Skip to Content

Actividades

Exposición Etnográfica

     No curso 2003-2004 a celebración do día das letras galegas adicouse a Xaquín Lorenzo Xocas. Para conmemorar este acontecemento, no CEIP de Vilar de Barrio montamos unha exposición etnográfica. Os nenos e nenas da escola  decidiron coller o testemuño do seu traballo. Sairon do colexio na procura de aparellos propios dos oficios tradicionais da zona. Investigaron os seus nomes e usos, clasificáronos, ordeáronos e preparáronos para a súa exposición. Polo camiño descubriron que moitos deles aínda hoxe son usados e ven como certas tradicións aínda seguen vivas, ás máis das veces por falta de recursos mecánicos que as substitúan. Xocas, sabio, dixo sempre que a ferramenta cotiá estaba ameazada polo esquecemento, corría o risco de non ser valorada como o auténtico tesouro patrimonial que era, que é. Velaquí a resposta no noso traballo.
      Para levar a cabo esta empresa ademáis de contar coa colaboración de toda a Comunidade educativa (alumnado, Profesorado, pais e nais) tamén nos axudaron as cociñeiras, os veciños, o Concello etc. que de forma desinteresada e con moita ilusión aportaron as ferramentas e utensilios que pouco a pouco foron enchendo o ximnasio do cole.

     Este é o noso recoñecemento á figura de Don Xaquín. Multiplicar o seu traballo, facer que perdure, contaxiar a todo o mundo a súa ilusión polos pequenos detalles dos eixos, carros, xugos, casas, castros e capelas.

Na Galería podes ver as fotos deste traballo.

    

Desafíos do Entroido

     Os desafíos eran unha especie disputa entre os veciños de dous pobos durante a época do Entroido. Primeiro xuntábanse os habitantes dun dos pobos, disfrazábanse con  roupas de moitas cores incluso colchas, adornaban un carro e tamén burros e cabalos. Así cheos de colorido marchaban cara un dos pobos veciños, a este tipo de disfraz chamábanlle reinado. Polo camiño  ían tocando e cantando. Os habitantes do pobo veciño ó velos vir corrían a recibilos, ataban unha corda no camiño para atrancárllelo paso e alí comezaba a disputa ou desafío. Sempre se puñan a disputar as persoas do pobo que máis habilidade tiñan para facer versos. Despois de estar un pouco disputando quitaban a corda e cantaban e bailaban todos xuntos. Estes foron recollidos en Penouzos,un pobo do concello de Vilar de Barrio.

 Miña nai e maila túa     Miña nai e maila túa 
 fixeron unha merendiña.     fixeron unha empanada.
 Túa nai como era fina     Túa nai como era fina
 comeulle a merenda á miña.     deixou á miña sen nada.

                                                                                                    

Teño unha albardiña feita   Teño unha albardiña feita 
feita de palla mollada.  feita de mil perindengues
Para botarlle a ese burro  Para botarlle a ese burro
que non sabe dicir nada.  que non rinche tanto os dentes.

          

       

Teño unha herba na horta   Teño unha herba na horta 
que reventa polo pé.  que lle chaman a Luísa
Tamén as e reventar ti  Tamén as de reventar tu
por dicir o que non é.  por non ir nunca á misa.

                                    

Teño unha herba na horta   Teño unha herba na horta
 que lle chaman azafrán.  que lle chaman a teseira
 Para discutir comigo  Para discutir comigo
 cómpreche a lingua dun can  cómpreche a lingua lixeira.

Distribuir contido


by Dr. Radut