Diario da semana branca Valgrande - Pajares, 14 a 19 de xaneiro de 2024

Outro ano máis na neve!!!

Aprendendo que o cambio climático é unha realidade incuestionable: tan só tres días de neve e marchando aos poucos a acumulada da semana anterior. O medio natural é incerto e sabemos que pode acontecer, pero nos últimos anos… que imos contar que non esteamos vendo a diario! Malia todo, iamos con recursos e alternativas preparadas que conseguiron que o alumnado gozase e aprendese, tanto no medio natural como no medio urbano.

 

DÍA 1

Chegada eufórica, coma sempre, e ilusionados polo deporte descoñecido. Proba do material e a aparente incomodidade inicial das botas. Subida ás pistas a primeira hora (9.00 am.) no “ovo”, un telecadeira para oito persoas dende onde gozamos da paisaxe subindo á cota máis alta da estación (Cuitu Negru: 1862 m), fronte ás coñecidas Tres Marías (1964 m na montaña central leonesa).

 

Primeiras clases (2 horas) co profesorado técnico especialista da estación. Ao rematar, ás 11.00 am. continuamos co esquí libre ata a hora de comer (13.00 pm.). Xa de tarde continuamos esquiando ata que nos botaron da estación sobre as 16.15 para contemplar a paisaxe de novo no “ovo”. Mágoa que na última media hora xorde un accidente típico dunha actividade de risco como é o esquí e temos o primeiro e único lesionado: subluxación de xeonllo (non tan grave como inicialmente parecía, pero sen posibilidade de seguir esquiando).

Antes de ir ao albergue, o resto do alumnado aproveita para unha típica actividade nesta saída: esvarar por unha ladeira próxima coas “tixolas de neve”: diversión asegurada e loucuras e tolerías sen apenas máis risco que enzoufarse pola neve cando nos desequilibramos e caemos.