Información xeral das probas de acceso a grao medio

Introdución

As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio van dirixidas ás persoas que non cumpran os requisitos académicos de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Para poder concorrer á proba é necesario ter cumpridos dezasete anos ou cumprilos no ano natural de celebración da proba.

A proba divídese en tres partes:

- Parte sociolingüística: Lingua castelá, Lingua galega, Ciencias sociais.

- Parte matemática: matemáticas.

- Parte científico-técnica: Ciencias da natureza, Tecnoloxía.

A proba dará lugar a obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.

A certificación da superación da proba dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.

Para quen realizase a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superase na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco nas convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de Galicia durante os dous anos seguintes.

Existirá unha porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo para as persoas que accedan pola cota de proba de acceso. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba.

Acceso á nota informativa (actualizada o 09/01/2024) 

Contidos de referencia e criterios de avaliación

Na seguinte ligazón pódense consultar os contidos de referencia e criterios de avaliación das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio para a convocatoria actual.

Ver contidos e criterios de avaliación das probas (actualizado 15/11/2016) 

Materiais de probas de acceso

Na seguinte ligazón pódense consultar exames e materiais didácticos das convocatorias anteriores da proba de acceso a ciclos formativos de grao  medio.

- Materiais didácticos
- Exames de convocatorias anteriores

 
Lugar de presentación de solicitude

As solicitudes poderanse presentar en calquera centro público dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades con oferta de Formación Profesional.

 

Normativa de referencia

Lembre que a normativa sempre prevalece sobre calquera outra información. Esta páxina contén información de carácter xeral extraída da normativa, polo que calquera dúbida ou contradición se resolverá atendendo á normativa vixente (Acceso á normativa de probas)

Etiquetas: 
Tema: