Un novo escenario: Transformación de espazos escolares

O camiño da innovación e transformación de prácticas educativas na actualidade deu un salto importante e pasou de centrarse unicamente nos estándares e contidos de aprendizaxe a considerar outros aspectos como a adecuación dos espazos para poder aplicar novas metodoloxías. O CEP Plurilingüe Riomaior iniciouse neste proceso no curso 2008/09, a raíz do cambio do equipo directivo e a incorporación de distintas profesionais con inquedanzas pola formación.

María Luz Lorenzo Rodríguez, marialuzlorenzo@edu.xunta.es

Beatriz Somoza Pires, somozapires@edu.xunta.es

María Carmen Negro Fernández, mnegro@edu.xunta.es

 CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa-Pontevedra)

 http://www.edu.xunta.gal/centros/cepriomaior/

 

Fundamentación

Iniciamos este cambio as coordinadoras dos proxectos de formación, a directora (con especial interese na actualización de todos os documentos programáticos do centro e o cambio de espazos), a xefa de estudos (coordinadora plurilingüe cunha decidida aposta polo tratamento integrado das linguas), e a orientadora (que considera que o mellor xeito de atender a diversidade é apostar pola inclusión). Esta fusión levounos a apostar por cambios metodolóxicos e de innovación, velando pola coherencia dos plans do centro. O obxectivo de dispor de ferramentas eficaces para a mellora das necesidades detectadas determinou as liñas formativas deseñadas, contando co asesoramento do CFR, que achegou o coñecemento de experiencias noutros centros e o contacto con relatores que enriqueceron e abriron novas vías de traballo.

 

Descrición

Todos estes proxectos se realizaron nun contexto xeográfico e humano «especial», que non podemos describir sen contaxiarnos polas emocións, ilusións e mesmo obstáculos que tamén atopamos. Trátase dun CEP na actualidade con seis unidades, situado en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), na enseada de San Simón. A comunidade educativa ten un clima cordial e con implicación tanto das familias como do persoal non docente, especialmente o conserxe, o Concello e os representantes, así como asociacións culturais e deportivas locais.

Organizámonos con base no tema reitor que xera múltiples actividades e proxectos, este ano Gardiáns do Planeta.

 

Os proxectos de formación (1) responderon ás necesidades de cambios metodolóxicos, facilitaron a coordinación pedagóxica do profesorado e a redacción dos documentos programáticos esixidos pola Administración de xeito consensuado, xa que participan cada curso o 100 % do claustro. Este proceso non estivo exento de dificultades, momentos de desánimo e ganas de abandonar, porque é difícil integrar todas as sensibilidades, visións, motivacións e metas do equipo. Ter claro o proxecto de centro axuda a non perder o rumbo do camiño trazado.

 

Presentación de evidencias: espazos transformados

Cremos que os espazos, a decoración e o mobiliario inflúen moito de xeito indirecto na educación dos nenos e nenas, xa que o colexio é o lugar onde pasan moito tempo ao longo do día tanto profesorado como alumnado. Se o espazo é agradable, quedará ligado a vivencias positivas.

No noso centro comezouse polo cambio de situación da biblioteca e do salón de actos. Os dous espazos son fundamentais para o centro, a alma da nosa pedagoxía. Por un lado, a biblioteca é o centro base, onde xorden todas as propostas da nosa mascota Buli, que dinamiza especialmente con base no tema reitor de cada curso: a alimentación, a biodiversidade, a música... A biblioteca é un lugar de encontro de horas de lecer con actividades multinivel e, por outra banda, o salón de actos é o segundo lugar de interese xa que pensamos que hai que poñer o alumnado ante situacións reais de ter que falar en público e aproveitamos calquera ocasión para celebrar conmemoracións ou representar obras de teatro, espectáculos, concertos, simulacros de entrevistas de traballo da cooperativa, actividades extraescolares… Calquera momento é bo para falar en público, ante un auditorio, facer preguntas a persoas invitadas ou celebrar un logro. No salón de actos podemos acoller a toda a comunidade educativa, familias e amigos, compartindo momentos de grande intensidade.

Ademais, tendo en conta que somos un centro plurilingüe que traballa actividades TIL, esta aprendizaxe non tería sentido se o aprendido quedase dentro das catro paredes e aproveitamos ambos os espazos para difundir os produtos deste traballo.

Nun primeiro momento foi simplemente un cambio de espazo, pero iso magnificouse e montamos un escenario novo, pintamos, colocamos cortinas, micrófonos de ambiente, iluminación, pantalla xigante, canón e mesa de son.

 

Co tempo, renovamos a biblioteca, en relación coa participación no proxecto de bibliotecas inclusivas. Aproveitamos a formación para visitarmos varios centros, para empaparnos de ideas e mellorar o noso espazo, conservando a esencia de Riomaior. O concepto de biblioteca cambiou para ser un lugar de encontro e lecer, onde alumnado e familias converxen e poden debater sobre temas de actualidade, coser ou facer punto arredor dunha revista, buscar unha receita tradicional ou falar inglés na actividade Tea time.

 

Habilitouse outra aula anexa á biblioteca chamada Espazo maker, un lugar onde os libros nos guían para crear, deseñar, xogar, onde se atopa desde o xogo simbólico con material de igualdade ata o recanto de teatro, legos, disfraces, zona de costura...

Seguindo coa nosa descrición de cambio de espazos, as mestras de PT e de AL compartían aula e, aínda que a nosa filosofía é a de facer os apoios dentro da aula, había casos nos que era necesaria a intervención individual, pero coincidían as dúas mestras na mesma hora compartindo materiais, así que a solución foi unha división do laboratorio, que non era axeitado para primaria, cun amoblamento accesible e levando material manipulable para as aulas.

Seguidamente, aproveitamos o anterior espazo de PT para, rompendo a parede, unilo á sala de profesorado, e así creamos un lugar con dous ambientes, para descanso e traballo, e dotámolo de todos os medios necesarios para estes obxectivos. 

 

O Departamento de Orientación precisaba máis espazo, polo que se uniron dous departamentos. Amoblouse axeitadamente, para o que se mercou unha mesa redonda e cadeiras tapizadas, moito máis axeitadas para as entrevistas que alí se desenvolven, coas familias, profesionais de gabinetes externos ou persoal de servizos sociais do Concello. Dotouse dun arquivador pechado para gardar os informes confidenciais e medios informáticos que facilitan o traballo da orientadora compartida co CRA de Vilaboa.

A sala de reprografía é un espazo onde se localizan dúas fotocopiadoras e tres ordenadores cunha mesa corrida adaptada para un traballo máis cómodo do profesorado no seu día a día. Disponse de material e maquinaria para a elaboración de recursos.

O patio exterior foi outro dos espazos que modificamos. Por si mesmo, é un patio precioso pola súa xeografía e natureza, e mellorámolo engadindo xogos, espazos de convivencia e novos deportes. Seguimos formándonos en patios inclusivos e material Lupo.

 

No exterior mellorouse a seguridade viaria, preocupante nos días de chuvia para que o alumnado poida desprazarse con seguridade e acceder ao autobús ou volver a casa. Con axuda do Concello instaurouse o sentido único para as horas lectivas.

 

Os baños do cole son outros dos lugares que captan a nosa atención por razóns estéticas e de aforro de auga. A pesar de non ter orzamento, intentouse facelos máis acolledores con cadros, cenefas, pegadiñas e modernización de billas.

Os pequenos recunchos que existen en todos os colexios ─os almacéns, cuartos da limpeza, espazos baixo as escaleiras, caldeiras e anexos...─ foron saneados poñendo baldas para almacenar diferentes materiais.

A todo isto temos que sumarlle a dixitalización das aulas, a pintura integral do centro, a instalación de cortinas, substitución da caldeira, deshumificadores, ventiladores, puído de corredores. Como complemento estamos substituíndo o falso teito por un novo subvencionado pola Consellería. Este cambio achega outro clima moi diferente aos corredores, incluso transforma o son e a temperatura.

É fundamental saír do colexio e pensar en grande mais alá das nosas fronteiras, para traer a innovación ao noso centro. Así, fixemos observacións en Valladolid e en Glasgow, ademais da inmersión cos rapaces de sexto en Dublín visitando a biblioteca Trinity College ou a galería Chester Beatty. Agora mesmo o colexio está integrado nun proxecto K101 que inclúe visitas a colexios en Malta, Finlandia, Italia e Portugal.

 

Reflexión sobre a práctica

O éxito dos proxectos e da pedagoxía innovadora vai inevitablemente ligado á adaptación dos espazos. Así foi no noso centro e estamos convencidos da necesidade de facelo para que o cambio sexa real. Toda a comunidade educativa valora positivamente os cambios que facilitan o noso traballo creando un ambiente favorecedor para o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Como vemos, todos os cambios repercuten tanto no alumnado como no profesorado e nas familias. Crear os espazos adecuados para innovar é imprescindible.

 

Como incidiu na mellora

  • Traballar nun contorno agradable é cómodo, facilita acadar os obxectivos perseguidos.
  • O alumnado aumenta o nivel de participación ao dispor dos medios e recursos axeitados.
  • As familias séntense parte do proceso educativo, máis motivadas para a participación.
  • Melloran as relacións coa comunidade a través do Concello e asociacións.
  • A creación destes espazos fai que todos os engrenaxes necesarios se unan creando un ensino público de calidade.
  • Xérase nova matrícula atraídos polos cambios efectuados no centro e a súa repercusión nos medios de comunicación.

 

Valoración final de experiencias e expectativas de continuidade ou afondamento

A experiencia consegue demostrar que o colexio é unha estrutura cambiante, viva, que se adapta segundo sexa a metodoloxía que se segue. Os espazos non son só un elemento facilitador, senón que o espazo ten carácter educativo en si mesmo.

Queda claro que o primeiro paso é a reflexión e o establecemento dos obxectivos que se pretenden acadar; o segundo, a elaboración dos documentos que dean identidade, estabilidade e seguridade, onde os plans se convertan en guías do usuario para a toma de decisións. Despois vén a análise de dificultades e logros e, baseándose nesta, contactar co CFR, que analizará os puntos fortes e axudará a enmarcar o camiño usando como ferramentas os plans de formación necesarios para chegar a un bo final.

 

 

(1) Proxectos de formación no centro. Curso 2010/11 Introdución do programa CA/AC. Curso 2012/13: Elaboración de recursos e ferramentas didácticas TIC. Coñecemento e aplicación didáctica do blog. Emprego didáctico do EDI. Manexo de aplicacións ofimáticas. Curso 2013/14: Creación de recursos na web do centro. Curso 2014/15: Coñecemento e manexo da web dinámica do centro. Xestión e mantemento do equipo informático do centro. Formación e acollida do novo profesorado no centro. Integrando linguas. Curso 2015/16:Integrando linguas. Programación LOMCE. Curso 2016/17: Observa-Acción. Integrando linguas. Avaliando competencias. Curso 2017/18: Técnicas e estratexias para integrar linguas. Traballando as competencias. Plan Proxecta e Contratos Programa. Curso 2018/19: Contratos Programa. Plan Proxecta. Metodoloxías e estratexias activas nas matemáticas. Recreos inclusivos. Curso 2019/2020: Introdución ao método científico. Martesanía, Recreo escolar. Recreo de contos. Sistematización e rexistro de documentos TIL. Contratos Programa. Plan Proxecta.

 

 

Sección: