(Intentando) ensinar por proxectos

“Os límites da miña linguaxe constitúen os límites do meu mundo”. Ludwig Wittgenstein
A partir do curso 2013/14, unha parte significativa dos profesores e profesoras do Instituto Santa Irene de Vigo decidimos embarcarnos nunha nova aventura educativa. Tiñamos claro que queriamos traballar desde a interdisciplinariedade e que tiñamos que integrar na nosa práctica educativa a aprendizaxe por competencias. O CFR de Vigo brindounos o soporte e comezamos un PFPP coa intención de cambiar de forma radical o traballo en dúas frontes: - a biblioteca - os departamentos didácticos. Os resultados foron variables, uns proxectos saíron ben, outros non tanto, pero o importante é o camiño que estamos a realizar, camiño no que o protagonista indiscutible é o noso alumnado.

Tálida Ruiz del Árbol Fernández
tra@edu.xunta.es
IES Santa Irene de Vigo

 

Durante estes tres anos, puxemos en marcha os seguintes proxectos:

Curso 2013/14:

  • Proxecto Ons (departamentos de Lingua Española, Matemáticas, Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía, E. Física)
  • As armas e as letras: que lle lerías a un soldado, primeiro centenario do inicio da Primeira Guerra Mundial (grupo da biblioteca e departamentos de Lingua Española, Lingua Galega, Inglés, Francés, Debuxo, Tecnoloxía, Música).
  • Proxecto Wiki: hábitos saudables e consumo responsable (departamentos de Inglés, Economía, Física e Química e Historia)

Curso 2014/15:

  • Proxecto Ons (departamentos de Lingua Española, Lingua Galega, Xeografía e Historia, E. Física)
  • Vinte mil leguas de viaxe submarina (grupo da biblioteca e departamentos de Lingua Española, Lingua Galega, Francés, Debuxo, Tecnoloxía, Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía, Latín, Grego, Música).
  • Proxecto Wiki: hábitos saudables e consumo responsable (departamentos de Inglés, Economía, Física e Química)
  • Proxecto Santa Irene (departamentos de Historia, Francés, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés)

Curso 2015/16:

Efemérides, traballo colaborativo a través das TIC:

  • 400 aniversario da morte de Shakespeare e Cervantes (grupo da biblioteca e departamentos de Lingua Española, Inglés, Xeografía e Historia, Matemáticas, Filosofía, Física e Química e Tecnoloxía).
  • 70 aniversario do Instituto Santa Irene (grupo da biblioteca e departamentos de E. Física, Matemáticas, Relixión, Lingua Galega, Xeografía e Historia, Francés, Lingua Española)

Non vou describir estes proxectos xa que excedería a formulación deste artigo, pero si quero incidir en como a súa realización transformou o día a día do instituto:

  • O alumnado está máis implicado na vida do centro: grupo da biblioteca, alumnos mediadores, colaboración en proxectos solidarios…
  • O profesorado intenta, e ás veces conségueo, basear a aprendizaxe nas competencias, buscando a transversalidade e desenvolvendo tarefas desde diversas áreas curriculares. A aprendizaxe por proxectos, para logralo, é unha metodoloxía moi eficaz.

Cales son, entón, os nosos obxectivos?

  • Lograr unha aprendizaxe baseada nas competencias clave.
  • Conseguir acordar proxectos que lles interesen a todos (alumnado e profesorado).
  • Ter claro que o centro de todo o proceso e o protagonista absoluto é o alumnado do centro.

Voume centrar no Proxecto Ons e en As armas e as letras: que lle contarías a un soldado, para reflexionar sobre o traballo realizado con base nas competencias e na súa avaliación.

 

AS COMPETENCIAS

Competencias traballadas:

A comunicación lingüística

A competencia matemática

A competencia dixital

Aprender a aprender

Sentido da iniciativa e espírito emprendedor

Conciencia e expresións culturais

Todo se vertebrou desde a comunicación lingüística, como non pode ser doutra maneira, xa que a lingua, como di a cita de Wittgenstein, conforma o noso mundo e é o instrumento que nos permite entender a realidade.

Nos dous proxectos tivo moitísima importancia a expresión escrita e a expresión oral (a grande esquecida do noso sistema educativo).

A EXPRESIÓN ESCRITA
Proxecto Ons (nivel segundo da ESO): a tarefa era a realización de cartas formais (explicación aos pais do proxecto e convocatoria de reunión).
As armas e as letras (de primeiro a cuarto da ESO): a tarefa era a elaboración do guión do festival.

A EXPRESIÓN ORAL

Proxecto Ons: a tarefa final consistiu na exposición oral do proxecto aos seus pais. 

  • Exposición das tarefas previas realizadas.
  • Exposición do produto: excursión a Pontevedra e campamento en Ons.

As armas e as letras: o produto foi o festival para a conmemoración do Día do Libro: mestres de cerimonia, recitadores, cantantes, actores, monologuistas… (vídeo presentadores Primeira Guerra Mundial e vídeo Pic-nic Primeira Guerra Mundial)

.

Ademais destes exemplos, centrados na competencia de comunicación lingüística (aínda que tamén se traballou de maneira transversal a competencia de conciencia e expresións culturais, a competencia social e cívica, aprender a aprender), houbo outras tarefas nas que a comunicación lingüística estivo presente cun tratamento transversal.

Proxecto Ons:

  • Elaboración dos orzamentos (Departamento de Matemáticas): traballouse a competencia matemática, a competencia dixital, a do espírito emprendedor, a comunicación lingüística (ir aos supermercados e ás axencias de viaxes, preguntar, suxerir, argumentar?).
  • Realización de mapas dixitais (Departamento de Xeografía e Historia) cos diferentes itinerarios: traballouse a competencia dixital, a cultural e artística, aprender a aprender, a comunicación lingüística (a comprensión escrita).

As armas e as letras:

  • Presentación de imaxes con música sobre a Primeira Guerra Mundial: traballouse a competencia dixital, aprender a aprender, conciencia e expresións culturais, competencia social e cívica, competencia lingüística (expresión escrita).

AVALIACIÓN

A avaliación, como destaca a LOMCE, ha de ser obxecto de atención prioritaria, sobre todo con relación ao proceso de aprendizaxe do alumnado. Na ESO a avaliación debe ser continua, integradora e ter un carácter formativo.
Por tanto, podémonos preguntar:
Que avaliamos?

  • O proceso de aprendizaxe do alumnado e os resultados de aprendizaxe logrados.
  • O propio proceso do ensino: a adecuación dos obxectivos e contidos, a temporización, a metodoloxía, a adecuación ao grupo e os resultados logrados.

Como avaliamos?

  • Debemos seguir os criterios de avaliación e graduar os estándares de aprendizaxe en epígrafes que permitan cualificar, de forma obxectiva, os resultados da aprendizaxe.

No caso que nos ocupa —céntrome agora unicamente no Proxecto Ons—, realizamos tres tipos de avaliación (centradas no alumnado):

a autoavaliación
a coavaliación (nas tarefas colaborativas)
a avaliación do alumnado por parte do profesorado.

No caso de Lingua e Literatura Española, a cualificación final do produto foi a media destes tres tipos de avaliacións.
Seguindo coa importancia da competencia en comunicación lingüística, vou poñer exemplos de epígrafes (non de Lingua e Literatura Española) en que esta competencia está presente:

Elaboración de orzamentos:
Realizáronse epígrafes para avaliar a elaboración de menús, do transporte, do aloxamento, da presentación de resultados e da análise dos resultados; en relación coa comunicación lingüística temos:
Análise dos resultados e escolla da opción:


Realización de mapas dixitais:
Realizáronse epígrafes do progreso do traballo e dos mapas realizados; en relación coa comunicación lingüística temos:


 

Para concluír, diremos que o proceso de ensino-aprendizaxe por proxectos, a transversalidade, a aprendizaxe por competencias e a avaliación do proceso de ensino-aprendizaxe é fundamental para realizar o noso traballo e para achegar o ensino ao século XXI, pero o que temos que ter claro é que o noso fin último é conseguir orientar o noso alumnado para que sexa máis creativo, autónomo e emprendedor; para que teñan a capacidade de tomar a iniciativa, de traballar en equipo, de saber explicarse e interactuar no mundo real, para, na medida do posible, crear un mundo mellor, máis solidario e xusto, do que lles deixamos os adultos.

 

Sección: