DigitalWeek, tecnoloxía e inglés para o alumnado de 1ºESO

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza o programa formativo Digitalweek e o noso centro acadou a participación para 25 dos nosos alumnos e alumnas de 1ºESO.

Tras aplicar os criterios de selección, 25 deles xa están desfrutando dun campamento en réxime de internado onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa co obxectivo da mellora da competencia en lingua inglesa a través de actividades dixitais, así como actividades complementarias que promovan a actividade física e a socialización.

Simulacro de evacuación 2023

Vimos de celebrar o simulacro de evacuación do CPI de Cova Terreña.

Nun centro ao que asisten 451 alumnos e alumnas, 51 profesores e profesoras e 8 persoas do persoal de servizos, é máis que necesario estar preparados para calquera incidencia, ademais de dar cumprimento á normativa vixente.

En 3 minutos todas as persoas tiñan abandonado o recinto escolar en orde e seguindo as directrices fixadas polo plan de autoprotección e evacuación.

Nesta ocasión puidemos contar coa colaboración da Policía Local e do GES, quen pese aos limitados recursos persoais de que dispoñen atenderon ao noso alumnado. Moitas grazas!!!

22 de decembro, xornada de actividades e convivencia!

Este 1º trimestre do curso despedímolo cunha xornada de actividades e convivencia para todos e todas coa colaboración do alumnado de 4ºESO, a ANPA e o profesorado:

  • Obradoiro de maquillaxe para Ed.Infantil.
  • Obra de teatro, versión "Cuento de Navidad".
  • Discoteca con "badaladas fin de ano" e photocall.
  • Concerto do coro e de 5º e 6ºEd.Primaria.
  • Xincana deportiva para ESO e miniliguilla de fútbol e baloncesto.
  • Chocolatada a cargo da ANPA durante os recreos, tamén con biscoito!!

Coa implicación de todos e todas agardamos que o pasen moi ben!

Emisión en directo dos concertos e obra de teatro: 

https://eduxunta.webex.com/meet/isabel.cabaleiro

1ºPase: 09:40h Coro xuvenil, baile e teatro

2ºPase: 10:30h Teatro

3ºPase: 11:30h Coro xuvenil, baile e teatro

4ºPase: 12:20h Coro 5º e 6º Ed.Primaria, baile e teatro

 

25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres

O CPI Cova Terreña súmase ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Este venres 25 de novembro, o alumnado de todos os cursos de Educación Secundaria Obrigatoria participou no encontro "Canteira de Mulleres", organizado pola Deputación de Pontevedra e coordinado polo grupo de traballo Iguála-T do noso centro educativo. Durante as dúas sesións que se celebraron á mañá, os e as estudantes debateron abertamente a respecto dos conceptos de feminismo, igualdade e a nova masculinidade, un debate que deixou claro o rexeitamento de todo o noso centro contra calquera tipo de violencia que se exerza contra ninguén, nomeadamente contra as mulleres.

Ao comezo do acto, o alumnado de 3º ESO C representou unha performance de homenaxe a todas as mulleres que levan sufrindo violencia de xénero.

Jorge A., Saray B., Adrián C., Adrián G., Adrián G., Cecilia P. e Nathaldo R. converteron este día nunha xornada inesquecíbel.

 

 

Proxectos no centro 2022/2023

Proxectos nos que participa o centro educativo no curso 2022/2023

Plan Proxecta

  • Aliméntate ben: Ed. Infantil

  • Proxectos de vida actia e deportiva (PVAD): ESO

  • Clases sen fume: 1º ESO

  • MeteoEscolas: Todas as etapas do centro

  • Quérote+: 3º ESO

  • Aprendo programando: 2ºESO Programación

  • Apuntámonos a non beber: 2º e 3º ESO

Contratos-Programa Innova

  • EDU Innova

  • EDU Saúde

  • EDU Sostibilidade

  • EDU Calidade

Contratos-Programa Inclúe

  • Iguála-T

  • Convive-T 

  • Inclúe-T 

PROA+ Apoio na aula para 6º Ed.Primaria e 1ºESO

CUALE Modalidade A1 - 3ºESO

Seccións Bilingües (con auxiliar de conversa)

  • Primaria: Educación Plástica (3º e 4º)

  • ESO: Proxecto Competencial, Relixión, Programación e Cultura Clásica

Polos Creativos Programa de Innovación Educativa

Spring Week Inmersión Lingüística en Inglés para 3ºESO

Inmersión Lingüística MºEducación para o alumnado de 2ºESO

PLAMBE Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares

E-Dixgal 5ºEd.Primaria a 4ºESO

Club de Lectura Alumnado e Adultos (pendente aprobación)

MAGOSTO 2022

 

 

O NOSO MAGOSTO EN IMAXES

 

Grazas a toda a Comunidade Educativa pola súa colaboración e

participación nesta actividade. Foi un día fantástico!

 

Prema na imaxe para ver o vídeo

 

 

 

    ...

 

 

Trullada da castiñeira do alumnado de Ed.Primaria para TOD@S!!!

A rapazada de Ed. Primaria preparou unha trullada (canción típica galega) para toda a comunidade. Así íamos quentando motores para a celebración do Magosto!!!

 

Grazas á colaboración de Ana Rodríguez Dosouto, a nosa mestra de Música!.

Premios Innovagal, presentación de candidatura

O CPI de Cova Terreña presentou a súa candidatura aos Premios educativos Innovagal, premios convocados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Univ. para o recoñecemento das prácticas innovadoras nos centros educativos en distintas liñas temáticas:

  • Ámbito lingüístico e social.
  • Ámbito cientifico-tecnolóxico e matemático.
  • Escolas saudables e abertas á contorna.

Unha vez feita a análise do centro, este destaca nas tres liñas temáticas cunha participación en proxectos de innovación e recoñecemento con premios que foi medrando ao longo dos últimos 6 cursos académicos nos que os premios poñen o foco.

Así pois, co respaldo do Consello Escolar, o centro presentou a súa candidatura co proxecto que se adxunta.

Sexamos recoñecidos ou non co premio, para nós o premio é ver o nivel de implicación de todo o profesorado e a mellora na calidade educativa que podemos ofertar ao noso alumnado. Unha ollada á memoria descritiva presentada e ao Anexo IV, no que se recolle a valoración do noso proxecto (que acada a máxima puntuación), é unha reflexión que era necesaria para ver con perspectiva todo o que se leva traballado... Ademáis presentouse un sinxelo vídeo que acompaña á nosa candidatura.



Grazas a todos e todas por sumarvos e participar e unha mención especial a Dona Patricia Blanco, impulsora da iniciativa.

Un saúdo,
O equipo directivo.

Realización do simulacro de evacuación

Unha vez recuperada a normalidade (respecto das incidencias COVID) é preciso facer un simulacro de evacuación no centro educativo por varias razóns.

  • En primeiro lugar pola seguridade do noso alumnado e persoal que deben estar entrenados e preparados ante unha eventual circunstancia.
  • En segundo lugar para dar cumplimento á normativa vixente a cal obriga á realiación dun simulacro de evacuación durante o 1º trimestre.
  • E por último, debido aos cambios organizativos dos espazos, aulas, modificacións de uso, ...

 


Queremos e debemos agradecer a colaboración do GES Val Miñor e da Policía Local do Concello de Baiona e o seu gran valor profesional e humano.

Conexión entre edificios e pista deportiva arranxados

O centro segue a mellorar: agora os dous edificios están mellor conectados e a pista exterior está renovada.

Grazas ao Concello de Baiona por asumir esta obra tan necesaria para o centro.

O Cova Xornal

Xornal, xornal!!

O alumnado do centro preparou o seu xornal, resultado do traballo realizado pola conmemoración da Semana da Prensa.

Convidámosvos a lelo!

Novo Equipo de Mediación no C.P.I. Cova Terreña

NOVO EQUIPO DE MEDIACIÓN

O pasado 19 de novembro remataron a formación os novos membros do equipo de mediación do C.P.I. de Cova Terreña.

