A importancia psicomotora do gateo como habilidade

As nenas e nenos de toda a etapa educación infantil teñen un desenvolvemento global, é dicir, todas as súas aprendizaxes cognitivas, motoras, emocionais e afectivas non se poden entender de forma illada, posto que ocorren dunha maneira integral. O desenvolvemento dos pequenos ocorre de maneira secuencial e progresiva, ou sexa, unha habilidade axuda a que aconteza outra e sempre se van acumulando as funcións simples primeiro, para despois facelo coas máis complexas. Partindo desta premisa, este traballo pretende poñer de manifesto a transcendencia dunha habilidade: o gateo, normalmente concibida entre o volteo-reptación (precedente) e a marcha (posterior) para darlle a importancia que realmente ten no desenvolvemento motor, emocional, intelectual do noso alumnado, superando esa natureza transitoria que tivo ata hai ben pouco. Tempo atrás, pretendíase que o gateo durase o menos posible e apurábase a consecución da marcha como un logro terminal na motricidade dos nosos rapaces. O gateo constitúe un fito do desenvolvemento previo á marcha e, desde hai máis dunha década, os pediatras e os espazos de estimulación temperá preocúpanse acertadamente de enxalzalo. Con todo, precísase divulgar máis evidencias científicas que avalen a relación de que é un feito necesario para un correcto desenvolvemento psicomotor e, neste escrito, pretendo priorizalo a través dunha revisión bibliográfica.

Antonio Novo Carballal

Director e profesor de Educación Física no IES ILLA DE TAMBO (Marín)

Profesor asociado da UVigo (Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte)

Profesor de Aprendizaxe e Desenvolvemento Motor e Xogo Infantil da UVigo

antonionovo@edu.xunta.gal

anovo@uvigo.es

 

Marco teórico

Dado que a mira central desta revisión estará posta na importancia da fase do gateo como proxecto de abordaxe cara á súa dimensión práctica, será necesario suscitar algúns parámetros que sirvan de eixes conceptuais sobre os que apoiar a lectura interpretativa deste traballo. Esta habilidade, segundo Carlos Manuel Jiménez no seu libro El gateo, «é unha forma de locomoción cuadrúpede considerada como unha etapa importante do desenvolvemento do ser humano, o cal é irregular na aparición e duración, pero xeralmente preséntase entre os 8 e 10 meses» (Jiménez, M., 2010, p. 11). Considérase o gateo o primeiro movemento harmónico que consta de catro apoios e de coordinación e que para a súa execución participan a cabeza, as extremidades superiores e as extremidades inferiores. É o primeiro movemento que realiza o ser humano na etapa infantil co fin único de supervivencia instintiva a través do desprazamento.

 Nesta etapa do desenvolvemento interveñen habilidades motoras onde se involucra a coordinación e o equilibrio. López Díaz (2010) afirma que o gateo é o resultado dunha evolución no control do corpo que lle proporciona á columna un alivio rápido e efectivo desde as primeiras experiencias motrices. Con isto, podemos dicir que o gateo é unha fase do sistema motriz previa á marcha que, á súa vez, require tamén dalgunhas habilidades motoras básicas adquiridas, pois cada habilidade dominada prepara os cativos para abordar a seguinte (Papalia, Feldman e Martorell, 2012).

O bebé conta con respostas programadas e prefixadas pola natureza: os reflexos. A partir destas estruturas desenvólvese, grazas á maduración biolóxica, unha progresiva complexización das reaccións que supón un aumento gradual da conciencia de si mesmo e do control voluntario, dirixido todo despois polos procesos de aprendizaxe. Ao final da primeira infancia (arredor dos dous anos), presenta un cadro moi distinto: os seus movementos son voluntarios e coordinados, controla a posición do seu corpo e dos segmentos corporais máis importantes (pernas, brazos, tronco) e é capaz de andar e correr. O proceso cualitativo de maduración prodúcese segundo dúas leis: a lei do desenvolvemento céfalo-caudal e a do desenvolvemento próximo-distal.

Segundo a primeira, contrólanse antes as partes do corpo que están máis próximas á cabeza. Así, contrólase antes o pescozo ca o tronco e os brazos ca as pernas. De acordo coa lei próximo-distal do control corporal, contrólanse antes as partes máis próximas ao eixe corporal, por iso controla antes o pulso ca os dedos e os músculos propios da coordinación fina son os máis pequenos e os últimos en ser controlados, como ocorre coa «prensión en pinza». Isto é o que fai que primeiro se asuma a coordinación grosa e despois a fina, comprometendo o equilibrio e o control postural. Pikler (2014) afirma que a evolución ata a marcha, pasando polo gateo ten 10 pasos:

1. Pasa da posición dorsal á de costado (e volve á posición inicial).

2. Vólvese, tombado cara abaixo.

3. Pasa da posición ventral á dorsal (con voltas alternadas).

4. Repta sobre o ventre.

5. Gatea.

6. Séntase (está sentado e volve tombarse).

7. Axeónllase ergueito (sostense sobre os xeonllos, volve colocarse a gatiñas ou senta).

8. Ponse de pé (sostense de pé e ponse de novo a gatiñas ou senta).

9. Comeza a andar sen suxeitarse.

10. Marcha estable; o neno utilízaa diariamente para desprazarse.

Táboa 1. Fitos motrices máis característicos da evolución motriz de 0 a 2 anos

Tomada dos datos de Palacios, J. e Mora, J. (2017)

Esta táboa recolle estes feitos como adquisicións motoras e non deben entenderse como logros independentes uns doutros ou só guiados por un plan preescrito xeneticamente. Todo isto é consecuencia non tanto dunha estrita programación biolóxica senón dun sistema neuromotor elaborado e traballado (Thelen, 1995). A maduración biolóxica é acompañada polo estímulo dos proxenitores e educadores e o que se dá a si mesmo o propio neno (Berthental e Clifton, 1998). Así que, en termos condutuais e de aprendizaxe, diríase que algún eventos previos están relacionados con fitos ou condutas motoras posteriores e o xurdimento dun novo fito motor implica que o neno adquira unha nova postura ou forma de moverse no espazo, co que acada, deste xeito, unha modificación fundamental na súa relación coa contorna (Chen, Metcalfe, Chang, Jeka e Clark, 2008) e (Pollitt e Caycho, 2010). Cando o neno adquire unha serie de reflexos —de estiramento, miotático, flexor e extensor cruzado— e unha serie de reaccións, como a de enderezamento, a labiríntica e óptica e a de equilibrio, está preparado para ir adquirindo as habilidades descritas na táboa 1 e o tempo de adquisición destas dependerá moito da estimulación que reciba da súa contorna (Uriarte, 2012).

Tipos de gateo

É importante clasificalo porque, por unha banda, recóllese a evolución do gateo e, por outra, recóllense tamén as variedades individuais que cada neno fai particularmente da súa maneira de gatear. Seguindo a Jiménez (2010), distinguimos os seguintes tipos:

  • Gateo sen padrón: execución desorganizada desta habilidade.
  • Gateo sobre glúteos: é unha técnica simétrica onde só se empregan os ombros e se traballan os abdominais e un pouco as pernas, pero que non tonifica o lombo, glúteos, como a técnica asimétrica.
  • Gateo retrógrado: realízase cara atrás. Este cambio de dirección pode ser consecuencia dunha etapa inicial do gateo ou do incumprimento dalgún obxectivo que deberá cumprir o neno nese momento.
  • Gateo asimétrico: é o xesto-forma idóneo do gateo tal e como o entendemos e que cumpre integramente os obxectivos saudables desta habilidade. Tamén se chama gateo cruzado, heterolateral ou tamén gateo profesional. Este gateo é o máis común e indica un proceso de organización neurolóxica correcta xa que permite que a posición de inicio se realice en catro apoios e que o desprazamento sexa avanzando co membro superior dereito e membro inferior esquerdo (ou viceversa), e posteriormente os outros.
  • Marcha do oso: gateo con pernas estendidas (desprazamento con apoio en mans e pés), pode entenderse como un paso intermedio entre o gateo e a marcha.

Para entender os tipos de gateo, é importante ver o vídeo Stages of Crawling (2012), que explica moi ben a evolución dos distintos momentos que ilustramos a continuación.

O señor borracho, na que o neno ao desprazarse, a pesar de manter o tronco en contacto co chan, se desequilibra e roda (7 meses).

O motor parado: a imaxe previa a gateo como tal amosa un bebé apoiado sobre mans e xeonllos. No vídeo obsérvase como realiza movementos de tronco cara adiante e atrás, como indica a frecha, pero sen desprazarse do sitio (7,5 meses aprox.).

O mariñeiro abaneante é o seguinte nivel. Mostra un bebé que se despraza mantendo sempre tres apoios no chan e que abanea a un lado e a outro no desprazamento de cada membro (8 meses).

O monstro da velocidade: fase previa ao padrón motor. O neno segue mantendo tres apoios en todo momento, pero non hai desequilibrios e desprázase rapidamente na dirección desexada.

Gateo cruzado ou heterolateral, tamén chamado gateo profesional: xesto-forma común e padrón motor que se quere acadar.

A necesidade do gateo

Imos establecer tres niveis onde se acentúan todos os beneficios desta habilidade que recollen a globalidade da súa conveniencia: o cognitivo, o físico e o emotivo-afectivo.

No ámbito cognitivo, crea «corredores de conexión» e permite a ligazón dos hemisferios cerebrais mediante a creación de rutas de información neurolóxicas que activan a comunicación entre eles. Ademais disto, permite o desenvolvemento da «oposición cortical», o que fai que o neno sexa consciente, a través da vivencia do gateo, da tactilidade daquilo que está vendo: ao sentir e vivenciar o peso nas mans, nas articulacións, na columna, prepárase para interiorizar o tacto para unha motricidade máis fina. Ademais desenvolve o «padrón cruzado» (Uriarte, 2013) opoñendo brazos-pernas para adquirir futuras habilidades de desprazamento. Tisalema (2014) enfatiza na necesidade de traballar o gateo para afianzar ese padrón cruzado e indica que, se non se fai, o desenvolvemento queda trabado. Nesta altura, ese padrón cruzado favorecerá que a interconexión hemisférica provoca que o neno no futuro poida facer dúas actividades á vez máis facilmente (García Morán, M. A., 2000). Neste ámbito cognoscitivo, tamén cabe subliñar que a habilidade tratada mellora a propiocepción a través do traballo sobre o sistema vestibular, recoñecendo onde están as partes do corpo sen velas e mellorando a coordinación posterior que será fundamental para a escritura e lectura porque asentan as bases dunha boa lateralización, determinación manual, ocular, auditiva e podal. Por último, neste punto temos que dicir que tamén mellora a concepción espazo-temporal e estimula todos os sentidos.

No ámbito físico, o mais evidente é que desenvolve a musculatura dunha maneira moi integral: tonifica brazos, pernas e columna, moi importante esta para un boa saúde. Fai que a fortaleza muscular paravertebral sexa saudable e que permita asumir con garantías a marcha, que é un desafío á gravidade e á integridade da zona lumbar. Neste sentido cabe apuntar aquí que o gateo con pernas estiradas segue a ser na época adulta unha das propostas de actividade do fitness, do crossfit e doutras disciplinas como fortalecedora da espiña dorsal. Ademais, contribúe ao desenvolvemento da planificación motora ao esixir que o neno se organice para conseguir os obxectos e alcanzar determinadas posicións, o que será fundamental na futura execución de habilidades motrices como subir escaleiras ou saltar. A este nivel tamén se acadan os seguintes logros:

  • Estimula a sensibilidade táctil, sobre todo da man, e iso axudará a habilidades posteriores como a escritura. Traballa as sensacións de textura nas mans.
  • Favorece o equilibrio xa que, ao estar en diferente plano cabeza e corpo, o bebé ten que aprender a non irse cara aos lados ou cara adiante. Debe manterse estable sobre catro apoios para, nun futuro, facer bipedestación.
  • Progresa a cordinación e o equilibrio: a coordinación óculo-manual e óculo-pédica melloran ostensiblemente, así como o equilibrio, xa que pretende non caer cara aos lados.
  • Mellora a respiración: aumenta a capacidade pulmonar e a osixenación, o cal  permite os primeiros balbucidos expresivos.
  • Potencia a visión: no momento de desprazarse a catro patas, o neno ten que converxer a mirada alí onde vai e traballa os músculos visuais facendo acomodación visual. Tamén estimula a acomodación ocular de preto e isto vai ser moi importante para a lectura. Cando o neno se arrastra e gatea, pode ser capaz de converxer os propios ollos para enfocalos xuntos dentro da distancia que existe dos ollos ás mans. Esta é a distancia á que lemos, escribimos… «Cando se evita que os pequenos se arrastren e gateen, os efectos negativos fanse evidentes noutras áreas, como o caso da visión» (Doman, 2008). Tamén fai mellorar a visión binocular e a visión periférica, que será importantísima para afrontar os deportes de equipo.

No ámbito emotivo-afectivo, o gateo é un «evento preparador» porque escenifica outros cambios no bebé e a súa relación con outras persoas (Bertenthal e Campos, 1987; Bertenthal, Campos e Barreto, 1984; Bertenthal, Campos e Kermoian, 1994), xa que lle permitirá ter máis autosuficiencia e desprazarse con maior seguridade e liberdade. O espazo adquire para el unha realidade independente dos obxectos que hai nel.

Co gateo aumenta a habilidade socializadora posto que, cando o bebé mira os seus coidadores, ao atoparse cunha persoa ou un xoguete novo participa nun novo «evento social», é dicir, procura unha nova información emocional que vai guiar a súa conduta. Logra «saber actuar» nunha situación de ambigüidade ou de confusión e vai saber interpretar máis e mellor a percepción que os outros teñen del. Desenvolve un papel importante no xurdimento de emocións que implican autoconciencia (vergoña e orgullo), o sentido de si mesmo e os procesos de socialización e internalización.

Metodoloxía

Para esta revisión bibliográfica apoieime no PRISMA (Preferred Reporting ítems for Systematic reviews and Meta-Analyses). Esta acompáñase dun documento que explica detalladamente os 27 ítems que contén, dos que 14 están referidos ao método, así como o proceso de elaboración. Do total de ítems escollín os que me pareceron de maior importancia: proceso de procura, elixibilidade, selección de estudos e clasificación destes.

Buscas e procuras

As procuras realízanse en buscadores científicos como os indicados na táboa 1: Google Scholar, Science Direct, MedLine, Web of Knowledge, PsycoInfo e Dialnet, e o portal web YouTube.

A palabra gateo e crawl e crawling foron utilizadas sempre e combinadas con outras: habilidade ou skill; aprendizaxe e learning e maduración ou maturation; psicomotricidade ou psycomotor skills. As execucións de busca sempre foron and, y, e, or. Non se estableceu límite para o sexo (feminino, masculino), pero si para a idade —de 0 a 6 anos— e os idiomas manexados —castelán, galego, inglés e portugués—, e non se consultaron estudos de acceso pechado e casos fóra do normotipo, é dicir, con algunha enfermidade.

Táboa 2. Estatísticas de buscas e seleccións

Ademais dos traballos, hai libros que ofrecen moi boa información da temática do gateo e que recollo na seguinte táboa 3.

Táboa 3. Libros utilizados no traballo

Discusión e conclusións do tema

O gateo é un fito imprescindible para o desenvolvemento san considerado dentro do normotipo. Así o establecen varios estudos. No primeiro estudo que se examinou —unha investigación de estilo directo levado a cabo por Ana Belén Vicuña Castro, licenciada en Terapia Física na Universidade Católica de Ecuador— foron analizados os resultados relativos ao desenvolvemento motriz de 10 nenas e nenos nas áreas de lateralidade, esquema corporal e equilibrio nos que gateaban e nos que non. Estes resultados tiveron unha puntuación entre 1 e 4, cualificados de nula e perfecta execución, respectivamente. Ao respecto da lateralidade, os que si gatearon obtiveron as puntuacións máis altas (3 4), mentres os que non gatearon alcanzan tamén esas puntuacións en lateralidade auditiva e manual, pero presentan unha puntuación máis baixa (2) en lateralidade ocular e podal. Ao respecto do esquema corporal, os que si gatearon obteñen puntuacións de 3 e 4 nas tres primeiras actividades e última, imitación de xestos, puntuacións máis baixas (2 e 1). Os que non gatearon obtiveron puntuacións variables (2, 3, 4), a máis alta en recoñecemento de partes do corpo e na imitación de xestos. No tocante ao equilibrio, os que si gatearon presentaron en equilibrio estático unha puntuación de 4 o 100 % deles e en equilibrio dinámico, unha puntuación de 4 o 71 % e unha puntuación de 3 o 14 %; os que non gatearon presentaron en equilibrio estático unha puntuación de 4 o 33 % e unha puntuación de 3, o 67 %.  

Con estes resultados non se logrou evidenciar unha influencia específica do gateo nas áreas de lateralidade, esquema corporal e equilibrio. O que si demostrou é que hai unha leve diferenza de puntuación a prol dos gateadores á hora de executar con maior seguridade e mellor control do seu corpo as ordes das actividades.

No seguinte estudo, a investigadora Alejandra Cando en Ecuador valora mediante ítems, repetidos dúas veces, se o adestramento ou intervención repetidos producen melloras en actividades concretas e tabuladas tales como:

1. Recoller e deixar caer obxectos intencionadamente.

2.Sosterse de pé cun máximo apoio.

3.Sentarse apoiándose só (aquí coas intervención da investigadora mellórase moito).

4. Estando sentado, colócanse en posición de gateo: neste momento coa intervención educativa, a investigadora conseguiu que ademais estivesen máis atentos.

5. Gatea para obter un obxecto: coa intervención que fixo a investigadora conseguiuno con case todos

6. Pode sentarse cando está en decúbito prono.

Despois destas dúas últimas intervencións, a autora conclúe que, mediante estimulación aplicada, melloraron a coordinación e o equilibrio.

Tras este estudo, Cando, A. verifica a súa hipótese e afirma que o gateo inflúe positivamente na localización espacial, favorecendo desta maneira tanto o desenvolvemento físico como o emocional dos rapaces.

Este traballo axuda a evidenciar como e canto o gateo mellora a resolver problemas de desviación e de control motor.

O traballo que estudaba a madurez neuropsicolóxica en nenos e nenas de 5 e 6 anos con circunstancias sociais, de nutrición, de nivel de estudos de nai e pai similares pretendeu comprobar as diferenzas entre os nenos que gateaban e os que non (pouco máis do 50 % realizaba esta habilidade) e investigouse nas áreas da psicomotricidade, a linguaxe articulatoria, a expresiva, a comprensiva, a estruturación espacial, a visopercepción, a memoria icónica, o ritmo, a fluidez, a atención e a lectura. Na maioría non se constataron diferenzas estatisticamente moi significativas, aínda que, cun nivel de confianza no estudo de 95 % e unha significatividade de 0,05, si hai ítems onde se constata que os gateadores obteñen mellores resultados. Destacan en linguaxe expresiva, estruturación espacial, ritmo, fluidez verbal, atención, lectura e escritura.

Despois das súas intervencións realizadas nun período de 3 meses, a autora avaliou unha serie de ítems para valorar o grao de consecución da competencia matemática e os resultados indicaron que existe correlación estatisticamente significativa entre o índice de competencia matemática e dous dos catro padróns motrices avaliados, concretamente, os padróns de arrastre carreira. Polo tanto, esta correlación lévanos a entender que un maior desenvolvemento dos mencionados padróns motrices conduza, seguramente, a un maior coñecemento lóxico-matemático e aquí pode entrar tamén o gateo.

O último estudo é observacional e lonxitudinal (ao longo do tempo ou diacrónico). É da doutora Emmi Pikler en Budapest, onde observou no seu centro varios tipos de desprazamentos: rodar, reptar, gatear, andar amarrándose e marcha. Destaca a postura procúbito ventral, da reptación e do gateo como ximnasia do conxunto dos músculos do corpo e moi particularmente, dos do tronco e membros inferiores. Ademais, conclúe que o gateo, entre outros movementos como volverse tombado cara abaixo e recobrar a posición inicial, rodar e reptar, forma parte integrante do desenvolvemento motor fisiolóxico dos nenos e que a aparición é regular, pero pode ser inhibida por falta de estimulación, de aí a importancia da súa contorna social. Xa que logo, é moi importante que os poidan exercer en liberdade e, paralelamente á maduración do sistema nervioso, posúen unha importancia fundamental no desenvolvemento motor.

Revisadas as publicacións seleccionadas e estas últimas cinco obras, podemos deducir que o gateo é importante e moi conveniente para o desenvolvemento integral dos nenos.

Nos tres primeiros libros observamos como esta etapa inflúe beneficiosamente en cada una das tres áreas do desenvolvemento (mental, física e emocional), de modo que se atopou relación entre a presenza do gateo no ámbito mental, a localización espacial referida á capacidade de orientación e á resolución de problemas de desviación e atención; no ámbito físico, co control corporal á hora de executar xestos motores, co ritmo e coa coordinación ollo-manual, que axudará á lectura e escritura e, por último, no emocional relaciónase coa seguridade á hora de realizar diferentes movementos e exercicios.

Na cuarta investigación non se evidenciou relación entre gateo e desenvolvemento lóxico-matemático, pero si se fixo entre a marcha e a carreira con este coñecemento.

O último estudo evidenciou a importancia de gatear como fortalecemento do total de músculos do abdome, cadeira e membros inferiores e resalta a importancia desta habilidade nos logros físicos, mentais e emocionais.

En conclusión, gatear é positivo para o desenvolvemento físico-cuantitativo e cualitativo porque mellora o crecemento e a parte máis cualitativa deste: a maduración de todas as capacidades cognitivas e neuropsicomotoras. Debemos saber que non hai que acelerar o paso á marcha, que os menos deben moverse en liberdade deixando cumprir as etapas e estimulando a súa creatividade.

En futuros estudos profundarei en:

  • Levar a cabo investigación de campo que consolide os efectos positivos desta habilidade.
  • Investigar máis os posibles efectos negativos da ausencia ou insuficiencia deste desprazamento.
  • Crear intervencións dirixidas a nais e pais que favorezan o movemento en liberdade e o gateo.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Ávila, A. M. (2012). Adaptación del cuestionario de madurez neuropsicológica infantil Cumanin de Portellano. Revista iberoamericana de psicología: ciencia y tecnología, 5 (1).

Bertenthal, B. I.;  Campos, J. J.;  Kermoian, R. (1994). An epigenetic perspective on the development of self-produced locomotion and its consequences. Current Directions in Psychological Science, 3,  140-145.

Campos, J. J.; Kermoian, R.; Witherington, D.; Chen, H. & Dong Q. (1997). Activity, attention and developmental transitions in infancy. In: Lang,  P. J.; Simons, R. F. (editors). Attention and orienting: Sensory and motivational processes. Lawrence Erlbaum Associates, Inc.; Mahwah.

Cando, G. A. (2011). El gateo y su relación con la ubicación espacial.

Chokler, M. (2001). Desarrollo postural y motor autónomo de Emmi Pikler, su incidencia en la práctica de las instituciones infantiles. Ensayos y experiencias. Revista de Psicología en el campo de la educación, 7 (37), 70.

Collado, S. (2005). Desarrollo de la marcha. Biociencias, 3 [consultado 9 xan. 2017]. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=1308169

Conde, J.; Viciana, V. (1997). Fundamentos para el desarrollo de la motricidad en edades tempranas. Málaga: Aljibe.

Cratty, B. J. (1978). Desarrollo perceptual y motor en los niños. Barcelona: Paidós.

Delgado, V. e Contreras, S. (2010). El desarrollo psicomotor en el primer año de vida. Santiago: Mediterráneo.

Doman, G. (1996). Cómo enseñar a tu bebé a ser físicamente excelente, de 0 a 6 años: la revolución pacífica. España: DIANA.

Ferre Veciana, J.; Ferre Rodríguez, M. (2006). Ceroatres: desarrollo neuro-senso-psicomotriz de los 3 primeros años de vida. España: ACPAM.

Goddard, S. (2015). Reflejos, aprendizaje y comportamiento. España: Vida Kinesiología.

Gómez, S. (2014). Influencia de la motricidad en la competencia matemática básica en niños de 3 y 4 años. Educación Matemática de la Infancia, 3 (1), 49-73.

Jiménez, C.M. (2010). El gateo: bases neurofisiológicas y biomecánica del gateo, ejercicios para desarrollarlo, órganos y sistemas involuntarios, sugerencias para padres. Mexico, D. F.: Trillas

Jiménez, J.; Jiménez, I. (1995). Psicomotricidad. Teoría y programación para infantil, primaria, educación especial e integración. Madrid: S.A. Escuela Española.

Mama Natural (2012). Satges of Crawling. http://mamanatural.com/stages-of- crawling/

Morales, A.; Rincón, C. F. (2016). Relación entre madurez neuropsicológica y presencia-ausencia de la conducta del gateo. Redalyc, (6), 2450–2458. http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S2007471916300205

Tisalema, P. X. (2014). El gateo y su incidencia en el desarrollo psicomotor de los niños y niñas prematuros que asisten al área de estimulación temprana del instituto ecuatoriano de seguridad social Ambato en el período marzo-agosto 2013. (Tese de pregrao). Ecuador: Universidade Técnica de Ambato. Recuperado de: http://repositorio.uta.edu.ec/bitstream/123456789/7515/1/Tisalema%20Guamanquispe%20Paola%20Ximena.pdf

Palacios, J.; Mora, J. (1990). Crecimiento físico y desarrollo psicomotor hasta los 2 años. Dialnet, 1, 81-102. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2089579

Papalia, D.; Martorell, G. & Feldman, R. (2012). Desarrollo humano. México: Mc Graw Hilll Education.

Piaget, J. (1997). Psicología del niño. Madrid: Morata.

Pikler, E. (2004). Moverse en libertad: Desarrollo de la motricidad global. Madrid: Narcea.

Rakison, David H.; Woodward, Amanda L. (setembro 2008). Perspectives on the effects of action on perceptual and cognitive development. Dev Psychol. US National Library of Medicine National Institutes of Health, 44 (5), 1209-1231.

Rigal, R. (2006). Educación motriz y educación psicomotriz en preescolar y primaria. Barcelona: Inde publicaciones.

Tracer, D. (2009). Breastfeeding structure as a test of parental investment theory in Papua New Guinea. American Journal of Human Biology, 21, 635-642. Recuperado de: https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/25568828

Uriarte, R. (2013). Manual de estimulación temprana: Esos preciosos primeros años. Madrid: Psimática Infancia.

Walle, E.; Campos, A.; Joseph, J. (febreiro 2014). Infant language development is related to the acquisition of walking. Developmental Psychology.

Wallon, H. (2007). La evolución psicológica del niño. Barcelona: Ares y Mares, 133-134.

Zarco, J. A. (1992). Desarrollo infantil y educación física. Málaga: Aljibe.

https://www.youtube.com/watch?v=T0Mcoj8mdJc

https://www.youtube.com/watch?v=AT53qi3ip6g

 

 

Sección: