Análise das posibilidades pedagóxicas da obra de Ledicia Costas

Daniel García Reigosa
Mestre de Inglés

 

 

Aproveitando que a entrevista do número 75 se ocupa da escritora Ledicia Costas, nesta nova edición analizarase brevemente as posibilidades pedagóxicas que ofrecen dúas das súas obras de literatura infantil e xuvenil: Escarlatina, a cociñeira defunta e O corazón de Xúpiter, ambas publicadas en Xerais e merecedoras de varios premios.
Malia que o tema daría para un artigo extenso, non se pretenden estudar minuciosamente as obras senón dar claves para achegalas ás persoas docentes. Cómpre salientar que a bibliografía de Ledicia Costas é didacticamente moi aproveitable, pois combina ficción e ensinanzas éticas e sociais, sempre artellando personaxes fortes, ben definidas e moi especiais en tramas apaixonantes. Así, a lectura da súa obra é un exercicio de imaxinación e realidade e un verdadeiro pracer para a mente, polo que o autor recomenda o seu estudo e emprego como transmisores de valores e ideais.

Escarlatina, a cociñeira defunta

 

Escarlatina está de moda e resulta un éxito editorial, pois xa vai na décima edición. Cada vez que se usa na aula consegue enganchar a todos os rapaces e rapazas pola súa orixinalidade. Cun estilo peculiar que rememora as películas de Tim Burton, a obra combina humor, terror, cociña e sentimentos nunha mestura irresistible.

O libro conta como Román, un rapaz moi especial polas súas habilidades e intereses, é agasallado cun curso de cociña infernal.  Non se usa ese cualificativo polo malo do curso senón porque é impartido por Escarlatina, unha nena defunta que traballaba como cociñeira. Xuntos veranse inmersos nunha aventura fantástica que aglutina diversas temáticas cohesionadas cun humor especial.

A morte como algo natural
Esta obra naturaliza a morte, que adoita ser un tema tabú nas aulas e en moitas casas, e logra presentala como algo divertido e ata bonito. O protagonista vai descubrir que a morte non é o final senón o comezo doutra vida, sen referencias ou dicotomías relixiosas. A cociñeira resucitada explica con normalidade como morreu ela e a súa familia e fala da existencia no Inframundo. Alén diso, prodúcese un reencontro do protagonista co seu avó falecido que nin desapareceu totalmente nin está nun mundo de escuridade co que normalmente asociamos a morte senón que é moi feliz, pois deu renda solta aos seus impulsos converténdose nun famoso piloto de carreiras no Inframundo. Esta sorpresa na historia de seguro lles servirá de esperanza aos rapaces que sufriron a perda dun familiar e faraos pensar en que haberá despois da morte, despoxándoa da tristura coa que normalmente se ve.

Cociñando soños
Por outra banda, débese salientar que cada capítulo do libro abre cunha receita culinaria que forma parte do “Libro de receitas de Román”, polo que a cociña tamén pode ser explotada didacticamente, quer na casa, quer na escola con algún obradoiro práctico. As receitas son de sinxela preparación e están adaptadas para que os cativos poidan cociñalas sen problemas. Nas incontables presentacións que a autora fai en centros educativos comproba como o alumnado cociñou esas receitas e recibe os parabéns por aprendelo a cociñar.

Asemade, este libro permite falar de perseguir os soños e acadar metas que semellan ser imposibles, algo que todas as persoas docentes recoñecerán como un valor que hai que transmitir. Román é un fanático da cociña e quere ser un importante cociñeiro, idea que confronta coa oposición social mais que el non desbota. Por outra banda, Escarlatina desexa volver á vida, pero é consciente de que a condición imposta (cociñar algo que guste a vivos e mortos) vai facelo imposible. Porén, ningún dos dous se rende e loitan por conseguir ese soño.

O contexto social

Malia ser un libro infantil de fantasía dirixido a rapaces de once anos, existen referencias á realidade social da crise que sofren moitas persoas e que pode empregarse para desenvolver valores como a empatía, a solidariedade ou o desapego ás cousas materiais. Así, os pais de Román están desempregados e el mesmo recoñece as dificultades polas que pasan agora, explicitando que xa non lle mercan libros ou cereais de marca, senón que van á biblioteca e mercan cereais baratos. Os motivos económicos son os que motivan que os seus pais merquen o curso de cociña de Escarlatina, que era o máis barato.

En resumo, Escarlatina tamén dá para falar dos problemas económicas e da desigualdade da nosa sociedade.

O corazón de Xúpiter (2012)

Este libro, recomendado para persoas a partir de catorce anos, é unha obra dura, realista e que consegue emocionar a todos, quer mozos, quer adultos, pola labazada de realidade e crueza que supón. Non agarden unha obra xuvenil utópica: é dura e crúa e esperta moitos sentimentos.

A obra describe a historia de Isla, unha moza que cambia de cidade, instituto e amigos. Faino en forma de traxedia dirixida especialmente á xeración da tecnoloxía, esa que ten unha vida virtual rica e que se desapega da real e serve de aviso sobre os perigos que pode supoñer Internet e que vai levar a unha seria reflexión sobre moitas cousas. De feito, Isla namórase dun descoñecido nun chat de Internet, con quen intercambia fotos e confesións e con quen inventa unha historia de amor. Infelizmente o descoñecido non resultará ser quen ela espera senón un home perigoso que vai tronzar a súa vida e a de aquelas persoas achegadas que non souberon ver e evitar a traxedia que sobrevoa desde as primeiras páxinas.

O acoso en todas as súas formas

O acoso semella estar presente en todo o libro tanto no seu xeito máis tradicional coma no máis moderno ao abeiro das tecnoloxías.

Para comezar, os personaxes de Carballo e a súa irmá, dous compañeiros de instituto de Isla, representan os típicos abusóns e matóns que intentan impoñer a súa lei. Este acoso escolar ou bullying ao que someterán a Isla é un fenómeno que sempre houbo e desafortunadamente haberá, se ben a persoa lectora descubrirá as razóns que poden chegar a explicar ese comportamento.

Porén, tamén se fala dun novo xeito de acosar que naceu ao abeiro das novas tecnoloxías e como consecuencia do mal emprego que se lles pode dar: o grooming, termo co que se designa o feito de que un adulto engane un menor para gañar a súa confianza con fins sexuais. Atopamos aquí unha auténtica barreira xeracional, pois as persoas adultas dificilmente saben da vida virtual paralela que teñen as persoas mozas grazas ao anonimato que supón a rede. Así, Isla namórase virtualmente dun descoñecido a quen imaxina e a quen di que coñece polo profundo das conversas. Chega ao extremo de rexeitar o amor real e sincero de Anxo que, con certeza, sería algo fermoso e totalmente normal por un amor de consecuencias tráxicas.

En definitiva, pódense abordar os perigos e riscos que poden supoñer as tecnoloxías e conseguir que as persoas lectoras desenvolvan un sentido de cautela e máxima precaución.

A incomprensión adolescente

O feito de que as persoas adolescentes sintan unha total desconexión coa xeración anterior é un factor universal. Na adolescencia a persoa forma a súa identidade e personalidade e faino normalmente rachando de xeito radical coa familia. Isla non  é unha excepción: o seu pai e a súa nai descoñecen a súa vida virtual, os problemas que ten con Carballo e a irmá e incluso pode dicirse que non saben que pensa e quen é realmente a súa filla.

Por razóns obvias, este libro brinda unha excelente oportunidade para tratar de derrubar a barreira xeracional e buscar que as persoas lectoras adolescentes busquen complicidade coa familia, que é vista nesta etapa vital como un inimigo cando será sempre un aliado.

Fóra tabús

Un dos aspectos salientables desta obra e que esquece a corrección de temas que xeralmente respectan os libros para adolescentes. Así, a naturalidade coa que se trata a homosexualidade de Mar esperta a empatía de quen le e responde á necesidade de saír do armario da uniformidade heterosexual e aceptar que sempre houbo e haberá diferentes sexualidades que afortunadamente xa non deben ser agochadas e negadas. Presentar o amor entre dúas mulleres como un feito normal e común, convertendo o tan manido tópico “mozo coñece moza nunha festa” nun evolucionado “moza coñece moza”, normaliza a homosexualidade e axuda a rachar con prexuízos e barreiras mentais.

Outro tema que aparece directamente na obra son as drogas, un factor tamén universal que non por agochar desaparece. O noso alumnado tivo ou terá contacto coas drogas e debemos educalos nos seus efectos negativos.
Podería continuarse este texto profundando nas posibilidades que estas obras ofrecen ou analizando outras, mais ao tratarse dun achegamento prefírese deterse aquí e emprazar a persoa docente a descubrir a obra sublime desta autora que  con certeza seguirá a recoller éxitos pola calidade da súa obra e o uso que dela pode facerse para transmitir valores universais como a amizade, o amor de verdade, a solidariedade, a empatía, o respecto ao diferente etc.

 

 

 

Sección: