Así o fixo... Óscar Villán

 

Continúamos coa iniciativa que quere poñer en valor o traballo dos ilustradores e ilustradoras galegos  ao longo de trece anos de colaboración e creación na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas; celebrarmos así estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros. En diferentes formatos, contarán o proceso de creación, a partir do lema proposto pola Asesoría. Unha iniciativa que permitirá achegar ao noso alumnado ao proceso de transformación dunha idea nunha imaxe. 

Óscar Villán é o autor do cartel "Biblioteca escolar, viveiro de Cidadanía" do curso 2019/2020, no que nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar, visibilizando como a  biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

Nesta ocasión, o ilustrador debuxa o proceso de elaboración do cartel. A través dunha metáfora visual imos coñecendo os ingredientes, o proceso de cociñalos... en resumo, como o cartel foi collendo forma. Co seu traballo, Óscar agasállanos cun valioso documento cargado de contido (e humor) para traballar nas nosas bibliotecas os procesos creativos.