Skip to Content

Percorrido polo mapa dos xacementos arqueolóxicos de Silleda

Acabamos de introducir no mapa da microtoponimia de Silleda os xacementos arqueolóxicos do concello polo que superamos as 1000 xeolocalizacións.
Neste mapa que presentamos hoxe nesta entrada están identificados  petróglifos, mámoas e castros. De consultarde o mapa da microtoponimia tamén os acharedes. Temos que agradecerlle ao arqueólogo Israel Picón a súa colaboración para a localización destes importantes xacementos.
De seguido facemos un breve percorrido por algún destes lugares como exemplo do que podedes atopar no mapa.

Mámoas

As mámoas son túmulos funerarios, consistentes en amoreamentos artificiais de terra e/ou pedras, habitualmente de forma circular ou lixeiramente elíptica, que se nos presentan de forma brusca sobre o terreo que sinalan e conteñen un ou varios enterramentos.Son característicos do Neolítico.
Mámoa da Chousa Nova (Abades): As obras do Ave fixeron descubrir ao público a Mámoa da Chouxa Nova I, considerada a máis antiga de Galicia catalogada.

Petróglifos
Un petróglifo é unha representación gráfica gravada nas rochas ou pedras. Son o antecedente dos símbolos previos á escritura e o seu uso na comunicación data de hai uns 12.000 anos e chega aos tempos modernos, dependendo da cultura e o lugar, dándose sobre todo a partir do Neolítico. A maior parte dos petróglifos descubertos e chegados á actualidade dan como resultado que é no sur de Galiza, na provincia de Pontevedra e concretamente no val do río Lérez, onde se conservan a maior parte dos gravados. Canto máis lonxe deste lugar cara ao norte ou ás provincias de interior diminúe o número, estando case sempre relacionados cos vales dos ríos.
O petróglifo de Chao de Petos (Oleiros): A imaxe foi tomada nunha ruta arqueolóxica realizada pola parroquia de Oleiros no mes de outubro do 2014. Nela podemos observar como se realiza un calco dos gravados empregando un mantel de papel e papel de carbón.

Castros
Un castro é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente polo noroeste da Península Ibérica e as Illas Británicas entre a Idade do Bronce e a do Ferro, e aínda que seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media, os castros identifícanse como un  elemento definitorio da cultura prerromana.
Castro Montaz (Oleiros): LENDAS: Habitado por mouros; no seu interior garda tesouros. Cando os rapaces ían co gado para o castro, os maiores dicíanlles que non fixeran trasnadas porque sairían os mouros dunha cova que había na súa coroa e que os levarían. Os rapaces, para evitar ese posible desenlace, pasaban o tempo tirando pedras no oco da cova para que non saíran tales mouros, ata que o chegaron a encher.



story | by Dr. Radut