Benvida
Benvidos á web do IES MONCHO VALCARCE:
IES MONCHO VALCARCE
R/Xosé María Penabad López s/n
15320 As Pontes de García Rodríguez
Tfno.: 981 451351 Fax:981 440748
ies.moncho.valcarce@edu.xunta.es
Tfno. móbil:610164315
Calendario fin de curso 2º Bacharelato
Achegamos a seguinte información relativa ao fin de curso para 2º de Bacharelato:
- Calendario de exames finais.
Viaxe a París
Tardamos tanto en escribir esta entrada, que xa non creo que se lembren do tute que levaron. O pasado 21 de marzo trinta e catro valentes alumnas e alumnos, acompañados de dous esforzados profesores, embarcáronse nunha viaxe de quince horas de autobús con destino a París. Mirando de non quedaren entalados pararon en Poitiers a desfrutar do Parque Futuroscope. E seguiron camiño cara a Cidade da Luz (ou, se preferides, do Amor). Velaí os turistas todos, posando no Hard Rock Café (dese da camiseta negra que está arrimado a árbore non respondemos):
Falar non sei se falarían moito francés, mais en París non deixaron ningún monumento por visitar, nin se atenderían moito ás explicacións: foron á Torre Eiffel, á Defense, ao Sacre Coeur, o Louvre, o Concello de París (na foto de abaixo), o Palacio de Versalles... Na segunda noite deron un paseo en bateau-mouche, que vós vén sendo un barco que fai un cruceiro nocturno polo río Sena, que romántico! Na véspera da saída, o martes 26 despediron a viaxe en Eurodisney: ao día seguinte tocaban outras tantas horas de viaxe de volta. Con razón había o xoves 28 moitas caras de sono polo instituto adiante.

Tamén por eses días, o luns 26 de marzo, o alumnado de Latín de 1º de Bacharelato e os de Ciencias Sociais de 2º de ESO foron a Lugo para ver a exposición Romanorum Vita. Esta exposición trata de recrear a vida cotiá nunha cidade dos tempos do Imperio Romano. Para completar a actividade, visitaron algúns dos restos romanos que se conservan na cidade de Lugo, como a muralla. O alumnado de 1º Bacharelato, xa pola tarde, foi á Escola de Artes Ramón Falcó, onde recrearon en cerámica dúas obras do pintor galego Luís Seoane. Por certo que prometeron que nolas regalarían para decorar o instituto!
Convocatoria de Colonias de Inmersión Lingüística
Axudas para participar nun programa de inmersión lingüística en colonias de vacacións.
Informamos da convocatoria por parte do MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA Y DEPORTE de 2.200 axudas para participar nun programade inmersión lingüística en colonias de vacacións para o verano de 2012.
Estas estancias terán unha duración de dúas semanas durante o mes de agosto de 2012.
Estas axudas distribúense a súa vez en dous grupos: primeiro e segundo, de acordo cos requisitos que para cada un deles se establecen no apartado seguinte:
– 1.320 axudas de ata 476 € para o grupo primeiro.
– 880 axudas de ata 326 € para o grupo segundo.
1. Requisitos xerais que deberán cumprir todos as/os solicitantes:
a) Poderá optar a estas axudas o alumnado matriculado no centro no presente curso 2011/2012 en 1º da ESO.
b) A idade das/os participantes non poderá superar os 13 anos a data 31 de decembro de 2012.
2. As/os solicitantes que a data 31 de decembro de 2011 se atopen nalgunha das seguintes circunstancias, integrarán o denominado grupo primeiro:
a) Orfandade absoluta da/o solicitante.
b) Pertencer a familias nas que algún membro este afectado de minusvalía legalmente cualificada (en grado superior ao 65% para pai/nai/irmáns do solicitante e superior ao 33% no caso de que a padeza o propio solicitante).
c) Pertencer a familias cuxo sustentador principal se atope en situación legal de desemprego ou teña recoñecida a incapacidade permanente absoluta.
d) Pertencer a familia numerosa.
e) Pertencer a familia monoparental, cuxo sustentador principal sexa viúvo/a, pai ou nai en estado solteiro ou de divorcio, separación legal ou de feito.
3. As/os solicitantes que, reunindo os requisitos xerais, non se atopen en ningunha das circunstancias do apartado anterior formarán parte do denominado grupo segundo da convocatoria.
A contía das axudas abonarase directamente ás empresas que resulten adxudicatarias do concurso público.
Non obstante o anterior, para completar o prezo total do programa, os beneficiarios pertencentes ao primeiro grupo abonarán50 euros á empresa que resulte adxudicataria. No caso de que pertenzan ao segundo grupo a cantidade a abonar será de 200 euros.
Solicitudes: Quen cumpra os requisitos dos apartados anteriores e desexen obter unha das axudas convocadas deberán cumprimentar en todos os seus apartados o modelo de solicitude cos datos da/oalumna/o solicitante, que figura na seguinte ligazón:
-Máis información e solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 25 de abril de 2012
Club de Debate
Si, é certo, quedamos de últimos... E que? Coñecemos xente doutros institutos, convidáronnos a unha opípara comida e aprendemos a falar en público e a defender as nosas posturas con argumentos. Ademais, hai que recoñecer que os do Monte Caxado foron xustos gañadores.

O sábado celebrouse a sesión comarcal da Liga de Debates que organizan os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos galegos. Pola mañá tocounos defender diante do Saturnino Montojo de Ferrol por que a democracia actual non permite a participación cidadá. Os nosos argumentos xiraron arredor das listas abertas, das novas formas de democracia e da necesidade de que as persoas que participen na política o fagan de forma voluntaria e atendan a medrar
Pola tarde, tocounos defender a posición contraria. Desta volta falamos de que a democracia é un sistema político polo que as sociedades levan pelexando moito tempo (e aínda seguen), que é o sistema que garante unha mellor calidade de vida e de que en ámbito como o municipal a participación cidadá é unha realidade desde hai tempo, por medio dos presupostos participativos ou das asociacións veciñais.
Non foi suficiente. Os nervios, os exames dos últimos días que nos impediron preparar o debate tanto como teríamos querido, os imprevistos de última hora... Outro ano será!
Día Internacional da Muller e Cross de Iniciación ao Atlétismo
Había quen parecía laiarse por non ter apurado máis:

De todas maneiras, as nosas rapazas e rapaces correron con ansia no Cross de Iniciación ao Atletismo que se celebrou a mañá do venres 9 de marzo na Fraga. A organización correu do Club de Atletismo Olympo, a asociación de ANPAS Abrente e o Concello e nos puxemos algúns dos gañadores. Velaí os do noso centro:
- Alba Antúnez (na foto de arriba): 3ª en Infantil Feminino.
- Martín García: 2º en Infantil Masculino.
- Andrea Pichel: 2ª en Cadete Feminino.
- David Tonislavov: 1º en Cadete Masculino.
- Ángel Caínzos: 2º en Cadete Masculino.

A todas e todos os que non gañastes, non vos preocupedes: bótase a ver na foto que polo menos escorrentastes o frío! Se quedastes con ganas de máis, lembrade que a mañá do domingo 19 de marzo, terá lugar no mesmo escenario a XII Carreira de San Xosé.

Ademais disto, o 8 de marzo celebrouse o Día Internacional da Muller Traballadora. No centro lembramos esta data cunha exposición de libros de temática feminina. Ademais, durante as vindeiras semanas o persoal de Servizos Sociais do Concello traballará nas aulas co alumnado da ESO para achegarlles todo o que aínda queda por facer para conseguir a igualdade entre homes e mulleres.

Convocatoria de axudas para estadías de formación en linguas estranxeiras
Informamos da convocatoria por parte da Consellería de Educación de axudas para realizar estadías de formación en Inglés ou Francés para o alumnado durante o ano 2012.
Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado do centro que cumpra os seguintes requisitos:
* Ter superadas todas as materias no curso 2010-2011.
* Ter acadado no curso 2010-2011 unha cualificación mínima de 6 na materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía.
* Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.
* Non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
* Ter DNI, NIE, pasaporte, visado ou tarxeta de residencia en vigor, segundo corresponda.
O prazo para a presentación de solicitudes será ata o 7 de abril.
Para máis información sobre a convocatoria ou para tramitar a solicitude ver os seguintes enlaces:
Web da convocatoria: http://www.edu.xunta.es/axudasle
Documento coa convocatoria completa
Enderezo electrónico: axudasle@edu.xunta.es
Entroido
Xa estamos na Coresma e aínda non falamos do Entroido.
O día antes das vacacións de Entroido, o venres 17, foi un continuo ir e vir de disfraces. Ás doce chegaron os freixós que reparte o Concello. Algún quedou sen eles, porque foron devorados por un alumnado famélico en cuestión de media hora.
Ás doce e media comezou o desfile de comparsas. O acto estivo presentado por Emilio e Iago, de 2º de Bacharelato, que se inventaron para a ocasión un novo superheroe: Musulman! Un disfraz moi orixinal, como vedes na foto.

As gañadoras do desfile foron Sara e Patricia, de 2º de Bacharelato, que fixeron un playback moi logrado de Marta Sánchez e Carlos Baute. Os segundos premios foron para os Froitos Secos (1º ESO), os Gardacostas (1º Bacharelato), os Pataqueiros (1º Bacharelato) e as Damas de Época (2º Bacharelato, na foto). Aproveitamos tamén para entregar os premios ao concurso de Declaracións de Amor que organizou o EDLG con ocasión do día dos Namorados.

Ao remate do desfile, mostramos nun karaoke as mellores voces do centro (xa van quince días e aínda non choveu).
Agradecémosvos a todos a vosa participación, moi en especial aos presentadores, Diana, Rubén, Andrea e Ana, que controlaron o son do evento, e Cristina e Salomé que gravaron e tomaron fotografías da actividade.
Ah! Case me esquezo... Antes do desfile as seleccións femenina e masculina de fútbol sala do centro foron ao centro veciño, o Castro de Uz, a desputar un partido intergaláctico. Menos mal que as rapazas gañaron con solvencia, porque dos rapaces mellor nin falamos...
Reserva de praza/Matrícula
RESERVA DE PRAZA E ADMISIÓN CURSO 2012-2013
A solicitude de reserva para o alumnado dos cenrtos adscritos formalizarase nas seguintes datas:
-
Reserva para cursar 1º de ESO: Do 1 ao 15 de febreiro de cada ano, presentando o anexo I da Orde do 17 de marzo de 2007.
A solicitude de admisión para o alumnado procedente doutros centros formalizarase nas seguintes datas:
-
Reserva para cursar 2º, 3º e 4º de ESO e Bacharelato:(só os alumnos que veñen doutro centro) Do 1 de marzo ao 10 de abril , presentando o anexo II da Orde do 17 de marzo. Para o alumnado do centro, a reserva de praza farase automaticamente.
MATRÍCULA
A matrícula farase do 25 de xuño ao 10 de xullo para o alumnado que teña todo aprobado na convocatoria de xuño. Para o alumnado que teña exames de recuperación en setembro será do 1 ao 10 de setembro (despois da avaliación).
Toda a información relativa a estes procesos, incluídos os distintos prazos e calendarios, pode consultarse no taboleiro de información do centro e nos seguintes arquivos:
Información proceso de reserva
Información proceso de admisión
Actividades extraescolares e complementarias: 16-20 de xaneiro
Se a semana de volta ás clases foi de calma, esta estivo chea de actividades:
Nos tres primeiros días, Teresa, da Asociación Acivros, impartiu ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO uns obradoiros sobre marxinalidade. Estes obradoiros quedaron encadrados dentro das materias de Ciencias Sociais e Ética, posto que tratábamos de transmitirlle ao alumnado cales son os sentimentos e preocupacións das persoas que carecen de recursos económicos, que perspectivas teñen de saír desa situación e cales son as causas que as levan a caer na pobreza extrema.
O tema interesoulles moito aos nosos estudantes. Moitos deles descoñecían a situación destas persoas e tiñan moita curiosidade en coñecer como afrontan as súas vidas as persoas que carecen de cousas (casa, cartos, traballo...) que todos consideramos fundamentais para levar unha vida digna.
O martes 17 o alumnado de 2º ESO e 4º C desprazouse ao Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A Real Filharmonía de Galicia andaba a ensaiar a 8º Sinfonía de Beethoven e os nosos rapaces foron comprobar que tal o facían.
O mércores tocou patinaxe sobre xeo. Trinta e un rapaces de 1º ESO foron ao Coliseum da Coruña: mellor ou peor parece que conseguiron manterse en pé, copiando o magnífico estilo das súas profesoras.

Supoñemos que a idea era ir practicando para cando lles toque a viaxe ao Pireneo: este domingo un grupo de rapaces de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato marchan en bus para esquiar toda a semana.



