Aprender e convivir no marco dunha escola asociada á UNESCO

Un proxecto colectivo
O proxecto arrancou no ano 1997 e supuxo un compromiso ético por unha educación transformadora capaz de cambiar a vida de todas e todos, de abrir as portas da escola ao seu contorno e ao mundo, que se converteu nun lugar de acollida para as familias, as institucións do barrio, locais e autonómicas e que entendeu a súa diversidade como un reto enriquecedor e que mostra no seu día a día o seu compromiso por unha educación de calidade, inclusiva e equitativa.

M.ª Xosé Dourado Campos. Profesora de Lingua e Literatura Galega e membro do equipo de biblioteca
Responsable do PEA-UNESCO desde o curso 2015/16.
IES Luís Seoane (Pontevedra)
douradocampos@edu.xunta.es
Luisa Márquez Rodríguez. Profesora xubilada de Xeografía e Historia no IES Luís Seoane
Responsable do PEA-UNECO desde a incorporación á rede no ano 1997 ata o curso 2014/15
Coordinadora Galega do PEA-UNESCO
lmarquez@edu.xunta.es

 

Contextualización

O IES Luís Seoane, nacido no ano 1988 como un centro de formación profesional, no ano 1989/90 anticipou a reforma educativa e abriuse con carácter experimental á ESO. Na actualidade imparte os niveis de ESO, bacharelato, formación profesional de grao medio e superior, FP básica e FP a distancia. Está situado no barrio de Monte Porreiro (Pontevedra), un barrio de aluvión nacido nos anos setenta, cunha poboación de nivel socioeconómico baixo ou medio-baixo e cunha importante presenza de poboación de etnia xitana e que recolle inmigrantes procedentes fundamentalmente de América Latina e Marrocos.

Conta con 897 alumnos, 72 profesores e 11 membros de persoal non docente. O número de proxectos que se están a desenvolver no centro no marco da súa pertenza á Rede de escolas asociadas á UNESCO ten que ver coa cultura de paz (Obxectivo: igualdade, O estudo do Holocausto, A trata transatlántica de escravos, As figuras de paz ou tecidos de paz...), o estudo e coidado do patrimonio material, inmaterial e natural no ámbito local, nacional e mundial (Turismo sostible, P patrimonio nas mans da mocidade…), o desenvolvemento sostible e a cidadanía global (Proxecto Atlántico, Consumo responsable, Cambio climático, Mocidade polo cambio, Repensando o presente,  Construíndo o futuro para todas e todos: dos ODM aos ODS…). Ademais asina anualmente un contrato-programa para acadar o éxito escolar no que participan estudantes desde primeiro da ESO ata segundo de bacharelato integrados no Comité UNESCO.

Un centro que ten fortalecido e contribuído a dignificar o barrio, que ten xerado un sentimento de pertenza e orgullo en toda a comunidade e que traballa en cooperación coa asociación de veciños, a casa da cultura, o Secretariado Xitano, a Asociación Marroquí de Galicia, un centro referente distinguido co Premio Cidade de Pontevedra 2015.

Entrega do premio Cidade de Pontevedra

Obxectivos

Cando solicitamos a nosa incorporación á Rede PEA-UNESCO, tiñamos ante nós tres retos importantes:

  • Facerlles ver ás familias, ao alumnado e ao barrio a capacidade transformadora da educación, polo que había que introducir metodoloxías baseadas no traballo cooperativo e por proxectos e que permitisen a adquisición de competencias para a vida.
  • Loitar contra o risco de “exclusión social” dun grupo significativo de mozos en cooperación co Plan de intervención comunitaria (PIC).
  • Converternos no motor cultural do barrio abrindo as portas do centro ao contorno, ás familias e ás asociacións.

A nosa entrada na rede supuxo adquirir un compromiso cunha educación de calidade, científica, integradora, intercultural, igual para mozas e mozos e ao tempo un compromiso ético e social: desenvolver, sensibilizar e interiorizar na nosa comunidade os valores da cultura de paz, do desenvolvemento sostible, da igualdade de xénero, da cooperación internacional. Mellorar a convivencia, converter o noso centro nun espazo de aprendizaxe pacífico, feliz, harmónico, onde os conflitos se resolverán co diálogo e aberto ao seu contorno e ao mundo. Un centro que se proxectará sobre o barrio, que abrirá novas posibilidade ás nosas alumnas e alumnos e que traballará pola igualdade de oportunidades.

Este proxecto non sería posible sen a participación do alumnado, do profesorado, do persoal non docente, das nosas nais e pais, da asociación de veciños, do PIC, do Secretariado Xitano, das institucións locais, provinciais e autonómicas e de todas as escolas asociadas repartidas polo mundo que  colaboraron connosco.

Traballo do comité

Recursos empregados

Son moi variados: charlas de expertos e persoas colaboradoras (nais, avoas e avós, membros de ONG), creación dunha rede de familias acolledoras para poder realizar os intercambios, materiais da biblioteca, recollida de testemuñas orais, fotografías, películas, as TIC como ferramenta para a aprendizaxe e a comunicación mais tamén para o empoderamento e a participación, documentais, correos postais, irmandamentos con escolas de diferentes países, exposicións abertas ao barrio, á cidade e a outras escolas.

Descrición da actividade

É moi difícil resumir nunhas poucas liñas o que significaron estes vinte anos como escola asociada á UNESCO, o proxecto foi camiñando pouco a pouco nunha carreira de fondo ata que acabou sendo a esencia da vida e da identidade do noso centro. A creación do Comité UNESCO serviu para impulsalo e mantelo vivo, para involucrar de maneira voluntaria o alumnado, o profesorado, as familias e o persoal non docente e, ao longo dos anos, moitos foron os proxectos:  desde o primeiro Rompendo as barreiras, coa EEI do barrio que serviu para traballar os dereitos humanos, pasando por Aprendendo para o futuro, O patrimonio nas mans da mocidade, A ruta do escravo: mulleres e nenos escravos, Historia da trata, O papel da Coroa española, Obxectivo: igualdade, Camiños de ida e volta, Conectando escolas, construíndo cidadanía, Educación para o desenvolvemento sostible e Mocidade polo cambio, Repensando o presente, Proxecto Atlántico…

O salientable destes proxectos son os obxectivos acadados con eles para a convivencia do centro:

  • Xeraron un sentimento de identidade e orgullo polos logros acadados e os recoñecementos recibidos tanto no centro como no barrio.
  • Impulsaron o progreso educativo do alumnado e a implicación crecente das familias na vida escolar.
  • Contribuíron á diminución da conflitividade e ao desenvolvemento de actitudes respectuosas coa diferenza.

Intercambio co IPVCE Che Guevara-Santa Clara-Cuba

Metodoloxía

A propia natureza do Plan de escolas asociadas á UNESCO fai que a metodoloxía estea baseada no traballo cooperativo interdisciplinar e as súas liñas didácticas establecidas tras a Conferencia Mundial da Educación de Dakar (aprender a pensar, aprender a ser, aprender a facer e aprender a vivir xuntos) que foron sinaladas de novo na Conferencia de Incheon que marcou as liñas estratéxicas cara ao Horizonte 2030: desenvolvemento sostible e cidadanía global. A existencia do comité contribúe ao desenvolvemento do plan e impulsa a cooperación entre as familias e a escola, alimenta sentimentos de solidariedade e equidade, desenvolve actitudes de cooperación co alumnado con necesidades educativas específicas e cos procedentes doutras culturas ao tempo que participa na vida do barrio como elemento clave de integración social.

Diante do reto de interiorizar, vivir e practicar os valores da integración, da superación das dificultades persoais, sociais ou económicas, de atención plena á diversidade para facer da nosa comunidade educativa un lugar de convivencia harmónica e respectuosa, onde todas e todos teñan cabida, onde ninguén sexa discriminado, a metodoloxía proposta é socioafectiva, global, baseada no traballo cooperativo, activa e participativa. As súas liñas didácticas son aprender a pensar para conseguir cidadás e cidadáns reflexivos, críticos, comprometidos e socialmente responsables.

Avaliación

Avaliar un proxecto coma o noso no que entran en xogo moitos sentimentos e emocións, onde se busca interiorizar valores e promover as condutas de respecto, de compromiso ético coas persoas e co planeta non semella un proceso fácil, pero os instrumentos foron perfilándose ano tras ano.

Os instrumentos usados son múltiples e variados:

- uns internos: enquisa inicial e unha enquisa final sobre as súas expectativas e os logros acadados, avaliación do alumnado (achegas de cada alumno ao proceso e as súas interaccións co grupo, autoavaliación, avaliación crítica e presentación públicas do alumnado, do profesorado (coordinación, elaboración de informes).

- outros externos: recoñecementos e premios acadados, a continuidade do contrato-programa para acadar o éxito escolar, a participación en encontros e congresos.

Conclusións

Sabemos que non é fácil educar na convivencia e nos valores prosociais, o noso alumnado recibe cada día información sobre situacións e actitudes que nada teñen que ver coa cultura de paz e por iso desenvolver a empatía, a resiliencia, a rebeldía, a creatividade, a responsabilidade, o compromiso, a equidade, a xustiza e o respecto vólvese día a día máis necesario. Educar para adquirir competencias para a vida, impulsar aprendizaxes significativas, desenvolver o espírito crítico e conseguir cidadanía reflexiva, comprometida consigo mesma e coa súa sociedade, que poña en valor o papel transformador da educación.

Entendemos que o reto de educar non é fácil, pero sabemos que o seu éxito está en concibilo como unha tarefa colectiva, de toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal non docente) pero tamén do barrio, das institucións locais e de todas as alianzas que consigamos crear tanto no ámbito local como no rexional e internacional. Queremos e desexamos que os nosos alumnos sexan persoas felices, que cumpran os seus proxectos de vida e que contribúan, cadaquén desde o seu ámbito de actuación, a transformar o mundo.

 

 

Bibliografía: 
Sección: