o soporte destes dous centros educativos desde hai anos, de tal xeito que a renovación desta colaboración dá continuidade á prestación deste servizo de ensino público.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A escritora Laura Espido Freire protagoniza a segunda cita do Ciclo de Cultura Científica da Xunta

Dom, 21/04/2024 - 15:42

Summary: 

Esta nova sesión ‘Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo’ terá lugar mañá, 22 de abril, ás 18,00 horas na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura

Idioma Gallego

A escritora Espido Freire será a protagonista da segunda cita do Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia dirixido a público en xeral, comunidade educativa e docentes. Trátase dunha iniciativa que, nesta segunda edición, leva o título de Tecnoloxía con sentidiño e aborda temáticas como o uso desta nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.

Esta nova sesión, que leva por título Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo, terá lugar mañá, 22 de abril, ás 18,00 horas, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Nela, a escritora afondará na transformación do xeito de transmitir os contidos, os desafíos que iso xera e a oposición dos que identifican a seriedade dunha materia cun xeito determinado de comunicación. Neste senso, Espido Freire tamén abordará a divulgación dos contidos no eido da ciencia e as diversas canles polas que pode realizarse de xeito profesional ou como un complemento á vocación didáctica. 

A escritora Espido Freire, nada en Bilbao, provén dunha familia de orixe galego. Licenciada en Filoloxía inglesa e diplomada en Edición e Publicación de Textos pola Universidade de Deusto, debutou como escritora no ano 1998 con Irlanda, unha novela que lle supuxo o Premio Millepages. Ano e medio despois fíxose co Premio Planeta pola súa obra Melocotones helados, sendo a gañadora de menor idade na historia deste galardón.

En total suma nove novelas publicadas, ademais de varios libros de contos, ensaios, poemas e libros ilustrados. Así mesmo, tamén é colaboradora habitual en diferentes medios de prensa nacional e realiza de xeito constante labores de divulgación cultural e intervencións en programas de animación á lectura a nivel nacional.

Charlas ata o mes de xuño

O programa de conferencias continuará ata o mes de xuño cun amplo abano de profesionais co obxectivo de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións sobre o uso da tecnoloxía. Así, tras Espido Freire será a quenda de José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, que o 2 de maio afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta recoñecerá, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación dos estudantes que cursan o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía

Dom, 21/04/2024 - 15:39

Summary: 

Trátase dunha iniciativa novidosa da Consellería de Educación co fin de valorar o traballo desenvolvido polos colexios e institutos que participan no STEMBach

Os aspirantes dispoñen de prazo ata o día 6 de maio para presentar as súas propostas, que incluirán información xeral, memoria e vídeo explicativo das mesmas

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai recoñecer este curso, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten aberta a convocatoria deste recoñecemento aos mellores proxectos STEMBach desenvolvidos no actual curso 2023-24, aos que poderán optar os 45 centros educativos que actualmente ofertan este Bacharelato de excelencia, que dispoñen de prazo ata o día 6 de maio para presentar as súas propostas.

Esta acción é unha das medidas dirixidas a potenciar este programa, que se suma ao recoñecemento, por parte das universidades galegas, con créditos ECTS ao alumnado que cursa este Bacharelato STEM no que é a súa primeira aproximación ao mundo universitario.

A convocatoria vai dirixida aos 304 alumnos que actualmente están matriculados en 2º de Bacharelato e nunha materia extracurricular de afondamento no ámbito STEM. Os aspirantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar un traballo de investigación coa información xeral do proxecto (título, autor, titores, persoa docente codirectora e resumo do mesmo), unha memoria e un vídeo de presentación.

Fases preeliminar e final

Unha vez rematada a presentación de solicitudes, os aspirantes deberán superar dúas fases que suman un máximo de 200 puntos a razón de 100 por cada unha delas.

Na fase preliminar, a comisión de selección (integrada por representantes da Consellería e das tres universidades públicas galegas) realizará unha preselección de candidatos que pasarán á fase final. Nesta parte avaliaranse criterios científico-técnicos (metodoloxía empregada, análise dos resultados, presentación dos mesmos, conclusións...), a memoria do proxecto (coherencia e calidade, estrutura e extensión, emprego de linguaxe científica axeitada, bibliografía...) e o vídeo de presentación (fluidez do mesmo, creatividade e orixinalidade, emprego de recursos visuais...).

Na fase final, os aspirantes deberán expoñer e defender os seus proxectos durante un acto público. Nesta parte avaliaranse criterios como a puntuación acadada na fase preliminar, se a exposición está ben estruturada e organizada, a presentación clara, coherente e fluída dos contidos, os recursos audiovisuais ou de apoio empregados para axudar a comprender mellor a exposición e a resolución coherente das cuestións.

Finalmente seleccionaranse os tres mellores proxectos de investigación, que recibirán un recoñecemento especial e distintivo por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no que se subliña o esforzo e o traballo realizado polos alumnos. Non obstante, todos os centros, profesorado e alumnos participantes recibirán tamén un recoñecemento e mención da súa participación nesta convocatoria.

STEMBach en Galicia

Enmarcado na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030, a Consellería de Educación puxo en marcha por primeira vez o STEMBach no curso 2018-19, un programa educativo de dous cursos académicos de duración ao que pode incorporarse o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato e no que cursan unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM. Os participantes desenvolven un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación


by Dr. Radut