OBRADOIRO ESPAZO EN FAMILIA: LUDOPATÍAS E CONVIVENCIA ESCOLAR

 

O programa de espazo en familia  do concello de As Pontes  dirixido ao alumnado de ESO é unha ferramenta que axuda a potenciar a competencia social  do noso alumnado en dous temas relacionados coa convivencia: as relacións entre iguais para o alumnado de 1º de ESO e a prevención das ludopatías para o alumnado de 4º de ESO. As rapazas e rapaces precisan de estratexias para afrontar a realidade social propia da adolescencia. Dúas das temáticas que inflúen no comportamento social nesta idade son  o trato entre iguais ao inicio da etapa de ESO e as ludopatías ao final da etapa. Recoñecer, identificar e afrontar estas situacións mellora a competencia social do noso alumnado.

 

CONCERTO DIDÁCTICO "XOGO E ESPELLOS"

O pasado venres día 3 de febreiro o alumnado de 3º ESO asistiu ao concerto “Xogo e espellos” celebrado no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Tratábase dunha proposta didáctica a cargo da Real Filharmonía de Galicia e do compositor e pianista Javier Otero a través da cal se presentaban ao alumnado as posibilidades de interconexión entre a orquestra sinfónica e instrumentos electrófonos. Ao longo do concerto o compositor e solista amosos os distintos usos do sampler. Ao mesmo tempo era posible familiarizarse coas sonoridades da orquestra sinfónica.

CLUB DE CIENCIAS: "XAULA DE FARADAY"

 

Alumnado de 2º Bac explicou a "Xaula de Faraday" ás rapazas e rapaces do club de ciencias. É un experimento moi interesante xa que a xaula de Faraday ten moitas aplicacións na vida cotiá: no microondas, un ascensor ou cando viaxamos en avión, este funciona como xaula de Faraday protexéndonos das descargas eléctricas externas cando hai unha tormenta.

 

CONCURSO ODISEA

 

Os Argonautas do Moncho”, Loisla Romero, Ismael Vázquez e Antón de la Fuente (1º BAC A), participaron no Concurso Odisea durante os días 23, 24, 25 e 26 de xaneiro. Nesta nova aventura de ODISEA 2023 (concurso organizado pola Sociedade de Estudos Clásicos) navegamos achegándonos a un novo tema: A auga en Grecia e Roma. A nave correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar de Internet, e aínda que non conseguimos chegar á nosa illa (fase final), logramos unha moi boa posición e agora somos máis sabios. Nosos alumnos e alumna de 1º Bac de Humanidades enfrontáronse como modernos heroes ás preguntas e desfrutaron da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo. Parabéns!

ODISEA (odiseaconcurso.org)

FÊTE DE LA CHANDELEUR

 

 

O alumnado de francés  realizou no hall do centro unha demostración  da elaboración e degustación das famosas “crêpes” francesas con motivo do día de “La Chandeleur” que se celebra en Francia o 2 de febreiro. É unha actividade moi  interesante xa que fomenta a  participación activa e  dá a coñecer unha parte das tradicións francesas.

 

OLIMPIADAS DE FILOSOFÍA

 

A participación na  X edición da OFG, na modalidade “disertación” consiste na elaboración dun ensaio ou reflexión persoal argumentada sobre un dos trece subtemas seleccionados pola organización. O subtema é elixido por sorteo o día da celebración da Olimpíada enmarcándose na presente edición no tema xeral “Fronteiras e xustiza global”. O exercicio, destinado ao alumnado de bacharelato, ten unha extensión máxima de dúas mil palabras.Os centros educativos participantes seleccionan un máximo de cinco participantes que elaboran a súa disertación na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela.

A Olimpíada Filosófica de Galicia é unha iniciativa educativa que pretende achegar a Filosofía ao alumnado de diferentes xeitos: certame fotográfico, curta de vídeo, disertación e resolución dun dilema moral. No caso do alumnado de bacharelato, a modalidade específica é a “Disertación”, instrumento curricular que se traballa durante o curso e que está orientada  fundamentalmente a iniciarse na investigación, no dominio conceptual e na estruturación do pensamento. Este tipo de exercicio contribúe en gran medida á comprensión de distintos aspectos da realidade social, axudando a desenvolver a capacidade de análise, o espírito crítico e propositivo e a elaboración de pensamento propio. 

 

 

CHARLA INFORMATIVA UNIVERSIDADE DE VIGO

 

 

O profesor Francisco Eibe da universidade de Vigo presentou ao noso alumnado os graos que se imparten na Escola de Enxeñaría de minas desta universidade, dando a coñecer os obxectivos , os contidos e as saídas profesionais deste grao que é único en Galicia. A orientación académica e profesional axuda ao alumnado a tomar decisións maduras e reflexivas. Coñecer a oferta formativa actualizada facilita a elección de futuros estudos entre o alumnado que remata unha etapa educativa.

 

 

FESTIVAL DE NADAL 2022

Despedimos o trimestre coa celebración do Festival de Nadal no que participou o alumnado de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Grazas a Beatriz de la Fuente por acompañarnos na preparación e interpretación da canción On écrit sur les murs.  Queremos amosar a nosa especial alegría e gratitude pola colaboración de ASPANAES, tanto ao profesorado como ao alumnado que participou no concerto. Felicitacións a todo o alumnado polo esforzo realizado, tanto no momento de subir ao escenario agasallándonos coa súa música, como polo clima festivo e de compañeirismo e o seu saber estar como espectadores e espectadoras. Moitas grazas e o noso recoñecemento pola magnífica organización e dirección do evento a Estrela Gómez. 

 

EXPOSICIÓN AI: MORE THAN HUMAN

O día 21 de decembro o alumnado de 1º e  2º Bac da materia de Tecnoloxía industrial e de 2º BAC da materia TICs fixo unha visita a Exposición AI: MORE THAN HUMAN (Afundación Abanca) e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos – UDC.

En primeiro lugar visitamos a exposición sobre a historia da Intelixencia Artificial, tendo a posibilidade de interactuar directamente cos obxectos expostos para experimentar de primeira man as capacidades dla Intelixencia Artificial. Viviron situacións impresionantes como interactuar co canciño robot AIBO, ulir as flores dunha árbore extinta,  descubrir a máquina Enigma e a máquina Bombe de Alan Turing, elementos clave no transcurso da II Guerra Mundial, etc.

Despois visitamos varios laboratorios da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos – UDC, na Coruña, e realizaron varias practicas de estruturas.

 

Distribuir contido