Actividades

Sobremesa sobre versos

Nesta ocasión xuntáronse os dous grupos de membros do Club de Lectura, o dos de 1ºESO e 2ºESO e os de 3ºESO e 4ºESO para comentar o último libro de Raquel CastroSobremesa sobre versos, acompañados pola ex-profesora do centro Ana López.

Esta sesión serviu, ademais de para compartir impresións e pasalo moi ben nunha xuntanza conxunta, para preparar a intervención dos e das integrantes do Club de cara á visita da escritora o próximo mes de abril.

Sen dúbida a mellor maneira de clausurar o traballo deste trimestre!

Máis detalle sobre a actividade no Blog do Club de Lectura.

Primeiras lecturas do ano do Club de Lectura

O Club de Lectura do centro comezou o novo ano con moita actividade, propoñendo durante a Hora de Ler a lectura de Persépole de Marjane Satrapi o martes 9 de xaneiro para o alumnado de 3º ESO a 1º Bacharelato do Club. Desta volta, a lectura compartida correu a cargo da profesora Maruxa Gesto, quen axudou a comprender mellor o difícil mundo do Irán da infancia da autora.

Tan só unha semana máis tarde, foi a vez dos máis pequenos e pequenas do Club. O martes 16 de xaneiro,a profesora coordinadora Marisol Mariño gozou cos lectores
de 1º ESO e 2º ESO dunha conversa moi entretida sobre Astérix. O lirio branco, o derradeiro da serie. Con esta lectura volvemos aos divertidos personaxes dos que xa coñeciamos outras aventuras.

Moito nos tarda xa a seguinte sesión do Club de Lectura!


Primeiras sesións do Club de Lectura

O Club de Lectura do centro levou a cabo dúas sesións de encontros literarios no primeiro trimestre.

A primeira tivo lugar o luns 13 de novembro aproveitando a hora de ler e foi coordinada polo profesor Damián Súarez. A lectura escollida para o alumnado do club de 1º ESO e 2º ESO foi A avoa gánsterde David Walliams. Falaron de moitos aspectos do libro e en xeral gustoulles moito porque é moi divertido.

A segunda sesión ía destinada para alumnado de máis idade e con maior experiencia lectora e desenvolveuse durante a hora de ler do martes 28 de novembro. Nesta ocasión, o libro escollido foi Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, e a profesora coordinadora foi Mer Pérez. A través desta lectura complexa o alumnado tivo ocasión de debater sobre temas de plena actualidade.

Axiña novas citas co Club de Lectura!

 

Febreiro na biblioteca

O trimestre comeza coa gran exposición sobre a ilustración e ilustradores en Galicia. Coa colaboración de diversas editoriais que nos prestan os libros, montamos unha expo na biblioteca con máis de cen libros e álbums ilustrados. Acompáñana cincuenta cadros con ilustracións orixinais cedidos pola editorial Xerais, nove pósters elaborados por nós con información sobre as editoriais galegas e unha escolma de ilustradores actuais. Tamén se elaborou unha guía didáctica para traballar nas visitas e un cartel con información sobre as saídas laborais que ofrece o mundo editorial. A exposición tamén se traballa nas clases, asi, o alumnado de primeiro ESOe do club de lectura leu "Os megatoxos" e disfrutarán dun taller de ilustración co autor da obra, Anxo Fariña. O alumnado de primeiro bach. terá unha sesión co escritor-editor Francisco Castro, que versará sobre a edición do libro ilustrado e as novas formas de edición. Aínda en negociacións, pero pode que aínda haxa algunha sorpresa relacionada coas visitas. 

Por outra banda, o centro anda revolucionado co novo concurso matemático, que esta vez inclúe un concurso de relatos matemáticos ademais dos problemas de enunciado longo que xa están colgados na aula virtual, outra das novidades este curso,  conxugando lectura, matemáticas e TIC.

Tamén, desde os plans de lectura dos departamentos, neste caso o de Inglés, segue coas súas actividades, e aos contacontos do trimestre pasado se uníu a actuación do grupo de teatro Clever Pants, que representou a obra en inglés School's Out, para 3º e 4º.

No mes de febreiro, os mozos dos clubs de lectura de 1º e 2º, xunto co grupo 2º C, compartiran unha sesión co escritor Xabier P. Docampo, do que previamente leron e prepararon dúas obras: Cando petan na porta pola noite e O pazo baleiro.

Tamén nos visitará Carlos Negro e a súa Makinaria, esta vez para o club de lectura de maiores e para alumnado de 4º.

Poñéndonos en marcha

Durante este trimestre poñemos en marcha diversas actuacións coas que tratamos de seguir fomentando a lectura, pero tamén pretendemos avanzar na axuda ao desenvolvemento dos distintos proxectos que se poñen en marcha no centro. Os clubs de lectura xa botaron a andar, este curso coa participación de 50 mozos e mozas. Temos tamén prevista a visita dos autores dos libros que están a ler: Carlos Negro e Xavier P. Docampo. No edio da colaboración cos departamentos está prevista a visita de Mario Pereira, autor de Contos para Manuela, obra que len dous grupos de 1º ESO. Tratando de afondar na busca de información e uso das novas tecnoloxías, acabamos de poñer en marcha un concurso de reportaxes (podedes consultar as bases nos carteis que hai polo centro)

Seguiremos informando das actividades que estamos proxectando pero que aínda non teñen data: recitais de poesía, literatura musicada e exposición sobre a ilustración.

Abril mes dos libros

VISITAS DE ESCRITORES

  • Mércores 21, de 10,45 a 12,15: visita do escritor Francisco Castro, que terá unha xuntanza co alumnado de antropoloxía e ética e filosofía do dereito. Tamén conversará co alumnado de 2ºE e co club de lectura de 1º da ESO sobre os libros Un bosque cheo de faias e Chamádeme Simbad.
  • Venres 23, ás 9,30: visita do escritor Miguel Vázquez Freire. Conversará co alumnado de 4ºA e 4º diversificación sobre o libro Anxos en tempos de chuvia.
  • Mércores 28, ás 9,30: visita do escritor Antón Riveiro Coello para unha xuntanza con todo o alumnado de 1º Bach. arredor do libro As rulas de Bakunin.
  • Xoves 6 MAIO, 12,30: visita do escritor Breogán Riveiro. Conversará co alumnado de 1º ESO B/E sobre o libro Tonecho de Rebordechao.

EXPOSICIÓNS

  • Urbi et orbi: exposición de libros de autores galegos traducidos a outras linguas. Dende o día 19 de abril. A exposición (paneis e libros) foi cedida polo IES Maria Soliño. Acompañaremos a exposición cunha mostra de libros traducidos ao galego. Poderase ver na biblioteca.
  • E ti para que les? A partir do día 20 polos corredores da planta baixa. Exposición realizada polo conxunto das bibliotecas escolares galegas. Diversos personaxes da cultura, política, deportes, etc... dannos a súa resposta a esa pregunta. Tamén respostaron os responsables das bibliotecas escolares. Esta exposición é aberta, polo que calquera que queira figurar nela pode recoller un cartel de resposta na biblioteca. Os carteis foron deseñados por Jaime Eizaguirre.
Distribuir contido