Onte, o novo Equipo de mediación do centro formado por 7 mediadores e mediadoras de Ed. Primaria e 8 mediadores e mediadoras de E.S.O. recibiron as camisetas e as chapas co logo de Mediación do centro nun acto ao que asistiu o Concelleiro de Educación de Baiona, D. Oscar Carreño que lles dirixiu unhas verbas.

Nuns días, este novo equipo de mediación pasará a presentarse e a deixar a orla polas aulas para que todo o alumnado do centro coñeza aos novos especialistas en Resolución pacífica de conflitos.

Esperamos que esta medida, en vigor dende o ano 2011, axude a mellorar a Convivencia no centro.

Parabéns a todos e a todas!!!

Plan de adaptación ao contexto COVID do centro

A situación actual da COVID na sociedade española pasou a un estado de "mitigación" segundo os expertos o que establece un novo procedemento de actuación ante a detección de casos positivos no alumnado/persoal do centro.

 

 

Podedes consultar o Plan de adaptación ao contexto COVID do centro e os documentos anexos nos ficheiros adxuntos a esta nova.

Este documento é froito dunha análise da situación e adecuación á realidade do centro realizada polo equipo COVID do centro.

As indicacións recollidas son de obrigado cumprimento para toda a comunidade educativa e usuarios das instalacións do centro.

Coa responsabilidade individual e colectiva de todos e todas faremos posible ter un centro seguro.

TODO PREPARADO!, ARRINCANDO MOTORES!

Estimada comunidade educativa,

Estamos deseando volver  vervos e por iso o Equipo Directivo estivo traballando nestes meses de verán para que esa volta sexa o máis segura posible, adecuando as aulas e os distintos espazos do centro á situación COVID na que, desgraciadamente, aínda nos atopamos.

Queremos agradecer desde aquí a axuda prestada polo profesorado, membros da ANPA e o Equipo COVID.

Cova Queda Na Casa: O mural xa está listo!

Estimada comunidade educativa,

Dende o equipo de Convivencia puxemos en marcha a actividade "Cova queda na casa" para poder vervos e seguir con vós preto na distancia. Coas fotografías recibidas mantivemos o "contacto na distancia" e puidemos compartir os momentos de estudo, de xogo, de saída á natureza, de lectura, o cariño pola lingua galega e os momentos en familia dos cales dan testemuña o mural exposto no centro e que nos lembra todo o esforzo e responsabilidade por parte de todos neste período.

Noraboa polo voso compromiso e colaboración durante todo este período de actividade non presencial.

Protocolo para entrega de boletíns de cualificacións, recollida e entrega de material e entrega de documentación para a formalización de matrícula 2020/2021

Estimadas familias,

Achégase o fin de curso e quedan aínda moitos trámites por realizar: recollida de material e entrega do que aínda está no centro, devolución de libros de texto e equipos informáticos de empréstito, recollida do boletín de cualificacións, recollida dos impresos para a formalización da matrícula e asignación de cita e formalización da matrícula (1 ao 10 xullo).

Para poder realizar todas estas xestións coa maior fluidez posible e a maior garantía de seguridade deseñamos un protocolo para o cal precisamos a súa colaboración.

Terán que vir ao centro en dúas ocasións. Primeiramente o día asignado segundo o curso co material a devolver (libros de texto, libros da Biblioteca ou do Club de lectura, equipos de empréstito do centro, mochilas viaxeiras,...) e recoller o material propio. Na conserxería do centro entregarase o boletín de cualificacións, documentación para a formalización da matrícula e asignarase cita para entregala.

16 xuño Novo ingreso   22 xuño 1º-3º Primaria
17 xuño 4º Ed.Infantil   23 xuño 2º-4º Primaria
18 xuño 5º-6º Infantil   25 xuño 2º-4º Secundaria
19 xuño 5º-6º Primaria   26 xuño 1º-3º Secundaria

Terán que voltar o día e hora asignado (entre o 1 e o 10 de xullo) para formalizar a matrícula: entregar os impresos cubertos e a documentación solicitada, e entregaráselle a axenda escolar do centro coa que este ano agasallamos a todo o alumnado.

Teñen máis detalle nos documentos adxuntos:

Non dubiden en consultar con nós calquera dúbida nos teléfonos 886120001 e 886120002 ou no correo electrónico cpi.cova.baiona@edu.xunta.es

Traballando de cara ao fin de curso, Informacións 3º Trimestre

Estimado alumnado e estimadas familias,

Sabemos do esforzo que toda a comunidade educativa está a realizar para que o alumnado continúe coa súa formación: alumnado, profesorado e familias.

Estes días ponse de relevo o importante que é a Educación e que só coa formación adecuada poderán ser uns profesionais de futuro que asuman difíciles retos coma os que estamos a vivir, dende a honestidade no traballo e a capacidade para afrontar, de xeito autónomo, escenarios nunca vividos.

Hoxe estamos a un mes do remate do curso, un curso atípico que nos está exixindo moito esforzo e colaboración por parte de todos e todas. E este esforzo debe manterse ata o fin de curso, o 19 de xuño. Temos que aproveitar este derradeiro mes para seguir aprendendo e afianzando coñecementos que nos permitan afrontar con maior garantía de éxito o vindeiro curso.

Animámosvos a seguir traballando diariamente e agardamos vervos moi pronto.

Aproveitamos para trasladarvos a seguinte información de interese:

  • Adaptacións Programacións Didácticas: na páxina web do centro 

  • Solicitude Fondo Solidario de Libros de Texto: 20/maio ao 19/xuño

  • Matrícula curso 2020/2021: 1 ao 10 de xullo

O cova queda na casa, pero seguimos pendentes de vós

“O Cova queda na casa” .

No CPI de Cova Terreña estamos a traballar arreo para que o noso alumnado poida continuar formándose coa calidade que merece. Estamos á disposición das familias, facilitando libros, material escolar funxible e material informático ao alumnado que así o precise.

Atendemos as peticións das familias nos teléfonos do centro (886120001-886120006- 886120004) en horario de 8:30h a 14:00h, e tamén no correo electrónico do centro: cpi.cova.baiona@edu.xunta.es

Contamos, tamén, coa colaboración do Concello de Baiona e dos servizos de Protección Civil, aos cales lles agradecemos a entrega dos paquetes que preparamos estes días para o alumnado de 1°Ed. Primaria cos cadernos de traballo e material necesario para seguir as clases dende as súas casas e salvagardando aos nenos e ás súas familias, evitando así numerosos desprazamentos.

Facédenos saber calquera necesidade escolar na que vos poidamos axudar ou poñédevos en contacto coa Concellería de Servizos Sociais no 986385926.

Sodes o noso motor e xuntos formamos unha gran familia. Queremos ver eses sorrisos pronto e seguir medrando con vos!!!

Unha gran aperta.

 Orientacións provisionais da Consellería de Educación

 

Convivencia: Cova queda na casa, mándanos as túas fotos

Estimada comunidade educativa,

A nosa separación vaise alongar un tempo, un pouco máis do previsto inicialmente e moito máis do que nos gostaría pois... xa vos botamos de menos!

Gustaríanos tanto saber de vós! Chamaríamosvos a todos por teléfono pero é imposible, fixádevos que paradoxo, non teríamos tempo abondo!!!

Pero... e se nos mandades unha fotografía do moito que estades desfrutando en familia e traballando decotío??

Instrucións: 

  • As fotografías remitiranse por correo electrónico a covaquedanacasa@gmail.com ou por WhatsApp ao teléfono móbil do centro 604070366.
  • As persoas que remitan e aparezan nas fotografías aceptan co seu envío que as mesmas sexan publicadas na páxina web do centro e nun mural que estará situado no centro e que todos poderemos ver á volta da normalidade.
  • O venres publicarase na web unha montaxe coas imaxes recibidas a disposición de toda a comunidade.
  • Esta actividade parte dunha idea do equipo de Convivencia para manternos "Preto na distancia".
Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031