IES Fernando Blanco de Cee (A Coruña)

130 anos de historia educativa
Evolución da historia deste centro desde a colocación en 1880 da primeira pedra do futuro Instituto da Fundación Fernando Blanco (actual IES Fernando Blanco) ata hoxe.

Consuelo Trillo Lago
Directora do IES Fernando Blanco (Cee - A Coruña)
ies.fernando.blanco@edu.xunta.es

 

A figura de don Fernando Blanco de Lema

Logo dunha infancia dura e difícil, marcada por varios acontecementos lutuosos e pola chegada das tropas de Napoleón, no contexto da Guerra da Independencia, á vila que o viu nacer, Cee, no ano 1796, don Fernando Blanco de Lema tomou, con tan só 13 anos, a máis complicada e traumática decisión da súa vida: deixar atrás todo o que amaba, quería e coñecía (nai, irmáns, veciños, vila…), para tratar de buscar un futuro mellor, coma tantos galegos e galegas, lonxe da terra.

Estableceuse na Habana (Cuba) e, co paso dos anos, converteuse nun reputado home de negocios logrando unha considerable fortuna que, á hora de redactar as súas últimas vontades, non dubidou en destinar, en boa parte, á súa vila natal, co claro obxectivo de que as xeracións vindeiras non tivesen as carencias formativas que tiñan a maioría dos nenos e nenas do rural de finais do século XIX.

Don Fernando Blanco de Lema (1796-1875)

 

A cláusula décimo quinta do seu testamento establecía que “No teniendo herederos forzosos y pudiendo por consiguiente disponer de todos mis bienes, es mi última voluntad instituír fideicomisarios a D. Juan A. Baldonedo y D. Brígido Zavala, ya nombrados albaceas, para que con dichos bienes y sus productos, funden en mi pueblo natal y casa en que nací, un colegio de primera y segunda enseñanza, que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal...”. Esta cláusula cambiaría, e de que maneira, o devir da historia e da cultura da vila de Cee.

 

130 anos de historia educativa

Colexio-Instituto da Fundación (actual IES Fernando Blanco)

 

Desde a colocación da primeira pedra (2 de agosto de 1880) do futuro Instituto da Fundación Fernando Blanco (actual IES Fernando Blanco) ata que se inaugurou o esplendoroso centro educativo (2 de outubro de 1886), pasaron seis anos. Así pois, no curso 1886/87 comeza o labor docente do establecemento e determínase que durante este primeiro curso se inaugurarán só, na segunda ensinanza, os dous primeiros anos. Así mesmo, na primeira ensinanza inaugúrase a escola de nenos e a de adultos. Ábrese tamén a carreira de Náutica e os estudos de Aplicación e Adorno.

Como datos anecdóticos caben resaltar neste primeiro ano docente os seguintes:

  • Na segunda ensinanza matricúlanse 21 alumnos.
  • Na carreira de Náutica matricúlanse 5 alumnos.
  • En Aplicación e Adorno, nas distintas materias, matricúlanse un total de 52 alumnos, dos cales 22 pertencen ás clases de Debuxo.
  • Na primeira ensinanza (escola de nenos) matricúlanse 128 e na escola de adultos, 107.

O cadro de persoal facultativo neste primeiro exercicio académico, no cal Dionisio Barreda era o director, estaba formado por Manuel Fernández Llamazares, José García Rúa, José María Domenech Bañón, Manuel Porrúa Rodríguez, Joaquín Rodríguez Muñoz e Luís Villaverde Lorenzo. Os dous últimos ocupaban os postos de mestre e auxiliar de mestre na escola de nenos, mentres que os demais eran os encargados da segunda ensinanza, das materias de Aplicación e Adorno e da carreira de Náutica. Contaba tamén a Fundación con 12 empregados máis nos postos de administrador, bedel, xefe de limpeza, mozos, capelán, carpinteiro etc.

No seguinte curso (1887/88), as ensinanzas impartidas víronse incrementadas coa apertura da escola de nenas, a dominical de adultas, unha clase alterna de Caligrafía, o preparatorio da carreira de Comercio. Ademais, faise extensiva a clase de Debuxo ás mulleres.

No curso 1888/89, o terceiro desde a apertura do colexio-instituto, impártese o terceiro curso da segunda ensinanza, unha clase diaria de Música e comeza o primeiro curso de Comercio.

Antiga aula de Música do Instituto Fernando Blanco

 

Nos cursos 1889/90 e 1890/91 completouse a segunda ensinanza coas materias correspondentes ao cuarto e quinto curso, respectivamente.

Ningún cambio significativo hai que resaltar ata o curso de 1893/94, no que, para lle dar cumprimento á Real orde do 1 de setembro de 1893, se crea a cátedra de Ximnástica Hixiénica (de carácter obrigatorio para os alumnos do primeiro ano de bacharelato); e no 1894, no que, para lle dar cumprimento á Real orde do 16 de setembro (reforma Groizart), se establecen dous períodos de estudos da segunda ensinanza: o de estudos xerais (catro anos), e o de estudos preparatorios para Ciencias Morais ou para Ciencias Físico-Químicas (dous anos).

No curso 1895/96 fíxose a adaptación dos estudos ás esixencias do Real decreto do 12 de xullo e reais ordes do 17 de xullo e do 5 de agosto de 1895, cos que se volvía aos estudos de cinco cursos (Plan de 1880) e se engadían agora as materias de Debuxo e Ximnasia que, malia seren voluntarias, terían un carácter práctico e non estarían sometidas a proba de curso. Destaca, así mesmo, a imposición da materia de Relixión Católica (a cal só sería obrigatoria para os que profesen a católico-apostólico-romana) e un exame de ingreso para os que pretenden acceder aos estudos de segunda ensinanza.

Clase de Ximnástica Hixiénica no Instituto Fernando Blanco

 

Precisamente foi o curso de 1895/96 un dos máis complicados para o instituto da Fundación e, por extensión, para o ensino de Cee e da comarca. Con motivo da Guerra de Cuba, víronse minguados os ingresos da Fundación e os testamenteiros acordaron, en abril de 1896, a supresión da segunda ensinanza e da carreira de Comercio (tamén se clausurou a farmacia, a cal abrira no curso de 1887/88 e que xa nunca máis volvería funcionar). A pesar do “golpe” que supuxo a guerra para os intereses da Fundación “los Excmos. Sres. albaceas, siempre atentos al engrandecimiento de la Fundación y a los beneficios que a esta villa reporta, acordaron, aún teniendo en cuenta el reducido capital de que anualmente disponen, sostener las escuelas de instrucción primaria, las de adultos, las asignaturas de Aplicación al Comercio, Historia Universal, de España, y las clases de Adorno”. (Memoria do curso de 1895/96).

Será no curso 1898/99, rematada a guerra, cando se restablezan os estudos de Comercio e haberá que esperar ao curso 1904/05 para que se retomen as ensinanzas de bacharelato, ante a insistencia e solicitude dos pais/nais de familia e autoridades de todo o partido. Desde o restablecemento da segunda ensinanza, seguen con normalidade as actividades docentes, adaptándose ás distintas reformas educativas que se sucedían.

Cómpre sinalar que en 1923, por Real orde do Ministerio de Instrución Pública, do 26 de setembro, a Fundación clasifícase como institución benéfico-docente como resultado do expediente promovido polos patróns, os cales “no quisieron privar al colegio de las ventajas que pueda reportar la clasificación oficial de esta institución que, puesta bajo la tutela del Estado, disfrutará de los beneficios que la Ley otorga a las demás”. (Memoria do curso 1923/24 e BOE do 2 de novembro de 1923).

Continúa a docencia durante os anos da Guerra Civil coas dificultades propias do momento e con continuos cambios no profesorado, cambios esixidos pola chamada a filas dalgúns deles. A Guerra Civil agudizou os problemas económicos da Fundación. As súas posesións e ingresos minguaran xa de forma alarmante e quedaron reducidos aos intereses producidos por algúns pequenos investimentos. A pesar de todo, continuaron as ensinanzas de bacharelato dependentes da Fundación ata o ano 1959.

Mentres tanto, no 1953, os patróns da Fundación acordan ofrecer parte das instalacións do edificio para que a implantación “de un instituto laboral que proporcione las enseñanzas de esta clase, haciéndolas en todo momento compatibles con la labor docente de primaria y secundaria que la Fundación Fernando Blanco determina”. O día 11 de xuño de 1954 concédese a dita autorización.

Ata 1959 impartíronse simultaneamente no instituto as ensinanzas de bacharelato (dependentes da Fundación) e as do instituto laboral (que dependía do Estado). Os conflitos xurdidos entre persoal da Fundación e do instituto laboral obrigan o Ministerio de Educación e Ciencia á destitución dos últimos testamenteiros e ao nomeamento, con data do 30 de decembro de 1959, dun padroado provisional que se encargará do goberno da Fundación, e que estará constituído polo alcalde, o cura-párroco e o xuíz de paz do Concello de Cee. Esta drástica determinación do MEC significaba o final da actividade docente da Fundación, pero, ao mesmo tempo, asegurábase que o edificio continuaría dedicado ao ensino (agora en mans do Estado).

O 4 de maio de 1961, o padroado provisional cede en usufruto o edificio do instituto, con todas as súas pertenzas, ao Padroado de Ensinanza Media e Profesional, organismo dependente do Ministerio de Educación, coa condición de que se dedique ao ensino e por un período renovable de 30 anos.

Ata o ano 1967 impártense ensinanzas de bacharelato laboral elemental na especialidade industrial-mineira. Neste ano, e con motivo da unificación do bacharelato, convértese o centro en instituto técnico mixto e inícianse as xestións para poder impartir ensinanzas de bacharelato laboral superior, xestións que dan resultado positivo.

Primeira páxina do documento de cesión da totalidade do Instituto Fernando Blanco ao Padroado de Ensinanza Media e Profesional. Ano 1961

 

Finalmente, e por Orde ministerial do 30 de agosto de 1974, establécense no edificio as ensinanzas de formación profesional de primeiro e segundo grao, coas ramas de electricidade, madeira e mecánica, e as especialidades de instalador-montador en cada unha delas.

Hoxe en día, o edificio está cedido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e nel pódense cursar unha gran variedade de estudos que comprenden desde a ESO ata a educación de adultos, pasando por bacharelato, cinco ciclos formativos de formación profesional específica, tres modalidades de FP básica, o Programa Cuale, e tamén é sección da escola oficial de idiomas. O IES Fernando Blanco, rodeado dun fermoso xardín con árbores centenarias, no que se albergan cadros pintados polo gran pintor Federico Madrazo e que posúe a súa propia e fermosa capela, é unha referencia na comarca non só pola ampla oferta educativa senón tamén polos plans e actividades a maiores nos que participa a comunidade educativa. Teñen o seu grupo de teatro, entréganse bolsas a cinco dos mellores expedientes de terceiro da ESO, primeiro de bacharelato, primeiro de ciclos medios, primeiro de ciclo superior e primeiro de FP básica, organizan a súa propia olimpíada cultural cun xogo exclusivo deste centro, teñen un contrato-programa etc. Asemade no IES Fernando Blanco realízanse probas de acceso a ciclos formativos para toda a comarca e impártense cursos formativos para persoas desempregadas.

Trátase, en certa medida, de seguir a senda marcada polo benfeitor, a súa ilusión pola formación da xente dunha zona rural tan afastada, e por todos os docentes e non docentes que ao longo destes 130 anos se dedicaron profesionalmente ao Instituto Fernando Blanco.

 

 

Sección: