Bioloxía e Xeoloxía

VIII OLIMPÍADA DE BIOLOXÍA

O pasado venres, día 11 de xaneiro de 2013, catro alumnos/as do IES Laxeiro: Marco Gallego Fernández, Antonio González Méndez, Antía Iglesias Mella e Lucía Mariño Juíz, matriculados en 2º de Bacharelato científico-tecnolóxico, participaron na VIII Olimpíada de Bioloxía que se celebrou na Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña.



Este alumnado tivo a ocasión de coñecer por dentro unha Facultade de Ciencias, observar aparatos de laboratorio como microscopios electrónicos, difractómetros de raios X ou espectofotómetros, atender ás explicacións dos científicos sobre as liñas de investigación que se seguen na actualidade e, como colofón, participar na conferencia sobre Neurociencia do Neurocientífico galego Xurxo Mariño. Sen dúbida unha xornada moi interesante para a formación científica deste alumnado.



 

Dia da Ciencia en galego no IES Laxeiro

O día 5 de Novembro celebrouse o Día da Ciencia en galego, este ano adicado á Tecnoloxía. Desde o IES Laxeiro sumámonos á homenaxe ao inventor estradense Ramón Verea e a Leonardo da Vinci realizando diversas actividades durante os recreos: Construcción da ponte de Leonardo, escritura en espello, trucos de maxia para despistar os sentidos e unha exposición con paneis informativos sobre os homenaxeados deseñados por Mar García.

Aquí tendes algunhas fotos.

Recorte Carteis día da Ciencia

Día da bici no IES Laxeiro

O día 16 de outubro foi declarado Día da Bici nos centros desde a Institución Galega de Ciencia. Trátase de fomentar o uso da bicicleta entre os escolares como medio de transporte e como actividade física saudable no tempo de lecer, favorecendo a sostibilidade e a eficiencia enerxética.

Con este motivo, organizamos unha xincana ou proba de habilidades chamada Buscando á/ó máis hábil e seguro/a na bicicleta

Obradoiro da Paisaxe

O xoves, día 21 de xuño de 2012, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato Científico-Técnico que forma parte do equipo da A21EG do centro, realizou unha presentación dun traballo sobre "Os incendios forestais", a esta presentación engadíronlle un vídeo elaborado por este alumnado co resultado destes incendios en Galicia.



O traballo foi exposto no Salón de actos a alumnado de 3º de ESO do centro e a persoal da Consellería de Medio Ambiente.



Este mesmo día 25 alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron un obradoiro sobre a Paisaxe.



Este obradoiro foi dirixido por membros da Consellería de Medio Ambiente, e pon as bases para a participación no vindeiro curso no Proxecto 12 meses-12 paisaxes, no que temos intención de participar desde o IES Laxeiro.


Día Mundial do Medio Ambiente

O martes, día 5 de xuño de 2012, e con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato Científico-Técnico que forma parte do equipo da A21EG do centro, realizou unha experiencia práctica nos dous recreos.



 Esta experiencia consistiu en facer unha demostración ao alumnado do centro, do alto poder erosivo que se dá nos solos despois dun incendio forestal. A perda de solo vexetal fértil faise moi patente nestes experimentos.



 Trátase de concienciar a todo o alumnado do IES Laxeiro dos perigos dos incendios forestais, e como a súa recurrencia en Galicia está empobrecendo cada vez máis a Nosa Terra.


Xuntanza de alumnado da A21EG

O pasado xoves, día 24 de maio de 2012, un grupo de oito alumnos/as de 1º de Bacharelato científico-técnico do IES Laxeiro, estivo presente na Xuntanza de alumando da Axenda 21 Escolar Galega (A21EG) do curso 2011/2012.



Esta Xuntanza celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra, e nela o alumnado é o protagonista expoñendo os traballos que realizaron ao longo deste curso dentro da A21EG.



O alumnado do IES Laxeiro fixo unha presentación sobre "Os incendios forestais na nosa Terra". Nesta amosáronse os efectos desta lacra que se ceba cada ano cos nosos montes, e a grande pasividade de todo un pobo ante algo moi anormal que xa se ve como normal.



Como remate a esta Xuntanza houbo unha feira de troco, onde o alumnado tivo a oportunidade de cambiar obxectos que trouxo da casa por outros de compañeiros dos distintos centros de ensino participantes.

Charla de divulgación científica; Xénese: Un mundo en actividade

O martes, día 8 de maio de 2012 o xornalista e divulgador científico Emilio Varela, estivo no IES Laxeiro impartindo unha charla sobre o vulcanismo. A charla titulouse ¡Xénese: Un mundo en actividade!, e nela este divulgador científico de orixe galego pero afincado en Cataluña estívonos falando dos volcáns, esas poderosas forzas da Natureza que tanto nos fascinan e atemorizan ao mesmo tempo.



Emilio Varela achegounos a catro grandes áreas dominadas no pasado ou no presente por poderosos volcáns, que deixaron nalgúns casos e están deixando noutros a súa forte pegada. Estas zonas son os campos volcánicos da zona de Olot en Cataluña, a zona do Teide en Tenerife (Illas Canarias), a zona do Vesubio en Italia e a zona volcánica do deserto de Atacama entre Chile e Arxentina. Coas súas explicacións deixoulle ao alumnado de 1º de bacharelato unha grande inquietude por ir ver estas zonas, e saber máis sobre os volcáns e a influencia que sempre tiveron nas poboacións que vivían preto deles.


Visita de alumnado de 3º de ESO aos museos Aquarium e DOMUS de A Coruña

O pasado luns, día 16 de abril de 2012 o alumnado de 3º de ESO do IES Laxeiro acompañados de tres profesores realizaron unha visita didáctica aos museos Aquarium e DOMUS de A Coruña. Nesta visita tiveron ocasión de ver de cerca a fauna do noso litoral e o reparto de comida ás focas e aos peixes da sala Nautilus (un dos acuarios máis grandes de España). Asemade realizaron actividades interactivas sobre os ecosistemas mariños o que lles serviu de complemento ás explicacións das clases.


Na DOMUS viron unha película en 3D sobre a necesidade que temos todos de coidar o medio ambiente e loitar contra o cambio climático, realizaron actividades sobre a estrutura e o funcionamento dos distintos aparatos e sistemas do corpo humano, e finalmente tiveron ocasión de ver a disección dun corazón de porco seguido da explicación do funcionamento do mesmo a cargo dunha monitora do museo.



 

Visita á Central térmica de MEIRAMA e ao Complexo Medioambiental de SOGAMA en Cerceda (A Coruña)

O pasado xoves, día 12 de abril de 2012,  alumnado de 1º de bacharelato da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo acompañados de tres profesores, realizaron unha visita didáctica á Central térmica de MEIRAMA e ao Complexo Medioambiental de SOGAMA no Concello de Cerceda. 


 


 


VII OLIMPÍADA DE BIOLOXÍA

O pasado venres, día 13 de xaneiro de 2012, tres alumnos do IES Laxeiro: Iago González Fernández, Iago Jar Santorum e Silvia Lorenzo Mato, matriculados en 2º de bacharelato científico-tecnolóxico, participaron na VII Olimpíada de Bioloxía que se celebrou na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Na fotografía pódense ver co diploma que acredita a súa participación.

Distribuir contido