Proxectos de formación

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como responsable da planificación da formación do profesorado, convoca proxectos de formación específicos para o profesorado que imparte docencia nas ensinanzas de formación profesional en centros públicos para o curso 2016-2017.

 

Que son? 
Esta modalidade de formación desenvólvese nos propios centros educativos, favorece e estimula o traballo en equipo do profesorado e propicia a innovación, a mellora da práctica docente e a actualización científico-técnica, de modo que incida na mellora da educación.

 

Convocatoria
Convócanse 75 proxectos de formación do profesorado de formación profe­sional, nos centros educativos de niveis non universitarios que impartan estas ensinanzas.

Cada proxecto deberá contar cun coordinador ou cunha coordinadora e poderá incorporar profesorado de diferentes centros que compartan a súa necesidade de formación, coa finalidade de acadar o óptimo aproveitamento dos recursos.

- Bases da convocatoria dos proxectos de formación

 

Destinatarios

Poderá participar o profesorado que imparta docencia en ensinanzas de formación profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 

Obxectivos

  • Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado de formación profesional, e facilitarlle ao resto do profesorado o acceso á información obtida mediante a elaboración e a difusión de actividades de aplicación directa a aula.
  • Fomentar a súa formación nas competencias profesionais para abordar con eficacia todas as situacións do proceso de ensino e aprendizaxe, e no desenvolvemento das funcións que o profesorado debe desempeñar nunha sociedade complexa e en permanente cambio.
  • Potenciar a relación entre o profesorado de formación profesional e as empresas para, deste xeito, ofrecerlle unha mellor orientación ao alumnado de formación profesional.
  • Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora consensuada da educación do alumnado e do funcionamento dos centros, así como para a posta en práctica e a avaliación de accións que repercutan na mellora da calidade dos procesos curriculares e organizativos.
  • Promover a formación e a actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica dos equipos docentes a través do traballo colaborativo e do fomento da súa autonomía, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.

 
Liñas prioritarias da convocatoria

  • Dar cobertura ás necesidades formativas derivadas da implantación das ensinanzas de formación profesional establecidas ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluíndo os novos títulos de formación profesional básica.
  • Satisfacer as necesidades formativas derivadas da implantación da aplicación informática para a elaboración de programacións e deseño de actividades.
  • Formar ao profesorado respecto da implantación de procesos de xestión de calidade nos centros e a súa certificación.
  • Mellorar a orientación profesional do alumnado de formación profesional.
  • Potenciar a transferencia da cultura do emprendemento entre o alumnado.
  • Transferir o coñecemento dos procesos e dos medios do sector produtivo á aula.
  • Facilitar o acceso á formación do profesorado das familias profesionais menos estendidas.

 
Modelos de documentación relacionada cos proxectos de formación

- Anexo I: Declaración responsable