Mamma mia!

O pasado xoves, 4 de abril, estreouse, no salón de actos do IES Alexandre Bóveda, o musical MAMMA MIA!, adaptación do coñecido musical baseado nas cancións do grupo sueco ABBA. A el asistiu o alumnado de 3º ESO e parte do de 1º BACH E. O 5 de abril realizaouse un pase para as familias, que encheron o salón de actos. Só un día despois, o 6 de abril, facíanse exactamente 50 anos do triunfo do grupo ABBA, no festival de Eurovisión do ano 1974, coa canción Waterloo

O espectáculo escénico foi escollido polo alumnado de 2º BACH de artes escénicas e musicais do noso centro, como proxecto de fin de curso das materias de artes escénicas e coro e técnica vocal, coordinadas, respectivamente, polas profesoras Beatriz Varandas e Marta Barreiro. Eles e elas foron os responsables do deseño da totalidade do musical (dirección, interpretación, posta en escena, escenografía, tradución de cancións ao galego -cantadas en directo-, coreografías, luces e efectos sonoros, cartelería, fotogrfía, difusión...). Por orde alfabética, participaron: Adrián B., Adrián P., Alba M., Alba P., Alejandro G., Alejandro I., Aline, Claudio, Elena, Ginés, Helena, Izan, Joel, Karol, María, Martina, Mikaela, Sarai, Sofía, Tania e Valeria.

Os nosos parabéns polo gran traballo que se demostrou enriba do escenario! Nós gozámolo a tope como público!!!!

 

[Poden ver a estrea premendo na seguinte ligazón: Mamma mia!]

 

 

Bacharelato artístico: Madrid

Parte do alumnado do bacharelato artístico do primeiro curso fixo unha viaxe a Madrid centrándose no aspecto máis escénico e estético da cidade dende o martes 2 deica o venres 5 de abril.  

Comezando cunha visita libre polo centro, dedicaron a mañá do segundo día a facer un percorrido pola arte europea dende o século XIV até o XX, explorando as obras máis relevantes da colección do Museo Nacional Thyssen-Bornemizsa. O alumnado estivo moi interesado e fixo moitas preguntas á guía.

Xa de tarde coñeceron no corazón de Malasaña a experiencia do microteatro, un espazo dedicado a este formato nacido en Madrid hai unha década, realizando un pequeno obradoiro para entender mellor as súas características e asistindo a catro funcións.

Na terceira xornada visitaron o Parque Warner e na derradeira fixeron unha interesante visita ao Teatro Real.

Estamos seguras de que esta bagaxe cultural  deixará un pouso de recursos do que alumnado tirará bo proveito.

Viaxe fin de etapa 4º ESO: Madrid

O alumnado de 4ºESO realizou a viaxe de fin de etapa a Madrid dende o martes 2 ao venres 5 de abril.

Pasárono fenomenal visitando Segovia e algúns dos puntos máis emblemáticos do centro da capital, o Parque do Retiro, o Museo Centro Nacional de Arte Reina Sofía ou o teatro Albéniz onde puideron ver o musical inspirado na novela gótica A pantasma da ópera de Gaston Leroux.

Xa na segunda metade da viaxe chegou un dos momentos máis esperados cando visitaron o Parque Warner e o Parque de Europa.

Tanto o profesorado coma os monitores acompañantes quedaron encantados coa actitude do alumnado participante, así que desexamos que a lembranza desta viaxe perdure nas súas memorias por moitos anos.

Vigo en inglés 2024-2025

Xa está aberto o prazo para que o alumnado de 3º ESO poida solicitar o programa "Vigo en inglés". O prazo de presentación de solicitudes é do 8 ao 19 de abril, ambos os dous incluídos. 

 

Máis información na páxina do Concello: Vigo en inglés

Antía Álvarez, faro da igualdade científica

Comprácenos compartir con toda a comunidade do IES Alexandre Bóveda o éxito da ex-alumna da promoción 2017/2018 Antía Álvarez Pazó, sinalada pola Cátedra Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo (Uvigo) e a Deputación de Pontevedra como referente de excelencia científica en grao e máster xunto con outras tres mozas.

Con toda seguridade o exemplo de Antía servirá como impulso para que cada vez máis alumnas se vaian sumando ás carreiras e profesións científicas.

Bacharelato social: Bilbao - Atapuerca

Pouco despois de rematar a segunda avaliación, o alumnado dos itinerarios social e humanístico de 1º bacharelato puido facer unha viaxe polo norte español coa que centrarse tanto nas creacións humanas máis modernas coma nas máis antigas, ademais de poñer en valor a riqueza paisaxística do territorio.

Algúns dos lugares máis relevantes visitados polo noso alumnado foi Frómista en Palencia, e a igrexa de San Martiño. Xa en Bilbao, fixeron unha visita autoguiada polo museo Guggenheim en Bilbao, ademais de coñecer con detalle a relevancia arquitectónica da ponte de Biscaia, a estrutura metálica máis antiga do mundo.

Chegados ao mércores 20 de marzo, visitaron Zumaia e a súa praia, Gernika e o Museo da Minaría do País Vasco en Gallarta.

O xoves 21 foi o día dedicado ao xacemento arqueolóxico de Atapuerca, aproveitando a tarde en Burgos onde ademais de visitar a catedral, houbo tempo para facer unha visita guiada pola Cartuxa de Miraflores.

Iniciado xa o regreso, na última xornada aínda houbo ocasión de visitar o Museo da Evolución Humana e a vila romana de La Olmeda.

Unha semana do máis aproveitada!

Bacharelato científico: norte cantábrico

O alumnado do itinerario científico de 1º bacharelato realizou unha viaxe polo norte cantábrico a semana previa ás vacacións.

Comezando o itinerario polo parque eólico da Farrapa, a primeira xornada estivo centrada en dúas praias: a das Augas Santas ou Catedrais e a praia de Colunga ou La Griega, onde presenciaron o famoso xacemento con pegadas de dinosauros.

Xa en Cantabria, foron ás covas do Soplao, de gran valor xeolóxico, e ao parque da natureza de Cabárceno.

O terceiro día foi o escollido para visitar en Burgos o xacemento arqueolóxico de Atapuerca, ademais do Museo da Evolución Humana.

E xa no camiño de volta, houbo unha visita a Ponferrada e a Fábrica de Luz - Museo da Enerxía.

Seguro que o noso alumnado volta das vacacións coas pilas recargadas para encarar o derradeiro tramo do curso.

Distribuir contido