CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán
O portal do Colexio Pedro Caselles Beltrán, antes Colexio do Mosteiro

Actividades Complementarias

Axudas para usuarios de comedor escolar

O día 30 de marzo publicouse no DOG unha liña de axudas económicas para axudar nos gastos de alimentación ao noso alumnado como consecuencia da perda deste servicio de comedor polo peche dos colexios.

A axuda consiste en aboar ás familias un importe de 2,5 euros por día lectivo no caso do alumnado con gratuidade total, e de 1,5 euros para o alumnado que aboa 1 euro.

Este abono corresponde aos días efectivos sen servicio de comedor, nesta primeira etapa ata as vacacións de Semana Santa. Corresponden por tanto 13 días lectivos (o 20 de marzo foi declarado como festivo opcional no noso centro).

No caso de prorrogarse a cuarentena, a Consellería libraría unha nova partida para o período sucesivo.

Como hai que facer para solicitalo:

Opción 1:  podedes solicitalo con certificado electrónico na SEDE.XUNTA.GAL,  conforme ás instrucción que figuran na orde de convocatoria (documento adxunto).

Opción 2:  Se non tedes medios para realizar esta solicitude electrónica, a Consellería habilita excepcionalmente, e dadas as circunstancias, a posibilidade de colaboración por parte do colexio,  facilitándonos a información necesaria para que poidamos tramitar esa axuda.

Esta opción non contempla a visita ao colexio! Evitamos todo contacto físico!

Información que precisamos:

  • Nome e apelidos dos titores legais dos alumnos/as.
  • DNI dos titores legais
  • Nome e apelidos dos alumnos beneficiarios
  • Nº de conta bancaria (IBAN) onde queredes recibir o ingreso da axuda.

Como facernos chegar esa información:

E preciso que sexa clara e sen erros, por iso vos aconsellamos que nola enviedes por correo electrónico ao colexio (cep.pedro.caselles@edu.xunta.gal) como imaxes (fotos dos carnets de identidade, foto do número de conta bancaria).

De non ser posible, comunicándolle esa información aos vosos titores polos medios que utilizades habitualmente estes días.

E como última posibilidade, contestando por esta mensaxería abalarmóbil ou cunha chamada telefónica aos números do colexio  886110737 - 886110738

Prazo:

O último día para realizar esta solicitude é o 6 de abril, polo que teredes que ser rápidos na xestión desta solicitude (se solicitades a través do colexio, teredes que darnos tempo para poder tramitar a solicitude)

Como enviar imaxes por correo electrónico:

Por se vos serve de axuda, deixamos un video con indicacións para mandar un correo electrónico con imaxes:

SEMANA DE EDUCACIÓN VIAL

Esta semana, do 9 ao 12 de marzo, estivemos celebrando a Semana da Educación Vial. Despois de aprazala a causa do mal tempo, ao final a cousa non puido saír mellor, pois o bo tempo acompañou nos catro días. Un a un tódolos nenos e nenas dos diferentes cursos puideron gozar dunha charla de educación vial e, sobre todo, do circuíto e do despregue de vehículos oficiais dos distintos corpos de seguridade.

Na pista de abaixo montouse un circuíto cos seus semáforos, sinais e liñas de circulación, e os nenos e nenas, unhas veces como peóns e outras como vehículos, foron percorrendoo, iso si, sempre respectando os sinais. Foron días de emoción, pois o alumnado levou as súas bicicletas para facer o circuíto, e xa, de paso, pasear con elas polo patio ou indo e vindo ao cole nelas.

O alumnado de quinto e sexto curso tamén tivo  opción de montar en karts, facilitados pola DGT para esta actividade.

Non menos emocionante lles resultou a nenas e nenos montar nos coches e camións oficiais, facer soar as sereas ou comunicarse polas radios.

Esta actividade  foi xestionada e organizada pola ANPA Mosteiro, a que adicaron moitas horas de traballo. Dende o centro queremos achegarlle o noso agradecemento polo impresionate traballo realizado.

Tamén facer chegar o noso agradecemento  a Policía Local, ao Sarxento da Garda Civil de Tomiño, Protección Civil, DXT de Porriño, as persoas que trouxeron o equipamento para montar o circuíto e Concello de Tomiño por axudar a sua montaxe.

Para ver as fotos da actividade premede na imaxe.

 

 

DÍA DA MULLER 2020

Esta semana todos os nenos e nenas do CEP Pedro Caselles estivemos facendo un mural coas mulleres da nosa vida. Cada quen escribiu, despois de moito pensar as mulleres máis importantes da súa vida, nais e avoas gañaron por clara maioría, pero tamén tivemos activistas, cantantes, amigas, en fin, non vos perdades as fotos do evento, premendo na imaxe.

ENTROIDO 2020

Hoxe día de xogos e diversión no CEP Pedro Caselles. Celebramos un entroido que xiraba arredor do proxecto E-comedor. Camareiros, cociñeiros, plantas, ratiños, queixos, deportistas e oficios de sempre encheron as rúas de Tomiño neste día primaveral.

E logo seguimos coa diversión, primeiro degustación dos doces do Certame Gastronómico aportados polas familias e logo xogo e máis xogo, non en van, temos o mellor patio de xogos do mundo!

Para ver tódalas fotos preme na imaxe.

Desfile Entroido 2020

ACTO POLA PAZ 2020

O 30 de xaneiro conmemoramos o día da Paz, e cada ano no CEP Pedro Caselles facemos un acto pola paz. Este ano o mal tempo obrigounos a aprazar a actividade ao luns 3 de febreiro.

Nenas e nenos saíron ao patio armados con desexos de paz para conmemorar este día. O alumnado situouse facendo un gran semicírculo arredor dun burato feito no patio para plantar unha árbore.

Primeiro cada nena e neno depositou un desexo de paz nunhas caixiñas metálicas, que foron enterradas a carón da árbore que se plantou.

Logo membros do grupo ecolóxico procederon a plantar un carballo, unha emblemática árbore da que non temos ningún exemplar no noso recinto. Esta árbore foi plantada en homenaxe a Puri, unha profe do noso cole que nos deixou para sempre o ano pasado.

E como remate Nadim, Unay e Alfredo tocaron o himno da alegría coas súas frautas.

Dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán queremos agradecer a Comunidade de Montes da Parroquia de Tomiño a súa colaboración neste acto, pois puxeron a nosa disposición persoal para preparar o terreo e fixeron a donación do carballo.

Para ver máis imaxes, preme na foto.

FESTIVAL DE NADAL 2019

Xa rematou o noso primeiro trimestre de traballo, xa vai chegando o Nadal e as vacacións, ben merecidas, por certo, e como despedida de trimestre o noso Festival de Nadal.

Festival cheo de música, baile, teatro e humor. Nenas e nenos de tódolos cursos subiron ao escenario e deron o mellor de si mesmos.

Por certo, sorpresa antes do Festival, pois recibimos a visita de Papa Noel, foron as mamás da directiva da ANPA Mosteiro as que o deron convencido de que viñera ata o Caselles a saudarnos e a recoller persoalmente as nosas cartas. Moitas grazas ANPA Mosteiro, que sorte temos de tervos!

E para rematar, chocolate e rosca para todos e todas.

Se queres ver tódalas fotos do día, preme na imaxe.

 

MAGOSTO 2109...POR FIN!!!

Por fin demos celebrado o Magosto no Caselles. Un magosto un tanto deslucido, pois despois de tanto aprazamento decidimos facer só o asado de castañas, deixando para outro curso os cross de outono e os xogos tradicionais. O tempo deste outono non permitiu outra cousa.

Se queredes ver as fotos deste magosto, premede en fotos, e accederedes a reportaxe do evento, feita polo alumnado de 5º e 6º curso.

FOTOS

SAMAÍN 2019

Hoxe no CEP Pedro Caselles foi un día terrorífico, bruxas, vampiros, mortos viventes... encheron as nosas aulas.

Nenas e nenos, coa axuda das súa familias, ademais de vir terroríficamente disfrazados, trouxeron cabazas para a xa habitual exposición que facemos tódolos anos.

As profes de inglés tamén fixeron actividades para a ocasión, solo que elas lle chaman Halloween...

Os máis pequenos do centro foron os máis implicados, pois ao longo da semana estiveron preparando o mural e facendo debuxos de medo. Tamén estiveron na biblioteca escoitando historias de medo, pero sen vampiros, momias, homes lobo... eran historias de medo de Tomiño: A Santa Compaña, o Tardo e a Mariamanta...

Para ver tódalas fotos, preme na imaxe.

Móllate polo río!

 

O 27 de setembro adiantámonos á iniciativa global de Galicia, e No Caselles realizamos a nosa tarefa de recoller todo o lixo que poidera haber na marxe do río Pego, dende a ponte do cruce para Vilachán ata 500 metros río arriba.

Non quedou máis que natureza, logo do noso paso.

Pero, sabedes que?     Case non había nada que recoller!!

Este treito do río está moi limpo, grazas ao esforzo continuado dos nosos voluntarios que todos os anos revisan, controlan e coidan.

Lixo recollido (plásticos e papeis):  8 Kg.

Mollámonos polo río!!

Distribuir contido