Skip to Content

Colaboración do instituto e o concello desde a normalización lingüística

Hai un ano publicábamos un informe sobre a situación da sinaléctica en Silleda. Unha das conclusións máis importantes era que, se ben por parte das administracións había un compromiso co uso do galego (case un 90% dos sinais recollidos viñan neste idioma), non sucedía o mesmo por parte dos establecementos comerciais, onde os niveis de uso do galego estaba na veciñanza do 20%. Ante esta situación elaboramos varias propostas de actuación. Unha delas consistía na posta en marcha dun premio que recoñecese o labor daqueles comercios que apostan polo uso do galego na súa actividade empresarial. Propuxémoslle a iniciativa ao Concello de Silleda, quen se puxo en contacto coa asociación local de comerciantes, ECOS, e como vedes foi moi ben recibida.

O concurso xa está en marcha e ata o día 17 poden recibirse as notificación dos comercios que opten ao premio. Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas perante a Concellería de Normalización Lingüística, xa por escrito, xa enviando un correo electrónico, a info@silleda.es, indicando o asunto e especificando o nome do establecemento, nome da persoa responsable e teléfono de contacto. As bases da convocatoria poden consultarse nesta ligazón

Cartas dos restaurantes en galego

Outra das propostas xurdidas do estudo do entorno social consitía nunha acción no sector hosteleiro do concello. 

A través dun novo convenio entre o Concello de Silleda, neste caso o departamento de Turismo, e o IES Pintor Colmeiro ofértase aos 26 establecementos de restauración de Silleda a confección gratuita das súas cartas e menús en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Desde o ENDL do centro consideramos que esta é unha iniciativa moi interesante pois preténdese que os protagonistas do proceso sexan os propios alumnos que exercerán así como axentes normalizadores do seu entorno. Velái unha nova actividade que alén de educativa actúa como mecanismo visibilizador da necesidade dunha maior implicación da comunidade coa lingua galega.

Máis información no blogue do ENDL



story | by Dr. Radut