9 ideas clave. El aprendizaje cooperativo

Pere Pujolàs Maset (Editorial Graó —366 páx.)

IN MEMORIAN Pere Pujolàs, que foi quen de abrir camiños para facer realidade nas aulas o soño dunha escola inclusiva.

As escolas cunha orientación inclusiva —que supón unha estruturación cooperativa da aprendizaxe— representan o medio máis eficaz para combater as actitudes discriminatorias, crear comunidades de acollida, construír unha sociedade inclusiva e lograr a educación para todos e todas.

Partindo desta primeira idea clave e desde o convencemento de que aprender xuntos alumnos diferentes é xusto e é necesario, Pere Pujolàs ofrécenos, nesta publicación, valiosísimas reflexións sobre a aprendizaxe cooperativa como recurso que fai posible atender á diversidade de todos os estudantes, desde un enfoque inclusivo, sen excluír a ninguén nin clasificar o alumnado segundo a súa capacidade ou rendemento.

Non obstante, as destrezas, habilidades e actitudes necesarias para traballar en equipo de forma eficaz non se teñen de seu, polo tanto, o traballo en equipo non é só un recurso para ensinar senón tamén un contido que os estudantes deben aprender.

Para estruturar de forma cooperativa a aprendizaxe na aula é preciso intervir sistematicamente en tres ámbitos, sobre os que o profesor Pere Pujolàs afonda nesta obra: o ámbito A, que inclúe todas as actuacións relacionadas coa cohesión de grupo; o ámbito B, que abarca actuacións caracterizadas pola utilización do traballo equipo como recurso para ensinar e o ámbito C, que inclúe actuacións encamiñadas a lle ensinar ao alumnado, dunha forma explícita e sistemática, a traballar en equipo.

Pero o maior interese deste libro radica en que Pere Pujolàs acompaña as súas valiosas reflexións con exemplos, experiencias e recursos achegados por numerosos mestres e mestras que aplican a aprendizaxe cooperativa na aula. Deste xeito contribúe a aclarar algunhas cuestións e problemas que adoitan  xurdir no momento en que se estrutura a aula de forma cooperativa.

Carmen Vaz Dapía

cvaz@edu.xunta.es

CFR de Vigo

 

 

Sección: