logo

 

cabecera

Alfabetización informacional
dende a biblioteca escolar.
A escrita: vida escolar e vida real


Mª Olga Rodríguez Díaz
CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños)

A biblioteca como lugar físico está hoxe modificada en moitos aspectos, pois non podemos entender xa o mundo da información (e por extensión a Biblioteca Escolar) se nos virarmos de costas á Internet. Aquel espazo pechado e silencioso ábrese nun abano multidisciplinar que engloba varias materias e non distingue os soportes. Denominamos estas novas bibliotecas Centros de Recursos e Aprendizaxe.

Se observarmos atentamente a demanda que lle facemos ao noso alumnado respecto da produción de textos, o resultado repártese entre textos de ficción, de non-ficción e orais nunha proporción claramente a favor dos primeiros, mentres que os últimos son apenas testemuñais. Pero a vida real (incluída a escolar) pídelles outro tipo de textos como son os descritivos, os expositivos e os argumentativos (exames, exposicións, sms…) polo que se produce un desaxuste entre o ensinado na aula e o demandado pola sociedade. A consecuencia disto é que os escolares, sumidos no descoñecemento de como abordar eses xéneros textuais e tendo ao seu alcance o inmenso océano de información que supón internet, desenvolven unha habilidade especial baseada no recorta-pega, a cal aplican en canta ocasión lles resultar posible, converténdoa nun hábito cada vez máis consolidado.

Ademais, todo isto sucede sen que se tomen medidas reais para o evitar, como poderían ser:

Cando solicitamos a resposta nun exame, nunha exposición oral, nunha investigación sobre un tema, nunha entrada nun blogue, etc, estamos solicitando :

Do libro de texto á Biblioteca escolar: PLAI

A principios do s. XX saber ler e escribir significaba recoñecer as letras e dicir as palabras en voz alta. Na segunda metade do mesmo século descubrimos que moitas persoas podían facer iso pero non comprendían o significado do que estaban a ler. Comezou, pois, un traballo de todos os gobernos mundiais dirixido á alfabetización funcional de toda a poboación en que comprender un texto significaba poder usar a información que este achegaba para as nosas vidas.

Coa chegada da Internet, xa non se trata só de descodificar, comprender e interpretar un texto, senón tamén de encontralo no inmenso océano de información que significa o novo medio, usando para isto certos procedementos que cómpre aprender.

Daquela, se hai que buscar información, estamos necesariamente dando por feito que dispoñemos na escola de recursos diversificados e variados para buscala, é dicir: un centro de recursos documentais destinados a formar lectores polivalentes capaces de utilizar con éxito calquera soporte documental. Isto é unha biblioteca escolar.


Segundo a Asotiation Library American, falar hoxe de alfabetización en información é: Ser quen de recoñecer cando se precisa unha información, de localizala, avaliala e usala de xeito eficaz
Non obstante, non abonda con contar cun centro dese tipo en cada colexio, senón que parece necesaria unha mudanza na cultura docente. De pouco vale dispormos de todos eses recursos se o uso que facemos deles segue as pautas da cultura docente máis tradicional, privilexiando as aprendizaxes memorísticas subministradas por un único libro de texto.

Precisamos, ademais, que todo este traballo, debidamente secuenciado e pautado, apareza plasmado dun xeito formal no Plan Lector e de Alfabetización Informacional de cada centro, para logo ser recollido nas diferentes concrecións curriculares de ciclo.

Segundo a ALA (Asotiation Library American, 1998), falar hoxe de alfabetización en información é: Ser quen de recoñecer cando se precisa unha información, de localizala, avaliala e usala de xeito eficaz.

Temos, xa que logo, o reto de formar o noso alumnado de modo que formemos a súa autonomía intelectual para toda a vida. O que significa desenvolver neles/as habilidades documentais que fagan posible o uso correcto de calquera soporte informativo, así como capacidades para aprenderen a utilizar consciente e construtivamente a información recollida, ademais de educar en valores e no traballo en grupo. (Mignault, 1979)

Precisamos unha concreción de obxectivos e tarefas educativas pautada en gradación de dificultade, etapa por etapa, ciclo por ciclo. Poden atoparse exemplos disto no traballo do autor citado anteriormente, pero hai máis modelos. Unha posible proposta que pode servir como folla de ruta é a que nós achegamos.

Imos facer un traballo sobre…

Esta frase se repite nas aulas cada vez con máis frecuenta. Pero, non habería antes que ensinar como se fai?

Un proxecto de traballo con base na «produción de monografías» (a partir do 3.º ciclo de Primaria), podería ser o seguinte:

Nestas idades, os rapaces teñen unha certa experiencia de todo canto vimos de citar, polo que será doado facermos un achegamento escolar baseándonos nos seus coñecementos previos. En moitos casos o que farán será ser conscientes das ferramentas que xa utilizaban e, noutros, aprenderán o uso produtivo de elementos coñecidos.

Resulta especialmente didáctica para o alumnado a demostración práctica da existencia de diferentes buscadores e a evidencia de que os resultados da mesma cadea de busca son diferentes.

Como enfrontarse á busca de información?

Diferentes autores, entre eles Winkworth (1977) e Tann (1988), téñense ocupado da xestión da información, a sinalaren as seguintes fases na procura documental:

  1. Saber cal é o tema.
  2. Acordar a forma que terá a tarefa final (monografía en papel, presentación electrónica, entrada nun blogue, mural…).
  3. Rescatar o que xa se sabel.
  4. Familiarizarse, se for necesario, co tema, achegándonse a lecturas que axuden a saber máis co fin de poder dar forma ao primeiro guión.
  5. Definir, con preguntas, o que cómpre saber.
  6. Anotar onde se poden encontrar as respostas (fontes escritas, electrónicas, orais, icónicas…).
  7. Abordar os documentos usando as habilidades expostas na epígrafe anterior, comezando desde os menos especializados até chegar aos máis complexos ou detallados (de enciclopedias a monografías).
  8. Elaborar, coa información obtida, as respostas ás preguntas formuladas inicialmente.
  9. Organizar xerarquicamente a información obtida (índice).
  10. Darlle á investigación a forma final de restitución acordada previamente que, en calquera caso, debe ter: Índice- desenvolvemento xerarquizado da investigación- Bibliografía.

Trátase de tres fases diferenciadas, mais relacionadas, que cómpre percorrer:

Nas fontes electrónicas é especialmente importante dotar os rapaces e as rapazas de recursos para valoraren a súa fiabilidade e pertinencia. Deste xeito, os escolares deben aprender a identificaren a autoría da fonte, valoraren a súa orixinalidade e coñeceren a actualidade desta, para o que lles ha resultar necesario localizaren a súa data de publicación.

Desafortunadamente, os rapaces manifestan unha tendencia grande a dar como boa calquera palabra que encontraren impresa, especialmente se estiver nunha pantalla. Adquire, daquela, especial relevancia educar o espírito crítico.

As vellas e as novas bibliotecas


Os documentos que encontramos nas bibliotecas tradicionais están alí despois de pasaren diferentes filtros de selección. Na rede, pola contra, as máis das veces a información non pasa eses controis. Somos as persoas usuarias quen debemos ter os coñecementos para testarmos a veracidade, a pertinencia ou a seriedade do que atopamos
Ao revisarmos algúns libros de texto e a súa actualización para se adaptaren á LOE e á Programación das Competencias, en moitos deles demos con actividades do tipo: Busca en Internet…

Cada vez que aparece, convén buscar se a proposta vén acompañada da didáctica que implica (e temos que dicir que ningunha das editoriais consultadas incluía esa didáctica).

As persoas usuarias sabemos que nas bibliotecas tradicionais (as de papel e ladrillo) os documentos que encontramos están alí despois de pasaren diferentes filtros de selección. Na rede, pola contra, as máis das veces a información non pasa eses controis. Somos as persoas usuarias quen debemos ter os coñecementos para testarmos a veracidade, a pertinencia ou a seriedade do que atopamos; todo ese material chegou alí só porque alguén o colocou.

Nace así a necesidade de incluír na didáctica da procura de información os criterios que ensinaren a distinguir a información do que non o é, alén de permitiren valorala criticamente segundo a súa procedencia. Por exemplo, unha web sobre «evolución humana» adquirirá valores distintos segundo o autor for católico, ateo, musulmán, hindú... ou se falar como científico, como político, como cidadán...

Os estudos desenvolvidos sobre como lemos na rede (nenos/as, mozos/as ou persoas adultas) din que o facemos dun xeito moi inocente: lemos en pantalla como se consultásemos un libro na biblioteca escolar ou municipal, deixándonos levar polos aspectos máis superficiais como o deseño, as cores, as imaxes... sen lle prestarmos atención ao que é verdadeiramente importante.

Realizar un exercicio sobre verificación de sitios web co alumnado, analizando algunhas das páxinas que máis asiduamente visitan, convértese ,deste xeito, nunha práctica documental moi produtiva. O seguinte cadro proporciona os criterios de valoración anotados por Frogg (2003) para identificar webs de calidade:

O alumando deberá ser consciente e ter en conta que os criterios que desaconsellan o uso dun espazo web son: a ocultación da autoría e das fontes, a falta de actualización, a mestura de información e publicidade e a presenza de erros no texto e/ou nos vínculos.

Todos e todas (nenos/as e maiores) estamos aprendendo a acceder á información e a convertela en coñecemento de xeitos diversos (e moitas veces complexos, xa que se manexan cantidades excesivas de datos). Traballamos pacientemente para convertermos esa información «fría» en coñecemento significativo, para sermos auténticos alfabetizados en información.

Sobre información e tecnoloxía


A tecnoloxía está presente na vida do alumnado de forma xeneralizada. Se a escola non asumir o papel de ensinar a seleccionar, contrastar, valorar e restituír eticamente, podémonos atopar coa realidade de que a xeración con máis posibilidades de acceso á información será a máis analfabeta no seu uso e tamén a menos crítica
Así pois, coa irrupción dos medios electrónicos nas escolas aparece unha nova necesidade na didáctica: incorporalos aos procesos de aprendizaxe coa finalidade de aproveitar ao máximo as posibilidades que ofrecen no acceso á información. Estes medios serán incorporados, daquela, á didáctica, xa que facilitan a construción do coñecemento.

A tecnoloxía está presente na vida do alumnado de forma xeneralizada. Se a escola non asumir o papel de ensinar a seleccionar, contrastar, valorar e restituír eticamente, podémonos atopar coa realidade de que a xeración con máis posibilidades de acceso á información será a máis analfabeta no seu uso e tamén a menos crítica.

Precisamente por esa presenza constante en todas as esferas, alén da aparente facilidade para acceder a ela, é urxente que a escola elabore respostas educativas:

Van usar a tecnoloxía. Será mellor que lles aprendamos a o faceren.

Bibliografía:

  • American Library Association ALA (1998) Final Report, Presidencial Committee on Information Literacy, Chicago.
  • CASSANY, D (2006) Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea. Barcelona, Anagrama
  • COBOS, L. Y M. ÁLVAREZ (2006) Guía práctica de acceso a la información: de la pregunta al documento. Madrid. Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
  • DURBAN, G. (2007) La biblioteca escolar como herramienta educativa. [http://www.bibliotecaescolar.info/actividades/galego.htm] < 7-05-11>
  • LERNER, D.(2001) Leer y escribir en la escuela: lo real, lo posible y lo necesario. México, Fondo de Cultura Económica.
  • MIGNAULT, M. (1979), Les chemins du savoir. La Pocatiére. Société du Stage de Bibliothéconomie de Le Pocatiéré
  • WRAY, D. & LEWIS,(2005) M. Aprender a leer y escribir textos de información. Barcelona, Morata
  • MILLAN, J.A.(2009) Hacia la escuela 2.0. Madrid, SM