A compensación educativa en Galicia

A compensación educativa en Galicia

Definición, clasificación e evolución da educación compensatoria no sistema educativo galego.

Celso Currás Fernández

Inspección de Educación 

ccurras@gmail.com

 

1. A EDUCACIÓN COMPENSATORIA

1.1. ORIXE E CONCEPTO

A educación compensatoria tivo a súa orixe nos Estados Unidos, a mediados da década dos sesenta do pasado século, en pleno auxe dun optimismo reformista e liberal. Considerábase a educación un instrumento para o cambio social, entendíase que os graves problemas de racismo, pobreza e marxinación poderían solucionarse co investimento de grandes cantidades de diñeiro en mellorar a escolarización dos nenos negros, pobres ou desfavorecidos social e culturalmente. Trátase, xa que logo, de que a desigualdade na que nace a persoa, debida ao seu contorno, sexa compensada o máis axiña posible e a institución educativa constitúe o mellor medio para conseguilo.

Nacían, deste xeito, os programas de educación compensatoria, nos que se han investir moitos cartos, tanto para a súa posta en práctica como para o seu estudo e avaliación. Pouco despois dos Estados Unidos, comeza en Europa esta modalidade educativa. España atopábase nesta etapa histórica illada dos países veciños e á marxe de reformas sociais e educativas. Mesmo a Lei xeral de educación do ano 1970, pioneira e innovadora en moitos aspectos, nin sequera mencionaba a educación compensatoria. Será xa na etapa democrática, como logo detallaremos, e, polo tanto, con máis dunha década de atraso cando se implante esta modalidade educativa. 

En termos conceptuais, podemos definir a educación compensatoria como o conxunto de programas educativos que teñen como finalidade potenciar o rendemento académico do alumnado procedente de medios familiares social e culturalmente desfavorecidos e cuxo obxectivo final é conseguir unha maior igualdade de oportunidades educativas. Trátase dunha concepción sociolóxico-ambientalista, segundo a cal a desvantaxe educativa se debe, esencialmente, a carencias do medio familiar ou social; en calquera caso, do ámbito extraescolar. 

Os estímulos educativos han ter lugar previa ou paralelamente á educación escolar ordinaria. A importancia concedida á prevención é decisiva, polo que constitúe unha das principais accións compensatorias, especialmente na etapa da educación preescolar, cando aínda é posible abordar moitos atrancos que logo serán un hándicap na aprendizaxe. O carácter recuperador ou correctivo, de carácter esencialmente cognitivo, é moito menos importante, pois non é doado loitar contra un atraso arraigado. De aí que os países con máis experiencia lles deron prioridade aos programas de prevención.

1.2. EVOLUCIÓN E RESULTADOS

A maioría dos especialistas adoptaron unha postura pesimista diante dos resultados da educación compensatoria. Dixo T. Husén (1973) que a reforma da educación non pode substituír a reforma da sociedade. A escola non pode producir igualdade nunha sociedade que non o é. Resulta irracional un sistema que cunha man fabrica desigualdades e coa outra pretende reducir as súas consecuencias. Sería máis lóxico consagrar os esforzos a suprimir a orixe desas desigualdades. Non teñen moito sentido as accións de compensación educativa sen que nada cambie nas condicións de existencia das familias máis desfavorecidas.

Aínda que a educación compensatoria fallou nos seus obxectivos oficiais e na posibilidade de conseguir unha redución das diferenzas entre os alumnos de distintas clases sociais, os principais especialistas entenden que demostrou ser capaz de reducir o fracaso académico acumulativo nos alumnos que recibiron programas temperás e de longa duración. O fracaso estivo en comezar tarde e durar pouco. Por outra parte, foi moi positivo darlles prioridade ás adquisicións nos ámbitos social, emocional e da motivación, antes e ao longo da escolarización.  

Podemos situar a decadencia da educación compensatoria na década dos oitenta do pasado século. Desde entón deixou de ser centro de investimentos e investigacións, pasando a ser preocupación esencial a calidade educativa e a educación de grupos especiais (educación rural, bilingüismo…). Como logo detallaremos, as accións de compensación educativa continúan, pero moito máis centradas en eliminar os signos de falta de eficiencia do propio sistema educativo. Cada día hai maior coincidencia en que os problemas da educación compensatoria son os que lle afectan á educación en xeral.

2. A EDUCACIÓN COMPENSATORIA EN ESPAÑA

2.1. O PROGRAMA DE 1983 (PEC)

Nacía esta modalidade educativa no noso país cando o Goberno aprobaba o Real decreto 1174/1983, do 27 de abril, sobre educación compensatoria. A través do Ministerio de Educación e Ciencia, comezaba a desenvolverse o Programa de educación compensatoria (PEC), ao cal se han ir incorporando, de xeito progresivo e asinando os correspondentes convenios, as comunidades autónomas (CCAA) con transferencias educativas plenas. No ano 1993, o MEC suprimiu os referidos convenios, e continúa en funcionamento esta modalidade educativa nalgunhas CCAA, pero xa con orzamento propio.

Aínda que na citada norma se facía referencia ás campañas de alfabetización ou a modalidades específicas de axudas ao estudo, o obxectivo fundamental da educación compensatoria foi atender os alumnos que:

  • Non poden asistir regularmente á clase.
  • Viven en zonas rurais illadas ou con grandes déficits culturais.
  • Inician serodiamente a escolaridade.
  • Non poden recibir educación preescolar. 
  • Abandonan a escola antes de tempo.
  • Proceden de culturas ou etnias diferentes.
  • Se trasladan dun contorno rural a un urbano ou ao revés.

Xa que logo, os principais programas de educación compensatoria que levaron a cabo tanto o MEC como as CCAA estiveron centrados nos seguintes ámbitos:

  • Zonas rurais: apoio a escolas que non desenvolven o ciclo completo de educación obrigatoria, busca de modelos organizativos e pedagóxicos adaptados, atención a alumnos de preescolar sen escolarizar etcétera.
  • Proxectos en centros educativos: son exemplos a coordinación entre EXB e FP ou a dotación de profesorado específico.
  • Aulas ocupacionais ou aulas taller: para alumnos de 15 a 16 anos que abandonan a EXB ou a FP de primeiro grao.
  • Minorías culturais: o obxectivo principal é loitar contra o absentismo e a marxinación da poboación xitana.
  • Poboación itinerante: feirantes, moinantes, circenses…
  • Alfabetización de adultos
  • Iniciación profesional: aprendizaxe de oficios.

O PEC non tivo valoración positiva entre os especialistas, debido á falta dunha  adecuada planificación previa; ao desenvolvemento, principalmente, de accións correctivas, non preventivas ou de atención temperá; á falta de coordinación entre institucións e á inexistencia dun plan de avaliación permanente. Tampouco foi adecuado o repartimento do orzamento entre as CCAA.

2.2. DESDE FINAIS DE SÉCULO ATA HOXE

No ano 1990, a LOXSE (Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro), hoxe derrogada, dedicaba o seu título V á  compensación das desigualdades en educación. Aínda que no artigo 63.2 se trata das desigualdades derivadas de factores sociais, económicos, culturais…, o certo é que os obxectivos principais son a escolarización, as bolsas e axudas ao estudo ou mesmo a educación especial e das persoas adultas.

A disposición adicional segunda da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes, tamén derrogada, fai unha distinción moi oportuna, por primeira vez, entre os tres tipos de alumnado con necesidades educativas especiais: os que padecen discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, os que teñen trastornos graves de conduta e, en terceiro lugar, os que están en situacións sociais ou culturais desfavorecidas, obxectivo, polo exposto, da educación compensatoria.  

En desenvolvemento do título V da LOXSE, apróbase o Real decreto 299/1996, do 28 de febreiro, de ordenación das accións dirixidas á compensación de desigualdades en educación, que estivo vixente ata o ano 2009. Contén un texto moi completo no que se refire á educación compensatoria e á igualdade de oportunidades, dividíndose as actuacións en tres ámbitos:

  • Acceso e permanencia no sistema educativo.
  • Atención educativa do alumnado.
  • Calidade da educación.

Como sinalabamos no anterior punto 1.2, no campo da educación compensatoria vanse integrando medidas de mellora xeral do sistema educativo, con importantes novidades nesta norma, como son a escolarización e os seus servizos complementarios, programas para a adquisición da lingua de acollida ou para o mantemento e difusión da lingua e cultura de grupos minoritarios. Tamén se inclúe o estímulo do labor docente, formación do profesorado, innovación e investigación, apoio ás asociacións de nais e pais de alumnos, atención ao alumnado enfermo etcétera. 

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (LOCE) (derrogada), que apenas entrou en vigor, trataba especificamente as necesidades de compensación educativa na sección primeira do capítulo VII. Dedicaba a sección segunda ao alumnado estranxeiro, que cada día ha ser obxecto dunha maior atención.

A vixente Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) xa non lle dedica un título á compensación das desigualdades na educación, senón o capítulo II dentro do título II (“Equidade na educación”). O seu contido é practicamente igual ao da LOXSE. É novo un artigo dedicado á igualdade de oportunidades no mundo rural, co fin de atender as súas necesidades específicas, garantindo a igualdade de oportunidades. A posibilidade que se establece neste artigo de escolarizar o alumnado en concellos diferentes aos da súa residencia, para garantir a calidade do ensino, foi, como ben sabemos, un dos principais problemas do desenvolvemento en Galicia da LOXSE, especialmente na etapa da educación secundaria obrigatoria (ESO).

 

3. A EDUCACIÓN COMPENSATORIA EN GALICIA

3.1.  O DESENVOLVEMENTO DO PEC

Galicia ten unhas características propias que a fan especialmente indicada para a implantación de programas de educación compensatoria. Ten un 68% de poboación rural e unha gran dispersión da poboación, con máis de 30.000 núcleos, aproximadamente un 50% de toda España, o cal, sumado a dificultades orográficas e de comunicacións, fai moi complexa a escolarización e o transporte escolar. Ademais, a oferta educativa é máis reducida no contorno rural, polo que non resulta doada a organización dun mínimo de actividades complementarias ou extraescolares. 

Por outra banda, a nosa comunidade ten lingua propia, o cal é unha grande oportunidade, mais tamén un hándicap, debido aos problemas de diglosia, de ensino na lingua materna ou mesmo dos prexuízos cara á lingua galega. 

Galicia incorpórase ao PEC en outubro do ano 1983, coa sinatura do correspondente convenio entre o MEC e a Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia. Comezan a funcionar dous subprogramas, coa transferencia de pouco máis de cen millóns de pesetas. Progresivamente vanse incorporando outras modalidades ata alcanzar un total de oito. A cantidade recibida da Administración central estabilízase en 257 millóns anuais, que supoñen un 12% do total que se lles asigna ás CCAA con transferencias plenas.

A clasificación e valoración das modalidades de educación compensatoria é, en resumo, a seguinte:

- Apoio a alumnos de 14 e 15 anos: inicialmente foron atendidos en centros ordinarios de EXB, pero, dada a segregación que isto supoñía, pasaron a centros específicos de educación permanente de adultos. Non obstante, a estes centros non podían asistir todos os rapaces, por careceren de servizos de transporte ou residencia.

Logo escolarizáronse en centros de FP, mediante unha experiencia mixta entre EXB e FP, que consistiu en lles prestar apoio aos alumnos que, sen obteren o título de graduado escolar, estaban matriculados en centros de FP. Este subprograma fracasou axiña pois, ao ser voluntario, a maioría dos asistentes abandonárono. Non resultaba doado, ademais, coordinar o profesorado destas dúas etapas.

- Apoio á escola rural: creouse a figura do mestre itinerante, cuxo principal obxectivo era apoiar os centros incompletos, principalmente a escolas que tiñan todos os niveis da EXB. Tamén axudaban estes docentes a espallar o material dos centros de recursos, que logo comentaremos. A desvinculación do profesorado itinerante co contorno no que traballaban, a falta de relación coas familias e o insuficiente apoio psicopedagóxico ao alumnado con dificultades de aprendizaxe impediron o cumprimento da específica función compensatoria deste programa. 

Outro proxecto da escola rural foron as estancias quincenais en escolas fogar. Este tipo de centro naceu a mediados do pasado século, coa finalidade de acoller, en réxime de residencia, a alumnos que non tiñan posibilidade de escolarización na súa zona de residencia. O PEC aproveitou as escolas fogar para aqueles rapaces que, malia teren un centro educativo próximo, vivían en zonas rurais moi diseminadas, con poucas oportunidades de convivencia entre eles. Sobre todo os da segunda etapa de EXB, permanecían 15 días nunha escola fogar, relacionándose con compañeiros, baixo a dirección e docencia de mestres itinerantes. Esta experiencia foi valorada moi positivamente por todos os participantes, pero deixou de funcionar por problemas organizativos e de responsabilidade dos mestres.

- Preescolar na Casa: é o único proxecto que continúa na actualidade e foi o máis coñecido, entre outras razóns, pola súa difusión na radio e na televisión. A súa orixe non está no PEC, pois xa viña funcionado desde o ano 1977, na provincia de Lugo, organizado por Cáritas de Galicia. A atención aos nenos menores de 6 anos lévase a cabo coa colaboración dos seus pais, pois estes son imprescindibles no proceso educativo e, por suposto, capaces de ensinar e de orientar os seus fillos. 

Utilízanse locais como teleclubs, bibliotecas, casas parroquiais ou os mesmos domicilios particulares, para levar a cabo un labor no que participan orientadores, animadores e mestres. A fundación Preescolar na Casa foi declarada de interese social no ano 2001 e chegou a funcionar en 207 concellos de Galicia.

É a modalidade máis próxima aos auténticos principios da educación compensatoria por varias razóns: carácter preventivo; formación de pais e fomento da súa implicación na educación dos fillos; atención ao medio rural galego, máis desfavorecido socio-culturalmente ca o urbano; ensino na lingua materna…

Apoio ás minorías culturais: consistiu esencialmente este programa na organización de cursos especiais para xitanos, coa adscrición de profesores de apoio aos centros específicos desta minoría cultural. O seu principal obxectivo era escolarizar a nenos que, por diferentes causas, non poden asistir aos centros escolares ordinarios. É o caso das familias itinerantes, escolarizacións tardías ou ben aqueles alumnos que non están en condicións de aproveitar, cunhas mínimas garantías de éxito, o ensino ordinario. 

Preténdese integrar os xitanos, de xeito progresivo, en centros ordinarios. Porén, hai tres problemas clásicos desta poboación: absentismo, abandono e atraso escolar. É xeneralizada a coincidencia en que a súa integración escolar debe ser posterior, ou polo menos simultánea, á súa integración social e para conseguir esta non abonda co ámbito educativo, senón que é necesaria unha acción múltiple (sanidade, vivenda, traballo…), mellorando as súas condicións de vida.

Centros de recursos: as súas principais funcións, de acordo cunha orde do ano 1985, eran almacenar e coordinar a distribución de materiais didácticos; asesorar e servir como centro de reunión do profesorado para elaborar e intercambiar materiais e experiencias. Entre os anos 1985 e 1989, creáronse 39 centros de recursos espallados pola xeografía galega.

Aínda que o seu ámbito principal debería ser a zona rural e os centros docentes peor dotados de material, a realidade non foi así e, agás poucos casos, tiraron proveito deste servizo colexios e escolas que non se atopaban nesa situación. Por outra banda, os centros de recursos acabaron converténdose en prestamistas de material didáctico e servizos de reprografía, esquecendo os labores máis próximos á educación compensatoria.

3.2. EVOLUCIÓN DA EDUCACIÓN COMPENSATORIA

Estes plans foron evolucionando de moi diversas maneiras ao longo dos últimos anos. A atención ao alumnado maior de 14 anos, que non acadou os obxectivos da ESO, pasou a levarse a cabo no marco dos programas de garantía social (LOXSE), programas de iniciación profesional (LOCE) ou programas de cualificación profesional inicial (LOE).

No apoio á escola rural destaca a creación, no ano 1988, dos colexios públicos rurais agrupados (CRA), os cales, con algunhas modificacións no ano 1996, seguen en vigor na actualidade. Agrúpanse, no eido académico e de xestión, centros públicos de educación infantil e primaria menores de 8 unidades, aínda que hoxe adoitan ser só de educación infantil e, como moito, o primeiro ciclo de primaria. O obxectivo fundamental é elevar a calidade do ensino das comunidades rurais. Os catálogos de mestres permiten dispoñer de especialistas itinerantes, necesarios para que os alumnos destes centros non estean discriminados con respecto aos dos colexios completos.

No ano 1999 créanse os centros públicos integrados (CPI), que lles serviron de modelo a outras CCAA. Permitiron evitar o desmantelamento de moitos centros educativos no rural, coa implantación da ESO en Galicia. Puxéronse en funcionamento 47 e na actualidade continúa impartíndose neles a educación básica (primaria e ESO) e a educación infantil.

Quedan aínda en funcionamento escoliñas de educación infantil que non forman parte destes CRA, aínda que contan tamén con algúns especialistas itinerantes. Estes centros educativos tenden a desaparecer, debido á xeneralización dos servizos educativos complementarios: comedores e transportes con acompañantes, imprescindibles para os meniños máis pequenos.

As escolas fogar xa non funcionan na actualidade. Tiveron sentido nunha época na que as vías de comunicación e os transportes impedían trasladar diariamente o alumnado aos centros educativos. Tamén deixaron de funcionar, cos seus obxectivos iniciais compensatorios, os centros de recursos, pois, en xeral, a dotación de calquera centro educativo, mesmo dos incompletos, é suficiente e xa conta coas novas tecnoloxías. Transformáronse en centros de formación e recursos (cefore) no ano 1999 e dedícanse  á formación do profesorado e ao intercambio de experiencias. Actualmente só continúan funcionando deste xeito algúns, no marco do vixente decreto que regula a formación permanente do profesorado, de maio de 2011.

As accións de apoio ás minorías culturais xa non funcionan como un programa específico. Enmárcanse nas orientacións e reforzos que se levan a cabo nun centro ordinario. Na actualidade hai unha nova preocupación, que é o alumnado estranxeiro, aínda que Galicia ten unha baixa taxa de inmigración. Unha orde de febreiro de 2004 estableceu medidas de atención para eles, centradas nos aspectos organizativos e curriculares dos centros docentes, así como na dotación de profesorado de apoio. 

Preescolar na Casa segue a funcionar na actualidade. Non obstante, a plena escolarización da segunda etapa de educación infantil (3 a 6 anos) e o aumento constante de atención á primeira (0-3 anos), xunto coa crise económica, están a ameazar a continuidade deste programa.

3.3. COMPENSACIÓN EDUCATIVA E CALIDADE DA EDUCACIÓN

As políticas de educación compensatoria foron mudando, pouco a pouco, os seus obxectivos iniciais, para centrarse, cada vez máis, na mellora da calidade educativa en xeral. A igualdade de oportunidades xa non é a principal preocupación, senón o fracaso e o abandono escolares. Sempre terán que existir accións e axudas que eviten desigualdades derivadas de factores sociais, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole, pero non poden ser exclusivas do ámbito educativo. Outros servizos sociais han colaborar na loita contra todas esas desigualdades: cultura, sanidade, vivenda etcétera.

Desde finais do pasado século, véñense levando a cabo na nosa comunidade autónoma importantes accións enmarcadas nesta concepción da compensación educativa. Ademais das que xa citamos, merece a pena destacar as seguintes:

- Regulación da orientación educativa en 1998, na que os departamentos de orientación dos centros docentes teñen, entre outras funcións, deseñar accións encamiñadas á atención temperá e á prevención de condicións desfavorables do alumnado.

- Bolsas e axudas ao estudo, tanto no noso país coma no estranxeiro, no cada vez máis importante marco da interculturalidade.

- Servizos e actividades complementarios (transporte con acompañante, comedores, residencias, actividades extraescolares…) que teñen, como obxectivo esencial, conciliar vida familiar e laboral.

- Ensinanza de adultos e a distancia, para posibilitar que calquera persoa poida seguir estudando, independentemente da súa situación persoal ou laboral.

- Escolarización xusta e transparente, procurando que, na medida do posible, os pais poidan elixir o ensino que desexan para os seus fillos. A normativa vixente, do ano 2007, está a ser modificada para adaptala ás recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

- Atención á diversidade. O Decreto de 2011 recolle moitas medidas típicas da educación compensatoria que xa se viñan aplicando (atención educativa hospitalaria e domiciliaria, de alumnado pertencente a familias itinerantes…) e engade outras moi demandadas pola sociedade actual, como é o caso do alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal, de protección ou tutela ou ben de violencia de xénero ou acoso escolar.

- Para evitar o abandono escolar e corrixir deficiencias formativas básicas, púxose en funcionamento, no ano 2006, o programa PROA (Programa de reforzo, orientación e apoio), do Ministerio de Educación. Hoxe transformouse con carácter experimental, en Galicia, nos chamados contratos programa dirixidos á mellora do éxito escolar. 

4. CONCLUSIÓN

A principal necesidade de compensación educativa en Galicia veu estando no ámbito rural. As políticas do Estado, cando non contabamos con Goberno propio, non tiveron en conta esta realidade. Nos primeiros anos de democracia, o Programa de educación compensatoria posibilitou comezar cunha serie de accións para apoiar unha poboación de preescolar das aldeas sen escolarizar, uns alumnos illados ou uns centros educativos carentes de recursos, co fin de levar a cabo unha educación que compensase as mellores condicións do ámbito urbano. Pouco a pouco, a Xunta de Galicia veu desenvolvendo proxectos específicos de axuda á escola rural, que foron rematando coa súa clásica marxinación. Hoxe, aínda que continúan funcionando algúns, a principal preocupación xa non é esta, senón a mellora da calidade da educación en xeral. As accións de compensación educativa están enmarcadas nas políticas de mellora do sistema educativo, co que diminúe o fracaso e o abandono escolares.  

 
Bibliografía: 

 

  • ALONSO, E. e GALLEGO, J. (coord.) (2009). Conversas educativas: unha contribución á cultura da infancia. Lugo. Fundación Preescolar na casa.
  • ANDERSON, W. e PELLICER, O. (1990).  Synthesis of research on compensatory and remedial education. Educational Leadership (48:1) 10-16.
  • CARIDE, J. e TRILLO, F. (2010).  Dicionario galego de pedagoxía. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Ed. Galaxia, pp.221-223. 
  • CURRÁS FERNÁNDEZ, C. (1995). A educación compensatoria en Galicia. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
  • CURRÁS FERNÁNDEZ, C. (dir.) (2000). A reforma educativa en Galicia. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
  • HUSÉN, T. e  NEVILLE, T. (1989). Enciclopedia Internacional de la Educación, 3, pp. 1614-1626.
  • ORNSTEIN, A. (1982). The education of the disadvantaged: a 2o-year review. Educational research, (24:3) 17-30; 197-211.
  • PAZ, S. e  ARMESTO, C. (coord.) (1999). Preescolar na casa: unha utopía realizable. Lugo, Cáritas.
  • Revista de educación (1983). Monográfico “La educación compensatoria”, 272.
  • RIU ROVIRA DE VILLAR, F. (2006). LOE: Desafío y oportunidad. Barcelona, Edebé.
Sección: