Equipo de Normalización, Grupo TIC, Grupo Convivencia, Axenda 21, Información xeral, Integrantes e grupos , Actividades, Recursos, Información xeral, Recursos, Funcións, Plan de convivencia, Recursos, Actividades, Actividades, Igualdade de xénero, Información xeral, Actividades

Os nosos alumnos de 1º ESO participan nos obradoiros de Robótica na Cidade da Cultura.

Obradoiro de RobóticaO martes pasado, 31 de maio, os nosos alumnos participaron nos obradoiros de Programación e de Robótica na Cidade da Cultura.

Puideron coñecer a R2D2!

Coñeceron ademais, a un grupo de persoas que se esforzan en traballar coas novas tecnoloxías, e fomentar unha cidadanía con coñecemento dixital.

Os obradoiros estaban adicados a programar en Scratch (proxectos de programación nunha contorna de fácil aprendizaxe). Tamén traballaron programando uns Robots LEGO NXT e experimentaron con proxectos divertidos e asombrosos de ciencias e tecnoloxía... Ata tocaron un piano feito de froitas!

Participaron nunha charla sobre os riscos de navegar por Internet. Sacaron en claro, que é fundamental o apoio dos pais (control parental) e tamén o de crear contrasinais súper-seguras... ("un para todos e todos para un!" = "1xaTo2eTo2xa1!"). 

Ollaron a Cidade da Cultura dende o Monte Gaias en Santiago de Compostela, un espazo aberto e cheo de posibilidades...

Portáronse xenial e pasárono fenomenal!

Graciñas por todo!

 

 

PLAN DE CONVIVENCIA DO CENTRO: PRIMEIROS PASOS PARA A MEDIACIÓN ENTRE IGUAIS

Este mércores pasado, 25 de maio,contamos coas compañeiras Kety e Begoña do IES Xulián Magariños de Negreira, que se encargan da coordinación de mediación e da orientación neste centro.


Compartiron a súa experiencia tanto na posta en marcha da mediación como na formación, difusión e continuidade do seu proxecto, no que se prima a mellora da convivencia, a autonomía e mellora das competencias sociais do alumnado participante e o fomento do diálogo na resolución de conflitos.

Foi unha pequena introdución para os interesados/as que acudimos: do IES  Laxeiro, do IES Aller, do IES Colmeiro…

Graciñas a Kety, Begoña e aos asistentes.

 

 

Entrega de Premios Extraordinarios da ESO

PremiosExtraordinarios2016

O venres 4 de marzo tivo lugar a entrega dos premios extraordinarios da ESO correspondentes ao alumnado que rematou no 2014-15 a ESO.

O noso centro conta con 2 alumnas premiadas: Sonia Varela García e Meryem Zerguit.

A ceremonia tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, onde outros 38 alumnos/as de toda Galicia, recolleron os diplomas de mans de diversas autoridades: o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de educación Román Rodríguez González, do director xeral de educación Manuel Corredoira López e do director do noso centro Uxío Grande Sierra.

Estas alumnas forman parte dun listado de anteriores alumnos/as do noso centro, que tamén foron premiados:

Curso 2009-10: José Luis Peña

Curso 2010-11: Aurora Peña e Xiana Rielo

Curso 2011-12: Sandra Rodríguez

Curso 2012-13: Mª José Sanmartín, Mª José González, Rubén Carballude e Andrés Machado

Curso 2013-14: Jesús Angel Taín

Para tod@s un agarimoso saúdo.

 

Presentación da novela “Izan o da saca” de Xabier Quiroga

Portada Libro "Izan o da saca"

Mércores, 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro, rúa Bos Aires, 71, de Lalín, terá lugar a presentación da novela "Izan o da saca" do noso benquerido compañeiro Xabier Quiroga.

No acto participarán Uxío Grande, Rafael Cuíña, Manuel Bragado e Xabier Quiroga.

      >> Ficha do Libro

Izan o da saca
Xabier Quiroga (Autor)
"O Fiscal Superior de Xustiza recibe do seu editor un paquete que contén, ademais dun cartafol con noticias de varias mortes sen relación aparente, unha novela. Nela, un taxista con ínfulas investigadoras e lector empedernido acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego: desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Comeza así, ademais dunha engaiolante procura pola xeografía física e humana deste país, unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.Mesturando realidade e ficción, coa mestría da madurez narrativa e facendo encaixar as múltiples pezas desta novela negra nun insólito final, Xabier Quiroga atrápanos nunha trama que, da man do Reiniña, o seu protagonista, remexe no escuro duns feitos agochados no pasado pero que, sen remedio, salpican o presente."

Un ano máis, contra a Violencia de Xénero

Neste 25 de novembro puxémoslle nome a todas as vítimas do ano 2015. Unha flor violeta e unha folla individualizada simbolizaron a dor dos 48 asasinatos que ata este momento estaban oficialmente contabilizados. O alumnado de 4º de ESO A e PDC rodeou este acto simbólico con poemas, e declaracións de intencións. De fronte, o silencio dun público respectuoso sabedor da importancia que a nosa homenaxe particular tiña.

O alumnado do Club de lectura puxo o seu gran de area interpretando unha performance nun acto que o Concello de Lalín organizou para toda a veciñanza, e no que participaron todos os Centros do Concello.

 

Na galería de imaxes tedes as fotos dese día, no que tamén, coa axuda do alumnado de 1º ESO A, plantamos primaveras en recordo a todas as vítimas.

Asemade, queremos dar os parabéns ás alumnas María, Nerea, Aitana e aos alumnos Jorge e Anxo por seren os gañadores do Concurso de Twitter que organizou o Concello de Lalín. Aquí podedes ver, no arquivo adxunto, os chíos que mereceron ser premiados.

Finalistas do IV Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2015

Aquí tendes un vídeo elaborado no propio centro:

Celebramos o Día da Ciencia en Galego!

Día da Ciencia en Galego

Como hai políticos que cren que a nosa lingua non serve para ser científica, nos centros de ensino empeñámonos en demostrar que si. E resulta ben doado! 

Un ano máis, no noso centro decidimos dar o protagonismo ao alumnado de Diversificación para que fosen eles e elas quen demostrase que a ciencia pode explicarse en galego, converténdose en profesorado por un día. E que ben o fixeron!

 As experiencias xiraron arredor da luz e da óptica.

     Ver Fotos

 

Xornada de Convivencia na Devesa de Moa


     O pasado 1 de outubro, os 75 alumnos de 1º da ESO acompañados por sete dos seus profesores participaron nunha Xornada de Convivencia, que contempla o Plan de Convivencia do Centro co fin de facilitar o coñecemento e cohesión do alumnado, que provén de diferentes centros de Primaria e tamén establecer relacións de proximidade cos distintos profesores. Para este fin, deseñouse unha ruta de sendeirismo pola Devesa de Moa, onde ademais de compartir conversa e camiñata, deu pé para coñecer as excelencias naturais desta paraxe, da que cabe destacar a súa ampla biodiversidade botánica e zoolóxica. Igualmente serviu para coñecer os cursos dos ríos Deza e Zobra e valorar a importancia que a apicultura tivo no Candán, coa visita e explicación da función das alvarizas.

    A xornada foi un éxito de alegría e alumnos e profesores regresamos satisfeitos da experiencia. 

    Neste enlace pódense ver algunhas fotos da xornada.

 

BENVIDOS PRIMEIROS!!

 

 

A nosa biblioteca está xa a pleno rendemento. O venres 18 recibimos entre globos e festa aos cursos de 1º da ESO. Foi un primeiro encontro dos 75 rapaces co entorno da biblio.

 

Ensinámoslles as nosas 3 xoias do século XIX: os tres libros máis antigos dos fondos bibliográficos. Tamén viron fotos de hai 40 anos das instalacións que había entón no instituto para ler e estudar.

Todos  quedaron abraiados cando descubriron que o noso centro conta con máis de 14600 volumes rexistrados…¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

 

…e é que a Biblioteca do Laxeiro é pequeniña , pero xeitosa.  Aquí tes máis imaxes.

 

Becas para estudos postobrigatorios, bacharelato, ciclos e FP Básica.

Ata o 30 de setembro está aberto o prazo para solicitar becas de axuda para estudos de bacharelato, ciclos e FP Básica segundo a Resolución do 30 de xullo publicada no BOE con data de 6 de agosto.

A solicitude  deberase cumprimentar mediante o formulario accesible por vía telemática a través da sede electrónica do Departamento no enderezo https://sede.educacion.gob.es/portada.html  no apartado correspondente a «Trámites y Servicios» ou no enderezo electrónico www.mecd.gob.es

No arquivo adxunto, os interesados poden obter toda a información para a súa solicitude

Resolución do 30 de xullo  por la que se convocan becas de carácter xeral para o curso académico 2015-2016, para estudantes que cursen estudos postobrigatorios.

 

Calendario de exames de setembro 2015 no IES Laxeiro de Lalín

Publícase o calendario de exames de setembro correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2014-2015 no IES Laxeiro.

- Calendario da ESO

- Calendario de Bacharelato

 

Distribuir contido