Febreiro na biblioteca

O trimestre comeza coa gran exposición sobre a ilustración e ilustradores en Galicia. Coa colaboración de diversas editoriais que nos prestan os libros, montamos unha expo na biblioteca con máis de cen libros e álbums ilustrados. Acompáñana cincuenta cadros con ilustracións orixinais cedidos pola editorial Xerais, nove pósters elaborados por nós con información sobre as editoriais galegas e unha escolma de ilustradores actuais. Tamén se elaborou unha guía didáctica para traballar nas visitas e un cartel con información sobre as saídas laborais que ofrece o mundo editorial. A exposición tamén se traballa nas clases, asi, o alumnado de primeiro ESOe do club de lectura leu "Os megatoxos" e disfrutarán dun taller de ilustración co autor da obra, Anxo Fariña. O alumnado de primeiro bach. terá unha sesión co escritor-editor Francisco Castro, que versará sobre a edición do libro ilustrado e as novas formas de edición. Aínda en negociacións, pero pode que aínda haxa algunha sorpresa relacionada coas visitas. 

Por outra banda, o centro anda revolucionado co novo concurso matemático, que esta vez inclúe un concurso de relatos matemáticos ademais dos problemas de enunciado longo que xa están colgados na aula virtual, outra das novidades este curso,  conxugando lectura, matemáticas e TIC.

Tamén, desde os plans de lectura dos departamentos, neste caso o de Inglés, segue coas súas actividades, e aos contacontos do trimestre pasado se uníu a actuación do grupo de teatro Clever Pants, que representou a obra en inglés School's Out, para 3º e 4º.

No mes de febreiro, os mozos dos clubs de lectura de 1º e 2º, xunto co grupo 2º C, compartiran unha sesión co escritor Xabier P. Docampo, do que previamente leron e prepararon dúas obras: Cando petan na porta pola noite e O pazo baleiro.

Tamén nos visitará Carlos Negro e a súa Makinaria, esta vez para o club de lectura de maiores e para alumnado de 4º.