Coruña científica

O pasado xoves 7 de marzo, o alumnado do itinerario científico de 2º Bacharelato chegamos ás 12:10 á cidade da Coruña. Aínda que tivemos unha viaxe con moita chuvia, o tempo acabou acompañándonos ao longo de todo o día, feito que facilitou o bo aproveitamento da saída.

En primeiro lugar. visitamos o Muncyt, museo de ciencia e tecnoloxía. Unha vez rematada a visita, na que o alumnado participou nun obradoiro de cine e ciencia, saímos para comer no centro da cidade.

Visitamos tamén a exposición Helmut Newton - Fact & Fiction e a continuación a exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia. El ruido del tiempo da que é comisario o profesor do centro José Luis Varela, gozando deste xeito dun guía de luxo.

Compartimos así un día estupendo co noso alumnado fóra do ámbito estritamente académico antes de nos meter de cheo no derradeiro trimestre do curso.

Torneo de Virus

Tal e como anunciaramos hai semanas, dende o 26 de febreiro até o 5 de marzo de 2024, celebrouse durante os recreos o torneo de Virus.

Foron momentos de xogo con amigos e amigas vividos con moita emoción que nos levaron nun suspiro á gran final do martes 5.

Quedamos vacinados por un ano, deica a próxima edición!

 

Charlas nos colexios adscritos

Dende o 1 de febreiro até o 5 de marzo de 2024, algúns alumnos e alumnas de 1ºESO tiveron a oportunidade de volver aos seus coles de primaria.

Alí puideron falar co alumnado de 6º de primaria que se incorporará ás nosas aulas o próximo curso, contarlles a súa experiencia e os cambios vividos estes meses. Moitos foron os que se animaron a preguntarlles polas novas materias, o profesorado preferidos, a comida máis rica da cafetería, como se organizan os recreos, as festas...

O noso alumnado, xa veteranos, estivo encantado de resolver as dúbidas e poder apoiar neste cambio de etapa.

Unha preciosa experiencia que contamos con instaurar como unha nova tradición do noso instituto.

Degustación de plantas comestibles

O pasado luns 4 de marzo o alumnado do Club de Ciencias fomos ao laboratorio do IES Álvaro Cunqueiro.

Alí agardaban por nós Patricia Puga e o Club de Ciencias do outro instituto; xuntos puidemos facer unha degustación de diferentes receitas con plantas comestibles que aprenderon a identificar nunha saída anterior pola contorna.

Vimos como se elaboraban algunhas das receitas, como os zumes, e anotamos algúns consellos para podermos incorporalas nos nosos menús cotiáns.

Probas avaliación diagnóstico

Os vindeiros días 10 e 11 de abril terán lugar as probas de avaliación de diagnóstico para o alumnado matriculado no curso de 2º ESO, en cumprimento da nova lei educativa estatal. 

Información para as familias

Falemos da ABAU

A Universidade da Coruña (UDC) elaborou uns vídeos explicativos, Falemos da ABAU, que poden ser de utilidade para o alumnado de 2º de Bacharelato que se vaia presentar ás probas da ABAU.

Parte I: Contexto da ABAU

Parte II: Proba de acceso

Parte III: Proceso de admisión

Bolsas para alumnado que curse estudos postobrigatorios

Está aberto o prazo para solicitar bolsa para os estudos postobrigatorios ata o 10 de maio, ás 15.00 horas.

A tramitación só é electrónica, a través de Internet: https://sede.educacion.gob.es/sede/login/inicio.jjsp?idConvocatoria=2076

Anuncio da convocatoria

Convocatoria xeral 2024-2025

Información e acceso á tramitación electrónica

 

Crêpes La Marinière

O pasado luns 4 de marzo o alumnado de francés de 2º ESO a 2ºBacharelato participou nun obradoiro de crêpes, actividade realizada polo Departamento de Francés.

O alumnado tivo a oportunidade de coñecer a cultura bretoa da man de Jérémy Thomas e a súa gastroteca ou foodtruck La Marinière, ademais de poñer en práctica a lingua francesa, degustar e cociñar a súa propia crêpe. Délicieuses!

A actividade foi todo un éxito grazas tamén á excelente actitude e comportamento do alumnado.

 

Monstros

O Departamento de Orientación organizou o pasado venres 1 de marzo unha saída á Sala Ártika para que o alumnado de 1ºESO puidese asistir á representación de Monstros da Compañía Produccións Teatrais Excéntricas.

Esta obra foi escollida para tratar o tema da aceptación da diferenza e a superación dos medos e prexuízos. Monstros parte da base de que aprendendo a aceptar as nosas propias “monstruosidades”, tamén aprenderemos a aceptar as dos demais. E se o podemos facer todo dende unha clave humorística, moito mellor.

Distribuir contido