Do e-learning ao mobile-learning

Do e-learning ao mobile-learning

Neste curso, cando entro na aula, nas mesas do meu alumnado de segundo de bacharelato e, sorprendentemente bastante mellores, nas dos de terceiro da ESO figura un novo inquilino: un smartphone ou teléfono móbil intelixente.
Neste curso, cando entro na aula, nas mesas do meu alumnado de segundo de bacharelato e, sorprendentemente bastante mellores, nas dos de terceiro da ESO figura un novo inquilino: un smartphone ou teléfono móbil intelixente. Para empezar, estes pequenos ordenadores de man que, ademais, serven para falar por teléfono son cada vez máis variados. Ademais estes teléfonos son realmente útiles cando teñen conexión a internet de maneira permanente e se conectan a través de wifi na casa, na escola ou cando saímos do noso punto de acceso a internet.
Tempo de lectura: 
7 minutos

José Mª Blanco Blanco
Catedrático Xeografía e Historia
IES David Buján. Cambre
Extracto do traballo desenrolado baixo Licenza por estudos no curso 2010-2011
jbblanco@edu.xunta.es

 

Neste curso, cando entro na aula, nas mesas do meu alumnado de segundo de bacharelato e, sorprendentemente bastante mellores, nas dos de terceiro da ESO figura un novo inquilino: un smartphone ou teléfono móbil intelixente. Para empezar, estes pequenos ordenadores de man que, ademais, serven para falar por teléfono son cada vez máis variados.

Ademais estes teléfonos son realmente útiles cando teñen conexión a internet de maneira permanente e se conectan a través de wifi na casa, na escola ou cando saímos do noso punto de acceso a internet.

Ben, pois estes teléfonos poden ser unha ferramenta xenial para o ámbito educativo. Hai que lembrar que nas grandes plataformas –Apple, Android, Blackberry– se pode acceder por centos de miles de aplicacións que serven para facer case de todo. É certo que hai algunhas que non pasan da graza, pero ao seu lado hai outras que nos poden aforrar moito traballo.

Unha das vantaxes de levar internet no peto é que en calquera momento podemos facer unha consulta nun buscador ou nunha enciclopedia en liña. E para os que prefiran ter acceso a información máis especializada, máis fiable ou, simplemente, cunha longa carga de autoridade maior, hai miles de obras de consulta que se poden descargar e instalar: dicionarios de idiomas, vademecums, obras clásicas, xogos de xeografía, atlas das máis diversas materias, índices, que poden descargarse libres de dereitos de autor.

A implantación das TIC ou ICT (information and communications technology) é un feito que está a suceder con relativo éxito e aceptación por parte do alumnado, como o demostra o proxecto Abalar.

Non hai tanto tempo que, cando coa invención do world wide web (WWW), o mundo chegou á realidade da comunicación e do coñecemento. En 1983 só había 500 PC conectados a internet, en 1992 chegaron a un millón, en 1995 eran catro millóns e medio, no ano 2008 superábase a cantidade dun billón. Hoxe en día, o mercado dos smartphones supera o dos PC; neste ano 2011, calcúlase que hai catro billóns de teléfonos intelixentes, cunha demanda moi superior á tecnoloxía fixa. É a revolución móbil, o que denominamos a era posPC.

Unha vantaxe engadida dos móbiles é que os sistemas de organización que veñen instalados por defecto na maioría dos teléfonos nos permiten  manter unha copia da nosa información na rede, de maneira que as cousas se simplifican moito á hora de colaborar con outros compañeiros ou organizar actividades de grupo. Se desexamos quedar cos amigos para facer un traballo do instituto, podemos ver nos seus calendarios cando están libres, deixarlles unha mensaxe e eles poden propor outro día, todo isto sen achegarnos a un ordenador nin descolgar o teléfono. E, por suposto, podemos levar un control milimétrico sobre as clases que temos e os traballos que temos que entregar.

Unha foto do encerado con ese esquema complicado ou desa lista de bibliografía que está colgada no taboleiro é outra das vantaxes, ademais sabemos que a foto nunca se equivoca.

Aínda que  parece unha parvada, os teléfonos intelixentes son moi útiles para comunicarse; hai que lembrar que, en canto chegan ás nosas mans e instalamos unha cantas aplicacións gratuítas, xa temos abertas xanelas a todas as canles de comunicación que usemos: correo, mensaxería, redes sociais, redes de voz sobre IP e todo o que se nos ocorra.

Estamos nos primeiros chanzos desta civilización, aínda que ante a velocidade do fenómeno estamos desprevidos.

O reloxo foi un dos primeiros aparellos que desapareceu co móbil. Despois tocoulle ao espertador. O seguinte foi a axenda de contactos, a guía telefónica. Cando o móbil incorporou unha pantalla máis grande e a cor, facilitou a organización da semana e con isto eliminou a necesidade dunha axenda electrónica.

A seguinte vítima foi a cámara de fotos e agora a cámara de vídeo, ao incorporarse a alta definición ao móbil. Tamén están a desaparecer a radio e o mp3 portátil, ao poder escoitar milleiros de emisoras de radio por internet.

Hoxe en día, a substitución máis clara é a do GPS do automóbil. Os novos smartphones inclúen os mapas gratuítos e, coa conexión permanente á rede ou gardados no móbil e co GPS, é posible guiarnos alí onde queiramos ir.

A popularidade e actividade co móbil é a que acaba provocando a substitución de servizos ou a extinción dos aparellos, sempre con resistencia máis ou menos numantina.

Non nos esquecemos do laureado disco láser, que representaba o cume da integración multimedia no ensino, prontamente abandonado e que, xunto coa desaparición da PDA, ou axenda electrónica, foi o caso máis espectacular de morte súbita: en cinco anos pasou de imprescindible a inútil. Considero tamén que o seguinte que desaparecerá será o acabado de nacer e-book.

En España son máis os móbiles con banda ancha (32%) ca os fogares coa mesma conexión (21%) a finais de 2010, dez puntos máis ca a media europea, e os usuarios son principalmente xente nova. Esta introdución permite aproveitalo no ensino sen grandes investimentos.

Ningún outro artefacto logrou humanizarse tanto e, reciprocamente, con ningún outro enxeño nos afiliamos mellor.

Encontrámonos agora na terceira revolución tecnolóxica: a primeira foi internet; a segunda, as redes sociais; esta é a terceira: as aplicacións ou aplis. As aplis conseguiron que se deixe de navegar por internet. Non hai necesidade, saltamos de apli en apli ás cousas que necesitamos. E sempre na man.

Grazas ao móbil e ás aplis, o alumnado aprendeu a divertirse coa informática.

É a primeira vez na historia da informática que o alumnado presenta vantaxes no seu uso con respecto ao profesorado, que pode quedar rapidamente obsoleto. As aplis son a cara amable da informática.

 

Que é o mobile-learning?

Estamos nos primeiros chanzos dun novo “ecosistema”. Pasamos dun sistema no que estabamos obrigados a aprender programas informáticos, aínda que só utilizásemos un o dous, a usar só o que se necesita. O que sae gañando é o alumnado e tamén o ensino en xeral, con programas pequenos. Por primeira vez ponse ao seu alcance todo o que necesita e só o que necesita.

E de salientar que os móbiles ensinan o alumnado, mesmo aquel con problemas psíquicos ou físicos, o móbil é máis rico ca o ordenador, ten máis sensores: acelerómetros, wifi, bluetooth, aplicacións que len códigos de barras, de realidade aumentada para visitas virtuais interactivas –aplicada este verán na Alhambra de Granada–, cámaras de foto e vídeo con xeolocalización, micrófonos para gravar, GPS e xa non tardarán pantallas en 3D. Isto  dálle moitas máis posibilidades ao software móbil, por fin a informática funciona sen axuda de ninguén. O que interesa é utilizar a impresionante plataforma que se nos presenta cunhas posibilidades infinitas de aplicacións ao ensino. Resulta obvio que o presente e o futuro é a comunicación sen fíos.

Cómpre salientar os proxectos europeos de e-learning e mobile-learning nos programas Leonardo da Vinci para o ensino secundario ou os IST FP5 da Comisión Europea Cordis.

En cada un destes proxectos vese como a tecnoloxía pode ofrecer novas oportunidades para aprender e que estende as posibilidades máis alá da aula conducida polo profesorado de maneira tradicional.

A aposta é clara: en vez de prohibirse –como acontece na actualidade–, débese explotar ao máximo o potencial dos dispositivos móbiles nos centros escolares como ferramentas de aprendizaxe no ámbito educativo.

Lembremos que en 1970 causou unha revolución no ensino a creación da UNED en Madrid, a Open University of The United Kingdom, a Milton Keynes en Londres e a FernUniversität en Hagen, Alemaña, que foron as primeiras universidades a distancia, e hoxe en día parécenos ético e normal a súa existencia e operatividade.

Tamén hai que salientar grupos de traballo como mLearn, m-learning.org, mlearnings.edublogs, elearningeuropa.info, mLearnopedia, WMUTE, Handheld, MoLeNet ou iadis, e o traballo da Universidade de Nottingham na aplicación do e-learning e o mobile-learning.

O alumnado ve perfectamente a distinción entre unha educación con conexión á rede e unha educación social informal e demanda a necesidade das clases como lugares de educación formal.

A escola actual fará unha xestión dos dispositivos móbiles para realzar o seu potencial. É por isto que os centros regularán o seu uso, pero non os deberán prohibir, tampouco debe colonizar o ámbito social do alumnado. Gañaremos no desenvolvemento das habilidades do alumnado cunha aprendizaxe difundida. É a nova “idade móbil”.

Chegaremos así ao u-learning (universal e-learning), pola adaptación de calquera contido e en calquera soporte, sobre todo as videoconferencias e incluída a televisión con conexión á rede ou Smart-Tv.

Como resumo das súas posibilidades, poderíamos salientar, entre outras:

  • Axuda a administrar e organizar os materiais de curso dunha maneira máis eficaz e eficiente.
  • Diminúe a necesidade e os gastos dalgunhas tarefas administrativas (por exemplo, facer copias ou fotocopias en papel, prazos de matrícula, descarga de documentos para presentar na Administración, permisos para saídas extraescolares, marcar as probas, dar avisos de entrega de traballos ou exames).
  • Ao profesorado permítelle supervisar a participación do alumnado e o seu progreso, asegurando un apoio e asesoramento dirixido de maneira rápida e pode axudar dun xeito máis eficaz as titorías.
  • Amplía as oportunidades de comunicación co alumnado.
  • Axuda a cambiar o rol do profesorado: de "provedor de coñecemento" a "guía da aprendizaxe", promovendo unha aprendizaxe autodirixida.
  • Axuda a reducir o ensino con grandes grupos e permite aumentar a dedicación a grupos pequenos ou individuais.
  • Fomenta o desenvolvemento de materiais interdisciplinares dunha maneira máis flexible.
  • Aumenta as oportunidades de participación do alumnado, sobre todo cos máis inseguros socialmente, mellora tamén a súa motivación e satisfacción.
  • Axuda a preparación dos futuros temas e a revisión e repaso dos temas anteriores.
  • Permite aumentar a accesibilidade aos materiais de información e, por suposto, aos estudantes con discapacidades –por exemplo, uso de arquivos de voz para alumnado con problemas de visión– e resulta potencialmente ideal para o alumnado adulto.
  • Fomenta unha actitude científica e a indagación sistemática e íntegrase nas webquest, weblog, wikis e exercicios de xeocaching.
  • A tecnoloxía móbil pode ocupar unha gran parte do temario que se imparte, poucos temas ou incluso un só tema, ou como axuda complementaria aos métodos tradicionais. Permítenos adaptar o programa didáctico ás necesidades do alumnado.
  • Fomenta a capacidade de moverse e aprender á vez, sen depender do espazo físico nin do tempo. É o novo estudante nómade.
  • A aprendizaxe móbil é unha tecnoloxía de liberación do libro; podemos alternar os dispositivos lixeiros netbook, tablet, smartphone, psp etc.
  • A tecnoloxía móbil permite aprender un tema conceptual e outro levado polo interese individual, curiosidade ou compromiso grazas a esta.
  • Resulta motivadora e atractiva para o alumnado, permite unha autonomía individual na aprendizaxe, axuda a respectar o ritmo e aprende a manexar gran cantidade de información.
  • Permite a mobilidade no espazo social. Mellora as oportunidades de traballo en grupos.

Co desenvolvemento da tecnoloxía de bluetooth, wap, GPRS e Umts, o movemento da telefonía e a informática cara a un contorno sen fíos é irreversible. O uso expansivo actual do wifi nas aulas, wifi hotspots en continua expansión polas cidades e unha maioría con 3G nos móbiles ofrécenos o servizo idóneo para as plataformas m-learning.

 

Bibliografía: 
Sección: