Domingo Sendón, poeta emigrante na Arxentina

Ramón Blanco
Profesor de Lingua Galega e Literatura

 

A obra poética do emigrante Domingo Sendón Rodríguez (Outes, 1897-Buenos Aires, 1994) aflorará sobre todo na vellez e farase máis coñecida entre nós grazas aos exemplares que aquí chegaron do seu único libro: De Outes a San Telmo, publicado na capital arxentina pouco antes de falecer.

Tal como recolle o título deste poemario, a vida de Sendón seguiu o trazado de tantos emigrados que se viron forzados a cambiar o recuncho da terra natal por un barrio cosmopolita de alén mar. Mais a súa figura singularízase por ser tamén un autodidacta con inquedanzas intelectuais que o levaron a desenvolver unha intensa actividade sociocultural no asociacionismo emigrante, sempre cun pé en Galicia, como amosan os proxectos altruístas nos que colaborou para mellorar o lugar que o viu nacer.

Domingo Sendón, na Arxentina, en 1948. Arquivo: Amanda Caamaño Sendón

 

Biografía de Domingo Sendón Rodríguez: unha vida de libro

Doces lembranzas pasadas.
Se verdade é o que din
No lugar de Outes nacín
Sobre laxes calcinadas
E con cañeiras tapadas.
Penso que foi polo ano
Que sin Cuba nos deixano.
(D. Sendón, «Recordo da terriña», 1984)



Non exactamente cando España perdeu a colonia cubana, senón xa no ano anterior, o 20 de xullo de 1897, en San Pedro de Outes, na mesma aldea que lle dá nome a esta parroquia e mais ao concello, nacía o poeta Domingo Sendón Rodríguez. Tiña outros tres irmáns: Dolores e mais os xemelgos Dominga e Pepe.

Foi á escola do Pineireiro, en Brión, ata os once anos. Afeccionouse á lectura desde neno, cando tiña que usar candeas para poder ler de noite. Desenvolverá a súa vocación poética sobre todo na vellez, mais xa ten algunha estrofa composta na adolescencia, por volta dos dezaseis anos, en 1913. En decembro dese ano, fuxindo das levas forzosas da guerra de África, para librarse de entrar en quintas e ser enviado ao Rif, emigra a Buenos Aires.

Chegou á Arxentina o 2 de xaneiro de 1914. Instalouse no barrio de San Telmo, mais antes vivira un ano no barrio Parque Patricio, onde se fixo cargo del un tío seu. Comeza a traballar na hostalería; primeiro de lavapratos, despois como camareiro en distintos locais. A súa primeira patroa, unha italiana propietaria dun restaurante, faille de nai. Chegou a ter unha pequena industria con outros socios outenses e, anos máis tarde, rexentou en solitario os seus propios bares. Xa xubilado, colaborou cun sobriño político, Héctor Pérez, que tiña unha fábrica de lanternas: La Asunción Argentina (empresa á que lle dedica un poema).

En 1925, con 28 anos feitos, cando xa pasara o perigo de ser levada a súa quinta, regresa a Outes. Pouco despois casa cunha moza da veciña parroquia de San Ourente: Josefa Vieites Álvarez. Mais o destino e a morte destrúen este fogar: o 13 de outubro de 1929, a muller falece, con vinte e sete anos, ao dar a luz unha filla que só sobrevivirá a nai quince días; previamente, o desgrazado matrimonio xa perdera o seu primeiro fillo. E todo isto no breve período de cinco anos, que foi o tempo que estivo aquí Sendón desta volta.


Rueiro onde estaba a casa natal de Sendón, actualmente reconvertida no alpendre que se ve no centro. Foto: Vicente Abelleira Cambeiro

 

Buscando un refuxio contra a dor, volveu á cidade porteña en 1930, onde se instalou xa para sempre e refixo a súa vida, anos despois, ao casar coa asturiana María Consuelo Linde Fernández (Cangas de Narcea, 1906), o 20 de marzo de 1945. A relación xa se iniciara en 1936, nun restaurante (rexentado por unha prima de Consuelo) onde el ía xantar. Tiveron unha filla: Ana María.

Tras a voda, abandona San Telmo. Viven tres anos no barrio Norte Recolecta. Despois en Montserrat, definitivamente, en distintas casas. «Calles que silenciosamente se aviene con la noble tristeza de ser criollo. Calles y casas de la patria. Ojalá en su ancha intimidad vivan mis días venideros», evocaba un novísimo Jorge Luis Borges na década dos vinte («Buenos Aires», Inquisiciones).

Nos movementos asociativos dos emigrados, Domingo Sendón foi mellorando a súa formación a través de diversas lecturas e experiencias vitais. Canaliza boa parte da súa enerxía no funcionamento da Asociación Unión de Residentes de Outes en Buenos Aires, que fora fundada na capital arxentina en 1910. Nesta asociación, «cultural y recreativa», desempeñará o cargo directivo de secretario de prensa e, xa ben entrados os anos setenta, o de secretario de actas; nunca quixo ser presidente, optou por responsabilizarse das facetas máis culturais da asociación, tamén as relacionadas coa nosa lingua. Escribe artigos e traballos que publica nas revistas da institución. Tamén é aquí onde aparecen ocasionalmente os poucos versos que decide editar. Ademais do traballo continuo nesta sociedade, estivo vinculado ao Centro Galego da cidade, do que foi socio vitalicio. Esta entidade tamén tiña un importante compoñente asistencial: nas súas instalacións médicas, onde había falecer, xa o operaran dunha hernia nos anos trinta. Tamén pertenceu ao Centro Arzuano-Melidense.

Naquel caos que era Buenos Aires, Sendón foi conseguindo unha boa situación económica. Asegurouse de que a educación académica da que non gozou el puidese recibila a súa filla, Ana María, quen actualmente é psicóloga xubilada.

Porén, non volveu visitar Outes deica 1972 (ou 1970, segundo afirma a súa filla), e xa regresa á Arxentina ao remate do verán dese ano, onde permaneceu ata a morte.

Alén da súa obra artística, a gran faceta de Sendón talvez fose a de inquieto activista cultural. A el debémoslle a colocación dunha placa na estatua do poeta Francisco Añón, na Serra de Outes, en 1978, para conmemorar o centésimo cabodano do poeta, cuxa figura e obra difundiu entre os outenses das dúas beiras do Atlántico. De feito, en 1925, cando viaxara por primeira vez da Arxentina a Outes para contraer o primeiro matrimonio, xa trouxera a placa (fundida un ano antes, en 1924) que hoxe figura na fachada da casa natal de Añón, na aldea outense de Boel. No entanto, só puido colocarse en 1935; ata esa data estivo custodiada no Cruceiro de Roo, concello de Outes, por Eugenio Atán Lloréns. Domingo Sendón foi o maior enlace cultural que tivo este municipio coa devandita Unión Residentes de Outes, entidade que tamén promoveu a estatua do poeta precursor do Rexurdimento, erixida con motivo de serlle outorgado o Día das Letras Galegas de 1966, así como outra placa de 1968 que figura no monumento, e que trouxo o propio Sendón na viaxe emprendida a inicios dos setenta. A outra placa que hai no pé da estatua, de 1978, xa non a trouxo el, aínda que si a promoveu. E o boletín desa sociedade publica o 25 de novembro de 1978 o artigo «Centenario del fallecimiento de Añón» e mais o poema «Un outesán que compreu un século no recordo», datados ambos os dous o 20 de abril, cabodano de Añón. Nos anos oitenta, aínda contribuíu a achegar datos aos biógrafos deste escritor decimonónico: Xosefina López de Serantes e Fernando Bel Ortega.


 

 A primeira das placas fixadas no monumento a Francisco Añón, na Serra de Outes; os versos son de Domingo Sendón. Arquivo: Terra de Outes

 

Detrás das iniciativas dos emigrados outenses, pode seguirse a súa pegada indeleble. Porén, tampouco é el o Domingo Sendón que se encarga en 1922 de editar un volume coas poesías de Francisco Añón, senón outro homónimo, parente seu (entre eles tiñan o tratamento de «primo»), orixinario de Brión, que chegou a presidir a asociación dos residentes outenses na capital arxentina entre 1950 e 1960. As vendas daquel libro ían destinadas a contribuír á conclusión da escola fundada en Outes pola citada sociedade e mais á placa que se colocaría na casa natal de Añón. Ambos os Domingos Sendón están intimamente vinculados pola devoción que os nosos emigrantes lle profesaron ao poeta de Boel e mais pola crenza na escola como ferramenta emancipadora e progresista. O propio Sendón Rodríguez estivo, á súa vez, moi implicado na creación da escola Emilio Navasqüés, erixida en Outeiro, Cruceiro de Roo; como mostra, poden verse os textos en prosa e verso baixo o título «Nunca es tarde cuando la dicha es buena», aparecidos en ACUROBA, o boletín da asociación, en 1951.

 

A extinta escola graduada Emilio de Navasqüés, na revista dos Residentes de Outes en 1951. Fonte: ACUROBA

 

Ao final da súa vida comeza a ter máis recoñecemento na súa terra natal. En abril de 1988, nun número especial do periódico quincenal Barbanza, acompañando dúas composicións súas, aparece o artigo «Domingo Sendón Rodríguez», por Xan F. G. S. (Xoán Francisco García Suárez). E en marzo de 1989, a revista da asociación Escarabello publica o seu poema «Etimoloxía de Outes», asinado a 29 de novembro de 1976. O propio poeta escribirá en homenaxe, no mesmo 1989, os versos titulados «Comentarios sobre a chegada do “Escarabello”».
Con case noventa e seis anos, en 1993, publicou na cidade do Prata o seu único libro: De Outes a San Telmo. Pouco despois, o 12 de novembro de 1994, faleceu.

 

Derradeira foto do poeta, sacada o 10 de decembro de 1993, no casamento da filla. Arquivo: Ana María Sendón Linde

 

Postumamente, o 28 de maio 2009, nun emotivo acto de xustiza poética, homenaxéase na Serra de Outes durante a entrega do premio Leixaprén, organizado naquela ocasión polo IES Poeta Añón, que edita, entre outros materiais, unha biografía do poeta.
Moi recentemente, a Asociación Cívico-cultural Terra de Outes reedita o libro de Rodríguez Sendón e preséntao no congreso que tamén organiza en homenaxe a este autor: A emigración galega dende o século XVIII ata o presente, que tivo lugar na Serra de Outes entre os días 8 e 11 de maio de 2019.

De Outes a San Telmo: versos de ida e volta dun emigrante


Ao mesmo tempo querían brindar apoio aos outenses que día tras día baixaban dos barcos no porto de Santa María dos Bos Aires, cos ollos nubrados xa pola morriña pero asombrados ante a cidade que enfrontaban, diferente á aldea afastada. Traían a pena do adeus inscrita para sempre na alma e unha valixa de cartón chea de soños e ilusións. Moitos deles non tiñan aquí achegados que os acubillasen.
Esta segunda patria que os esperaba, podía ter para eles nun principio características inquietantes, a pesar de que logo constituiría un lugar de refuxio. Chegaban aquí esgazados pola despedida aínda que esperanzados ante a idea dun futuro de traballo e progreso. Un lugar propio, o encontro con amigos, sería propicio para o recordo do terruño e para unha mellor adaptación a unha nova realidade.               

                                                                                                                                                                          Páxina web da ACUROBA

 

 

Calcúlase que a crueldade da vida arrebolou a América entre 1860 e 1970 un total de 1.837.247 emigrantes galegos e galegas. Todo un negocio para os transportes marítimos e as casas consignatarias. Cuba e A Arxentina foron os destinos preferidos xa desde o século XIX e ata a primeira metade do XX. En Buenos Aires fundouse unha congregación de «naturales y originarios del Reino de Galicia» en 1790, posiblemente a primeira asociación deste tipo en América, antecedente do Centro Galego de Buenos Aires (dos dous que houbo, un tivo unha curta traxectoria; o actual foi sentenciado de morte). É ben sabido que a numerosa poboación de galegos emigrados na Arxentina, que fixo de Buenos Aires a urbe «galega» por excelencia, converteu o xentilicio en metonimia de todos os españois.

Tal foi a importancia dos nosos emigrantes nas terras de alén mar que Antonio Pérez Prado, no libro Los gallegos y Buenos Aires, destaca a influencia na formación do carácter dos porteños, nos costumes, na lingua, nas loitas sociais e na actividade comercial.

Obras tan esenciais e tan radicalmente galegas como Sempre en Galiza, de Castelao, foron producidas naquela cidade. Alí publica Germán Berdiales Las cien mejores poesías humorísticas de la lengua castellana, en 1945, onde tivo a ben incluír o poema «El borracho y el eco», de Francisco Añón. Dez anos antes, mentres a Unión de Residentes de Outes celebraba as súas vodas de prata, ao outro lado do Atlántico, rendíaselle homenaxe ao poeta Añón, na casa natal de Boel. Na descuberta para o gran público deste vate tivo moita importancia estoutro poeta outense que foi o seu grande embaixador na comunidade americana: Domingo Sendón Rodríguez. Na Asociación Unión de Residentes de Outes en Buenos Aires participa activamente, tamén confeccionando as súas revistas, en colaboración con Pedro García Tuntilde. Este, nacido en Boel e alcumado O Rulo, foi presidente da asociación. A el si lle tocou ir á guerra, mais enfermou de malaria e xa non chegou a combater. Este veciño foi un dos grandes amigos de Sendón en Buenos Aires. Ao tempo que relatan a vida da Sociedade —como a chamaban eles— abren a canle da súa vocación literaria publicando poemas e outros textos.

 

Domingo Sendón, de pé, segundo pola esquerda, na directiva da Unión de Residentes de Outes en Buenos Aires. Fonte: ACUROBA

 

Son emigrantes que escriben sobre a súa vida na emigración. O mesmo fará Neira Vilas nas súas Historias de emigrantes, con prólogo de Luís Seoane. E cunha cita de Castelao: «endexamais ollei a súa felicidade».

Historias de azares, como a que levou a Sendón á aventura americana, fuxindo da aínda máis perigosa aventura bélica. As guerras africanas da época aparecen aludidas nalgúns dos seus versos con vivas imaxes, como a dos reflectores en danza duns grandes buques da escuadra imperial que ía loitar ás provincias sudafricanas do Transvaal («Fe do meu nacemento e suceso daquel tempo») ou aqueloutra do militar regresado do Rif que vai ofrecido ao San Campio: «con unha perna de pao/ que é todo o que foi gañar». En varias conversas aludirá á fame que se pasou na Guerra Civil Española.

Alí, no barrio de San Telmo, coñeceu a cosmopolita realidade porteña de principios de século e foi asimilando novas vivencias. Por 1910 Buenos Aires xa contaba con 1,3 millóns de habitantes e mantíñase como centro cultural e económico de América Latina. Desde finais do XIX, nacía o tango a carón dos portos, entre fume de lunfardo e grolos de modernismo. Tanto chamaba a atención a avenida Maio que Manuel Antonio falou dela nos seus poemas. Pois así fará Domingo Sendón con San Telmo, destinatario de moitos dos seus esforzos poéticos («Barrio de San Telmo», «Recuerdo», «Evocando el viejo barro porteño»...), o mesmo barrio que poetizou Emilio Pita.

Na primeira tentativa de regreso a Galicia, tristes episodios familiares viñeron ensombrecerlle a xuventude. Marcárono, como non podía ser menos, profundamente a morte da primeira muller e da súa prole, e así se constata en diversos poemas: «Como vin o terruño», «Estaciones en pugna», «Motivo e sentimento outense»; por certo, este último, datado en 1954, é o primeiro poema en galego coñecido.

Aquel Buenos Aires ao que regresa era un remuíño de xente, de casas e de coches, era un formigueiro. En 1950 a poboación acadaba a cifra aproximada duns 5 millóns de persoas. No ano 1952 publica Otero Pedrayo Polos vieiros da saudade, onde aparece o artigo «Rolda de horizontes»:


Poucas vilas poden aturar o domingo no serán. Naquil Buenos Aires era un formiguear de coches tomados da loucura de non ir a ningures, semellando non perder lugar de folgo e diversión.
(...) Buenos Aires semellaba entregado ás maniobras ou revista xeral de coches e xentes.
Cavilando na guerra do día seguinte. Entón os coches e as xentes saben a ónde camiñan, os ritmos e os tempos volven a obedecer á necesidade do vivir.


A confianza no ser humano, a crenza na instrución como redentora do individuo cóase entre os desvelos poéticos de Sendón, con certa tendencia filosófica ou, cando menos, sentenciosa. Coñecedor da historia (e en concreto da outense), sorpréndese ao ver o progreso que se ía abrindo tímido paso na terriña outense. Nalgúns poemas a luz eléctrica cumpre a mesma función totémica que o ferrocarril tiña en Curros e en Añón; o poeta vese fascinado polos focos eléctricos dos que non dispoñía na súa infancia: «Alumía a luz de alambre,/ Onte foi de gas e velas,/ Hoxe é fluído do Tambre» («Etimoloxía de Outes»).

Toda unha vida, agardando aos noventa e seis anos (plenamente lúcido), para publicar o primeiro e único libro, que nace xa como testamento literario. Apenas se lle coñece poesía. De Outes a San Telmo recolle a produción poética dun emigrante autodidacta. Trátase dunha obra bilingüe, pouco máis de sesenta poemas en proporción numérica similar. A alternancia de código fai que haxa paratextos en castelán para acompañar versos galegos, que mesmo poden aparecer intercalados entre a poesía de expresión española. É unha dedicación maioritariamente tardía, a necesidade de escribir plásmase sobre todo na vellez, incluso con longos períodos sen produción (os poemas en castelán interrómpense entre 1978 e 1987).

Aínda así, sempre tivo publicar un libriño como obxectivo. Foi a filla quen o empuxou a decidirse para cumprir o seu soño. El xuntou o material e Ana María Sendón ocupouse das cuestións máis técnicas e ecdóticas. A publicación farase efectiva en maio de 1993, cando se imprime en Producciones Gráficas. Servicio Editorial, como consta no colofón.

Na cuberta elixiuse a cor celeste en homenaxe ás bandeiras galega e arxentina. Reforzábanse así as imaxes da capa: a igrexa bonaerense de San Telmo superposta sobre a parroquial outense.


Cuberta da primeira edición do libro de Sendón Rodríguez

 

Domingo Sendón perdeu o vínculo físico con Outes, mais non aconteceu así coa unión sentimental a esta terra. Xa vello, escríbelle cartas á súa sobriña, Amanda, nas que tamén inclúe poemas dedicados á Serra, cuxa temática habitual son os recordos da infancia, a paisaxe ou a emigración. Nalgúns casos, sobre todo a través da alusión a vestixios arqueolóxicos, percíbese certa identificación coas teses celtistas. Así como hai algo de gusto a tango e milonga nalgúns poemas casteláns, pegados á realidade porteña, reserva sobre todo a lingua materna para as preocupacións antropolóxicas e etnográficas: romaxes, feiras, supersticións... que relata con gran detalle e viveza. Como se recollía na páxina web da asociación dos outenses en Buenos Aires:


D. Domingo Sendón Rodríguez deixounos plasmada gran parte da súa vida no seu libro titulado De Outes a San Telmo. Ao longo das súas páxinas escribiu sobre a súa infancia transcorrida en Outes na súa lingua nai e a outra metade vivida en San Telmo en español. Eles contribuíron a que a nosa xeración tivese coñecemento do que pensaban os nosos antecesores e, á súa vez, foron de grande axuda para comprender máis a idiosincrasia galega.


O paso dos anos lonxe de Galicia vai deseñando un calendario perpetuo en forma de nostálxicos versos, de aí a constante preocupación por ofrecer a data de creación de cada poesía. Os seus versos son a mellor biografía deste emigrante comprometido con Outes: a pequena aldea que sempre levou no pensamento proxéctase como universal sentimento de amor á terra.

 


 

Bibliografía: 

 

 

BARREIRO, D. (2009). Biografía. Domingo Sendón Rodríguez: 1897-1994. Outes: IES Poeta Añón.

BLANCO, R. (2009). Domingo(s) Sendón, ou apoloxía de Añón polo home duplicado. Terra de Outes, 6, 7 e 8.

BLANCO, R. (2009). Domingo Sendón. Terra de Outes, 6.

BLANCO, R. (2018). Entrevista a Ana María Sendón. Terra de Outes, 41.

BLANCO, R. (2019). Estudo introdutorio, De Outes a San Telmo. Outes: Asociación Cívico-cultural Terra de Outes.

CAMPOS, M. (2009). O X Premio Leixaprén. Terra de Outes, 7.

G(ARCÍA) S(UÁREZ), X. F. (1988). Domingo Sendón Rodríguez. Barbanza, núm. especial.

SENDÓN LINDE, A. M.ª (1999). Un outense en Buenos Aires. Domingo Sendón Rodríguez. 20 de julio de 1997 - 12 de noviembre de 1994. Galicia en el Mundo, 326.

SENDÓN RODRÍGUEZ, D. (1993). De Outes a San Telmo. Buenos Aires: edición do autor.

 

 

 

Sección: