Os escornabots no CPI Castro Baxoi

Unha experiencia coa robótica na biblioteca e nas aulas

María del Carmen Presedo Díaz
Coordinadora da biblioteca escolar
mcpresedo@edu.xunta.es

 

A finais do curso 2015/16, o CPI Castro Baxoi (Miño-A Coruña) foi seleccionado para participar no proxecto piloto Escornabots na biblioteca escolar e esta é a crónica dunha aventura robótica que foi, e está sendo, incorporada de xeito entusiasta nas aulas de educación infantil e primaria durante o curso 2016/17.

En maio de 2015 participamos na primeira sesión de formación á que fomos convocados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e o CAFI. Alí soubemos que o escornabot é un pequeno robot con nome propio —Brivoi— que, guiado por alumnos e mestres emprendedores dalgúns centros de ensino, xa trazaba itinerarios nas aulas.

Presentáronnos un despezamento colorido con parafusos, cables e outros accesorios que, ao cabo de moi pouco tempo, fomos quen de converter nun aparello que nos engaiolou coa súa luz vermella e o seu asubío. Poñelo despois no chan, sobre os taboleiros que nos proporcionaron, e descubrir que os seus percorridos abrían múltiples vías para o traballo cos alumnos, especialmente cos pequenos, xa borrou calquera dúbida, se algunha había, sobre a necesidade de incorporalos de inmediato ao proceso de ensino-aprendizaxe.

O noso seguinte paso foi abrir un espazo Escornabot na aula virtual do noso centro para lle presentar á comunidade escolar o seu novo membro, así como o manual de instrucións para montalo sen atrancos e as ligazóns a vídeos e páxinas web que tiñan estes pequenos robots como protagonistas. Axiña tivemos o escornabot axudando os nenos de cuarto, quinto e sexto de infantil e de primeiro, segundo e terceiro de primaria a aprender inglés, robótica o moitas outras cousas, coa guía da súa mestra Eva!

No curso 2016/17 desenvolvemos o plan de traballo que nos permitiu facer partícipes da experiencia a todos os alumnos de infantil (119) e primaria (231). O 47 % do profesorado destes niveis estivo implicado directamente no proceso, facendo propostas propias de xeito puntual ou periódico, e o resto á espera de que a frota de escornabots aumentase para poder utilizalos. Velaquí as liñas mestras que fixeron deste proxecto unha realidade que, esperamos, seguirá a medrar nos vindeiros cursos.

1. Obxectivos

O noso primeiro obxectivo ao participar no proxecto Escornabots na biblioteca escolar foi aproveitar a potencialidade da nosa biblioteca para coordinar a habitual estrutura  colaborativa entre as tres etapas educativas do centro (infantil, primaria, ESO), esta vez coa robótica como fío condutor; un fío que non é en absoluto alleo ao noso cometido, que ten moi presentes as alfabetizacións múltiples tan necesarias na sociedade da información e da comunicación na que está a vivir o noso alumnado. Pretendiamos, pois, que os escornabots formasen parte da vida escolar dos máis pequenos en diferentes situacións de aprendizaxe e ao mesmo tempo que os maiores —especialmente os da ESO a través das materias de Tecnoloxía, Informática e Programación— se iniciasen na montaxe de aparellos máis sofisticados e na linguaxe de programación para artellar, no futuro, actividades conxuntas nas que todos aproveitasen os coñecementos de todos. Outros obxectivos que tivemos presentes foron os seguintes:

  • Facilitar o acceso ás novidades tecnolóxicas desde as idades máis temperás.
  • Estimular as bases cognitivas da linguaxe (razoamento, lóxica e secuenciación).
  • Favorecer o desenvolvemento das funcións executivas superiores (planificación, toma de decisións e representación mental).
  • Fomentar a interacción e o traballo cooperativo e mellorar as dinámicas de grupo.
  • Potenciar a autonomía e a creatividade.
  • Facilitar a autoavaliación e a autocorrección, así como a reformulación de consignas e actuacións para atopar solucións correctas ás propostas de traballo.
  • Fomentar o sentido da responsabilidade e mellorar a autoestima, especialmente naqueles alumnos con dificultades de aprendizaxe.
  • Crear espazos de traballo de carácter lúdico e actividades motivadoras deseñadas, na medida do posible, polo propio alumnado.
  • Favorecer o desenvolvemento conxunto de todas as competencias a través do deseño de actividades axeitadas a cada nivel.

2. Metodoloxía

Os principios metodolóxicos deste proxecto son os mesmos que aplicamos en todo o proceso de ensino-aprendizaxe, con especial atención aos seguintes:

  • A participación activa dos axentes implicados no proceso, especialmente viable coa utilización dos escornabots polo carácter manipulativo das actividades e a inmediatez dos resultados.
  • A adecuación das propostas de traballo aos coñecementos previos dos alumnos, aos seus intereses e capacidades e ao seu desenvolvemento cognitivo e persoal.
  • A aprendizaxe significativa e funcional que favoreza a relación dos coñecementos adquiridos cos novos e a súa aplicación noutras situacións da vida escolar e persoal.
  • A atención á diversidade, con especial atención aos alumnos con trastornos específicos, condicións escolares e persoais especiais ou altas capacidades.
  • A creación dun clima de traballo axeitado no que as interaccións se realicen de xeito fluído e respectuoso.

3. Actividades

As actividades que realizamos poden englobarse en tres apartados: formación dos usuarios, xestión dos recursos e preparación e desenvolvemento das propostas de traballo para a biblioteca e as aulas, e nelas participamos ensinantes e discentes, cadaquén na medida das súas necesidades e posibilidades. Este foi o noso percorrido:

  • Montamos a frota de escornabots que chegaron ao centro a principios do curso nun obradoiro de profesores de educación primaria e secundaria, xa que consideramos que este proxecto pensado para as primeiras etapas educativas había ter continuidade na ESO, a través das materias de Tecnoloxía, Informática e Programación, asumidas estas últimas polo Departamento de Matemáticas.
  • Realizamos as tarefas do curso de formación en liña que nos foron encomendadas, relacionadas coa modificación da programación en Arduino e a proposta de actividades.
  • Actualizamos o espazo escornabótico da aula virtual coas tarefas que iamos realizando dentro do colexio e coas ligazóns ás páxinas web doutros centros participantes no proxecto.
  • Xestionamos a frota de escornabots para facilitar a súa utilización durante as actividades que se programaron nas aulas e na biblioteca, velando polo seu correcto funcionamento e unha distribución equitativa, tendo en conta o seu escaso número e o interese amosado polos profesores e alumnos de infantil e primaria.
  • Traballamos cos escornabots na biblioteca e nas aulas, nalgúns casos con actividades puntuais relacionadas con algún tema concreto e noutros de xeito continuo durante todo o curso, con periodicidade semanal ou quincenal, para realizar tarefas diversas nalgunha materia. Empregáronse taboleiros para o desprazamento dos escornabots que nalgúns casos foron preparados polos mestres e noutros polos mesmos alumnos, algunhas veces reutilizables e outras permanentes. Estas foron as nosas intervencións, detalladas nas pequenas memorias ás que se accede premendo nos títulos seguintes:

  • O universo en EI-6.º B: os alumnos trazaron percorridos co escornabot polos taboleiros coas imaxes e nomes dos planetas, como parte do seu proxecto de traballo sobre o universo.
  • A lingua inglesa en EI (4.º, 5.º, 6.º) e EP (1.º, 2.º e 3.º): os alumnos revisaron o vocabulario coñecido e aprenderon o novo con taboleiros de imaxes e palabras adecuadas ao seu nivel. Tamén empregaron a lingua inglesa nas instrucións para o manexo dos escornabots.
  • A lingua inglesa en EP (4.º, 5.º e 6.º): os alumnos contaron con taboleiros para ampliar o vocabulario, practicar as consignas dos percorridos que debían facer os escornabots ou para localizar solucións a certos problemas da vida cotiá, empregando a lingua inglesa en todo o proceso.
  • Os números en EP-1.º A e 1.º B: con rotuladores de encerado e taboleiros plastificados en branco que se ían cubrindo segundo as necesidades, os alumnos guiaron os escornabots para localizar números segundo consignas que se foron complicando a medida que avanzaban o curso e os coñecementos dos alumnos relacionados coa materia.
  • O cálculo matemático en EP-2.º A: aproveitando a distribución dos alumnos en pequenos grupos de investigación que atendían un proxecto de Ciencias Naturais, utilizáronse taboleiros permanentes e catro escornabots para practicar de xeito simultáneo o cálculo matemático (suma, resta e multiplicación) unha vez por semana.

  • As linguas e as matemáticas na aula de PT: os alumnos empregaron os escornabots e diversos taboleiros para identificar visualmente as palabras, recoñecer sílabas, practicar a multiplicación e estimular o cálculo mental.

4. Valoración e propostas de futuro

A valoración que facemos de todas as actividades realizadas arredor dos escornabots é moi positiva desde varios puntos de vista. Como centro no que conviven tres etapas educativas, o proxecto permitiunos traballar de xeito conxunto e coordinado, aproveitando os coñecementos e habilidades persoais para enriquecernos mutuamente e para poñer en práctica accións complementarias moi beneficiosas para a formación do noso alumnado. Este, pola súa parte, tivo a posibilidade de desenvolver simultaneamente as súas competencias, xa que utilizar un escornabot en distintas situacións de aprendizaxe e en relación con distintas materias implica interactuar cos compañeiros, negociar as quendas de participación e a forma de traballo, respectar os acordos e as intervencións, resolver conflitos, reflexionar, planificar, tomar decisións, constatar os erros e buscar solucións alternativas, aceptar e facer suxestións, asumir responsabilidades na realización das tarefas e no coidado do material e, en definitiva, ser máis autónomos na aprendizaxe e máis cooperativos no traballo en grupo. Observamos, ademais, que resultou moi motivador para os alumnos, desexosos de poder utilizar os robots, moi satisfeitos cando o facían sen erros e resolutivos na busca de solucións cando non lograron guialos axeitadamente.

Se algunha dificultade atopamos nesta andaina, ademais do número de aparellos que resultou claramente insuficiente, foi a nosa escasa formación técnica para facer reparacións, así como o descoñecemento de Arduino, a plataforma electrónica de código aberto que lles dá vida aos escornabots. Con todo, isto non só non foi impedimento para facer realidade o proxecto, senón que nos impulsou a continualo para poder sacarlle moito máis proveito. As nosas propostas de futuro son as seguintes:

  • Ampliar a frota de escornabots para atender a crecente demanda.
  • Implicar a toda a comunidade escolar no proxecto escornabots, non só como usuarios senón tamén como montadores, programadores e deseñadores de actividades.
  • Solicitar formación no centro arredor da robótica e da impresión 3D para ser autosuficientes na montaxe e programación dos aparellos.
  • Deseñar proxectos de traballo conxuntos arredor da robótica e da impresión 3D que impliquen as tres etapas educativas e posibiliten a interacción entre elas.
  • Crear un espazo escornabótico dentro da biblioteca escolar para que os alumnos accedan a estes recursos no seu tempo de lecer e empregar esta ferramenta en actividades diversas relacionadas co funcionamento da biblioteca.

4. Conclusións

O proxecto escornabots é unha oportunidade para achegarnos paseniñamente ao mundo da robótica e abrir canles cara a outros xeitos de ensinar e aprender, pero é tamén unha invitación a converternos en algo máis que usuarios da tecnoloxía. Podemos montar co alumnado os nosos propios aparellos, deseñar con eles como queremos que se comporten e empregalos como a nosa inventiva e creatividade considere, polo que estaremos a introducir na escola o que na sociedade actual é unha realidade. Facelo, ademais, a través da biblioteca escolar posibilita que este espazo de encontro se enriqueza cunha nova linguaxe e outras maneiras de crear e que toda a comunidade escolar aproveite o seu pulo para seguir medrando desde o punto de vista académico e persoal.

 

 

Sección: