Análise da necesidade de impulsar a teleformación e as TIC como garantía dun ensino acorde co século XXI

No presente ensaio preténdese analizar a situación no ensino derivada da pandemia do COVID-19 e ofrecer unha serie de reflexións para que as tecnoloxías sexan integradas de xeito real e activo no sistema educativo. As súas potencialidades recomendan que se teñan en conta e se integren de xeito real para ir acordes co século XXI, o da tecnoloxía e as ferramentas TIC.

Daniel García Reigosa, mestre de educación primaria

danielgarciareigosa@edu.xunta.gal

O curso do COVID-19

O curso 2019/20 quedará gravado nas nosas mentes pola irrupción do COVID-19, unha pandemia mundial que confinou case a metade da poboación do planeta. A gravidade da situación obrigou a tomar medidas inéditas ata o momento, pasando no educativo pola interrupción do curso escolar, a suspensión das oposicións docentes, o atraso da ABAU etc. Os gobernos e a sociedade non estaban preparados para enfrontárense a tales circunstancias e, por extensión, tampouco o sistema educativo que continúa a basearse na presenza física.

Así, cando o goberno de Madrid e pouco despois o galego e o resto de comunidades anunciaron a suspensión das clases a pregunta foi «e agora que?».
Resulta obvio que garantir a saúde da poboación debía ser a máxima prioridade, pero careciamos dun plan B para non abandonar o alumnado á súa sorte sen darlle opcións para continuar a formarse. O sistema educativo, vinte anos despois de entrar no século das tecnoloxías, non estaba totalmente preparado para unha docencia non presencial malia a existencia de ferramentas infrautilizadas que xa lle permitían á poboación realizar videochamadas, enviar mensaxería instantánea e arquivos, facer compras por Internet, xestionar os seus bancos e servizos contratados etc. Porén, o ensino continuaba a desbotar estas ferramentas que finalmente axudarían a salvar a situación pola profesionalidade e esforzo das persoas docentes, familias e alumnado.

As TIC, presente e futuro

Globalmente encádranse no concepto «tecnoloxías da información e da comunicación» (TIC) os medios tecnolóxicos e dixitais que permiten transmitir, procesar e almacenar a información. Tamén hai expertos que falan das TAC «tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento», que non é outra cousa ca a aplicación das TIC no ensino.

Malia esa diferenza, neste artigo empregarase o termo TIC polo seu carácter global. O que resulta fóra de toda dúbida é que non nos podemos referir a elas como «novas tecnoloxías» porque xa non son unha novidade: as TIC chegaron hai tempo e continúan a evolucionar. Non son unha moda pasaxeira nin serán desbotadas no futuro, todo o contrario: continuarán a evolucionar. Semella unha obviedade, pero son o presente e serán o futuro nun mundo cada vez máis dixital e electrónico. As TIC inflúen en todos os planos das nosas vidas: no económico, no doméstico, no cultural, no sentimental… E o plano educativo non debe ser unha excepción.

De certo, as TIC tamén están no ensino galego. Os centros educativos dispoñen de equipos TIC e de dispositivos informáticos (aínda que moitas veces obsoletos e cun mal mantemento que os fai inservibles). A Consellería promove diferentes programas dixitais como Abalar, E-Dixgal… e os centros de formación e recursos (CFR) ofertan formación tecnolóxica para os docentes. Contamos incluso co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), toda unha institución na materia ao servizo do profesorado galego. Así mesmo, os centros dispoñen de páxinas web e as familias empregan a aplicación Abalar para recibir notificacións push. A Consellería ten informatizados procesos como as listas de substitucións, as tomas de posesión, o envío de partes por incapacidade temporal... e a sede electrónica da Xunta permite unha inxente cantidade de funcións antes asumidas polos rexistros físicos.

Quere isto dicir que o ensino galego é punteiro nas TIC? Salvou Galicia a suspensión das clases polas TIC?

O profesorado e as TIC

Como persoas profesionais da docencia sabemos que estamos abertas a un proceso de aprendizaxe e reciclaxe constante para poder seguir ensinando. Como educadores e educadoras debemos saber dar resposta ás necesidades e demandas da sociedade á que servimos. Loxicamente, as necesidades do século XXI nada teñen que ver coas do XX, pois a revolución tecnolóxica obrigou o corpo docente a deixar os cadernos e aprender a mecanografar, a pasar do xiz aos encerados dixitais, a evolucionar do libro de texto ao libro dixital. Son cambios xigantes que normalmente lles provocan ansiedade ás persoas que deben adaptarse a eles, pero unha característica do século XXI é a velocidade frenética dos tempos e dos avances que se producen.

Nunha sociedade altamente dixitalizada, obviar as TIC e tratar de seguir exercendo a docencia dándolle as costas non é unha postura sensata, polo que cómpre adaptarse, formarse e saber sacarlles partido. Isto non debe interpretarse como unha obriga nin deixar de lado a xente con menos competencia dixital. Pola contra, as TIC son unha oportunidade para mellorar, para facer cousas diferentes e máis atractivas, para aprender máis e doutro xeito e para facilitarlles as cousas ás persoas docentes. Porén, non son a panacea nin substitúen o imprescindible labor docente. O alumnado continúa a precisar profesorado con coñecementos teóricos e pedagóxicos, pero que saiban coñecelos e axudarlles coas súas dificultades, que lle dean un trato humano e próximo e saiban reaccionar a unha mirada, a unha petición de axuda. En definitiva, precisan do noso labor titorial, que pode complementarse cunha educación máis dixital adaptada ao tempo no que vive o alumnado.

Aclarado que as TIC nunca substituirán o traballo do profesorado, senón que son un complemento para o seu labor docente, cómpre animar as persoas remisas a achegarse a elas para vencer o descoñecemento que provoca pouca confianza e medo. Sen dúbida, o profesorado actual está inmerso en procesos burocráticos que lle restan tempo e lle dificultan formarse e avanzar no eido tecnolóxico. As funcións que asume son cada vez máis e non se trata de sumar outra nova trincheira senón de sacarlles partido ás TIC e facerlle ver como poden ser ferramentas aliadas que poden restarlle traballo e optimizar tempos e tarefas.

Adaptarse aos tempos

Alén de convencernos de que as TIC proporcionan moitas vantaxes, debemos preguntarnos: podemos seguir ensinando no século XXI da mesma forma ca no XX?

A lóxica di que non. Os tempos son diferentes, as necesidades outras, o contexto nada comparable. E o noso alumnado, razón primeira e última do proceso de ensino-aprendizaxe, nada ten que ver con aquel actor pasivo do século XX. Hoxe en día, catalógase a poboación deste século como «nativa dixital», porque naceu e medrou entre pantallas, fronte aos «inmigrantes dixitais», que son aquelas persoas que tiveron que pasar dun mundo analóxico a outro dixital e adaptarse ás pantallas e dixitalizar as súas vidas. Por razóns sociolóxicas, na maior parte dos corpos docentes domina este segundo tipo, mentres que o alumnado pertence ao primeiro grupo, o que provoca unha enorme brecha non só xeracional senón tamén competencial.

Podemos ofrecerlle a este alumnado nativo dixital un ensino tradicional baseado en libros, papel, silencio e presenza física? Ou pola contra debemos as persoas docentes migrar ao mundo dixital, adaptarnos e sacar partido das TIC? Tendo en conta que as TIC xa están noutras facetas da nosa vida e continúan a implementarse e evolucionar, cómpre integralas tamén no eido profesional.

As posibilidades que ofrecen as TIC son infinitas. Poden contribuír a unha mellora do ensino nunha tripla vertente, beneficiando o profesorado e o alumnado, e, por extensión, a calidade do ensino. Axudan o docente a xerar materiais atractivos e a evolucionar nas novas liñas metodolóxicas na tendencia que marcan os tempos actuais e que alumnado e familias demandan. Por exemplo, as TIC permiten avanzar na gamificación, no traballo cooperativo, na flipped classroom, na robótica e o pensamento computacional etc. Podemos crear materiais atractivos, facer que o alumnado sexa partícipe activo no ensino-aprendizaxe, fomentar a interactuación e a creación dos seus propios materiais, avanzando ao seu ritmo e con ferramentas que os motivan. Cómpre subliñar tamén a posibilidade de poder facelo a distancia, monitorizando o proceso, establecendo os tempos e mediando como facilitador, xa que o docente non desaparece senón que acompaña este labor guiando, axudando e facilitando contornos dixitais que fagan posible todo isto.

Débese salientar que usar as TIC implica tamén ensinarlle ao noso alumnado a competencia dixital, educalo no uso responsable e crítico das tecnoloxías e da información, unha aprendizaxe que lles valerá na súa vida futura nunha sociedade fortemente dixitalizada. Hai vida alén da escola tradicional e da aula física e negarse a aceptalo é resistirse aos tempos.

Novas ferramentas para novas tarefas

Xa analizadas as vantaxes das TIC, cómpre agora reflexionar sobre outro aspecto: usar as TIC é empregalas para facer o mesmo de sempre?

Unha vez máis, non, cómpre un cambio máis profundo. Non podemos caer no autoengano de pensar que podemos seguir ensinando coma sempre, pero dándolle unha pincelada dixital. Por exemplo, gravar e subir á aula virtual unha clase maxistral non é usar as TIC nin pedir unha redacción en Word no canto de á man. Prescindir dos libros de texto e subilos nun PDF para que se descarguen tampouco é usar as TIC. Estes exemplos serían seguir facendo o mesmo, un pouco máis dixitalmente.

O potencial das TIC é inxente e permiten, como xa vimos, un cambio metodolóxico que poña o alumnado no centro e lle dea un papel protagonista. Podemos xerar xogos ou formularios que podemos usar para ensinar a avaliar no canto de fichas ou exames en papel. Existen ferramentas para recoller recursos dixitais en forma de paneis que ademais poden inserirse nos blogs ou webs. Hai foros que permitirían interaccións do grupo, solucionar dúbidas, xerar debates, entregar traballos... Podemos elaborar dicionarios e enciclopedias colaborativas coas achegas dos membros do grupo ou gravar vídeos, facer fotomontaxes etc.. Non hai límites.

Salvando o curso escolar

Na situación actual, coas clases suspendidas pola imposibilidade de asistir aos centros de ensino sen arriscar a saúde, profesorado e alumnado víronse obrigados a reciclarse a marchas forzadas e usar as TIC e as ferramentas de aprendizaxe a distancia que ata o de agora estaban ausentes. Tiñamos ordenadores e wifi, si, e existían programas e iniciativas como as referidas en parágrafos anteriores, pero tiñan un uso minoritario.

Estaban restrinxidas ao ensino non formal e especialmente usábanse para teleformación do profesorado, pero as aulas virtuais dos centros son, en xeral, algo secundario. As videconferencias, coas que puidemos comunicarnos con familiares e amigos na corentena, eran pouco habituais no ensino.

Non é pretensión deste artigo analizar os moitos factores que poden influír neste tema, como a fenda dixital, o abandono do rural, a falta de medios de moitas familias, a pouca formación de docentes e alumnado etc. Porén, si cómpre subliñar que as TIC permitiron, grazas ao esforzo de docentes, alumnado e familias, ir salvando a situación escolar provocada polo COVID-19.

Conclusión

Após a experiencia da pandemia sufrida, cómpre reflexionar como sociedade. Podemos permitir na era dixital que a imposibilidade de compartir espazos fisicamente impida seguir aprendendo ou estar en contacto? Pola contra, poderiamos priorizar as tecnoloxías e sacarlles partido ás súas máximas vantaxes: permitir salvar as distancias, educar alumnado tecnoloxicamente competente, incidir no cambio metodolóxico que familias, profesorado, expertos e alumnado demandan...

Cun impulso decidido da Administración, con programas, formación e orzamento, podemos avanzar na teleformación e sacarlle partido dos moitos xeitos que permite: envío de tarefas a distancia, asistencia a clases estando convalecente na casa, mellorar a comunicación, xeración de materiais atractivos e motivadores, novos modos de interactuar, traballo cooperativo etc.

En definitiva, podemos e debemos adaptar o ensino ao século XXI, o século das tecnoloxías e da dixitalización. Non se trata de desbotar todo o clásico, senón de funcionar conforme os tempos, principio básico para unha escola útil que debe estar sempre aberta ás demandas que a sociedade lle esixe.

 

 

Bibliografía: 

 

 

www.edu.xunta.gal

https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/

https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais

UNESCO. Las TIC en la educación. Dispoñible en https://es.unesco.org/themes/tic-educacion

9 beneficios del uso de las TIC en la educación. Dispoñible en  https://psicologiaymente.com/desarrollo/beneficios-uso-de-tic-en-educacion

Angulo e Chirinos (2017). TIC en la educación. Editorial Marcombo.

Borrego (2017). Educación a distancia y TIC. Editorial Palilibrio.

Castellanos (2011). Las TIC en la educación (manual imprescindible). Anaya.

Generalitat Valenciana. Buenas prácticas TIC.

Varios. Las tecnologías de la información y la comunicación (TIC) en la educación: retos y posibilidades. Fundación Santillana.

 

 

Sección: