O Entroido vigués: o Merdeiro

Dando inicio á celebración do Entroido no noso centro, parte do alumnado de 1ºESO puido deleitarse o luns 29 de xaneiro coa visita dun personaxe histórico típico do entroido tradicional de Vigo: o Merdeiro.

Grazas á intervención dun membro da Asociación Etnográfica A Merdeira, tivemos acceso a unha charla explicativa sobre a figura do Merdeiro. Ademais, visualizouse o documental “O Merdeiro: a recuperaçom”. Xa nunha segunda parte da intervención, explicáronse as normas de comportamento co Merdeiro e rematamos cunha caracterización real do personaxe na que parte do alumnado se vestiu e interactuou co resto dos compañeiros alí presentes tal e como se fai durante o Entroido vigués.

 

Castrelos científico

Continuamos co proxecto do Club de Ciencias que realizamos en conxunto co IES Álvaro Cunqueiro, onde estudamos as especies de liques en diferentes áreas verdes de Vigo.

Tras facer a identificación no parque da Bouza, o luns 29 de xaneiro seguimos coñecendo a contorna máis inmediata dende un punto de vista científico: estudamos os liques presentes no parque de Castrelos. Con isto pretendemos comparar as especies atopadas nas diferentes zonas, porque son organismos que se utilizan como bioindicadores da contaminación atmosférica e así obter información sobre o estado da calidade do aire de Vigo.

 

Contos a dúas voces

Como xa vén sendo tradición no noso instituto, o luns 29 de xaneiro, o alumnado de 1º Bacharelato asistiu a unha nova sesión de contacontos en inglés e galego da man de Charo Pita e Alice Fernbank.

Dende lendas tradicionais celtas até historias de Oriente, a doce voz escocesa de Alice levounos moi lonxe, até as terras das fadas ou ás tribos de África. Ao seu carón, Charo ía traducindo e interpretando cun galego preciso e cheo de matices uns contos que por veces remataban cun final feliz, por veces facíano de maneira aberta e mesmo nos deixaban noutras ocasións con puros dilemas inesperados.

Interesantísima posta en escena, sinxela e poderosa a un tempo, que conseguiu unha vez máis captar a atención de todos e todas, recoñecendo este tributo á tradición oral.

En definitiva, todo un pracer para os sentidos poder saborear en inglés e galego esta recreación da tradición narrativa universal.

58/886 Mulleres Nóbel

Toda a comunidade educativa do IES Alexandre Bóveda puido gozar dende o luns 15 até o venres 26 de xaneiro da exposición coordinada por Almudena Suárez Cerviño e Raquel Fernández Fidalgo58/886 Mulleres Nóbel”.

A través de varios paneis con biografías e retratos realizados por parte do alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato do IES Mendiño durante o curso 2021/2022, puidemos comprobar a enorme desigualdade existente entre homes e mulleres tamén á hora de recoñecer o avance no coñecemento: tan só 58 mulleres premiadas dende o inicio dos premios Nóbel en 1901 até a actualidade fronte aos 886 homes galardoados.

Grazas a esta iniciativa que conseguimos traer ao noso centro grazas á intermediación do Departamento de Relixión coordinado co Club de Ciencias e o Comando Igualdade, aspiramos a poder conseguir unha sociedade realmente igualitaria onde todas e todos teñamos as mesmas oportunidades.

Shrek para os colexios adscritos

O venres 26 de xaneiro o alumnado de 6º de primaria dos colexios adscritos (CEIP Plurilingüe Seis do NadalCEIP BalaídosCEIP Illas Cíes e CEIP Virxe do Rocío) realizou a primeira das visitas programadas para ir tomando contacto co noso centro xa ao longo deste curso.

Desta volta, unha experiencia enriquecedora a dobre banda, xa que o alumnado de 1º bacharelato artístico tivo a oportunidade de volver interpretar O Nadal de Shrek para o que aspiramos sexa o noso novo alumnado o vindeiro curso 2024 / 2025.

 

Debate e oratoria

Na materia de Proxecto Competencial, algúns grupos de 2º ESO están traballando a arte do debate. Para aprender un pouco máis, o xoves 25 de xaneiro recibimos a visita  de dúas integrantes do Club Debate Compostela, vinculado á Universidade de Santiago de Compostela. 

Candela Estévez García e Sara Otero González explicaron as características e modalidades do debate competitivo e os beneficios da súa práctica. Finalmente, o alumnado aplicou o aprendido nun exercicio práctico de argumentación.

The Best Magic Trick in the World

O alumnado de 3º ESO gozou na xornada do xoves 25 dunha sesión de maxia en inglés da man de Magia en la Manga e a súa función “The Best Magic Trick in the World”.

Dende China ata Escocia, nun percorrido polos mellores trucos de maxia do mundo e coa colaboración do alumnado voluntario, participamos dunha experiencia orixinal e moi divertida. Entre panos que cambiaban de cor, cordas que traspasaban aneis metálicos, taboleiros que debuxaban sós ou espirais hipnotizantes que nos deixaron abraiados, o tempo detívose.

Cando por fin volvemos á realidade, aplaudimos con agradecemento por esta xornada tan “máxica”. Sen dúbida, o nivel do espectáculo (decorado, música...) e o fantástico inglés de Carlos Tomico transmitíronnos ilusión por seguir a aprender a comunicarnos e entender outras linguas e culturas.

Obradoiro de baile: Mamma mia

O xoves 25 de xaneiro o alumnado de 2º bacharelato artístico tivo a fortuna de participar nun obradoiro de baile impartido polo ex-alumno do centro e profesor de baile urbano Bruno Orosa Aldrey.
Durante este tempo, o alumnado puido comezar a perfeccionar algúns números coreográficos do musical proxecto fin de curso Mamma mia.


 

Diario da semana branca Valgrande - Pajares, 14 a 19 de xaneiro de 2024

DÍA 4

Criamos que no cuarto día tamén poderiamos esquiar pero, a primeira hora da mañá, confirmáronnos o peche da estación, polo que botamos man das actividades alternativas e fomos visitar o Museo da Minería en San Vicente (El Entrego). Interesante actividade que nos amosou a dureza das condicións da clase traballadora e a loita das mulleres por acceder a un mercado laboral que as discrimina (Concepción Rodríguez Valencia).


Comemos de pícnic (preparado polo albergue) e fixemos unha xincana cultural urbana polo barrio vello de Oviedo (estivemos coma na casa, moita chuvia). Chegamos ao albergue, non sen antes facer unha camiñada polo monte para gozar da serra asturiana (mágoa de néboa, todo quedou reducido á andaina). Despois fomos ver unha pequena fervenza próxima ao albergue.


DÍA 5

O parte meteorolóxico inicialmente era bo. Ainda que nevara á medianoite, de madrugada o tempo complicouse: moito vento e choiva, os grandes inimigos para que a neve se asente e coa axuda dos canóns de neve artificial se poidan configurar as pistas. A primeira hora (7.30 am.) confirmáronnos de novo o peche das pistas.

Organizámonos e saímos con tristura (nese momento nevaba abondo) cara a Xixón para facer a derradeira visita cultural ao fantástico
acuario Biopark, que teñen fronte ao mar.

Despois da visita guiada camiñamos polo paseo da Praia de Poniente cara ao barrio pesqueiro deCimadevilla (pasando pola estatua de Pelayo e o monumento coñecido como “Árbore da sidra”). Demos tempo libre para pasear polo antigo barrio pesqueiro onde puidemos ver a famosa escultura de Eduardo Chillida “Elogio del horizonte” no Cerro de Sta. Catalina.

Regreso a Vigo en autobús e chegada tres horas antes do previsto: ás 21.15.

O mellor da viaxe: o comportamento, a implicación e a comprensión do alumnado. Por todos os lugares que pasamos, o comentario foi unánime: que bo grupo traes e que ben se portan!!! Coincidimos plenamente en que había tempo que non levabamos un grupo tan bo á neve.

Grazas por poñérnolo fácil! Así da gusto!!!

Profesorado de educación física de 1º BACH. 

 

Diario da semana branca Valgrande - Pajares, 14 a 19 de xaneiro de 2024

DÍA 2

Empeora o tempo pero non nos impide seguir coa a actividade principal: o esquí.

Superado o descoñecemento inicial e as caídas, o alumnado empeza a darse de conta que poden desprazarse sen caer e controlar o que fan no descenso, xirando en cuña.

Aínda non pechan as pistas pero complícase o descenso dos que xa viñan sabendo esquiar (calvas e xeo nas pistas), aínda que seguen gozando da experiencia sen moita complicación. Os demais nin se dan de conta: seguen gozando e aprendendo. A pesar de que se comeza a notar o cansazo, despois da xornada de esquí algúns optan por volver esvarar coas tixolas con choiva e todo.

Pola noite, o de sempre: as veladas!!!

DÍA 3

Comeza o peche das pistas altas (algo esperado segundo o parte meteorolóxico consultado) por mor do vento e a choiva que non deixan que a neve se manteña. Aínda así, pódese esquiar e percibir a grande evolución do alumnado nos seus descensos nas pistas baixas. Mesmo os poucos que estaban desanimados e bloqueados, pensando que non ían aprender ao remate da xornada anterior, rematan controlando o que fan 
e limitan as súas caídas ao mínimo, grazas ao labor individualizado do profesorado técnico de esquí.

 

Distribuir contido