Skip to Content

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

CELEBRANDO AS LETRAS

 Parabéns a Victoria, Rubén, Sergio, Pablo, Irina, Sabela, Rodrigo, Sindo, Ainara, Carmen e Valeria polos vosos premios e grazas por compartir as vosas creacións con todos nós.

Parabéns tamén ós presentadores Rosa e Pablo.

E nós seguimos celebrando o ano dedicado a Antonio Fraguas. Comezamos o curso recollendo lendas e agora continuamos coas adiviñas. Recompilastes unha manchea delas, así  que agora  toca compartilas. Recordade que o concurso comeza esta  semana. 

                                        

TEATRO NO FARO

 

Este ano celebramos o Día das Letras Galegas dun xeito distinto grazas ó alumnado de 1º B que representou para nós dúas peciñas teatrais. A primeira era unha adaptación do relato "Oficina de obxectos perdidos" de Made in Galiza de Sechu Sende e a segunda, unha adaptación dun relato de Paula Carballeira.

 

 

VISITA A PADRÓN E A BASTAVALES E ENCONTRO CO IES LÓPEZ RODRÍGUEZ

O alumnado de 3º  ESO realizou unha saída a Bastavales e Padrón o día 25 de abril para facer parte da ruta rosaliana e para encontrarse co alumnado do IES Cosme López Rodríguez co que mantivo unha relación por correspondencia durante todo o curso.

Chegaron a Bastavales xusto ás dez, cando comezaban a tocar as campás e, aínda que xa non son as mesmas que escoitara  Rosalía, o grupo recitou alí, no balcón da Mahía, o célebre poema da autora "Campanas de Bastavales". Logo de que Lara recordara ós seus compañeiros algunhas particularidades da igrexa e do conxunto arquitectónico que a rodea, o grupo dirixiuse á Casa Museo de Rosalía onde, por fin, se atopou co alumnado da Rúa de Valdeorras. Con el compartiu  unha visita guiada pola casa na que a poetisa pasou os seus últimos anos e tamén compartiu algúns momentos de conversa mentres se resgardaba da chuvia baixo o balcón. Cando escampou, os dous grupos dirixíronse ó Parque Botánico para participar noutra visita guiada que sería máis longa de non ser pola chuvia. 

Xa no centro monumental, na praza na que se atopaba antigamente o Alfolí do Sal, o alumnado dos dous centros recitou poemas de Rosalía. A continuación dirixiuse pola rúa de Juan Rodríguez del Padrón á Igrexa de Santiago para ver o "Pedrón", o Sar e as estatuas de Rosalía e Cela no Espolón. E alí, ó final do Espolón, chegou o momento da despedida, do intercambio de números de teléfono, de contas de Instagram e das propostas de continuar co intercambio o próximo curso.

Ver álbum de fotos.

 

LANGUAGE PLANNING

 

O xoves 4 de abril o alumnado de 4º da ESO desprazouse a Vilagarcía para ver unha representación teatral do grupo Quinquilláns. A peza, titulada Language planning, é unha adaptación da obra Made in Galiza de Sechu Sende. Foron cincuenta minutos moi entretidos e á saída aproveitaron para fotografarse cos xigantes vilagarciáns no Auditorio.

 

NOITE DE TEMPORAL de M. NUÑEZ SINGALA

 

 

Antes de poñernos coa lectura de Noite de temporal escoitamos dúas noticias que nos sorprenderon e que espertaron a nosa curiosidade. A primeira era que Josefa Parada, unha das heroínas de Sálvora, era bisavoa de Laura de 2º A; a segunda era que Paula Cons ía rodar unha película sobre o naufraxio do Santa Isabel. Moitos nunca oiramos falar deste suceso que na época foi coñecido como "o naufraxio do Titánic galego". O libro enganchounos pero aínda nos enganchou moito máis a exposición que Núñez Singala preparou para explicarnos os detalles técnicos de como se producira o accidente. A charla foi moi emotiva, especialmente cando nos contou algúns detalles biográficos sobre os superviventes, as vítimas, as heroínas e os heroes.

Ver álbum de fotos.

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut