Unidades didácticas integradas dixitais para quinto e sexto curso de educación primaria

As unidades didácticas integradas permiten o desenvolvemento do currículo de case todas as áreas da educación primaria tomando como fío condutor os contidos propios das ciencias naturais e sociais. O formato dixital ofrece, entre outras vantaxes, a interacción, o traballo individual e colectivo e a capacidade de adaptación ás características particulares do alumnado que as vai a empregar.

José Manuel Bouzán Matanza, mestre de primaria
CEIP de Palmeira (Ribeira-A Coruña)
bouzan@edu.xunta.es

 

1. Contextualización

A irrupción, xa hai uns anos, dos ordenadores para o alumnado nas aulas mediante proxectos como o Abalar fixo que se abrise un amplo abano de novas posibilidades pedagóxicas e didácticas. 

As modificacións lexislativas e do currículo ou a aparición de termos como competencias e rúbricas fixeron que os materiais máis tradicionais, como pode ser o libro de texto, empezasen a amosar eivas importantes no traballo diario do docente e do alumnado. 

Durante estes últimos anos, o emprego, cada vez maior, de diversos contidos educativos dixitais espallados pola rede e non sempre ben secuenciados e organizados trouxo consigo a necesidade de crear unha serie de contidos, estruturados en unidades didácticas, que tratasen a práctica totalidade do currículo dun xeito integrador das diversas áreas e que fomentasen a interacción, o traballo individual e estimulasen o traballo en grupo.

 

2. Obxectivos

Coa creación destas unidades, ademais dos obxectivos pedagóxicos propios de cada área e nivel, buscáronse os seguintes puntos:

Integrar as distintas áreas impartidas nestes niveis: Lingua Galega e Castelá, Matemáticas e Ciencias Sociais e Naturais fundamentalmente e, en menor medida, ás áreas de Lingua Inglesa e Ensinanza Artística.

Establecer como nexo condutor para cada unha das unidades os temas propios do currículo das áreas de Ciencias Naturais e Sociais.

Incluír apartados dedicados ás ciencias da computación, tratando temas como a ofimática ou a iniciación á programación mediante linguaxe de bloques que permita abordar en niveis superiores aspectos propios doutras ciencias da computación, como pode ser a robótica.

Crear un material interactivo que se adapte ao ritmo de aprendizaxe de cada alumno e que abarque os conceptos principais e claves dos contidos que se están a tratar.

Fomentar o traballo en equipo mediante «traballos colectivos» que se van desenvolvendo na propia unidade e que son o froito común do traballo de cada alumna e alumno.

Permitir unha fácil modificación dos contidos en función das distintas avaliacións do seu uso. Deste xeito faise destas unidades un elemento vivo, en constante revisión, mellora e perfeccionamento, derivado do seu propio uso e experimentación.

Darlle ao docente a posibilidade de adaptación dos contidos ás características reais da súa aula.

Artellar un sistema de avaliación directa, por parte da propia unidade, do traballo desenvolvido polo alumnado.

Crear un sistema sinxelo, no apartado técnico, para o seu uso, empregando exclusivamente tecnoloxía web.

 

3. Recursos empregados

A totalidade das unidades e dos seus contidos foron creados coa ferramenta Ardora, empregando diverso material multimedia, tanto de elaboración propia como do dominio público. 

Para o seu uso, as unidades non precisan de ningún tipo de plugin instalado, o alumnado tan só debe de dispor dun ordenador con conexión á Rede (pode ser a rede do propio centro, sen necesidade de Internet) e dun navegador que acepte os últimos estándares da web, como Firefox, Chrome ou Chromiun. Ao non empregar base de datos, a súa instalación é tan simple como copiar unha carpeta (unha por cada unidade) nun servidor web (teña ou non acceso a Internet).

 

4. Descrición

As unidades son as seguintes:

Quinto curso:

1. A clasificación dos seres vivos – O Universo e a Terra

2. As plantas – Clima e vexetación

3. Os ecosistemas – A poboación

4. A relación humana – A organización de España e Europa

5. A saúde – A Prehistoria

6. A materia e os materiais – A Idade Antiga

7. A enerxía – A Idade Media

8. As máquinas – A Idade Moderna

Sexto curso:

1. Os seres vivos – O ser humano e o medio

2. A reprodución – Demografía e poboación

3. A función de nutrición I – O relevo de España

4. A función de nutrición II – O relevo de Europa

5. A función de relación – A España do século XVIII

6. A calor – España no século XIX

7. A electricidade e o magnetismo – A España do século XX

8. A luz

9. A representación da Terra

Todas as unidades presentan unha estrutura moi semellante, na parte superior contan cun menú despregable para cada unha das áreas e apartados desde o que se accede aos distintos tipos de contidos como:

 

Gráficos interactivos: onde facendo clic ou pasando o cursor polos diferentes elementos do gráfico se amosa distinta información sobre o elemento escollido.

 

Textos con elementos interactivos: nos que se desenvolven os distintos contidos, con funcionalidades como a ampliación das imaxes, menú de acceso rápido a outros apartados do texto, frechas de navegación adiante-atrás e botóns con ligazóns a esquemas ou imaxes referentes ao texto.

Actividades interactivas: que buscan a adquisición, repaso e afianzamento dos conceptos traballados.

 

Apartados de «lapis e papel»: con diversas propostas para seren desenvolvidas no caderno do alumno.

Lecturas: amosadas a xeito de «libro», relacionadas cos temas das unidades e nas que se traballan a comprensión lectora e conceptos propios das áreas de lingua.

Gráficos simples: relacionados cun concepto e que se presentan a modo de «resumo-recordatorio».

Propostas de traballo na web: espazos nos que, empregando metodoloxía propia do concepto de webquest, se lle propón ao alumnado unha tarefa que hai que resolver facendo uso dos medios dixitais.

 

Propostas de traballos colectivos: a maior parte deles para desenvolver dixitalmente na propia unidade, onde cada alumna ou alumno (ou grupo de alumnado)achega o seu traballo a un «produto final» froito do esforzo de todos. Estas propostas amosan tamén variantes que poden ser desenvolvidas mediante medios non dixitais.

 

Apartados de repaso de coñecementos previos: situacións que dean pé ao inicio dun tema ou outros apartados de ampliación, curiosidades, retos...

Diversos elementos para a ampliación: como ligazóns a vídeos con curiosidades, máis coñecementos sobre o tratado etc.

Apartados de desenvolvemento de código mediante bloques: trátase da solución dunha serie de situacións onde un determinado elemento debe de «alcanzar» o outro «escribindo» o programa oportuno mediante un sistema de bloques (Blockly: o mesmo que empregan ferramentas como Scratch) e que inician o alumnado no pensamento estruturado e computacional.

 

5. Metodoloxía

A propia estrutura das unidades permite abordar as distintas áreas ao mesmo tempo, aínda que é recomendable comezar a unidade cun achegamento aos coñecementos que xa ten o alumnado sobre os contidos que se van tratar.

Cómpre facer mención de que os conceptos comúns ás dúas linguas, o galego e o castelán, como pode ser a gramática, son tratados nunha das dúas linguas aínda que existan actividades para desenvolver nas dúas. Así, por exemplo, pódense ver os distintos tipos de substantivos en castelán aínda que o alumno poida realizar exercicios sobre estes conceptos tanto en castelán como en galego. 

Os grupos de actividades interactivas están organizados por bloques de cada un dos distintos temas e permiten traballar o vocabulario, conceptos... dun xeito moi áxil. Deste xeito gáñase un tempo que se pode dedicar aos traballos colectivos ou individuais propostos nas unidades ou que o docente poida propor e que sempre precisan de máis dedicación. Os traballos colectivos que se propoñen en cada unha das unidades van nesta liña, aínda que o mestre sempre pode propor outros proxectos como «remate da unidade». 

Por outra banda, a maior parte dos contidos conta con ferramentas, como esquemas, esquemas interactivos, cadros-resumo etc., para desenvolver unha competencia fundamental: aprender a aprender. Están encamiñadas a que o alumnado empece a formar as súas propias estratexias de aprendizaxe e hai propostas para desenvolver en varios dos apartados de «lapis e papel», como cadros sinópticos, regras mnemotécnicas, póster-esquema... Como xa se comentou, o emprego destas unidades non busca un uso único e exclusivo do dixital senón que ofrece tamén propostas de actividades para desenvolver «sen ordenador».

 

6. Avaliación

Nestes último anos, ao longo da súa progresiva implantación nas aulas do CEIPP de Palmeira leváronse, e lévanse, a cabo dous tipos de avaliación:

A do alumnado: as propias unidades, empregando o programa Ardora, permiten seren dotadas dun sistema de control do traballo realizado por cada neno ou nena, co que o  docente ten unha información detallada da evolución de cada un dos seus alumnos. Respostas correctas, incorrectas, tempo empregado, intentos realizados para alcanzar a solución correcta... Esta información só está dispoñible para o docente, aínda que cada nena e neno, ao realizar as distintas tarefas, pode tamén obter un informe do feito nese momento.

 

A das propias unidades: como xa se apuntou, a característica de ser dixitais  permítenos realizar modificacións, correccións, quitar ou engadir contidos con moi pouco esforzo, de aí que ano tras ano, vendo a evolución que ían tendo na aula, se foron corrixindo, modificando e ampliando. Froito dos comentarios do profesorado e do alumnado que as empregou, melloráronse todos aqueles aspectos que presentaron algún problema.

Como consecuencia desta avaliación e da dinámica que xa estaba creada no centro ao ir introducindo estas unidades dixitais, solicitouse participar no proxecto E-Dixgal.
 

7. Experimentación na aula

Á hora de introducir os contidos dixitais, o centro xa contaba cunha traxectoria importante ao longo dos últimos quince anos; non obstante, ata hai uns sete cursos ese emprego centrábase en aspectos dalgúns apartados das distintas áreas. Ao contar con portátiles nas aulas, ese uso empezouse a facer máis intenso; nun principio, implantáronse os contidos dixitais na área de Matemáticas e Ciencias da Natureza, logo, segundo se ían creando e mellorando as unidades, engadimos a área de Ciencias Sociais e varios aspectos das áreas de Lingua para, na actualidade, traballar todas as áreas e deixar así o libro de texto tradicional aínda que teñamos exemplares nas aulas para algunhas actividades en concreto.

Así mesmo, cómpre dicir que o uso das unidades co alumnado non provoca  problemas, unicamente deben de prender un ordenador e abrir o navegador; é certo que, no primeiro contacto que o alumnado ten con este tipo de contidos e con este xeito de traballar, hai que facer un pequeno esforzo á hora de organizar e facerlles entender aos cativos como vai ser a súa forma de abordar este material. Unha vez superada esta fase, que leva pouco tempo, as vantaxes son moitas. No traballo cotián, o alumnado que realiza a súa tarefa só precisa de axuda naqueles aspectos que lle poidan ser máis complexos, o propio ordenador vai indicarlle se o feito é ou non correcto. Como anécdota, debo contar que nunca o alumnado tivo tanto interese en saber se unha palabra levaba til, era con v ou h etc. (a unidade non dá como boa unha actividade se a ortografía non é correcta).

Esta dinámica onde a maior parte dunha clase, aínda que se atope con pequenos atrancos, vai aprendendo e avanzado, sen unha presenza omnipresente do docente, permítelle ao mestre, entre outras, dúas cousas importantes: unha, contar con tempo para aquel alumnado que precisa máis atención e, dúas, ter información xa directa daqueles aspectos que o alumnado pode non estar entendendo ben ao non ter que esperar ao momento onde «se corrixan» os exercicios.

Co seu emprego notamos unha maior «folgura horaria» para, sen deixar de traballar o propio de cada nivel, propor proxectos, desafíos, webquests e outros aspectos que poida ser que non estean recollidos na lexislación vixente, pero que poden ser unha boa achega á formación do noso alumnado, como as ciencias da computación ou a lóxica matemática.

Ademais, obsérvase unha boa aceptación, por parte do alumnado, sobre todo no referido á realización de traballos persoais en liña, como as propostas de traballo colectivo, nas que o mero feito de que o seu traballo (un conto, unha palabra nunha chuvia de ideas ou nun glosario, a súa achega a unha liña de tempo...) apareza á vista de todo o grupo é moi estimulante.

Dicir tamén que se conseguiu un bo ambiente de traballo con aqueles nenos e nenas que, non sendo de altas capacidades, si son quen de rematar as súas tarefas nun tempo inferior aos seus compañeiros e compañeiras. Para este tipo de alumnado, as unidades contan, por exemplo, con curiosidades como vídeos que deben de ver as veces que queiran e explicarlle logo a toda clase o que acontece; chegar a entender un proceso como o da creación de mosaicos; retos de enxeño...
 

8. Conclusións

A boa aceptación que este material tivo entre alumnado e profesorado, as dinámicas que xerou, o considerable aforro económico que supón o seu emprego, xunto coa posibilidade de, ano tras ano, ampliar, modificar e mellorar o propio material, fai que non haxa ningunha dúbida na continuación do seu uso, así como na súa expansión gradual aos cursos inferiores.

 

9. Acceso ás unidades

No Repositorio Abalar pódese acceder ás primeiras versións dalgunhas destas unidades (ao final están as ligazóns ás ultimas versións):

Quinto curso:

1. A clasificación dos seres vivos – O Universo e a Terra

2. As plantas – Clima e vexetación

3. Os ecosistemas – A poboación:

4. A relación humana – A organización de España e Europa

NOTA: As outras catro unidades que completan o quinto curso aínda non están subidas a este repositorio, pero pódese acceder a elas desde as ligazóns que figuran máis adiante.

 

Sexto curso:

1. Os seres vivos – O ser humano e o medio

3. A función de nutrición I – O relevo de España

4. A función de nutrición II – O relevo de Europa

5. A función de relación – A España do século XVIII

6. A calor – España no século XIX

NOTA: Ás outras catro unidades que completan o sexto curso pódese acceder desde as ligazóns que figuran a continuación.

As VERSIÓNS ACTUALIZADAS de todas as unidades poden verse en:

Quinto curso

Sexto curso

 

Para obter a última versión de cada unha das unidades co fin de engadirlle un control de usuarios e empregalas co seu alumnado, pode contactar co autor no enderezo indicado.