Matemáticas, ciencia e tecnoloxía desde a biblioteca

Un novo xeito de entender a biblioteca desde o blog escolar
O blog da biblioteca convértese nunha fiestra na que mostrar a dinámica do centro de recursos do centro educativo. A través del amósanse as actividades nas que se pon o foco en cada curso escolar, neste caso, aquelas relacionadas coa ciencia, as matemáticas e a tecnoloxía.

M.ª Belén Jorge Estévez
Coordinadora da biblioteca IES Pazo da Mercé
belenje@edu.xunta.es

Ciencias, biblioteca e blog

Este curso enfocamos gran parte das actividades da nosa biblioteca á ciencia, matemáticas e tecnoloxía tentando achegarlle ao alumnado diferentes contidos dun xeito lúdico. O blog da biblioteca convértese na plataforma ideal para difundir estas iniciativas entre a nosa comunidade escolar, movéndonos así entre o espazo físico e o espazo virtual.

O blog da biblioteca comezou a súa andaina o curso pasado, no mes de febreiro de 2013. Había tempo que o grupo de profesoras e profesores colaboradores da biblioteca estabamos barallando esta idea e pensamos arriscarnos para comezar no mes de Rosalía, pois sería unha homenaxe á nosa biblioteca, que leva o seu nome: Rosalía de Castro.

Todos sabemos que un blog é unha ferramenta para almacenar ideas e recursos, anotacións cronolóxicas, publicacións de novidades, recomendacións de lecturas, sitios web etc., pero máis ca nada é unha plataforma para compartir coñecementos, tanto cos membros da nosa comunidade escolar coma con usuarios externos. Un blog axiliza a difusión da información ao mesmo tempo que permite compartila, polo que se converte nun medio de comunicación accesible e cheo de creatividade, que convida a participar e colaborar. Pouco a pouco fomos dándolle forma segundo as nosas posibilidades e as nosas necesidades, pero sempre tivemos claro que a biblioteca non só é literatura, polo que o noso blog debía ser plural, diverso, formativo e lúdico, un blog onde as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía tamén deben estar presentes. Desde a biblioteca procuramos aplicar o coñecemento matemático á realidade, á vida cotiá. A exploración, o razoamento, a experimentación e os demais procesos que levan desde as matemáticas ata as ciencias e a tecnoloxía son fundamentais para desenvolver as competencias básicas ligadas a estas materias.

 

Para conseguilo, tentamos que as nosas publicacións poidan ser atractivas para o alumnado, que poidan ser vistas nas diferentes clases acompañados do profesorado de diferentes materias, en Atención Educativa ou incluso nas gardas, pero tamén na casa coa familia e no tempo de lecer. Como curiosidade, engadimos un enlace de radio no que cada usuario pode escoller o estilo de música preferido mentres curiosea polo blog e podemos afirmar que ten moi boa acollida.

 

Para nós, o primeiro obxectivo foi sempre achegarnos ao alumnado e facer que a biblioteca e as actividades que se desenvolven naquel pequeno espazo, ou as que organiza en colaboración cos departamentos, fosen visibles.

Ao comezo sentimos algo de confusión á hora de seleccionar a información que queriamos colgar, a lista de blogs de referencia e as páxinas destacadas pois actualmente contamos con moita información na rede que encaixaría perfectamente neste blog e ao mesmo tempo contamos con pouco tempo para seleccionala. Para esta tarefa contamos coa colaboración de profesorado de diferentes departamentos.

É así como fomos incorporando as nosas páxinas de interese, enlaces de descargas de libros, de recursos TIC para uso do alumnado e profesorado, de recursos de cine ou documentais diversos e xogos e pasatempos didácticos con diferentes temáticas adaptados para os distintos niveis ou vínculos adecuados para o tempo de lecer.

Durante este curso decidimos darlle maior relevancia á difusión das matemáticas, ciencia e tecnoloxía.

O Departamento de Matemáticas colabora activamente para crear dinámicas que favorezan a progresiva mellora que leve o noso alumnado a adquirir destrezas, habilidades e seguridade respecto da fundamental competencia matemática e xa durante o curso pasado puxo en marcha o carné de calculista, que dá o dereito a usar a calculadora nos exames

Semanalmente, no centro dedícaselle unha hora ao programa de lectura desenvolvido polo equipo da biblioteca. Durante o primeiro cuarto de hora realízanse actividades de cálculo mental. O Departamento de Matemáticas fornécelle ao profesorado táboas de operacións simples adaptadas a cada curso que semanalmente se renovan desde a biblioteca. Do mesmo xeito, nas caixas de clase con libros de lectura, selecciónanse libros relacionados coas matemáticas para que o alumnado poida lelos durante esa hora ou incluso collelos como préstamo.

Cada trimestre, publicamos no blog a relación Alumnas e alumnos destacados na Hora de Lectura e cálculo e durante algún recreo na biblioteca as alumnas e alumnos seleccionados reciben un premio, que ben poden ser libros de lectura, minicalculadoras, marcapáxinas ou material escolar.

 

En colaboración con este departamento foi como decidimos crear a etiqueta Xogando coas matemáticas, unha selección de pasatempos matemáticos, habilidades mentais, xogos de lóxica, encrucillados ou sudokus, por exemplo, co que se demostra que as matemáticas poden ser divertidas. No comezo foi como un pasatempo de fin de semana, pero neste momento contamos con varios enlaces moi visitados polo alumnado dos que destacamos o de Mátemáticas divertidas, onde se poden atopar retos matemáticos, xogos de álxebra ou fotografía matemática, entre outros. Tamén no enlace de Cerebriti poderán atopar múltiples xogos de diferente nivel e incluso competir en rede. Este é un enlace moi visitado, en especial polo alumnado de primeiro da ESO. Finalmente destacamos o Proxecto Newton, elaborado polo Goberno de Canarias e que pretende ser un espazo lúdico para implicar as familias na aprendizaxe das matemáticas dos seus fillos e fillas mediante curiosidades, xogos, imaxes, problemas de inxenio ou pequenas investigacións.

Durante este curso o noso centro participa en varios programas de igualdade, conxuntamente co grupo de Escolas Asociadas UNESCO, e no centro temos un blog UNESCO intimamente ligado ao blog da biblioteca, polo que frecuentemente compartimos enlaces. É precisamente aquí onde colgamos diferentes entradas relacionadas coa visibilidade das mulleres en diferentes campos, entre eles as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía. Estas entradas levan a etiqueta de Donas de si, tanto no blog da biblioteca coma no blog UNESCO. O profesorado destas materias asesóranos na selección de enlaces e páxinas de interese para uso do alumnado.

Neste curso escolar, dentro das actividades coordinadas polas Escolas UNESCO participamos nos V Encontros Galegos das Escolas Asociadas UNESCO, realizados en Pontevedra no mes de novembro, nos que as alumnas e alumnos deben levar diferentes experimentos sinxelos e aplicables á vida diaria para compartir publicamente coas demais escolas. A biblioteca, conxuntamente co profesorado de Ciencias Naturais, colabora na preparación dos experimentos seleccionando os libros básicos que poidan ser de maior interese e utilidade para a escolla dos experimentos. Para isto abre ocasionalmente os mércores pola tarde, para facilitar o proceso de selección de información mediante a consulta de manuais científicos ou facilitando o uso de ordenadores e tablets dos que dispón a biblioteca habitualmente. No mes de xaneiro tamén participamos no XVI Encontro Internacional de Jovens Cientistas en Santarém (Portugal). Estes traballos tamén son difundidos no blog da biblioteca para compartilos coa comunidade escolar.

Ao longo dos meses de marzo e abril, a nosa biblioteca convértese en sala de exposición de mulleres esquecidas, especialmente das científicas, moitas delas tratadas inxustamente pola historia.

Coincidindo con esta exposición, celebramos o Día do Libro con actividades relacionadas co lema deste curso “Ler ciencia na biblioteca”.

 

  • Exposición de libros sobre ciencia e matemáticas dos fondos da nosa biblioteca, especialmente dos adquiridos recentemente.
  • Exposición de traballos realizados polo alumnado de diferentes cursos nas aulas de Física e Química e Ciencias Naturais: a célula, a flora e fauna da contorna ou a creación de volcáns.
  • Experimentos aplicables á vida diaria que presentamos en Pontevedra e Santarém, que difundiremos nos recreos coa proxección do vídeo das actividades.
  • Organización de visitas para os centros adscritos (Arbo e As Neves), nas cales as nosas alumnas e alumnos repetirán os seus experimentos e irán comentando os traballos elaborados nas aulas e que agora están expostos na biblioteca.

 

  • Concurso O Sudoku do Recreo, organizado conxuntamente co Departamento de Matemáticas, durante dúas semanas, no que cada día hai un sudoku diferente e aumenta o grao de dificultade. Deste xeito, o tempo de lecer pode ser aproveitado na biblioteca cunha actividade matemática de carácter lúdico. A biblioteca é a encargada de difundir o nome das alumnas e alumnos gañadores no seu blog e tamén recibirán algún premio como vén sendo habitual nos concursos.

En canto á páxina de tecnoloxía, comezamos por A historia dos inventos, como pode ser a roda, o telescopio, o barco de vapor, a lámpada ou o teléfono. Para comezar con algo práctico e que sabemos que ten grande atractivo e interese para o alumnado, temos unha exposición de móbiles usados desta última década, achegados polo alumnado e polo profesorado, co obxectivo principal de valorar a imparable evolución da tecnoloxía e da comunicación nas nosas vidas (curiosamente todos sen internet). Unha vez rematada a exposición, a biblioteca encárgase da reciclaxe dos móbiles.

 

Actualmente contamos con diferentes blogs do centro, aos cales se pode acceder de maneira fácil desde a páxina web do centro e o alumnado xa está familiarizado con eles. Todos están ligados ao noso blog e son complementarios.

Somos conscientes de que queda moito por facer. Entre outros aspectos destacables, está a idea de contar con alumnado colaborador do blog, co que achega unha nova visión e novos intereses acordes coa realidade dos adolescentes.

Todo este traballo é o resultado da repartición de tarefas na biblioteca, da colaboración de diferentes departamentos e da colaboración voluntaria do profesorado que dedica moito do seu tempo libre a seleccionar, organizar, divulgar e compartir.

Neste momento sentímonos satisfeitos deste paso dado xa que o noso blog cada día recibe máis visitas, tanto do noso alumnado coma do exterior. É un proxecto interdisciplinar, colaborativo e igualmente unha maneira de sentirnos partícipes e activos na defensa do ensino público.
 

Sección: