Skip to Content

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

8 meses, 8 causas para usarmos o galego. Palabras de xaneiro.

Seguimos corrixindo castelanismos e aprendendo léxico na nosa lingua. Aí van as palabras de xaneiro:

Recompilatorio das actividades do EDLG do Faro das Lúas na 1ª avaliación. 2ª parte.

E como novidade con respecto a anos anteriores, desde o EDLG quixemos facer a nosa achega para a Semana da Ciencia organizada polos departamentos de Bioloxía e Física e química baixo o nome de Interciénciate. Coa colaboración do departamento de Tecnoloxía, elaboramos un vídeo que recolle ao tempo tres vídeos de divulgación de ciencia en galego, que se poden ver de maneira independente no seguinte enderezo:https://praza.gal/temas/concienciadas. Neles, Iria Veiga e Javier Balea fálannos de cousas tan interesantes como: A que cheiran os libros? Como se fai ciencia? Como funcionan as vacinas? Nas últimas semanas saíu un novo vídeo que xa podedes ver, este vai sobre o cambio climático. Aquí tendes algunha imaxe de como o noso alumnado aproveitou a proxección do vídeo que se elaborou.

Coincidindo ademais coa Semana da Ciencia e aproveitando a campaña para escoller Rosalía como nome dunha estrela, desde o equipo quixemos facer promoción para que a ninguén lle esquecese votar para que a nosa autora máis célebre tivese luz propia no ceo e, de feito, conseguiuse. Aquí tedes a imaxe que ilustra o cartel que estivo na entrada do instituto ata que finalizou o tempo para poder votar.

E para despedirmos a 1ª avaliación, quixemos reivindicar a figura do Nadal galego, o Apalpador; para isto, a carón da identificación do personaxe (do que tamén se falou nas aulas), o alumnado formuloulle unha serie de desexos para a normalización plena do noso idioma. Ademais, aproveitando o esqueleto do laboratorio e grazas á colaboración da rapazada que trouxo diferentes pezas de roupa, creamos o Apalpador do IES Faro das Lúas. Aquí deixamos algunha imaxe.

 

 

Por último, no derradeiro día de clase do ano 2019, visitaron o centro as contacontosCharo Pita e Patricia McGill. O EDLG xunto co Departamento de Lingua galega e literatura e Inglés, convidámolas para escoitarmos os seus contos bilingües (inglés/galego). O alumnado gozou moito coa súa actuación. Deixámosvos algunhas imaxes e podedes ver un pequeno vídeo aquí.

 

Recompilatorio das actividades do EDLG do Faro das Lúas na 1ª avaliación. 1ª parte.

Comezamos este curso dándolles continuidade a varias actividades que xa son tradición no percorrido do equipo de dinamización lingüística do noso centro. En primeiro lugar, como vai ser costume cada mes, expuxemos no noso taboleiro en outubro, novembro e decembro, as palabras do noso proxecto para a aprendizaxe de léxico: 8 meses, 8 causas para usarmos o galego. Este supón un traballo continuado por parte do alumnado, de tal maneira que, en cada aula, recóllese mensualmente unha serie de vocabulario en que habitualmente fallamos, principalmente pola influencia do castelán. Do conxunto de termos seleccionados, a rapazada vota pola palabra do seu grupo e todas son expostas no taboleiro do equipo acompañadas sempre cun debuxo que un alumno ou alumna de cada aula elabora de maneira voluntaria.

Aquí vos deixamos a selección dos meses desta primeira avaliación:

Outubro: Onda (e non *ola), augamar (e non *medusa), cativerio (e non *cautiverio), fregar (e non *frotar), almorzo (e non *desaiuno), Samaín (e non *halloween), lagostino (e non *langostino), cóxegas (*cosquillas), picadiscos (e non *DJ)

Novembro: Defunto (e non *difunto), lóstrego (e non *relámpago), salón de peiteado (e non *peluquería), espírito (e non *espíritu), cogomelos (e non *setas), dicionario (e non *dicionario), subliñar (e non *subraiar), sobremesa (e non *postre), floco (e non *flequillo)

Decembro: Monstro (e non *monstruo), cascada (e non *fervenza), padiola (e non *camilla), lavalouza (e non *lavavaixelas), lixivia (e non *lexía), cambadela (e non *zancadilla), macela (e non *manzanilla), candea (e non *vela).

Que tal se poñemos a proba os nosos coñecementos da lingua galega? Xogamos á ruleta?

Ademais, o noso taboleiro ten unha sección dedicada á información relevante sobre a lingua e cultura galega en xeral; da mesma maneira, botamos man del para ir publicitando aqueles concursos que levamos a cabo, e no mes de outubro convocamos o de relatos de terror pola festividade do Samaín. O primeiro e segundo premio recaeron nas alumnas de 2º da ESO B Sabela Romero e María Oubiña, respectivamente e o terceiro na alumna de 1º da ESO A, Maira González.

PRESENTACIÓN DE ENÓRMIC EN CARRIL

Parabéns a Victoria Cores, Sabela Romero e Ainara Villanueva. Os seus traballos Superleituga, Refuxiadas e Última batalla foron seleccionadas para esta nova edición de Enórmic. Os tres títulos son do máis suxestivo e xa podedes lelos porque acaba de chegar a revista  ó centro.

O 7 de xuño, as tres autoras acudiron á presentación da revista no IES González Estévez de Carril. No acto interviñeron as coordinadoras da revista, Isabel e Mari; Afra Torrado, a autora da portada; autores de cómics de distintos institutos e Antón Blasco, o autor do limiar, que enviou un vídeo porque non podía estar presente. Para cerrar o acto, un alumno fixo unha interpretación fermosísima a capela dun cantar tradicional.

Ver álbum de fotos.

 

VII CERTAME DE RELATO CURTO DA FANPA

 

Este venres celebrouse en Pontevedra o acto de entrega de premios do VII Certame de Relato Curto convocado pola Fanpa para todos os centros da provincia. A participación nesta edición acadou unha cifra récord de case 1300 textos nas diferentes categorías e a nosa compañeira Ainara foi finalista destacada na categoría de secundaria.

O premio consistiu nun diploma acreditativo, un libro de Kalandraka e unha praza para un obradoiro de creación literaria ó que acudirá o 25 de xuño en Pontevedra. Pero, segundo a propia Ainara, o mellor premio, é, sen dúbida, o de ver publicado o seu relato nun libro ilustrado por Ramón G. Trigo e amadriñado pola escritora Concha Blanco que foi a autora homenaxeada no acto de entrega. Ademais o texto sairá publicado durante o verán no Diario de Pontevedra. 

Moitos parabéns Ainara e grazas por compartir de novo as túas creacións con todos nós.

 

 

Se queres ver as imaxes preme aquí 

CARREIRA POLO TERRÓN

 

O día 16 os rapaces de 1º da ESO reunímonos cos compañeiros da Basella para celebrar o Día das Letras Galegas  cunha carreira polo Terrón. Parecía que ía chover pero decidimos ir pasará o que pasara e ó final pasámolo moi ben. Houbo premios para os  e as máis veloces de cada instituto e como non, para os mellores lemas. A cuestión estivo difícil e, de feito, houbo empate entre as máis corredoras do Faro e entre os autores dos mellores lemas da Basella. Parabéns rapaces!

 

 

Se queres máis imaxes preme aquí

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut