Skip to Content

COMENTARIOS DE TEXTO

 

COMENTARIO DOS TEXTOS DE A. MAURA, J. CANALEJAS, O DIARIO “La Mañana” e “La renta foral en Galicia a finais do século XIX.

O asunto que tratan os textos a comentar non é único; máis ben temos un exemplo de varios aspectos da historia de España entre os séculos XIX e XX: os vicios do réxime da Restauración e, sobre todo, a necesidade dunha Lei municipal que garantizase a limpeza electoral nos concellos, a política progresista en relación a problemas plantexados pola confeisionalidade relixiosa do mesmo réxime e o anticlericalismo crecente, a desorde pública nos últimos anos do réxime da Restauración, desculpa que servirá para o golpe de Estado de Primo de Rivera, e o problema da terra, particularmente en Galicia, donde os contratos forais foron un impedimento para o progreso do sector.

O documento 4 é o que abrangue un tempo máis amplo, pois remóntase ás reformas agrarias dos gobernos liberais (progresistas) durante o século XIX coas desamortizacións, ata a Lei de redención foral de Primo de Rivera de 1926, á que se alude implícitamente cando se dí “era necesaria unha lei que viñera a poñer fin…”. O feito de que este texto forme parte dunha obra de Historia, indícanos que a fonte é historiográfica, mostrándose a autora partidaria da desaparición dos contratos forais.

Os fracasos dos gobernos de Sagasta, Silvela e Villaverde (doc. 1) son unha mostra de que o réxime da Restauración, durante o reinado de Alfonso XIII, non tivo a estabilidade que na súa primeira etapa (reinado de Alfonso XII e rexencia posterior). Antonio Maura é un político conservador, aínda que primeiro militara no patido progresista, que sustituirá no liderazgo daquel partido ao falecido traxicamente Cánovas, pero non xa coa unanimidade deste. Herdeiro do espírito rexeneracionista, loitou contra o caciquismo e contra os vicios da restauración, e unha proba disto é a súa Lei de Administración Municipal, que pretendía poñer orden nos concellos á hora das eleccións. As enormes dificultades herdadas durante o século XIX (analfabetismo dunha proboación maioritariamente agraria, mentalidade caciquil de parte da burguesía española, escasa industrialización limitada a algunhas rexións…) fixeron que Maura non conseguise os seus obxectivos de “revolución desde arriba”, é dicir, sen a participación das clases populares, a quen a burguesía temía nas súas reivindicacións, pois xa o movemento obreiro dera mostras de actividade (a Unión General de Trabajadores e a Confederacion Nacional del Trabajo son os dous grandes sindicatos que protagonizarán as movilizacións e folgas nesta época). Ver o documento 5 da páxina 240 do libro de clase, así coma o apartado 1.4 da mesma páxina.

Outro dos problemas herdados do século XIX foi a longa loita entre confesionalidade e laicismo, o que levou a importantes sectores da poboación (obreiristas, republicanos, socialistas, demócratas…) a practicar o anticlericalismo, manifestación de oposición a un clero e unha Igrexa que se mostrara prepotente durante boa parte do século, inimiga do iberalismo polo que implicaba de liberdade relixiosa e apegada aos privilexios que os gobernos sempre lle dispensaron, consecuencia dunha sociedade que era maioritariamente católica. Isto non foi obstáculo para que os progresistas penalizasen á Igrexa con sucesivas expropiacións ao considerar que eran necesarias para o progreso do país e, en particular, da agricultura. A “lei do candado” é como se chamou á que Canalejas fixo aprobar nas Cortes para limitar o número de congregacións relixiosas que existían en España, asunto no que viñan insistindo os grupos anticlericais que, non obstante, non podemos dicir que fosen antirrelixiosos (convén distinguir unha cousa da outra). Sabemos que o Concordato de 1851 concedera prerrogativas á Igrexa que viñan a desvirtuar leis anteriores, como a que concedía ao Estado a competencia en materia educativa (Pidal). A “lei do candado” é lóxica nun persoeiro progresista como Canalejas, mostrando unha vez máis a inadecuación da Igrexa a un réxime que afondaba no liberalismo aínda que con vicios no campo da gobernación e do predominio burgués. Ver o apartado “os gobernos liberais” na páxina 240 do libro de clase.

O documento 3 fai referencia ao pistolerismo, que chegou ao paroxismo durante o trienio 1919-1921, e que sería unha das desculpas postas polo dictador Primo de Rivera para dar o golpe de Estado en 1923. Así o dí no seu manifesto de dito ano “ao país e ao exército españois”. A industrialización de certas rexións españolas, os problemas no campo, sobre todo na metade sur de España, donde o latifundismo era endémico, cunha enorme cantidade de campesiños sen terra e a existencia dun movemento obreiro que, nunha das súas vertentes, sobre todo a CNT, adoptou a vía da acción directa, a violencia nas rúas e nas fábricas, levou a certa patronal a contratar pistoleiros a soldo que ensanguentaron as rúas de varias cidades industriais españolas, sendo un caso sobresaínte o de Barcelona. Precedentes da protesta obreira contra medidas do Goberno son a semana tráxica de Barcelona (1909) e a folga xeral revolucionaria de 1917, pero neste documento non se trata de accións contra os sucesivos gobernos, senón contra a patronal (por parte dos obreiros) e a resposta desta, claramente fora da lei como di o xornalista. Ver o apartado 1.6 das páxinas 242 e 243 do libro de clase, asi coma o texto número 7 desta última páxina.

A necesidade de que a limpeza electoral empezase polos concellos, os desexos secularizadores de certos sectores da sociedade, evitando así a influencia tradicional da Igresa, os problemas sociais derivados da oposición entre patróns e obreiros a principios de século e o problema foral nalgunhas rexións de España, particularmente en Galicia, son asuntos que ilustran a historia de España a cabalo entre os séculos XIX e XX, particularmente nas primeiras décadas deste último.

Os contratos forais en Galicia estaban tan arraigados que as leis desamortizadoras nada dixeran deles, polo que tivo que ser Primo de Rivera (á postre un rexeneracionista) quen aprobase a Lei de Redención foral pola que os traballadores do dominio útil poderían pagar unha redención aos titulares do dominio eminente para que a terra pasase, así, ás mans de quen as traballaban, rematando desta maneira cunha forma arcaica de explotación e pouco rentable, pois nen o titular do dominio eminente (de mentalidade rendista) nen o titular do dominio útil (que non podía considerarse dono pleno da terra) investían na mellora da explotación (regadíos, sementes, selección de gando, maquinaria, etc.).

 

COMENTARIO DOS DOCUMENTOS DE PRIMO DE RIVERA, CALVO SOTELO, ÁNGEL OSSORIO E UNHA TÁBOA ESTATÍSTICA

Os catro documentos se refiren á ditadura de Primo de Rivera desde o momento da súa proclamación ata finalizado dito réxime, pois o deputado Ángel Ossorio, que mostra a súa opinión contraria á ditadura, fala nun tempo posterior á mesma. Os documentos 1, 2 e 5 son fontes históricas, pois se trata de textos orixinais que non foron escritos para unha obra histórica. Os documentos 3 e 4 si forman parte de estudos históricos ou dunhas “Memorias” que intentan analizar –desde un punto de vista subxectivo- un dos aspectos da ditadura primorriverista.

Cando Primo de Rivera decide dar o golpe de Estado en setembro de 1923, que conta co apoio do rei e de boa parte do exército (a proba é que non houbo oposición o mesmo) aduce que é polo estado de desorde que vive España. En efecto, a segunda parte do réxime da restauración caracterizouse pola violencia (pistolerismo) folgas do movemento obreiro, que estaba canso dun réxime viciado, polas críticas ao exército (o mesmo Primo cita o ano 1898, cando a perda de Cuba) e por un gran desprestixio dos políticos, que con A. Maura á cabeza dos conservadores e divididos os liberais máis progresistas, non foron quen de converter o réxime nunha democracia. O desastre de Annual en 1921 e o informe Picasso nas Cortes foron, probablemente, motivos dabondo para que Primo de Rivera quixese defender ao exército e ao rei, que máis tarde se demostraría estivo comprometido no desastre que costou a vida a miles de españois.

Por outro lado Europa deriva hacia réximes ditatoriais e fascistas, Italia en primeiro lugar, pero logo Portugal, Yugoslavia, Polonia, Rumania… pois boa parte da poboación europea estaba desenganada co liberalismo por causa da gran guerra.

O texto de  Primo (doc. 1) é claramente interesado, pois non houbo “clamoroso requerimento”, o golpe de Estado foi obra dunha camarilla sen participación popular. O seu rexeneracionismo está patente cando fala dos “profesionais da política” para referirse aos que viñan gobernando España nos últimos anos, expresión que é claramente peiorativa, para logo engadir as desventuras e inmoralidades que hoxe coñecemos ben: caciquismo, falseamento electoral, desorden público, pistolerismo patronal e violencia sindical. Parece ser premonitorio Primo cando fala dunha “próxima fin tráxica e deshonrosa”, pois en efecto, non tardará en estalar a guerra civil de 1936.

Desde o punto de vista económico a ditadura de Primo de Rivera foi positiva, pois como demostran os datos do documento 4, algúns sectores claves creceron claramente: a mineiría e a industria de base, despois de afundirse desde 1906, melloraron ata chegar ao índice 144; a enerxía eléctrica máis que doblou a súa produción; a produción de aceiro case se triplicou; a produción de cemento máis que se doblou. Este aumento é aínda máis importante por canto se trata dun período de tempo curto, só oito anos. Certo que non dispoñemos de máis datos, pero estos son dabondo para decatarnos de que a ditadura contou cunha coxuntura favorable e mesmo o Estado fixo inversións que favoreceron o crecemento económico (hai que ter en conta que o non existir as Cortes para discutir, o ditador decidía por si mesmo sen máis). Por outra parte os sindicatos –como recoñece no documento 5 Ángel Ossorio- estiveron maniatados. A esas inversións estatais é as que se refire Calvo Sotelo no documento 3 cando fala de nacionalismo económico.

As dúas etapas da ditadura son a dos apoios xeneralizados (directorio militar) cando a opinión pública estaba expectante ante o que puidese facer o “ciruxián de ferro” do que falara Joaquín Costa, e a das críticas e o afastamento de moitos, desenganados pola intención de Primo de perpetuar a ditadura: corporativismo de tipo fascista, represión política…

Tamén é interesado o texto que dirixe Primo o rei cando di “recollendo a arela popular”: non hai maneira de coñecer os desexos da poboación senón é mediante unhas eleccións, e tales non as houbo nunca durante o goberno de Primo. Nótase o afán reivindicativo a favor dun exército desprestixiado cando di “que tan patrióticamente ofreceron o prestixio [o exército e a mariña].

O monárquico Calvo Sotelo, que sería asasinado días antes de estalar a guerra civil de 1936, e que fora Ministro de Facenda con Primo, dando mostras con isto da súa falta de escrúpulos antidemocráticos, explica unha característica das ditaduras: o seu intervencionismo na economía, contrariamente ao liberalismo clásico. De todas formas parece existir unha contradición entre as palabras de Calvo Sotelo e a realidade, polo menos nun caso: a concesión dun monopolio por parte do Goberno a unha empresa estranxeira, a Compañía Telefónica, de capital norteamericano, non ten nada de nacionalismo.

A caída do dictador arrastrará á monarquía, pois o rei Alfonso XIII autorizara o golpe de Estado de 1923 e mesmo estivo comprometido no desastre de 1921. Así nacerá, tralos gobernos de Berenguer e Aznar, a II República española, en cuxas Cortes fala o autor do documento 5 facendo un balance moi negativo da ditadura: que queda de España? se pregunta: dí que roto o exército porque, en efecto, a división anterior non se superou, e proba disto será a sublevación de Jaca en 1930, a posterior de Sanjurjo en 1932 e o levantamento de 1936 que dará orixe á guerra civil; rota a Universidade porque o dictador a pechara ante as protestas dos estudantes; rota a Xustiza porque nunha dictadura non hai verdadeira división de poderes, e os xuíces están sometidos aos dictados do Goberno. As forzas lexítimas das que fala Ossorio son os partidos políticos, ilegalizados e perseguidos; as forzas nocivas –segundo Ossorio- son os caciques, os terratenentes, a burguesía máis conservadora e a xerarquía eclesiástica. Os nacionalistas periféricos, reprimidos durante a ditadura, aproveitan a II República para extremarse, e os partidos conservadores para ir na súa contra. Cando este autor fala de “patoloxía nacional” quere dicir “enfermidade”, a cal non curara, coas súas medidas, a ditadura.

É lóxico que duas persoas que colaboraron na ditadura teñan as opinións aquí comentadas; é lóxico tamén que un republicano faga a crítica que contén o ultimo documento.

 

COMENTARIO DE TEXTO SOBRE A EVOLUCIÓN POLÍTICA DA II REPÚBLICA ESPAÑOLA

Dispoñemos de cinco documentos sobre a II República española, réxime que estivo vixente entre abril de 1931 e xullo de 1936; este último ano para o caso dos territoros que caeron baixo o control das forzas sublevadas, e ata marzo de 1939 para o caso dos territorios que resistiron ata o final da guerra.

Dos cinco documentos só un é fonte historiográfica, o 1, mentres que os demais son fontes históricas porque foron redactados polos protagonistas que viviron os acontecementos.

Aproveitamos o documento 1 para indicar que os datos sobre as eleccións de 1931, 1933 e 1936 se corresponden cos tres períodos en que se soe dividir á II República española: o primeiro de goberno republicano-socialista, o segundo de goberno radical-cedista e o terceiro, de novo as esquerdas no poder, o goberno do Frente Popular, coalición de partidos republicanos e de esquerdas que, resultando vencedora, parece desencadenou as conspiracións, por parte de varios xenerais españois, para acabar coa República. No primeiro período, dominando os republicanos de esquerda e os socialistas, se redactou a Constitución de 1931, que reflicte as súas ideas, unha Constitución mui social pero que non foi consensuada, é dicir, non contou co apoio das forzas conservadoras do país. A preponderancia da esquerda nestes momentos pode ser consecuencia de que non estivo comprometida cos vicios do réxime da Restauración e combateu, nos últimos anos da Ditadura primorriverista, a dito réxime.

O diario ABC, monárquico, publica, seguramente coa intención de favorecer ás candidaturas conservadoras, o programa destas en 1933, que resultaría exitoso para elas. En contrapartida, o contrario é o que temos no documento 4: o programa electoral do Frente Popular en 1936, que tamén resultaría exitoso para o mesmo. No documento 5 un dirixente comunista interpela o lider da CEDA, Gil-Robles, dándolle a entender que na data citada (mediados de xullo de 1936) o golpe de Estado contra a República xa está maduro. O certo é que estes documentos reflicten o clima de enfrontamento entre “dúas Españas” que demostraran unha total falta de reconciliación nas últimas décadas.

O triunfo da esquerda en 1931 permitiu a redación dunha Constitución claramente progresita como a de dito ano, na cal podemos ver artigos que seguramente alarmaron ós grupos máis conservadores da sociedade española: “España é uha República democrática de traballadores de toda clase…” Poderían considerarse traballadores os grandes empresarios, a xerarquía eclesiástica, o terratenentes, os banqueiros? Este artigo, sen dúbidida, era un reflexo das ideas igualitarias do socialismo que non podían aceptar os partidos de dereita. Os grupos fascistas, que facían da unidade de España un dos piares do seu programa, seguramente non aceptaron con gusto que se dixese que a República sería un Estado “compatible coa autonomía dos municipios e das rexións”, unha clara concesión os anceios nacionalistas, sobre todo en Cataluña, provincias vascas e Galicia. A liberdade de asociación sindical (se ben existía con anterioridade) agora se converte nunha norma constitucional, co que adquire unha importancia superior (art. 39). Como vería o Igrexa e os grupos católicos conservadores o artigo 3, segundo o cal “o Estado Español non ten relixión oficial”? Sempre o Estado español tivera como preferencia á relixión católica, en todas as Constitucións anteriores, incluso a de 1869, que foi a máis respectuosa coas demais crenzas relixiosas. Agora a Igrexa deixaba de ter o privilexio de que o catolicismo fose a relixión oficial do Estado; unha novidade difícil de aceptar pola sociedad española conservadora.

O artigo 44 pon de manifesto a influencia das ideas socialistas, pois aceptándose a propiedade privada, propia do liberalismo económico, esta se supetidaba o interés xeral, polo tanto se abría a posibilidade de expropiar bens (terras e outras propiedades) para repartilas segundo isto fose en beneficio da nación: así sería coa lei agraria aprobada en 1932 –logo modificada polos partidos conservadores a partir de 1933- e a lei de términos municipais, pola que os empresarios agrícolas non poderían contratar a xornaleiros doutros municipios mentres houbese xornaleiros en paro no propio. Por último, como encaixaría a Igrexa que a ensinanza fose laica (art. 48) cando sempre foi controlada pola Igrexa? (recordemos o Concordato de 1851, que daba prerrogativas á Igresa a pesar da lei Pidal aprobada en 1846, que establecía o ensino como unha obriga propia do Estado).

O texto 3 mostra a polarización política durante a II República española, pois as candidaturas de dereitas cualifican de “antimarxistas” aos seus contrincantes; tal cousa non pode ser aceptada, pois republicanos moderasos mesmo católicos (o PNV) nada tiñan que ver coas ideas marxistas. O programa conservador di que se basa en abolir toda a lexislación do primeiro bienio: “derogación… dos preceptos… laicos e socialistantes”. Está clara a intención de facer da República un réxime tradicional, como o que existirá en España ata 1931. A alusión á “confiscación da propiedade” é unha clara defensa dos intereses dos propietarios, que viron ameazadas as súas riquezas polo art. 44 da Constitución. Polo tanto as candidaturas de dereitas pretendían darlle a este artigo unha interpretación distinta. Consideraban tamén que un estado laico era unha “persecución” contra as “Asociacións e crenzas relixiosas”. Estas candidaturas consideraban “anticatólica” e “antinacional” a lexislación aprobada durante o primeiro bienio.

O péndulo que significou a II República española: primeiro bienio de esquerdas, segundo de dereitas, terceiro novamente a esquerda no poder, leva ao programa do Frente Popular en 1936: “amnistía… dos delitos político-sociais….”, clara alusión aos presos trala revolución de 1934, contraria os principios democráticos pero explicable pola situación de empobrecemento que padecía a clase traballadora dedido á crise económica que afectou a España (como a outros países) de 1929. Neste programa volven a estar presentes as preocupacións pola situación no campo, proba de que España, a pesar da súa industrialización parcial, seguía sendo un país eminentemente agrario. E por último se volve a insistir no que as dereitas rexeitaban: “o ensino como atributo indeclinable do Estado”, alusión evidente á prohibición de que os centros de enxino relixiosos volvesen a existir. Tal asunto, que xa proclamara a lei Pidal en 1846, pretende levarse agora sen o carácter doutrinario daquela (dicir unha cousa e facer outra).

O documento 5, xa nos días previos á guerra civil, mostra que o golpe de Estado militar non sorprendeu a ninguén: o secretario do Partido Comunista de España acusa a Gil-Robles, líder da CEDA, de estar conxurado cos golpistas, dando unha versión negativa do período de goberno radical-cedista (o segundo da República). De todas formas, a “España democrática” da que fala José Díaz, era creíble para unha dereita que coñecía o réxime establecido en Rusia desde 1917? Pode que o dirixente comunista tivese razón, a tenor do acontecido días despois, cando dí: “non queredes acatar o que representou o triunfo do 16 de febreiro…”. En efecto, os grupos conservadores, en boa medida, non aceptando un novo goberno da esquerda (o goberno a partir das eleccións do Frente Popular estivo formado exclusivamente por republicanos de esquerdas, co apoio de socialistas e comunistas no Parlamento) se sumaron a apoiar o golpe de Estado que desembocaría na guera civil de 1936. As prevencións de José Díaz seguramente tiñan presente que os militares conservadores xa o intentaran antes: o golpe fallido do xeneral Sanjurjo en agosto de 1932, xusto cando as esquerdas etaban no poder.

Os documentos analizados permiten salientar as diversas interpretacións que fixeron uns e outros sobre a II República española e sobre a guerra civil subseguinte: en realidade, un ensaio en pequeño do que estaba a acontecer en Europa: fascismo contra comunismo segundo uns; fascismo contra democracia segundo outros; a tradición contra a revolución…





page | by Dr. Radut