Concertos pop rock internacional

O venres 22 de marzo pechamos o trimestre con dúas actuacións de pop rock internacional do Grupo de Música, dirixido pola profesora Judith.

Primeiro fomos ao CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e, a continuación, ao IES Álvaro Cunqueiro onde colaboramos co Coro do centro.

O público quedou encantado de poder gozar de boa música e o noso alumnado moi ilusionado de ver como o seu proxecto musical vai enriquecéndose con novas experiencias.

Visita á ESADg

O mércores 20 de marzo, o alumnado de 1º e 2º BACH de artes escénicas e musicais visitou a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), onde asistiu a un ensaio xeral da peza teatral titulada Recordari, creada e desenvolvida polo alumnado de 4º curso da ESADg a partir do obradoiro integrado de interpretación, escenografía, dirección de escena e dramaturxia. 

Ao remate da representación, o alumnado da ESADg compartiu ideas e experiencias sobre o proceso creativo que xerou a obra. Deste xeito, os asistentes puideron coñecer de preto como se xesta e desenvolve un proxecto teatral.

Free tour Vigo

Rapazada de 2ºESO gozou do Free Tour Vigo by Borja Concheiro polo Centro Histórico en lingua inglesa o martes 19 de marzo de 2024.

O Departamento de Inglés organizou esta saída que tiña como obxectivo, entre outros, fornecer o estudantado cunha experiencia de inmersión lingüística e así expandir as súas competencias en lingua inglesa.

Divididas e divididos en tres grupos con cadanseu guía, fomos en diversas rutas descubrindo episodios interesantísimos da nosa cidade, como a batalla de Rande, a orixe da toponimia e nomes do rueiro ou características e anécdotas de determinados edificios, como a casa de Arines, o edificio máis antigo da cidade, ou a imprenta de Juan Compañel onde Rosalía publicou Cantares Gallegos.

O alumnado tivo un comportamento excelente e prestou moita atención. Ao rematarmos a primeira actividade, fíxemos ademais un concurso de vocabulario bilingüe galego-inglés tomando como temática o urbanismo do Centro Histórico. Rapazas e rapaces participaron con entusiasmo e recibiron lambetadas como premio na volta ao centro educativo.

Unha mañá para abrir as cabeciñas e airealas neste comezo de primavera. Esperamos poder repetir esta experiencia os próximos cursos!

Papés d'emprenta condenada

O profesor do Departamento de Lingua e Literatura Galega, Damián Suárez Vázquez, vén de colaborar co docente e investigador Ramón Mariño Paz na terceira entrega dos Papés d'emprenta condenada, coa que o Consello da Cultura Galega segue a recuperar textos en galego de inicios do século XIX.

O estudo dos textos permite aos investigadores tirar conclusións sobre a sociedade galega da época, os debates ideolóxicos e estudar a diversidade interna da lingua galega no nivel dialectal, social e estilístico na aurora da Galicia contemporánea.

 

Xornalismo social: 35 anos de Servimedia

O luns 11 de marzo veu José Manuel González Huesa, director xeral de Servimedia, ao noso centro para darlle ao alumnado de 1ºBacharelato A e D unha charla sobre xornalismo social.

O relator explicou a importancia da dimensión social do xornalismo, destacando o labor dos últimos 35 anos da axencia de noticias Servimedia, caracterizada polo xornalismo plural, veraz e comprometido coas persoas con discapacidade.

O alumnado mostrouse moi interesado e fixo varias preguntas sobre os diferentes tipos de xornalismo ou as saídas profesionais que podían ter ao rematar os cursos de bacharelato. Ademais, tiveron ocasión de percibir a importancia do xornalismo nun sistema democrático de calidade ao rememorar o vinte aniversario do ataque terrorista do 11-M.

 

Vaca de moitos, ben muxida e mal mantida

O pasado día 11 de marzo, o profesor da Universidade da Coruña (UDC) Manuel A. Gómez Suárez, impartiu ao alumnado de economía de 1º e 2º de bacharelato do noso centro o relatorio “Vaca de moitos, ben muxida e mal mantida”.

Manuel, grande afeccionado á banda deseñada e ao mundo dos superheroes, adentrounos dunha forma lúdica mais rigorosa, nun dos temas clásicos das Ciencias Económicas: “a traxedia dos comunais”, é dicir, as diferentes estratexias que se poden adoptar para evitar a sobreexplotación de recursos sobre os que non existen dereitos de propiedade (medio ambiente, pesca, pastos comunais…). E todo isto, sen deixar de reflexionar, poucos días despois do 8-M, na fenda de xénero que aínda persiste no recoñecemento da investigación científica, en xeral, e da económica, en particular (actualmente, unicamente tres mulleres recibiron o Premio de Ciencias Económicas do Banco de Suecia en memoria de Alfred Nobel, sobre un total de 93 galardoados).

Grazas, Manuel, e esperámoste o vindeiro curso!!

 

Traballando as emocións

Ao longo dos meses de febreiro e marzo, o alumnado de 1ºESO e 2ºESO elaborou varios carteis identificando e amosando ao resto da comunidade educativa as emocións básicas.

Este material que se expón no centro forma parte das actuacións que se están a traballar neste curso no IES Alexandre Bóveda dentro do programa Contratos Programa CPInclúe, na modalidade Emocióna-T en todos os grupos da ESO.

Trátase dunha actuación necesaria, para poñer en valor a importancia e repercusión das aprendizaxes non cognitivas (emocionais) para o benestar e o progreso social, coa vontade de optimizar a calidade educativa como un sinal permanente nos contextos escolares.

Traballamos diversos ámbitos da competencia emocional, (conciencia emocional, autonomía emocional, regulación das emocións propias e alleas…), aproveitando material diverso e realizando dinámicas de grupo.

8 marzo: Se non estás pola solución...

O alumnado do Comando Igualdade elaborou para o 8-M uns murais onde se visibiliza de maneira inmediata parte da problemática que aínda sofren na sociedade as mulleres.

Ademais das sesións de sensibilización sobre a lacra da desigualdade xestionadas dende o Departamento de Orientación a través das sesións de titoría na ESO, o Comando axudounos unha vez máis a abrir os ollos ante esta realidade que aspiramos a transformar dende o día a día do noso centro.

Encontro coa dramaturga Carme Varela

A dramaturga galega Carme Varela visitou o noso centro para ter un encontro co alumnado de 2º BACH E de artes escénicas e musicais. Con eles, falou da súa traxectoria como escritora -centrándose especialmente no seu primeiro texto dramático, As desterradas (2021), premio Álvaro Cunqueiro- e como integrante do colectivo O Sorriso de Daniel, que pon en valor o noso patrimonio románico esquecido e maltratado.

Antes do comezo da charla, dúas alumnas, Alba Pérez Villa e Valeria Moncada Avendaño, dramatizaron un pequeno fragmento da escena segunda d’As desterradas, en que interveñen dúas das personaxes da obra: a noviza Tareixiña (Alba Pérez) e Andrea (Valeria Moncada), unha moza da aldea.

Repercusión desta actividade no Atlántico diario

Entrevista a Carme Varela na radio do centro, O Son da Noca 

Bob Marley: One Love

O alumnado de 2º Bacharelato social e artístico tivo ocasión de ir ver a película Bob Marley: One Love nos Cines Gran Vía unha vez que remataron a segunda avaliación.

Con valoracións dispares, o alumnado destacou o contexto político que se ve reflectido na película e como a figura de Bob Marley resulta crucial difundindo a todo o mundo unha mensaxe pacifista en plena guerra civil.

Pola contra, a película perde pulso ao centrarse só nuns anos nos que Marley xa é famoso, polo que non se percibe moita progresión no personaxe, deixando ademais varias tramas sen acabar de resolver.

 

Distribuir contido