Longa ollada pola Ruta Translatio

Un achegamento multidisciplinar e innovador ao patrimonio cultural e natural da Ruta Xacobea Translatio
Longa ollada pola Ruta Translatio é un proxecto multidisciplinar deseñado para poñer en valor a ruta xacobea Mar de Arousa e Ulla, ofrecendo unha ollada actual e crítica e fomentando o emprego de ferramentas TAC para a busca de información e a elaboración de produtos (videoxogos, exposicións, guías de lectura dixitais).

Ana Fernández Moreiras, Tecnoloxía
moreiras@edu.xunta.es
Carme Robledo Muíña, Galego
robledom@edu.xunta.es
Silvia García Souto, Galego
sgsouto@edu.xunta.es
Flor Domínguez Martínez; Tecnoloxía
flordominguez@edu.xunta.es
IESP A Cachada (Boiro-A Coruña)

 

Contextualización

No noso centro multiplicouse a participación en proxectos de innovación ao longo dos últimos anos. Entendemos que isto vén causado por un alumnado activo e esixente e por unha frutífera retroalimentación de parte das familias e da sociedade local.
Temos concursado con bastante éxito en iniciativas de robótica, programación, cálculo, narrativa audiovisual... O alumnado está intelectualmente estimulado e demanda máis e mellor preparación, o que fai que o profesorado, pola súa vez, se implique con maior ilusión e pescude novas vías pedagóxicas.
Por outra banda, valoramos que nos últimos cursos os proxectos melloraron pero non estiveron suficientemente coordinados; así mesmo, observamos que as novas tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento (TAC) xeran certo despiste e a súa implantación non é de todo proveitosa. Por parte do alumnado, centrar a atención nas ferramentas TIC fai esquecer, demasiado a miúdo, a importancia dos contidos.
Por todo o anterior, resolvemos organizarnos arredor dunha temática común: o Camiño de Santiago ao seu paso por Barbanza, coñecido como Ruta Translatio. E acordamos facelo usando apropiadamente as “novas” tecnoloxías, sendo esixentes en canto aos resultados e involucrando o alumnado dun xeito máis activo no coñecemento e respecto do noso patrimonio natural e cultural.

Obxectivos

No noso proxecto promoveuse ante todo o traballo coordinado e interdisciplinar de profesorado e alumnado, pois é a nosa filosofía como centro a de evolucionar cara a unha escola activa, plural e libre:
    • Crear grupos de traballo adecuados aos intereses e motivacións dos seus integrantes, promovendo unha retroalimentación da aprendizaxe e un intercambio constante e enriquecedor de información e emocións entre profesorado e  alumnado.
    • Fomentar que os ritmos de aprendizaxe os marquen os rapaces e rapazas a través de pequenos proxectos de equipo dos que se sintan protagonistas e responsables, aumentando así as súas competencias en autonomía e sentido cívico.
    • Aumentar o prestixio da lingua galega entre o alumnado a través da oferta de actividades interesantes, creativas e innovadoras.
    • Crear materiais educativos libres (Creative Common) e de fácil acceso.
    • Coñecer e integrar as TAC na práctica educativa a través de actividades innovadoras e motivadoras que teñan como punto de partida a historia e patrimonio da Vía Translatio.
    • Coñecer, conservar, preservar e impulsar esta ruta xacobea marítima poñendo en valor o patrimonio cultural e histórico do Camiño e aumentando así a competencia social e cultural do alumnado.
    • Adquirir competencias matemáticas, científicas e tecnolóxicas a través da manipulación de ferramentas de programación (Scratch).
    • Adquirir competencias dixitais e artísticas a través da elaboración de producións audiovisuais e xogos (Educaplay, Animoto, Gamemakery, edición de vídeo…).
    • Adquirir competencia lingüística a través da creación e locución de guións para pezas audiovisuais divulgativas.
    • Promover unha boa imaxe do noso centro entre as familias e a sociedade local.

Actividades: metodoloxía e recursos

Sen perder de vista o obxectivo común de elaborar produtos interrelacionados pola temática común da Ruta Translatio, desde cada departamento traballouse con metodoloxías propias da materia e todo o proxecto foi coordinado desde un obradoiro extraescolar que se realizou os martes a mediodía ao longo de todo o curso.

Nas clases de Galego de segundo da ESO traballouse o texto expositivo para crear pezas audiovisuais de divulgación sobre a arquitectura popular galega da Ruta Translatio: hórreos, muíños de auga, de vento, lavadoiros, pombais, fontes, cruceiros… En coordinación co Departamento de Tecnoloxía, os traballos debían incluír vocabulario relativo aos  materiais empregados (pétreos, madeira, metais...) e tamén ás ferramentas utilizadas neste tipo de construcións.

Un innovador e orixinal traballo de grupo foi a Guía de lectura dixital sobre o libro As meigas de Lupa de María Solar, texto que está estreitamente relacionado co traslado dos restos do Apóstolo Santiago a Compostela e co personaxe lendario da raíña Lupa. A guía foi realizada coa ferramenta Atavist por alumnado de primeiro da ESO. Trátase dun traballo moi completo que recomendamos visitar no seu sitio web. Nela hai varias seccións: Booktrailers técnicas de resumo de textos, xogos interactivos elaborados en Educaplay, vídeoanálise literaria dun texto narrativo, cuestionarios de autoavaliación sobre esta obra...

Nas aulas de Tecnoloxía de segundo e terceiro impartíronse clases de Scratch, a ferramenta libre que o MIT creou para programar videoxogos. Na páxina do blog do departamento poden verse todos, dos cales se seleccionaron os catro mellores para competiren no STARgal, unhas olimpíadas virtuais que lanzamos a toda Galicia en maio por segundo ano consecutivo. Algúns dos videoxogos foron reinvencións adaptadas doutros xa existentes e algúns programáronse enteiramente. Creamos labirintos, xogos de preguntas e respostas, batallas, Pacman… os contidos de cada un deles foron preparadados polo alumnado nas clases de Galego.

Desde a materia de Matemáticas, nun obradoiro extraescolar dedicado especificamente á programación avanzada (tamén con Scratch), creouse un Pasapalabra con máis de 1000 termos vencellados á historia da Ruta Translatio.

O Departamento de Sociais elaborou xogos, presentacións e vídeos relativos á  información pescudada nas aulas de segundo da ESO sobre a Ruta Translatio, a lenda do Apóstolo Santiago e da historia e cultura de Boiro: Canto sabes?, xogos de preguntas e respostas elaborados con Gamemakery.
O alumnado de terceiro traballou sobre a navegación tradicional: empregando a aplicación de infografías Canva e outra de códigos QR, elaboramos un cartel con algunhas das embarcacións máis importantes.

Desde Sociais e os departamentos que imparten Proxecto Boiro (a optativa de primeiro da ESO “Recollida e tratamento da información”), organizouse unha visita guiada polos monumentos megalíticos de Barbanza, ofrecéndolle á ruta unha visión precristiá moi importante para facer unha lectura crítica do seu fundamento histórico e cultural (o Camiño de Santiago non deixa de ser unha ruta cara a Fisterra seguindo a Vía Láctea; coñécese peregrinación por esta desde a era castrexa). Varias das fotos da visita utilizámolas para elaborar un pequeno vídeo de 30 segundos coa aplicación Animoto.

Nas aulas de Latín de cuarto da ESO traballouse o significado, procedencia e evolución da diferente terminoloxía latina que se manexa na descrición desta ruta.
Como dixemos antes, todas as actividades foron coordinadas desde un obradoiro extraescolar que, ademais, elaborou dous produtos propios:
Curta de ficción sobre a historia da Ruta Translatio: para isto o equipo fixo o Camiño Translatio, itinerario cunha parte en barco e outra a pé, desde Boiro ata Iria Flavia pasando polo parque natural das Illas Atlánticas (Cortegada). Tratamos aspectos de tipo biolóxico, histórico, tecnolóxico, cultural etc.
Para axudar a comprender a importancia histórica da ruta deseñamos o seguinte tríptico:

 

 

 

 

 

Códice Calixtino

Partindo da historia de Anastasio e Casilda, unha parella ficticia que decide facer a Ruta Translatio, elaborouse unha guía a modo do Libro V do Códice onde se describen distintos aspectos da viaxe: xentes, costumes, gastronomía, paisaxes...

As páxinas están ilustradas á man, con diferentes motivos e coa letra inicial capital dos distintos lugares polos que discorre a Ruta. Toda a información sobre a historia de Casilda e Anastasio pode lerse nos códigos QR que están pegados en cada páxina.

 

Avaliación e conclusións

  • Os grupos de traballo funcionaron correctamente e foron motivadores, polo que redundaron nunha mellora da relación docente-alumno e unha maior interactividade do proceso de ensino-aprendizaxe. O profesorado sentiu que as TAC proporcionaron un camiño frutífero de exploración de contidos e un achegamento á realidade do alumnado.
  • A natureza das actividades (programación de videoxogos, edición de vídeos, elaboración de murais, deseño de roteiros) fixo que cada alumno e alumna participante atopase o seu lugar no proxecto e desenvolvese con gran aproveitamento o seu potencial de aprendizaxe.
  • Reflexionamos sobre o uso do galego e aprendemos sobre a orixe das palabras, empregándoo para actividades innovadoras, como programar ou difundir publicacións nas redes sociais. Aprendemos que o galego foi, é e será un instrumento de comunicación útil e necesario que nos representa como unha comunidade con identidade propia.
  • Creamos materiais educativos libres (Creative Common) de fácil acceso: blog, guías dixitais literarias, videoxogos didácticos, guías audiovisuais, curtas…
  • Aprendemos a elaborar distintos textos (guións cinematográficos, textos descritivos, narrativos e expositivos) e a manexar as ferramentas informáticas e de comunicación que nos permiten facer documentais, curtas e videoxogos.
  • Aprendemos a valorar a importancia que ten o Camiño e o seu acervo cultural, social, lingüístico etc.
  • Démoslle o mellor acabado posible aos nosos produtos e o noso traballo foi recoñecido (no conxunto da traxectoria do centro) nos Premios Proxecta; tamén logramos diferentes mencións da prensa e das institucións locais (Concello de Boiro).

Reafirmámonos, pois, en que esta é a liña de traballo na que máis beneficios pedagóxicos e persoais atopamos ata agora.
Todo o proxecto pode verse no blog Longa ollada pola Ruta Translatio.

 

Sección: