ReciclArte

Un proxecto interdisciplinar de quinto e sexto de primaria que rematou como un proxecto de centro
Durante o curso 2015/16, en quinto e sexto de primaria mergullámonos nun proxecto interdisciplinar, ReciclArte, para concienciar a sociedade da importancia da reciclaxe. Este proxecto xurdiu a través da participación no Plan Proxecta co programa Recíclate con Sogama, que consistía na participación e implicación da comunidade educativa na correcta xestión do lixo a través da práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Nuria Feijoo Álvarez, titora de sexto de infantil
Nuria Garabal González, titora de sexto de primaria
nuriagarabal@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe Nº 1 (Tui-Pontevedra)

Contextualización

"O alumnado é o centro e a razón de ser da educación"
Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

 

O CEIP Plurilingüe número 1 de Tui é unha escola comprometida coa educación integral do noso alumnado, a nosa cultura de centro caracterízase por ser unha comunidade de aprendizaxe, reflexiva e proclive ao cambio e a innovación. Somos un centro plurilingüe, Abalar e E-Dixgal e isto fainos un centro aberto ao multiculturalismo nun contorno dixital, desde educación infantil a sexto de educación primaria. Entendemos que todos os nosos alumnos e alumnas son intelixentes de xeito diferente e procuramos que constrúan a aprendizaxe desde as súas fortalezas. Impulsamos a contribución á adquisición das competencias, que nos leva a desenvolver as intelixencias dos nosos alumnos e dotalos de ferramentas para que comprendan e se desenvolvan axeitadamente no mundo en que viven. Todo isto facémolo a través dunha metodoloxía activa, baseada no traballo por proxectos, na aprendizaxe cooperativa e nas TAC (Tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento). Traballamos mediante actividades integradas de aprendizaxe nas que obtemos diferentes produtos, algúns con gran repercusión social.

Así, neste proxecto de traballo cooperativo o noso produto final foi a creación dunha horta ecolóxica con material de refugallo para o patio do noso colexio. Tal e como formulamos na solicitude do Plan Proxecta, o noso centro está situado na zona urbana de Tui e o noso alumnado está afeito a mercar no supermercado toda clase de alimentos. Por este motivo, consideramos necesario que, de maneira práctica, se achegase ver de onde saían algúns dos alimentos que consomen diariamente mediante a plantación dun horto ecolóxico, promovendo a adquisición de hábitos que potencian o desenvolvemento sustentable.

Asemade, propuxémonos tarefas relacionadas coa reciclaxe en xeral, para concienciar, deste xeito, sobre o coidado do medio ambiente, aforrando recursos e enerxía e alongando a vida dos materiais. No transcurso dos meses, acadouse unha participación activa da totalidade do centro, poñendo en práctica a cultura cooperativa non só entre o alumnado. Este proxecto aborda as áreas de Ciencias Sociais, Ciencias da Natureza, Lingua Galega, Matemáticas, Valores e Plástica.

Obxectivos

Recíclate con Sogama é un programa de educación ambiental, por iso a través da participación neste proxecto o noso principal obxectivo foi crear axentes activos e críticos, que valoren a súa contorna máis próxima, animando e facendo partícipe do seu entusiasmo a sociedade en xeral para axudar a coidar e protexer este planeta. Entre outros obxectivos, preténdese que o alumnado:

  • Tome conciencia sobre a problemática que, hoxe en día, representa a elevada produción de lixo, intentando buscar solucións.
  • Interiorice a información necesaria para levar á práctica, tanto na escola como no fogar, o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
  • Coñeza a actividade de Sogama en Galicia, tanto no ámbito industrial como no da comunicación e educación ambiental.
  • Coñeza as taxas de reciclaxe en Galicia, en España e noutros países.
  • Intente concienciar a sociedade da importancia de reducir, reutilizar e reciclar.

 

Recursos empregados

As aulas de quinto e sexto de primaria son aulas Abalar, o que implica que contan cunha serie de recursos tecnolóxicos: netbooks para cada alumno, EDI e conexión wifi en cada aula. Ademais traballamos con tabletas, que son un recurso moi motivador xa que se obteñen produtos moi vistosos rapidamente. O importante non é a cantidade, senón o uso que se fai dos recursos, ao traballar de maneira cooperativa, ás veces cun netbook e tableta por equipo é suficiente.

Tamén intentamos optimizar os recursos humanos xa que temos clases numerosas, coa ratio máxima e algunhas incluso a superan. Así, traballando dúas titorías xuntas e contando con algún mestre de apoio, o traballo resultou moito máis doado; tamén contamos coa axuda de futuros mestres en prácticas da universidade.

Un punto clave deste proxecto son os recursos ambientais, xa que o noso centro ten un patio pequeno sen ningunha zona verde, o que nos levou a pensar e propoñernos o cambio da nosa horta escolar, que levabamos anos facendo no campo dun veciño. Todos os anos lle pediamos permiso ao veciño para plantar no seu campo, non era lindeiro, para coidalo tiñamos que saír do centro e pasar catro casas. Ademais os nosos nenos e nenas non teñen casas con terreo, a maioría viven en pisos e isto levounos a propoñernos que a mellor maneira para que os nenos e nenas puidesen reproducir o que faciamos na escola nas súas casas era pensar outro modo de facer una horta no patio do cole.

Descrición do proxecto

Todo xurdiu a partir dun vídeo sobre a Illa de Lixo do Pacífico, que é oito veces máis grande ca a superficie de España. Isto impresionou os nenos e nenas que rapidamente empezaron a ofrecer distintas solucións. Investigamos sobre as taxas de reciclaxe en Galicia, en España e noutros países, sobre os vertedoiros máis grandes do mundo, visitamos Sogama, recibimos varias charlas informativas…

Foron varias tarefas realizadas neste proxecto: inventar xogos para o día do Magosto, a creación dun recuncho de reciclaxe no centro… pero algunhas das tarefas máis destacadas foron:

A manifestación artística pola reciclaxe, convocada e planificada polo alumnado de sexto de primaria, que solicitou permiso ao concello para cortar o tráfico diante do colexio e contar coa colaboración da policía local, ademais para informar do día e hora enviaron unha circular á comunidade educativa. Mediante o recitado de poesías fixeron un acto para manifestarlle á xente a importancia do coidado do noso planeta.

A creación dun vídeo, Non desperdicies, comparte, feito por quinto e sexto de primaria despois de visitar Sogama, no que intentaban concienciar sobre o desperdicio de alimentos. Este vídeo presentámolo a Clipmetraxes de Manos Unidas e quedamos entre os 10 primeiros finalistas de España.

Por último, queremos destacar o noso produto final, a creación dun horto con palés reciclados para o noso patio e que, como xa dixemos, acabou converténdose nun proxecto de centro. Foi iniciado nun primeiro momento entre os cursos de quinto de educación infantil e quinto de educación primaria, co que se xerou un vínculo entre ambas as clases e se creou un grupo de traballo cooperativo, no que o alumnado de distintas idades traballan xuntos e se retroalimentan dos seus compañeiros. Pero pouco a pouco esta iniciativa foise estendendo entre os distintos cursos do colexio: cuarto de EI con cuarto de EP, sexto de EI con sexto de EP e, por último, primeiro, segundo e terceiro de EP xuntos.

O dito proxecto divídese en varias tarefas. Para comezar, co fin de crear un vínculo entre as clases levamos a cabo unha pequena convivencia na que fixemos dinámicas de presentación e cohesión grupal.

Posteriormente preparamos a estrutura do horto, para o que contabamos con palés que lixaron e pintaron, e botellas que foron encaixando ata facer torres que logo ancoraron aos palés.

Empregando unha estrutura de aprendizaxe cooperativo ("lapis ao centro"), cada equipo mixto (EI e EP) reflexionou e decidiu cales eran as súas preferencias de cultivo. E así decidiron que plantar.

Logo diso investigaron cada un dos seis cultivos que resultaron da dinámica empregando diferentes fontes de información: a biblioteca do centro, Internet e as familias, coas que se puxeron en contacto a través dun novo soporte traballado: a carta. Debatemos sobre cal dos seis produtos ían plantar e escolleron un.

Na seguinte tarefa a participación activa recae nos alumnos de quinto de EP: cada equipo realiza un mapa asociativo sobre o produto elixido, todos deciden as preguntas, repártenas e elaboran as respostas. O reto consiste en preparar un guión para explicarlles aos alumnos de quinto de EI que se vai plantar.

Logo fixeron unha autoavaliación da exposición.

Despois, empregando o "folio xiratorio", decidimos que necesitamos mercar para a nosa plantación. Mediante unha táboa de dobre entrada enunciamos cada un dos elementos e estimamos as cantidades necesarias.

A continuación, facemos un estudo de mercado nas tendas dos arredores e na rede: recollemos os diferentes prezos nunha gráfica para a súa posterior análise. Finalmente, plasmamos todos os datos nun novo soporte dixital: a infografía.

Con todo o material necesario, secuenciamos o cultivo e repartimos tarefas entre os membros, os grupos cada vez son máis autónomos, independentes e responsables. Para unha mellor organización dos coidados da plantación, elaboramos e sinalizamos no patio a información: a través da técnica de land art creamos carteis para indicar os produtos plantados e elaboramos unha folla de rexistro onde se indican os coidados (crecemento, humidade, temperatura...) e a quenda de cada equipo. Co fin de facer partícipe a toda a comunidade educativa, tamén colocamos de xeito visible as infografías sobre os gastos da plantación.

Autoavaliamos todo o proxecto e elaboramos un vídeo titorial no que contamos a nosa experiencia e os pasos que seguimos no proceso de creación deste horto. E co fin de crear un maior efecto contaxio, difundimos o dito titorial.

Asemade, realizáronse outras tarefas, tales como:

  • O profesorado de Relixión Evanxélica e Católica realizou co seu alumnado no primeiro trimestre, con material de refugallo, un Belén no corredor do centro.
  • O alumnado de cuarto de primaria elaborou un boneco de neve xigante utilizando tapóns de botellas para lle dar a benvida ao inverno e que se colocou na porta de entrada ao centro.
  • O alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria, por parellas, fai quendas na hora de lecer para axudar e informar o resto do alumnado na recollida selectiva do lixo. Ao longo da semana, na última hora de clase, a parella correspondente leva a materia orgánica ao composteiro baixo a supervisión dun mestre, levando a cabo os coidados necesarios.
  • Realízanse charlas informativas a cargo do alumnado de sexto de primaria ao resto do alumnado do centro, a través das súas propias presentacións, todo iso por equipos e atendendo os diferentes niveis educativos.
  • O alumnado de sexto de primaria fabrica estantes con papel e cartón de distintos tamaños e papeleiras con botellas de plástico.
  • Plantamos flores en caixas grandes de plástico —doado este material pola empresa Bacelo de Tomiño—. Cada grupo dispón de catro caixas que están situadas no patio exterior do centro. 
  • Realización dun Lipdub de cara á conmemoración do Día do Medio Ambiente o día 5 de xuño coa canción "Somos" de Pau Dones.

A nosa intención foi promover a conciencia ecolóxica e a sustentabilidade fomentando os principios democráticos de convivencia: respecto, tolerancia, amizade, xustiza, paz, liberdade, solidariedade… e o espírito crítico.

 

Metodoloxía

A comunidade educativa do Ceip Plurilingüe nº 1, fixo unha firme aposta pola reciclaxe, a través dunha metodoloxía colaborativa e inclusiva, incidindo na importancia do coidado do medio ambiente e do traballo en equipo, conseguindo, deste xeito, un acercamento ao aprendizaxe competencial. Traballar por proxectos implica facelo fundamentalmente desde una metodoloxía didáctica, comunicativa, inclusiva, e par­ticipativa, e dirixida ao logro dos obxectivos e das competencias clave. Neste sentido prestamos moita atención ao desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas con contextos da vida real e con repercusión social. Partimos da idea de que unha tarefa é unha actividade ou conxunto de actividades debidamente planificadas e secuenciadas entre si co fin de conseguir un produto final. Axuda o alumnado a lograr a realización dunha actividade complexa relacionada con distintas áreas do coñecemento. Trátase dunha estratexia idónea para o desenvolvemento das competencias e para atender a diversidade do alumnado.

Na aula construímos a aprendizaxe mediante prácticas de traballo individual e cooperativo. O alumnado é responsable da súa aprendizaxe, comprende o que aprende, sabe para que o aprende e é capaz de empregalo en distintos contextos, dentro e fóra da aula. Facilítase a participación e a implicación de todo o alumnado e a adquisición e uso de coñecementos en situacións reais, potenciando no alumnado unha serie de habilidades de pensamento que os axuden a atopar sentido a súa experiencia, é dicir, involucrarse en proxectos con xogos e actividades que estimulen a observación, indagación, imaxinación, buscando alternativas, formulando hipóteses, anticipando consecuencias…

As TIC son unha ferramenta imprescindible e facilitadora para construír a aprendizaxe, permiten compartir, construír o coñecemento, intercambiar ideas e acceder a unha gran cantidade de información e a recursos virtuais.

Avaliación

Neste proxecto, coma en calquera proceso de ensinanza/aprendizaxe, a avaliación constitúe un elemento esencial de garantía de calidade e mellora. O estudo dos aspectos esenciais relativos a determinar que, como e cando avaliar. A avaliación concíbese como un proxecto que debe levarse a cabo de xeito continuo e personalizado, e que ha de ter por obxecto tanto as aprendizaxes dos alumnos/as como os procesos de ensino dos mesmos docentes. Formularnos “Que está a pasar no noso centro? e Que podemos facer?” A verdadeira avaliación é a que parte do propio centro, sendo este unha colectividade, tratando de conseguir un clima de traballo conxunto.

A partir do principio de participación, avalían todos os implicados, dado que o trazado deste proxecto vai implicar a intervención de diversos axentes da nosa comunidade educativa, ou axentes sociais ou profesionais que interveñan nalgún intre do proceso.

Partindo do principio de flexibilidade, con diversidade de técnicas, de acordo coas necesidades de obtención de información, considerando o principio de continuidade, en todos os momentos do proceso:

  • No inicio do proxecto con carácter diagnóstico, para determinar necesidades e inquietudes.
  • Durante o proxecto con carácter formativo, para orientar ou reorientar, apoiar, estimular.
  • Ao final do proxecto con carácter sumativo e prognóstico, para determinar os resultados da evolución e identificar novos retos, novas liñas de traballo e progreso para o futuro.

Entre as principais técnicas cabe destacar:

  • Observación directa de condutas.
  • Cuestionarios e enquisas sobre inquietudes e valoracións.
  • Análises de traballos do centro
  • Procesos comunicativos e de intercambio grupal

A avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado foi continua e global. Avaliáronse tanto as aprendizaxes do alumnado como os pro­cesos de ensinanza e a propia práctica docente. Empregando distintos instrumentos de avaliación como rúbricas para a exposición oral, portfolio (entradas no blog, informes escritos, presentacións, documentos, esquemas...).

Conclusións

Consideramos que os resultados acadados a este respecto foron moi positivos, conseguindo deste xeito que toda a comunidade educativa estea moi concienciada no coidado do noso planeta. Salientar que despois de cada tarefa realizamos sempre unha dinámica de análise, crítica construtiva e propostas de mellora. Por parte do alumnado, estas son de carácter organizativo: empregar un micrófono na manifestación, repartir tarefas de maneira máis eficiente aos membros do grupo...

Temos a sorte de contar cunha comunidade educativa que nos brinda apoio constante, un claustro comprometido e traballador e un alumnado ilusionado e motivado. Grazas a todos estes ingredientes acadamos a participación activa e vinculante das familias aproveitando ao máximo os recursos dispoñibles. Resultou unha experiencia de aprendizaxe para a vida moi gratificante como profesorado, alumnado e familias e constituíu unha oportunidade para crear vínculos e medrar xuntos dun xeito natural e significativo.

O pasado mes de outubro de 2016 tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega dos Premios Proxecta de Innovación Educativa e por todo este camiño percorrido outorgáronnos o segundo premio da categoría A.

Sentimentos? Ledicia, agradecemento, emoción… Este feito constitúe para nós todo un recoñecemento ao noso labor educativo, á motivación dos nosos rapaces e á participación das familias. A nosa motivación? O noso alumnado e as súas ganas de cambiar o mundo porque…

“Moita xente miúda, en lugares pequenos, facendo pequenas cousas pode cambiar o mundo.” (Eduardo Galeano)

 

 

Sección: