Skip to Content

O patio, a Educación Física e as obras no colexio Magariños

 Ante o comunicado que se publicou no portal da Consellería de Educación o día 23 de setembro de 2014, o Equipo Directivo do CEP A. Magariños xunto con todo o profesorado do centro acorda realizar as seguintes declaracións:

  •  As clases de E.F non se están impartindo con normalidade, non pola reticencia dalgún profesor, senón porque o centro non dispón de instalacións adecuadas que reúnan as condicións de seguridade (imaxe do patio un día de chuvia)e, concretamente neste curso, porque xa están iniciadas as obras de mellora e temos todo o patio valado e pechado para calquera uso do mesmo.
  • A empresa adxudicataria estivo no centro a primeira semana de setembro para aillar a zona, establecendo o perímetro de seguridade, desmontou o tellado e non volveu polo centro. Dende o inicio das clases temos o patio inaccesible, pero coas obras paralizadas á espera de que lles sirvan os materiais. Cunha mellor planificación poderiamos ter utilizado o patio polo menos nesta primeira quincena de setembro.

  •    

  • O centro non dispón de patio alternativo cuberto no que poida impartirse a área de Educación Física (non reune as condición mínimas para impartir esta área), tal e como se indica na información da Consellería. O patio “alternativo” linda ademais coas ventás das aulas de 1ºA, 1ºB, 2ºA, 2ºB, 3ºA, 3ºB, é dicir a metade das aulas do colexio, polo que causaría moitas interferencias si se estivese fóra impartindo E. Física. O Consello Escolar, na reunión celebrada o 31 de xaneiro de 2013, abordou esta posibilidade e non se considerou viable.

  •         
  • Somos o equipo directivo e o conxunto do profesorado os que intentamos reducir ao mínimo as molestias causadas polas obras en período lectivo, para o que houbo que modificar as entradas, saídas, turnos de recreos, alteración da hora de ler no Plan Lector, usos de cuartos de baño e da Biblioteca, etc .

  • A Consellería comprometeuse coa comunidade educativa en agosto de 2011 a investir 386.000€ na mellora do centro, dos cales a mellora da pista cuberta e do patio de xogos suporían, segundo publica a propia Consellería na web oficial, un investimento superior aos 200.000 €. Deses 200.000 € comprometidos so van investirse algo máis de 50.000€, e non se da resposta ás demandas da Comunidade educativa: O Consello Escolar na sesión celebrada o 31 de decembro de 2013 solicitou, por unanimidade, a preparación das instalación deportivas acordes co Real Decreto 132/2010. As obras que se van realizar non cumplen os mínimos establecidos nese Decreto e nin siquera se contempla nas mesmas a mellora do pavimento.

 

 É por isto, que o Equipo Directivo xunto co claustro, non entende e mostra o seu disgusto ante o comunicado da Consellería publicado directamente na páxina web oficial, portal que achega información que se supón importante para toda a comunidade educativa de Galicia e que non debe ser usado do xeito que se fixo.



blog | by Dr. Radut