Contacontos

Artur e Clementina

Para conmemorar o Día internacional contra a Violencia de Xénero, as mestras María, Marta e Macu representaron un conto da sonada colección "A favor das nenas" de Adela Turín, titulado "Artur e Clementina" que consiste nunha historia fabulada que reivindica o rol feminino na sociedade, combate os estereotipos sexistas e denuncia a discriminación. Porque aínda se necesitan obras sobre coeducación e igualdade.

Unha posibilidade moi interesante que suscita a historia de Artur e Clementina é a formación da identidade, coñecéndonos e respectando como somos, para evitar adaptarnos a outra persoa ou a outra situación, anulando a nosa propia identidade e personalidade. Traballar co noso alumnado este conto e mostrarlles a infelicidade de Clementina por non facer o que quería, por verse obrigada a calar por medo a non dicir o que convén, a levar unha vida que a faga infeliz, vai permitirlle reflexionar sobre a necesidade humana de coñecerse e respectarse a un mesmo para logo poder buscar a outro que nos complemente e que nunca nos anule.

A partir do conto de Artur e Clementina fixemos un mural entre todo o alumnado do cole para afondar os cotidos do álbum ilustrado e fomentar e distinguir actitudes de respecto.

Ese día, ao entrar no cole, repartuise unha máscara de cor morado a cada membro da comunidade educativa reivindicando o 25 N como Día International contra a Violencia de Xénero.

Por último, resaltar que ao longo do mes de novembro realizamos unha exposición dos libros e contos que recomendamos ler nas casas coas nosas familias sobre a violencia de xénero.

Pasea pola túa cidade

O día 19 de maio o alumnado de Ed. Infantil participou na actividade "Pasea pola túa cidade" que organizou a Concellería de Ed. de Ourense.

Realizamos unha visita guiada polo monicreque Martiño ao casco vello da cidade que partíu dos xardíns das Burgas e continuou con visitas á Praza Maior e Concello para posteriormente visitar as tres entradas da Catedral, comezando pola praza do Trigo e rematando na praza de San Martiño.

Antes de regresar para o cole, fixemos unha parada na zona de xogos do parque da Alameda, no que repuxemos forzas para voltar para casa.

Aquiles o puntiño

Contacontos realizado por Breixo sobre o libro de Guia Risari: "Aquiles o puntiño", coa colaboración da profe María emulando a Marc Taeger. 

O público de Ed. Infantil e 3º de EP pasouno xenial e ao remate da actuación pedíronlle que lles contase máis contos.

A castaña que rebentou de risa

O alumnado de 6º de primaria representou na sala de psicomotricidade o coñecido conto "A castaña que rebentou de risa" que figura recollida na nosa web e cunha adaptación teatral realizada polas mestras e alumnado da aula de apoio.

Debido ás medidas implantadas polo protocolo COVID tiveron que realizar tres pases da función: un para educación infantil, outra para primeiro e segundo e unha terceira para o resto do alumnado.

 

Teatrillo de monicreques: U-la Lúa?

O 28 de xaneiro realizamos na nova aula de psicomotricidade do centro dúas sesións de teatriño de monicreques no que participou todo o alumnado do colexio.

U-la Lúa? é dunha proposta escénica, onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

Lúa é unha gatiña pequena, algo tímida e asustadiza. Vive coa súa avoa nunha humilde casa. No exterior contan cun fermoso xardín no que Lúa pasa as horas xogando soa. Non ten irmáns e a avoa lle deixa saír fóra, mais Lúa soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas e amigos para xogar.

Visita da Apalpadora

O 20 de decembro, grazas á colaboración e financiación da ANPA Limiar do noso cole, tivemos a sorte de contar coa presenza de A Apalpadora na biblioteca do noso centro.

Contoulle ao alumnado o precioso que é o lugar onde habita na serra de Courel, en que consiste o seu traballo de carboeira e como noutros tempos se pasaba fame en moitos lugares de Galicia, de aí que unha das súas costumes sexa a de apalparlle a barriguiña aos nenos e nenas galegas despois do solsticio de inverno para deixarlles unha presa de castañas mentres están a durmir teñan fame ou non teñan.

Como fomos moi bos ao longo deste ano, ao remate da súa visita, deixounos uns agasallos para cada un dos nenos e nenas do cole.

 

 

O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas

O 4 de febreiro visitou a bilioteca do noso centro o escritor Iago López para contarnos a historia de "O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas", libro do que é tamén autor.

"Celébrase a festa de aniversario do rei e o cociñeiro Martiño quere preparar a súa mellor torta de cenoria. Mais cando chega á horta… as cenorias desapareceron! Martiño vai necesitar moita axuda para que a torta chegue a tempo ao festexo".

Coma sempre, pasámolo xenial coas súas historias.

O xinete das árbores: Baño de bosques

O 5 de febreiro visitou a biblioteca do noso centro un home-árbore, un ser humano “boscoso”,  un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que os verán asolan as  terras da montaña, para que as nenas e nenos do CEIP Manuel Sueiro lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras,  para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

Con gaitas e peitoques de teixo, con frautas de pereira, pandeiretas de castiñeiro, e co burro Caramulo de madeira de bidueiro, as nenas e os nenos alimentados coa música das árbores viaxaron, dun xeito imaxinario, polo corazón de cada un para comprobar que os seus corazones están sans e fortes, como a mascota  CARDIO. no seu peregrinar pola saúde deles.

Con contos, cantigas, xogos, e moita risa rematamos “plantándonos” todas e  todos con forma de árbores a favor dos nosos bosques, refuxio do oxixeno que alimenta o corazón,  transformándonos en nenas e nenos xinetes das árbores, esperanza dos nosos bosques.

O xinete das árbores

O 8 de maio contamos coa presenza do maxistral contacontos de Chantada, Anxo Moure, que trouxo ao noso centro o espectáculo “O xinete das árbores” co que puxo de manifesto o seu amor e defensa dos bosques galegos.

Anxo transformouse nun home-árbore, un ser humano “boscoso”, un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que este verán asolaron terras da montaña de Ourense, para que as nenas e nenos lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras, para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

O obxectivo principal era que as nenas e nenos coñeceran o nome das árbores e a súa importancia, a través de contos, lendas, poesías, música e imaxes para sentilas como as súas “irmauciñas” (según contaba o escritor ourensán Otero Pedrayo) emparentándoas coas árbores da sua cidade.

Todo o alumnado participante na actividade quedou con gañas de seguir escoitando as historias deste gran contacontos…

… esperamos que volva pronto a visitarnos!!

Contacontos CIFP Portovelo

Na semana previa ao Día mundial da meteoroloxía, teatro e poesía o alumnado do Ciclo de animación do CIFP Portovelo realizou catro contacontos no noso centro, relacionados, todos eles, co tema dos PDI que se entán a desenvolver en Ed. Infantil e 1º, 2º e 3º de ED. Primaria.

  • O alumnado de 4º e 5 de educación infantil participou na representación dun conto sobre planetas titulado "A que sabe a lúa" que mantivo aos máis cativos do centro pendentes de todo o que acontecía no teatriño de monicreques.
  • O alumnado de 6º de educación infantil presenciou a representación dun teatrillo de monicreques sobre robots.
  • O alumnado de 1º e 2º asistiron ao contacontos titulado "A noite das mudanzas". Ao remate, realizaron unha pequena sesión de xogos populares dentro da aula.
  • O alumnado de 3º presenciou a representación con sombras chinescas de "Wangari e os árbores da Paz". Ao remate do conto, realizaron un pequeno obradoiro medioambiental para concienciarse da importancia da auga nas nosas vidas.

O alumnado do CIFP Portovelo fíxoo xenial, e nós pasámolo moi ben.

Temos que repetir!!!

 

Distribuir contido