Erasmus +

O programa Erasmus + ten como obxectivo atender as necesidades de ensino e aprendizaxe de todos os participantes na formación profesional de grao medio e de grao superior (incluídas as estadías transnacionais de estudantes en empresas), nas ensinanzas artísticas superiores e no ensino universitario –calquera que sexa a duración dos estudos, incluídos os de doutoramento–, así como das institucións que imparten estes tipos de formación.

Este novo programa céntrase na aprendizaxe formal e informal cunha clara vocación de internacionalización co obxectivo de mellorar as capacidades educativas e formativas das persoas para favorecer a empregabilidade de estudantes, profesorado e traballadores e traballadoras.

Erasmus + pretende apoiar as políticas europeas e nacionais en todos os ámbitos da educación e formación a través do valor engadido que supón a internacionalización e ofrecer maiores posibilidades de mobilidade e cooperación europeas a miles de institucións e persoas do noso país.

O programa Erasmus + subvenciona, entre outros, os seguintes programas para estudantes e persoal docente e non docente dos centros educativos:

  • Mobilidade de estudantes para prácticas
    Consiste na realización dun período de prácticas nunha empresa , organización ou centro educativo doutro país da Unión Europea. Estas prácticas poden ir acompañadas, en caso necesario, de cursos previos de preparación ou de cursos de actualización na lingua de acollemento ou de traballo.
  • Mobilidade para persoas tituladas de ciclos formativos de grao medio e de grao superior
    Consiste na realización de prácticas en empresas doutro país da Unión Europea, dentro dos 12 meses seguintes á finalización dos seus estudos, co fin de mellorar a súa inserción no mundo laboral.
  • Formación do persoal docente e non docente
    Mobilidade do persoal docente das institucións que impartan ciclos de formación profesional e de educación superior para impartir docencia, ou para coñecer outros centros educativos de países da Unión Europea, ou ben empresas do seu sector profesional noutros países da Unión Europea.
    Mobilidade do persoal non docente dos centros educativos nos que se impartan ciclos de formación profesional para coñecer outros centros educativos de países da Unión Europea e as súas formas de traballo e organización.

- Video promocional ERASMUS+

Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente