Skip to Content

Noticias sobre Ensino

Distribuir contido
Actualizado: hace 4 horas 24 min

Máis de 2.000 profesores e 300 centros intercambian boas prácticas con 14 comunidades e países estranxeiros grazas á Xunta

Xov, 21/03/2024 - 21:26

Summary: 

A Consellería de Educación impulsa desde case hai dez cursos un modelo baseado na observación do traballo que se fai na aula entre centros de dentro e de fóra de Galicia

Trátase dunha das vías de formación mellor valoradas polos docentes para coñecer outras realidades educativas que poden aplicar despois nos seus colexios e institutos

Idioma Gallego

Tras preto dunha década de funcionamento, o programa Observa_Acción, de formación e intercambio de boas prácticas educativas, consolídase con máis de 2.000 profesores e 307 centros participantes. Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fomenta a aprendizaxe conxunta entre o profesorado a través do intercambio de experiencias e a observación entre iguais.

O programa, que se enmarca nas accións de formación do profesorado do Goberno galego, implantouse por primeira vez, con carácter experimental, no curso 2016-17, con seis centros e 30 profesores. Instaurábase así unha nova vía de innovación educativa con intercambios entre docentes de distintos centros co fin de facilitar que observaran de forma directa metodoloxías, enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, formas de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que se desenvolven en colexios e institutos diferentes ao seu, fomentando a aplicación do aprendido despois nas súas aulas.

A Consellería de Educación deu conta ao Consello da Xunta da evolución do programa, que foi medrando de xeito exponencial ata acadar os 142 centros e 1.276 profesores participantes no actual curso 2023-24, cifra que se eleva a 307 centros e 2.031 docentes se se ten en conta todo o período de funcionamento desde o ano 2016.

Este modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra da Comunidade galega é unha das ferramentas formativas máis valoradas polo profesorado, que a consideran unha oportunidade valiosa para aprender novas estratexias de ensinanza, novos enfoques pedagóxicos e xestión da aula.

Internacionalización e estrutura do programa

Ademais, favorece a internacionalización na medida en que se abren as portas a proxectos transfronteirizos, tecendo redes de intercambio tanto entre docentes como entre equipos directivos de centros con proxectos comúns que propician o apoio mutuo e permanente.

Estrutura do programa

O programa estrutúrase en tres tipos de actuacións: o intercambio de boas prácticas profesionais, onde tanto os docentes como os centros intercambian información sobre as súas boas prácticas metodolóxicas ou organizativas; a formación entre compañeiros, onde os profesores que visitan e observan forman aos compañeiros dos centros visitados, e observación baseada no Job Shadowing ou período de observación profesional, que proporciona o achegamento a outras metodoloxías a través da observación e a reflexión conxuntas.

Todo iso organízase nun itinerario ao longo de dous cursos escolares. O primeiro é a fase 1, a autonómica, de carácter obrigatorio para todos os centros participantes. Esta fase divídese á súa vez na etapa Comparte, de observación entre docentes do mesmos centro educativo, e a etapa Acolle, de observación entre centros da nosa comunidade.

No segundo curso desenvólvese a fase 2, interautonómica e internacional e voluntaria para os centros que o elixan. Neste período ten lugar a etapa Conecta, de observación entre centros da nosa Comunidade e de sete comunidades autónomas (Castela e León, Madrid, Estremadura, Aragón, A Rioxa, Murcia e Cantabria) e a etapa Internacionaliza, de observación con centros doutros tantos países da Unión Europea (Escocia, Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Estonia e Lituania, entre outros) a través do intercambio de experiencias e a observación con 14 comunidades autónomas e países estranxeiros.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta destina máis de 700.000€ a apoiar que o alumnado de FP realice as súas prácticas fóra de España ao abeiro do programa Erasmus+

Mar, 19/03/2024 - 14:16

Summary: 

Os estudantes poderán realizar mobilidades tanto nos países europeos pertencentes ao programa como nos asociados ao proxecto, fóra de Europa

A contía da axuda, que inclúe tanto a realización da viaxe como a estadía, oscilará en función da distancia, o país de destino e o número de días que dure a mobilidade

Idioma Gallego

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a convocatoria de mobilidades Erasmus+ para alumnado de ciclos de grao básico e medio de Formación Profesional, ao abeiro do programa KA121, e de grao superior, ao abeiro do programa KA131. O obxectivo é que o alumnado poida realizar formación práctica fóra de España, o que repercutirá positivamente tanto na súa competencia en linguas estranxeiras como na mellora da súa cualificación.

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina así máis de 700.000€ a apoiar a participación dos estudantes galegos nestas experiencias. En ambos os casos, a contía da axuda para cada alumno, que inclúe tanto a realización da viaxe como a estadía, oscilará en función da distancia, o país de destino e o número de días que dure a mobilidade. Increméntanse as contías da axuda para a viaxe e as axudas individuais, dependendo do proxecto, para favorecer a inclusión de participantes con menos oportunidades.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nestas convocatorias presentará no seu centro educativo a solicitude, nos prazos que o centro estableza. Serán os centros os que remitan a documentación á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para a tramitación da axuda.

FP Básica e grao medio

No caso dos alumnos de FP Básica e de grao e medio, os estudantes poderán realizar a mobilidade tanto nos 33 países europeos pertencentes ao programa, como nalgún dos 169 países non asociados ao programa, repartidos entre os cinco continentes.

Poderán concorrer a esta convocatoria as persoas matriculadas durante o curso 2023/24 nun ciclo formativo de grao básico ou grao medio de FP ou nun curso de especialización de FP de grao medio, nalgún dos 80 centros educativos que participan no proxecto KA 121. Ademais, deben estar en condicións de acceder á realización da Formación en Centros de Traballo (FCT) antes do comezo da mobilidade. Tamén poden participar as persoas que titularan nalgunha das devanditas titulacións neses centros durante os 12 meses anteriores á finalización da mobilidade prevista.

Ao abeiro destas axudas, os estudantes poderán realizar mobilidades educativas de curta duración (10 a 89 días) e de longa duración (90 a 365 días). En calquera caso, a estadía no estranxeiro dedicarase a realizar prácticas formativas relacionadas coas ensinanzas cursadas nunha empresa ou noutra organización activa no ámbito da FP. 

Ciclos de grao superior

No caso do programa KA131, para alumnos de ciclos de grao superior, hai dous tipos de mobilidades. As de longa duración para formación práctica (dous a 12 meses) permiten a realización de períodos de formación práctica no estranxeiro nunha empresa, un instituto de investigación, un laboratorio, unha organización ou calquera outro lugar de traballo. Estas estadías poderán realizarse en países da UE e nalgúns países fóra dela.

As combinadas inclúen unha mobilidade física de curta duración (cinco a 30 días) para a realización dos devanditos períodos de formación práctica e unha compoñente virtual obrigatoria que facilite o intercambio educativo e o traballo en equipo en liña de maneira colaborativa. Esta compoñente poderá ter lugar antes ou despois da mobilidade física. Estas estadías poderán realizarse en países de todo o mundo. 

Poderá participar o alumnado matriculado durante os cursos 2023/24 ou 2024/25 nun ciclo formativo de grao superior de FP ou nun curso de especialización de Formación Profesional de grao superior nalgún dos 43 centros que participan no proxecto KA 131. Deben estar en condicións de acceder á realización da Formación en Centros de Traballo (FCT) ou de realizar un período de formación en empresa antes do comezo da mobilidade. Tamén poden participar as persoas que titularan nalgunha das devanditas titulacións neses centros durante os 12 meses anteriores á finalización da mobilidade prevista.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta destaca o bo exemplo do equipo monfortino gañador do certame nacional ‘Coñecementos financeiros’

Lun, 18/03/2024 - 16:20

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa da Consellería de Educación transmítelles as felicitacións do Goberno galego a estes rapaces do Instituto IES Río Cabe “por ter superado este reto co mellor resultado”

Proclamáronse gañadores tras superar unha disputada final que consistiu nun concurso de preguntas e respostas fronte a outro centro de Cáceres 

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe aos membros do equipo do Instituto IES Río Cabe de Monforte de Lemos gañador do concurso nacional Coñecemento financeiros, organizado polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades transmitiulles as felicitacións da Xunta “por ter superado co mellor resultado este reto, no que non só tiveron que amosar unha gran solvencia a nivel de coñecementos, senón a capacidade de facer fronte aos nervios”. “Sodes un exemplo para os voso compañeiros”, afirmou.

Non en balde, o equipo monfortino proclamouse gañador tras superar unha disputada final que consistiu nun concurso de preguntas e respostas sobre cuestións financeiras no que se enfrontaron ao Colexio Santísima Trinidad, de Plasencia (Cáceres). Ademais dunha tablet para cada integrante do equipo, o centro recibiu 3.000€ para material escolar. 

Precisamente co gallo deste triunfo, a OCDE decidiu celebrar o primeiro acto da 12ª edición da Global Money Week no Instituto IES Río Cabe, cun taller sobre cultura financeira. O obxectivo deste campaña mundial é fomentar a educación financeira, unha liña de actuación que tamén desenvolve a Xunta de Galicia con formación específica para os docentes e unha materia na ESO.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta abre o prazo para que 108 galegos do exterior cursen formación profesional en Galicia o próximo curso ao abeiro do programa Retorna Talento FP

Dom, 17/03/2024 - 14:52

Summary: 

Na modalidade de FP Dual ofértanse 60 prazas, cunha parte de formación no país de orixe e a outra en centros de ensino e empresas en Galicia

Os estudantes seleccionados neste eido percibirán unha bolsa de 10.800 € de apoio

Outras 48 prazas son para formación específica básica, onde os alumnos recibirán 6.500€ de apoio económico para viaxe, aloxamento e manutención durante o curso

A Consellería destina case 1M€ a esta iniciativa enfocada a incentivar que os galegos no estranxeiro se formen en Galicia e se incorporen ao noso mercado laboral

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 12 de maio

Idioma Gallego

A Xunta vén de abrir a convocatoria para solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP para o vindeiro curso 2024/25, dirixidas a que os galegos do exterior poida realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe.

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, coa que o Goberno galego quere incentivar que os galegos residentes no estranxeiro -tanto emigrantes coma descendentes destes- a formarse en Galicia e incorporarse ao noso mercado laboral.

A través desta acción, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación coa Comunidade Autónoma.

Como novidade fronte ás convocatorias anteriores, amplíase a idade límite das persoas solicitantes, pasando dos 40 aos 45 anos, favorecendo así que un maior número de persoas galegas que queiran retornar a Galicia poidan facelo acadando unha formación profesional recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral.

FP Dual á distancia

Nesta modalidade de FP Dual á distancia ofértanse 60 prazas para o vindeiro curso 2024/25. Neste caso, os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo.

Así pois, durante o primeiro curso, os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial nas empresas seleccionadas a través de convenios con firmas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes.

No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Recibirán unha bolsa de 10.800 euros cada un para afrontar os gastos asociados como a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello

Centro

Ciclo de FP Dual

Prazas

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Deseño e amoblamento

12

A Coruña

CIFP Someso

Ciclo superior de Proxectos de edificación

12

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos

12

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos

12

Redondela

IES de Chapela

Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia

12

Formación específica básica

Nesta modalidade, ofértanse un total de 48 prazas para cursar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2024/25. Neste caso a bolsa é de 6.500 euros por alumno e a relación de programas formativos ofertados é a seguinte:  

Concello

Centro

Programa formativo de formación específica básica

Prazas

A Coruña

CIFP Someso

Albanelaría e fontanería

16

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

16

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

16

Prazo ata o 12 de maio

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 12 de maio e deberán facerse a través da aplicación  informática Ciclosadmisión. Os requirimentos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 45 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta por garantir un acceso equitativo ao uso das tecnoloxías na escola

Sáb, 16/03/2024 - 13:13

Summary: 

Explica que os centros contan con recursos como os Polos Creativos e materias que afondan na Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías Intelixentes

Máis de 1000 docentes abordan nesta xornada de formación os aspectos éticos e mecanismos de regulación e protección de datos, entre outros asuntos

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o Congreso Intelixencia Artificial e Educación, onde destacou a aposta da Xunta por garantir un acceso equitativo ao uso das tecnoloxías na escola. “A equidade e a accesibilidade son piares básicos do sistema educativo galego, polo que traballamos para compensar as posibles desigualdades no uso das tecnoloxías”, salientou.

Neste sentido, explicou que os centros contan con recursos de equipamento, como os Polos Creativos, que se complementan cun amplo programa de actividades formativas, entre elas a celebrada hoxe na Cidade da Cultura, “cun éxito de participación que fixo que tivéramos que ampliar ata máis de 1000 as prazas”. Así mesmo, sinalou que o sistema educativo galego conta con materias específicas como Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, ademais de cun grao universitario en Intelixencia Artificial.

Finalmente, lembrou que xa está en fase inicial o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España, EdugalIA, para aplicar as vantaxes da Intelixencia Artificial á Administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar e crear un expediente académico único, entre outras melloras

Nesta xornada de formación do profesorado abórdanse os aspectos éticos e mecanismos de regulación da Intelixencia Artificial, as ferramentas para aplicala á docencia e a protección de datos. O obxectivo é que os docentes coñezan os conceptos fundamentais desta disciplina e da súa aplicación ao ámbito educativo, coas correspondentes ferramentas e analizar os aspectos éticos, de seguridade e legais.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Xunta e Organización de Estados Iberoamericanos organizarán un seminario sobre transformación dixital e intelixencia artificial na educación

Ven, 15/03/2024 - 14:43

Summary: 

Román Rodríguez e Mariano Jabonero asinan un acordo en Madrid para impulsar actividades para a promoción de programas de innovación educativa

O acordo contempla tamén a celebración dun foro de alto nivel sobre PISA e un seminario para fortalecer a gobernanza e o liderado educativo pedagóxico e inclusivo

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero, asinaron esta mañá en Madrid un acordo de colaboración para planificar accións conxuntas na promoción de programas de innovación educativa.

Ao abeiro desta cooperación, a Xunta e a OEI organizarán en Santiago de Compostela neste 2024 un seminario iberoamericano sobre transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, con expertos e personalidades destacadas do ámbito educativo e empresarial. O obxectivo é a mellora das competencias dixitais de toda a comunidade educativa para responder axeitadamente ao contexto dixitalizado global.

Román Rodríguez destacou a importancia deste evento internacional “para continuar fortalecendo as competencias profesionais docentes en todo o relativo ao imparable proceso de transformación dixital que estamos a vivir”. “A Xunta de Galicia ten en marcha a Estratexia de Educación Dixital 2030 para, precisamente, mellorar as capacidades dixitais da comunidade educativa, con actuacións para alumnos, profesores, familias e centros, que inclúen desde a dotación de equipamentos ata a formación, imprescindible neste contexto no que cada día xorden novos desafíos”, explicou.

“Agardamos que este encontro marque un novo fito no traballo que desde os centros se está a facer para integrar na práctica educativa a Intelixencia Artificial e as novas ferramentas dixitais”, afirmou o conselleiro en funcións.

Previamente, unha delegación do Goberno galego visitará a sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos en París, co obxectivo de manter unha reunión co equipo de educación e definir cuestións de importancia no proceso de traballo a favor da transformación dixital en educación. Ademais, froito da celebración do seminario, elaborarase un informe sobre Intelixencia Artificial en educación, o seu desenvolvemento e posibles aplicacións.

Avanza na educación de calidade

No marco deste convenio tamén se organizará un foro de alto nivel sobre avaliación educativa. Nel farase unha análise exhaustiva do informe PISA, da súa metodoloxía e procedementos, e de como esta ferramenta de avaliación pode empregarse para mellorar a evolución de alumnado, profesorado, directores e centros.

Esta actividade enmárcase no papel da OEI dentro do Comité Directivo de Alto Nivel do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4 que promove a UNESCO, que pasa por garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida. En concreto, a Organización de Estados Iberoamericanos  ocúpase de dar voz aos avances e retos de América Latina e Caribe na consecución deste obxectivo, ao tempo que proporciona orientación estratéxica para lograr a consecución destas metas.

Mellora da gobernanza

O acordo inclúe, así mesmo, a celebración dun seminario Galicia-Portugal para fortalecer a gobernanza e promover un modelo de liderado escolar pedagóxico e inclusivo entre todos os integrantes da comunidade educativa, unha das cuestións consideradas fundamentais para a mellora da calidade da educación en Iberoamérica.

Este evento, dirixido a directores de centros educativos de Galicia e Portugal técnicos da Consellería de Educación e do Ministerio portugués, celebrarase de xeito compartido entre Tui e Valença do Minho.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta destaca o labor do instituto Eusebio da Guarda a prol da literatura a través da XIX edición do certame Rita Suárez Amado

Ven, 15/03/2024 - 14:40

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na entrega dos premios en homenaxe á que foi alumna do centro

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia destaca o labor do Instituto IES Eusebio da Guarda polo fomento da lectura e da escritura a través do XIX certame literario Rita Suárez Amado en memoria da que foi alumna do centro.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na entrega dos galardóns, unha cita anual que é posible grazas á implicación do equipo directivo encabezado por Isabel Ruso e do conxunto do alumnado e do profesorado do instituto “e que hoxe é un referente para a comunidade educativa”, salientou. 

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades gabou tamén a importancia deste tipo de certames como “aliciente e revulsivo” para que a mocidadede ESO e Bacharelato se inicie na escritura a través de propostas de relatos curtos e de poesía. Así mesmo, amosou o seu agradecemento á familia de Rita, que doa parte dos premios e á anpa, encargada de organizar o taller de escritura creativa para os gañadores.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta impulsa ‘Ágora Dixital’, unha plataforma especializada en recursos tecnolóxicos e dixitais ao servizo da docencia

Xov, 14/03/2024 - 19:33

Summary: 

Educación traballa na configuración deste espazo que se publicará na primeira quincena de abril e funcionará como punto de encontro de estratexias, ideas e recursos á disposición do profesorado

Os profesionais educativos terán acceso libre e gratuíto a recursos innovadores creados por profesorado con experiencia e testados en contextos reais de aula

Os próximos días procederase ao seu lanzamento público con 90 publicacións de diversa índole coa previsión de acadar as 150 antes de que remate o curso

Incluirá un espazo sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel docente

Trátase dunha ferramenta de apoio ao proceso de aprendizaxe do sistema educativo galego onde o analóxico e o dixital se complementan entre si

Idioma Gallego

A Xunta está ultimando a posta en marcha de Ágora Dixital, unha plataforma especializada en recursos tecnolóxicos e dixitais ao servizo da docencia en Galicia, da cal deu conta hoxe a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través dun informe elevado ao Consello.

Este novo espazo educativo, no que actualmente está traballando o Centro de Innovación Educativa e Dixital, publicarase á volta das vacacións de Semana Santa e concíbese como unha praza aberta da comunidade educativa na que, á semellanza da ágora da Antiga Grecia, os docentes poden achegarse aos últimos recursos sobre temática STEM e dixital creados por profesorado de diversas materias de niveis non universitarios da educación obrigatoria.

Trátase, por tanto, dun espazo de creación, de coñecemento e de diálogo colaborativo entre o profesorado con máis experiencia docente nestas temáticas cunha proposta de traballo en equipo no que se podan achegar ideas, estratexias e recursos de calidade e fiables previamente testados en contextos reais na aula.

Esta nova acción está concibida como unha ferramenta máis de apoio ao proceso de aprendizaxe dentro do sistema educativo galego, que se caracteriza pola convivencia dos métodos analóxico e dixital, que se complementan entre si.

Nos próximos días está previsto o seu lanzamento público a través do web do Centro de Innovación Educativa e Dixital. Inicialmente a plataforma incluirá 90 publicacións de diversa índole que se verán incrementadas ata 150 antes de que remate o curso.

Así pois, logo da súa posta en funcionamento, a dinámica de funcionamento de Ágora Dixital centrarase na colaboración e creación de redes de docentes que poidan enriquecer o ecosistema educativo e dixital galego e a visibilización de boas prácticas de calidade do profesorado do sistema educativo autonómico.

Estrutura en seis laboratorios

As publicacións estarán estruturadas en seis apartados ou laboratorios, denominados LAB: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Expert, LAB-Ideas e LAB-IA. Estes LAB están configurados como axudas metodolóxicas de distintos tipos (experimentos, propostas de boas prácticas...) de apoio aos docentes para enriquecer o seu labor na aula a través dunha clase guiada. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.

O primeiro apartado, LAB-Microsecuencias, consiste en pílulas en aberto e reutilizables, tanto para aprender de maneira flexible como para levar á aula. Están baseadas na micro-aprendizaxe experimental e caracterízanse polo seu formato curto e pluridisciplinar, están categorizadas por nivel educativo e relacionadas co currículo con correspondencia coas competencias clave e son facilmente replicables na aula. Poden ser presentadas como unha pregunta, un reto ou unha afirmación. A modo de exemplo, pódese partir da afirmación O poder desoxidante da vitamina C. A partir de aí, ofértase ao docente unha pequena introdución do experimento, unha cesta de materiais (laranxa, exprimidor, auga, pinceis...), recomendacións técnicas e guía para que o experimento se poda levar a cabo con toda a seguridade e cumpra coa súa función didáctica.

No apartado LAB-Espazos, o profesorado atopará consellos para a transformación de espazos educativos innovadores, así como para a creación de novos espazos de aprendizaxe explorando propostas novidosas de experimentación dentro e fóra da aula. Por exemplo, pódese acceder ao proxecto Espazo de lecer no instituto xerado por un instituto concreto onde se describa a orixe da idea, as necesidades do alumnado e a mellora da contorna. O resto do profesorado ten acceso a esta proposta que pode servir de guía para replicar no seu centro educativo.

O LAB-Estratexias configúrase como pequenas achegas, moi resumidas, para coñecer e implementar diversas estratexias de aprendizaxe na aula. O seu formato é comprimido e está composto dun plan sinxelo cun vídeo curto explicativo con puntos clave e elementos descargables para unha aplicación doada na aula. Trátase de estratexias docentes con ideas e recursos para captar a atención do alumnado e manter o seu interese.

LAB-Expert abrangue entrevistas e pequenas achegas sobre tendencias emerxentes na educación en formato vídeo curto onde persoas expertas dan a súa opinión e aportan a súa experiencia en diversos campos temáticos relacionados co mundo dixital e STEM e a educación. Son propostas específicas complementarias sobre temáticas innovadoras e emerxentes que poden resultar de interese para o alumnado. Por exemplo, unha proposta pode ser Que é a intelixencia artificial verde. Neste apartado, os docentes teñen acceso a documentación de expertos así como a unha guía metodolóxica para abordar o tema na aula sacándolle o máximo proveito.

O apartado de LAB-Ideas está concibido como punto de reunión e participación para compartir e recomendar información valiosa para o profesorado en forma de recursos, convocatorias, premios, formacións e proxectos entre outros. Aquí inclúese a posibilidade de acceder a laboratorios virtuais ou de participar en feiras científicas tamén en modo virtual.

Por último, LAB-IA é un espazo que amosa pequenas achegas sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática. A integración da IA na educación supón un reto, pero tamén un novo mundo de oportunidades de soporte das tecnoloxías intelixentes no labor docente. Isto é, que o profesorado disporá dun espazo virtual no que, a través deste LAB, teña a oportuniddae de atopar, acceder e explorar información actualizada sobre este tema e que lle resulte de interese para a súa aplicación na aula.

 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Catro empresas optan á rehabilitación integral do colexio CEIP Froebel por máis de 1,1 M€

Xov, 14/03/2024 - 13:57

Summary: 

O proxecto da Xunta inclúe a renovación de case 1.500m² de cubertas, a mellora do illamento térmico e a instalación de novos falsos teitos, luminarias, alicatado e portas

A maiores, renóvanse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase

Idioma Gallego

Un total de catro empresas de construción presentaron as súas ofertas para realizar a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel de Pontevedra. Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades licitou esta obra en febreiro, por un importe de 1.170.948,58€ e, para axilizar os trámites, remitiu xa ao Concello de Pontevedra o proxecto básico e de execución para que conceda a licenza de obras no prazo máis breve posible.

Na sesión celebrada hoxe da mesa de contratación, os técnicos constataron a presentación de ofertas por parte das empresas Construcciones Castro Figuero S.L., Construcciones Jesús Naray S.L., Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. e Obras y Servicios Gómez Crespo S.L. A partir de agora, revisarase a documentación presentada para proceder a realizar a proposta de adxudicación e que a obra, que ten un prazo de execución de seis meses, poida comezar no verán, sempre e cando o Concello teña outorgado a licenza de obras.

Melloras en cubertas e aulario

O programa de necesidades inclúe tanto as necesidades iniciais detectadas pola Unidade Técnica como melloras suxeridas polo propio centro e ocúpase da parte do colexio que aínda non foi reformado, que se corresponde coa parte do volume central que dá á rúa Xeral Martitegui, incluíndo as aulas de Primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea todo o patio central.

Deste xeito, o proxecto contempla a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500m², unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.

Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.

A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta reparte nos Polos Creativos un ‘kit’ con materiais específicos para poñer en valor figuras históricas femininas co gallo do 8-M

Mér, 13/03/2024 - 14:44

Summary: 

Esta nova dotación enmárcase nas expansión que o Goberno galego está a facer dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos de Educación Infantil, Primaria e ESO

Román Rodríguez explica que o obxectivo “é facer fincapé na importancia do papel das mulleres en diferentes ámbitos profesionais e estimular as vocacións científicas entre as nenas”

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CPI Plurilingüe de Vedra, onde comprobou como o alumnado traballa co kit de Polos Creativos elaborado polo seu departamento para a celebración do 8-M. Tal e como explicou o representante da Xunta, o obxectivo deste equipamento especial é poñer en valor figuras históricas femininas das artes e das ciencias desde unha reivindicación lúdica.

Tal e como explicou Román Rodríguez, “esta nova dotación enmárcase nas expansión que o Goberno galego está a facer dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos que imparten Educación Infantil, Primaria e ESO, o que supón a instalación deste espazos en máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€”. 

“Este novo kit ten como obxectivo facer fincapé na importancia do papel das mulleres en diferentes ámbitos profesionais e seguir avanzando no estímulo das vocacións científicas entre as nenas, amosándolles exemplos de mulleres relevantes neste eido”, salientou o conselleiro en funcións. “Ademais, búscase que os estudantes descubran que a creatividade non só se ampara na tecnoloxía, senón tamén no coñecemento artístico e na capacidade inventiva, que tamén incentivan a matemática, a xeometría, a cooperación”, puntualizou.

Materiais do ‘kit’

Deste xeito, o novo kit inclúe un xogo de cartas con imaxes de ilustradoras científicas elaboradas por mulleres artistas que serve para que os estudantes descubran as figuras históricas, e que o fagan dunha maneira desenfadada. 

A maiores, contén ilustracións inspiradas en autoras históricas para recrear con materiais dixitais, así como un vídeo documental sobre o traballo das redeiras, e indicacións para realizar redes similares empregando materiais impresos en 3D. 

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Rueda destaca a formación profesional especializada en hostalería e turismo como un dos grandes alicerces do récord de visitantes que recibe Galicia

Mar, 12/03/2024 - 19:41

Summary: 

Salienta o labor dos centros integrados de FP cos que conta a comunidade para estas familias profesionais, entre os que se atopa o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e no cal a Xunta vén de investir 2,8 M€ para a súa ampliación

Indica que esta actuación serve para aproveitar o dobre boom que está a vivir tanto o turismo como a FP galega en xeral con esa “revolución silenciosa” que cada vez é máis certa

Idioma Gallego

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Formación Profesional especializada nas ramas de hostalería, gastronomía e turismo como un dos factores que xustifican o récord de visitantes que está a recibir Galicia. “O ano pasado foron sete millóns de visitantes e todas as previsións apuntan a unha consolidación, que é case máis importante que o crecemento, polo que hai que estar preparados para atendelos como merecen”, asegurou.

Neste sentido, Rueda puxo en valor os oito centros integrados de FP de Hostalería e Turismo cos que conta Galicia, entre os que se atopa o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, o cal vén de rematar un proceso de ampliación gracias a un investimento da Xunta de 2,8 M€. O titular do Goberno en funcións, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración dos novos espazos, baseados nun novo edificio de tres plantas para aulas, un viveiro de empresas, unha zona administrativa e vestiarios.

Así, as obras permitiron crear dúas novas clases de FP Básica de Cociña e Restauración, novas aulas do ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos e outra de catas, así como mellorar a eficiencia enerxética do centro e a súa accesibilidade.

Centro de referencia para un sector referente

Alfonso Rueda enxalzou a posición de referencia da que goza o CIFP Carlos Oroza, ao mesmo tempo que asegurou que a intención do Goberno galego con esta mellora pasa por consolidar o seu papel como un espazo fundamental a nivel internacional.

Non en balde, é o mellor centro de FP de España, segundo se confirmou ao acadar a máxima puntuación por parte do Ministerio entre todas as comunidades autónomas.

“Esta ampliación, a terceira que se fixo en moi pouco tempo, serve para aproveitar este dobre boom que estamos vivindo, tanto no turismo como na FP galega en xeral con esa revolución silenciosa que cada vez é máis certa”, indicou, facendo referencia a que o número de persoas matriculadas neste tipo de formación duplicouse en apenas 10 anos.

Así mesmo, salientou que o labor que deste centro contribúe a dar resposta á demanda do mercado de profesionais cualificados nun sector como é o turismo, “a industria da felicidade” que, tal e como apuntou supón xa o 12% do PIB galego.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez pide axilidade na elaboración do Plan Especial de Conxo para construir un Centro de FP

Mar, 12/03/2024 - 19:33

Summary: 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa no Consello de Administración do Consorcio de Santiago

Lembra que a Xunta vai actuar de urxencia no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na sesión ordinaria do Consello de Administración do Consorcio da cidade de Santiago, que se celebrou na Casa Vaamonde.

O representante da Xunta de Galicia aproveitou para pedir axilidade na elaboración do Plan Especial de Conxo, un plan que posibilitará a futura construción dun Centro Integrado de FP especializado en ciencias da saúde en Conxo. “A creación deste centro busca mellorar a oferta educativa vinculada ao campo sanitario e ás necesidades profesionais neste ámbito”, explicou Román Rodríguez sobre a repercusión deste proxecto e a importancia de desbloquealo a nivel urbanístico, así como a creación de prazas educativas no sur da cidade.

Así mesmo, durante a reunión, o conselleiro de Cultura en funcións lembrou que a Xunta de Galicia está a actuar de urxencia na Igrexa de Bonaval debido as humidades provocadas pola entrada de auga das últimas choivas, á espera dun plan integral de rehabilitación da igrexa que acolle o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres liderado polo Consorcio de Santiago.

Neste senso, Román Rodríguez avanzou que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa se desprazaron á igrexa para avaliar a intervención de urxencia e poder acometela canto antes.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Unha vintena de alumnos do colexio Terra Chá de Vilalba achéganse á actividade da Xunta a través do programa ‘Coñece as túas institucións’

Mar, 12/03/2024 - 19:32
Idioma Gallego

Unha vintena de alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria do colexio CEIP Terra Chá, de Vilalba, visitaron esta mañá a Xunta de Galicia no marco do programa Coñece as túas institucións. A través desta iniciativa, o Goberno galego e o Parlamento de Galicia ofrecen visitas guiadas ás súas sedes para promover o achegamento e dos escolares sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia. De feito, o grupo de escolares visitou tamén esta mañá o Pazo do Hórreo. 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañou os nenos nesta visita, na que se lles explicou o funcionamento da Xunta e as súas principais funcións e se lles proporcionou material didáctico específico. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o valor deste programa para fomentar unha cidadanía democrática e responsable entre o alumnado e respondeu ás dúbidas dos escolares sobre a actividade diaria dunha persoa que traballa na sede do Goberno galego.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Máis de mil estudantes de lingua galega danse cita en Cacabelos para celebrar o Día do Galego no Bierzo

Mar, 12/03/2024 - 14:47

Summary: 

O secretario xeral de Política Lingüística participa nas XVI Xornadas Martín Sarmiento, nas que se entrega a IV edición do Premio Morales

A celebración está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria

Idioma Gallego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na localidade leonesa de Cacabelos na XVI edición das Xornadas Martín Sarmiento, organizadas no marco das celebracións do Día do Galego no Bierzo pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, entre outras entidades.

A celebración, que xira arredor do aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento o 9 de marzo, reuniu como cada ano arredor dun milleiro de estudantes de lingua galega do Bierzo, que se deron cita no Cine Faba para comezar a xornada festiva. Alí, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado de varios representantes locais e autonómicos, expresou a súa satisfacción “polo interese que a lingua galega esperta máis aló das nosas fronteiras, especialmente na xente nova, que aposta por formarse nela e garantir o seu futuro nestas terras”.

Programa da xornada

A primeira parte da xornada estivo orientada ao estudantado de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada adscrito ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria, que reforza os vencellos históricos entre as dúas comunidades autónomas.

Os asistentes empezaron a traballar nunha proposta didáctica arredor do Dicionario do Galego do Bierzo, da autoría de Sara Rodríguez Fernández, co obxectivo de difundir os contidos do volume e ampliar o número de entradas desta primeira edición.

De seguido, uniuse a rapazada dos centros de Primaria para asistir á entrega da IV edición do Premio Morales, que conta co patrocinio da Consellería da Cultura, Educación, FP e Universidades. Este certame promove a creatividade artística e literaria en lingua galega dos escolares ao tempo que homenaxea ao autor berciano Antonio Fernández Morales, precursor da escrita en galego en Castela e León.

O acto, que estivo amenizado pola actuación musical de Paco Nogueiras co espectáculo C@nto contigo, continuou coa presentación das novas seccións da páxina web ogalegonobierzo.org, impulsada co apoio da Xunta, e o anuncio da convocatoria da V edición do Premio Morales.

A xornada pechouse cunha mesa de debate na que se reuniron autoridades, docentes e diferentes entidades culturais para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.

A celebración do Día do Galego no Bierzo está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa dos 19 centros -18 en León e un en Zamora- adscritos ao Programa de promoción da lingua galega neste territorio galegofalante do exterior, xurdido da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, iniciada no ano 2001. Deles, 14 son colexios e catro son institutos, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca o éxito do primeiro ciclo de FP dual de hostalaría da Costa da Morte

Lun, 11/03/2024 - 16:22

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

O conselleiro de Educación en funcións visita os 12 alumnos do ciclo de FP Básica en Cociña e restauración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, comprobou hoxe o funcionamento da nova FP Básica na modalidade dual en Cociña e restauración que se imparte desde este curso no Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía. “Trátase da primeira iniciativa deste tipo na familia profesional de Hostalaría e turismo na zona e responde á demanda detectada e transmitida polos empresarios do sector da Costa da Morte desde hai un tempo”, destacou o representante da Xunta.

Neste sentido, Román Rodríguez salientou a gran resposta do tecido produtivo a esta oferta. “Son unha decena de empresas as que van colaborar na formación destes 12 alumnos que inauguran o ciclo, todas elas de recoñecido prestixio”, explicou. “Estamos seguros de que esta primeira edición vai ser todo un éxito e de que o sector vai seguir demandando esta formación para nutrirse de profesionais cualificados para seguir medrando”, afirmou o conselleiro en funcións.

En concreto, a partir deste mesmo mes os alumnos co ciclo realizarán a actividade formativa profesional no Parador Costa da Morte e nos restaurantes A Casa do Peixe, Son de Mar, A Lonxa D'Álvaro, A Furna, A Marina e As Baleas, todos eles de Muxía; en O Semáforo, de Fisterra; no Hotel Insua, de Cee, e en Villa de Oro, de Camariñas. 

No transcurso da visita, o conselleiro interesouse pola experiencia persoal do alumnado nestes primeiros meses na FP e animounos a continuar mellorando a súa formación ao remate do mesmo na oferta de ciclos de grao medio. A visita completouse cun petisco ofrecido polos estudantes para amosar o aprendido no que vai de curso.

Saídas profesionais

O ciclo de FP Básica en Cociña e restauración ensina ás persoas que o cursan a desenvolver con autonomía as operacións básicas de preparación, conservación e presentación de elaboracións culinarias, alimentos e bebidas, así como a asistir nos procesos de servizo e atención á clientela. Deste xeito, os titulados poderán traballar como axudantes de cociña, de camareiro, de bar ou de economato de unidades de produción e servizo de alimentos e bebidas, entre outras actividades.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta colaborará na conservación do valioso patrimonio educativo da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee cunha achega de case 50.000€

Lun, 11/03/2024 - 16:14

Summary: 

O conselleiro de Cultura en funcións e a presidenta da entidade asinan senllos convenios para gastos de xestión e obras de mellora

Román Rodríguez pon en valor o papel desta entidade na salvagarda da herdanza do pasado educativo único do rural galego

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Fernando Blanco de Lema, Eva García Caamaño, asinaron hoxe senllos convenios de colaboración para mellorar e manter as instalacións do Museo Fernando Blanco, sito na localidade coruñesa de Cee. Á sinatura asistiu tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Cunha achega próxima aos 50.000€, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia colaborará cos gastos de xestión desta institución cultural e sufragará as obras de mantemento necesarias. En concreto, a actuación inclúe limpeza de cuberta, substitución de pezas rotas e selado de patio de luces, impermeabilización interior, limpeza de canlóns, vernizado exterior, fachadas interiores e parámetros interiores.

A Fundación centra os seus esforzos na posta en valor da figura de Fernando Blanco de Lema e a promoción educativa e cultural da vila de Cee e da súa bisbarra, a través dos dous edificios que posúe na vila: o actual Instituto IES Fernando Blanco de Lema e a antiga Escola de Nenas, actualmente Museo Fernando Blanco.

Un pasado educativo único

Tal e como destacou Román Rodríguez, “este museo pon en valor o pobo de Cee como herdeiro dun pasado educativo único no rural, cunha etapa de esplendor a finais do século XIX e primeira metade do século XX, coincidindo precisamente coa fundación do Instituto Fernando Blanco”. “Neste sentido, a colaboración que hoxe subscribimos ten como obxectivo salvagardar non só o antigo edificio da Escola de Nenas, senón un valiosísimo patrimonio educativo”, salientou.

A colección que alberga o Museo está formada na súa maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe salientar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Xunto a este material, a colección complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao centro ao longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa e con fondos artísticos e pictóricos, entre os que se atopan as obras pictóricas de Federico Madrazo, gravados da Calcografía Nacional e unha colección de ourivería relixiosa.

O Museo Fernando Blanco tamén destaca o labor deste concello no aproveitamento integral do seu patrimonio histórico e como centro de dinamización cultural da comarca.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

A Xunta aumenta un 10% as axudas para que as ANPAS de educación especial financien as súas actividades

Dom, 10/03/2024 - 14:32

Summary: 

Educación dota  con 66.000€ esta liña que sufraga tamén gastos de xestión, administración, adquisición de material e mantemento das súas instalacións

Idioma Gallego

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de Educación Especial para este ano.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades habilita unha partida de 66.298€, un 10% máis que o ano pasado, a esta liña que ten como obxectivo contribuír ao financiamento destas entidades. 

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado. A subvención é compatible con outras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Solicitudes ata o 4 de abril

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 4 de abril para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca o Campionato de Sumillería do CIFP Carlos Oroza como “un certame de referencia organizado por un centro de excelencia

Xov, 07/03/2024 - 20:57

Summary: 

O conselleiro de Educación en funcións e o presidente da Deputación de Pontevedra participan na clausura da X edición do concurso, liderado polo CIFP Carlos Oroza

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participaron hoxe na clausura do X Campionato de Sumillería Suso Domínguez. O titular de Educación quixo destacar o valor “deste certame de referencia, organizado por un dos centros de excelencia a nivel estatal e autonómico na FP de Hostalería”. “O feito de estar dedicado a un docente moi querido neste Centro Integrado de FP Carlos Oroza, o profesor Suso Domínguez, dálle aínda máis valor a este concurso”, declarou o representante da Xunta.

Román Rodríguez recordou que esta edición é especial porque rende homenaxe tamén ao poeta que dá nome ao centro, Carlos Oroza, no seu centenario. "Unha conmemoración que vai unir membros da comunidade educativa deste centros, autoridades e figuras destacadas da cultura e que dá boa conta do relevante papel que este Centro Integrado de FP ten no tecido social e cultural da cidade do Lérez", salientou.

24 centros de España e Portugal

A competición ten carácter anual e reúne a 24 centros de FP de Hostalería e Turismo de Galicia, outras comunidades autónomas e de Portugal. Trátase, así, dunha cita moi consolidada, que funciona como punto de encontro de centros de referencias destas ensinanzas, establecendo sinerxías e creando oportunidades de emprego e de profesionalización.

As probas inclúen un test sobre viños, unha carta errónea para que corrixan a información incorrecta, unha proba de olores, unha cata a cegas, unha proba de maridaxe, un Pasapalabra sobre enoloxía, e unha proba de servizo que mide velocidade, técnica, estilo e profesionalidade.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

As accións da Xunta para posicionar internacionalmente as universidades públicas galegas acadan un retorno de máis 4€ por euro investido

Xov, 07/03/2024 - 20:44

Summary: 

Desde a posta en marcha desta liña de actuación en 2016 o noso sistema universitario desenvolveu 5.584 iniciativas e captou case 10,6M€ en fondos

O Consello da Xunta aproba incrementar un 11% a colaboración con FEUGA en catro liñas: fomento e captación de proxectos europeos, apoio aos centros de investigación, programas formativos e identificación de novos perfís profesionais

Idioma Gallego

As accións da Xunta para o posicionamento internacional das universidades públicas galegas acadaron un retorno de máis de 4€ por euro investido desde a posta en marcha desta liña de acción en 2016. Un retorno que se foi incrementando progresivamente ata acadar os 5,7€ por euro investido no ano 2023.

En concreto, no período 2016-2023 desenvolvéronse 5.584 accións de promoción do Sistema Universitario de Galicia (SUG), coa asistencia a mais de 1.000 eventos. Isto redundou na captación de case 10,6M€ en fondos para as universidades galegas, o que supón unha rendibilidade do 318%.

En canto ao número de proxectos europeos aprobados para o SUG desde que empezaron a desenvolverse estas accións de posicionamento, foron un total de 37. Neste momento hai outras 15 propostas coa participación das universidades galegas en proceso de tramitación.

Para seguir avanzando nesta política de éxito, o Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para este fin, cun incremento do 11,38% no orzamento. A través del, a Xunta investirá case 2,4M€ ata 2026 en accións destinadas a impulsar e consolidar un programa conxunto de posicionamento da I+D+i universitaria e novas accións de apoio ao SUG.

Tendo en conta os excelentes resultados obtidos tanto en termos de rendibilidade económica como de posicionamento estratéxico internacional dos grupos de investigación universitarios, o obxectivo é consolidar, ampliar e instrumentalizar esta colaboración, xa que a presencia e dinamización continua a nivel europeo é imprescindible para manter e mellorar a visibilidade e captación de fondos en Europa.

As accións do novo convenio estrutúranse en catro liñas: posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos; soporte á Rede de Centros de Investigación, programas formativos GESCI e GOSCI e identificación dos perfís profesionais que se demandarán no futuro.

Amplo paquete de medidas

O primeiro paquete de accións vai dirixido a fortalecer o posicionamento, promoción, divulgación e captación de proxectos europeos do SUG para promover a participación de grupos de investigación en proxectos europeos. Neste sentido, búscase manter e mellorar a visibilidade das universidades galegas diante da oportunidade de captación de fondos que supón o programa da Unión Europea Horizon Europe (HE) 2021-2027.

A segunda liña de acción diríxese directamente a financiar a actividade da Rede de Centros de Investigación das universidades públicas galegas e a súa xestión. En concreto, busca fortalecer as súas capacidades e consolidar a excelencia; potenciar a formación, atracción e incorporación de talento investigador; incrementar o liderado internacional da súa investigación, e impulsar a colaboración con novos axentes académicos e industriais para aumentar o impacto económico e social da súa actividade.

A terceira liña do convenio contempla a celebración dunha nova edición dos programas formativos GESCI e GOSCI para formar aos equipos dos novos centros susceptibles de obter o recoñecemento como centro de excelencia e ao novo persoal de dirección e xestión dos centros pertencentes á Rede.

O obxectivo é seguir tendo formadas ás novas remesas de directores e xestores nos estándares de calidade que exixe a xestión actual dos centros de investigación de excelencia e aliñalas cos requirimentos asociados á avaliación que da acceso á financiación, así como á Rede e aos seus servizos.

Continuidade do proxecto Galicia 2030

A través da cuarta liña de acción analizarase a avaliarase, a través dun estudo, o impacto global do proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, posto en marcha en 2018 con vistas a determinar as competencias e perfís profesionais que necesitará o tecido empresarial nos vindeiros anos e adaptar a oferta universitaria a estas novas demandas.

Con este novo estudo revisarase a implementación efectiva das titulacións emanadas do proxecto na oferta académica do SUG, achegando suxestións de mellora. O estudo desenvolverase en 2026 para poder realizar a análise das máximas titulacións posibles, xa que algunhas delas implantaranse con posterioridade ao curso académico 2023-2024.

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación

140 estudantes de 23 equipos galegos participarán na fase rexional de lanzamento de satélites CanSat 2024 da Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta

Mér, 06/03/2024 - 15:30

Summary: 

Román Rodríguez subliña a importancia da formación en competencias  como a programación ou as novas tecnoloxías enfocada para a cualificación do alumnado

Asegura que formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico “aumenta as súas oportunidades laborais”

Idioma Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, abriu esta mañá a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

O titular de Educación do Goberno galego asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, abondou dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.

Román Rodríguez salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital. “Ademais, formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico aumenta as súas oportunidades de obter un traballo en calquera sector”, afirmou.

Lanzamento o 23 de abril

O encontro de hoxe, no decurso do cal se desenvolven catro relatorios vinculados á temática de satélites, serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnos baixo a coordinación dun docente.

A xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas  en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Os centros participantes, algún deles con más dun equipo, son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

Arteixo

IES Manuel Murguía

A Coruña

Betanzos

CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen

A Coruña

Cariño

IES Cabo Ortegal

A Coruña

A Coruña

CPR Compañía de María

A Coruña

Ferrol

CPR Ayala

A Coruña

Muxía

IES Ramón Caamaño

A Coruña

Noia

IES Virxe do Mar

A Coruña

Ortigueira

IES de Ortigueira

A Coruña

As Pontes

IES Castro da Uz

Lugo

Burela

IES Perdouro

Lugo

Lugo

IES Lucus Augusti

Lugo

Lugo

IES Leiras Pulpeiro

Lugo

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

Ourense

A Gudiña

CPI Laureano Prieto

Ourense

Ourense

IES O Couto

Ourense

Ourense

CPR Santa María Maristas

Pontevedra

Caldas

IES Aquis Celenis

Pontevedra

Vigo

IES Álvaro Cunqueiro

Pontevedra

Vigo

IES República Oriental do Uruguai

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Montecastelo

Pontevedra

Vigo

CPR Plurilingüe Las Acacias

Información xeral Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Categorías: Lexislación


by Dr. Radut