O Grao en Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela

Unha oportunidade para a inserción profesional do alumnado de bacharelato e formación profesional

Gonzalo Francisco Fernández Suárez
Decano da Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela

 

No vindeiro curso 2021/22, a Universidade de Santiago de Compostela implantará o Grao en Xestión Cultural na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.

As orixes deste grao hai que buscalas no importante aumento do consumo cultural en todas as súas facetas tanto nos ámbitos rexional e nacional como no internacional, motivado en gran medida polas Creative and Cultural Industries (industrias culturais e creativas, CCI pola súa sigla en inglés) que inclúen actividades tan diversas como a arte e as antigüidades, artesanía, cine, artes escénicas, música, publicidade, televisión e radio, software de ocio e a edición, ás que tamén se engaden actividades de museos, sitios arqueolóxicos, históricos, etnográficos, turismo cultural ou festivais. Esta realidade vén avalada pola UNESCO, que no ano 2015 sinalaba que as CCI, con máis de 29 500 000 postos de traballo, empregaban o 1 % da poboación activa do mundo. Tanto é así que a Unión Europea considera que o seu rápido crecemento constitúe un sector clave para o dinamismo das economías dos países desenvolvidos.

Dentro deste proceso de progresiva profesionalización do sector cultural, cómpre destacar varios programas que contribuíron de maneira significativa a isto. O primeiro deles foi o programa de acción titulado Decenio Mundial para o Desenvolvemento Cultural (1988-1997), publicado pola UNESCO en 1990, o cal recollía a necesidade do acceso aos bens culturais e servizos culturais, tamén a promoción da cooperación cultural internacional. Este programa sentou as bases para o inicio do consumo cultural como unha das principais ofertas de ocio e turismo a todos os niveis. Outro feito destacado neste sentido é a aprobación no ano 2015 por parte da ONU da Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sustentable, documento este a xeito de guía para que os países e as súas sociedades emprendan un novo camiño co que mellorar a vida de todos e no cal a cultura aparece como un contido transversal presente en todos os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que, ao seren de obrigado cumprimento, impoñen a necesidade por parte dos estados de formar a profesionais cualificados na xestión cultural para lles dar resposta aos retos formulados. Esta necesidade de afondar na profesionalización deste sector foi sinalado pola UNESCO na Conferencia Internacional en Políticas Culturais para o Desenvolvemento (Estocolmo, 1988).

No caso de España, esta profesionalización da que falamos aumentou co transcurso dos anos e evidénciase na irrupción dun novo tipo de profesional da xestión cultural a partir do ano 2000 e caracterizado pola súa formación universitaria, previa á súa inserción laboral, con competencias en TIC e o emprego de idiomas. Este cambio de perfil tamén se ve apoiado por iniciativas como a Declaración de Valencia: Conclusións do Congreso Internacional sobre a Formación dos Xestores Culturais e Técnicos de Cultura, realizado entre o 10 e o 13 de maio do 2005, cuxas conclusións recollen, entre outras cousas, o establecemento dunha carreira universitaria de xestor cultural e a solicitude do recoñecemento da profesión do xestor cultural ao propio goberno do Estado. Este recoñecemento supuxo a asignación dun código para o profesional da xestión cultural de acordo co Sistema Público de Emprego mediante a clasificación ocupacional-SISPE (37131078).

O Grao en Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela presenta varias características fundamentais. En primeiro lugar, trátase dunha titulación de carácter singular en canto á súa orientación profesional dentro do Sistema Universitario Galego e na maior parte da Península Ibérica. Esta orientación profesional vén avalada polo seu deseño seguindo as directrices ditadas por parte dunha comisión asesora externa, formada por profesionais do ámbito público e privado que sinalaron as necesidades formativas dos xestores culturais a partir da experiencia acumulada na súa práctica laboral. Os integrantes desta comisión insisten nun itinerario formativo interdisciplinar que combine as ensinanzas de diversas áreas das ciencias humanas e sociais cunha forte carga instrumental, e que lles permitan aos futuros profesionais empregar as canles de difusión e dinamización da cultura no mundo actual, globalizado e susceptible de sufrir novas pandemias.

En conclusión, estes profesionais recomendan que a formación dos futuros egresados do Grao en Xestión Cultural e, en consecuencia, as súas materias deberán recoller os seguintes contidos: economía da cultura, políticas culturais, mercadotecnia e comunicación cultural, proxectos culturais, patrimonio e antropoloxía, socioloxía, turismo cultural e desenvolvemento sustentable, dixitalización da cultura/patrimonio, TIC, cultura e patrimonio de Galicia, historia da arte, sector audiovisual, libro e edición, patrocinio e mecenado, lexislación sobre patrimonio, literatura e artes escénicas. Como consecuencia destes coñecementos, podemos concluír que se trata dun grao con forte transversalidade, xa que as súas materias están adscritas a áreas tan diversas como historia, arte, lingua, literatura, comunicación, empresas, economía, dereito ou electrónica e computación. Esta marcada transversalidade é a que lle confire un elemento claramente diferenciador en relación con outras titulacións do mesmo ámbito e permite a inserción laboral dos seus egresados en dous grandes grupos profesionais diferentes:

  • O xestor cultural xeneralista, que desenvolve a súa actividade dentro de organizacións culturais do sector público e se encarga do deseño das políticas culturais, de programas ou equipamentos culturais, de mercadotecnia, contabilidade, recursos humanos etc., entre outros moitos.
  • O xestor cultural sectorial, centrado en actividades máis concretas que veñen determinadas polas demandas do mercado e que implican unha especialización progresiva en ámbitos concretos.

Non obstante, esta división entre xeneralista e sectorial non supón un límite na súa dedicación, senón unha formación diversificada que favorece o desenvolvemento  profesional en diferentes parcelas profesionais que esixen interdisciplinariedade e transversalidade. Sirvan de exemplo os variados sectores de empregabilidade dos xestores culturais xa sinalados no ano 2001 por Alfons Martinell Sempere, director da Cátedra UNESCO de Políticas Culturais e Cooperación, quen identificaba ata 11 sectores: patrimonio, artes escénicas, artes visuais, música e fonografía, literatura e edición, artes visuais, xestión cultural territorial de carácter xeneralista, xestión cultural da empresa de prestación de servizos xeneralista, xestión cultural no sector da participación, cultura popular e tradicional; sectores emerxentes con relacións coa cultura e relación e cooperación cultural internacional. O mesmo Martinell recalcaba, ademais, as grandes oportunidades que para estes profesionais derivaban da internacionalización e da cooperación en proxectos culturais. Esta aseveración vén confirmar unha vez máis a versatilidade deste grao e que, mediante a adquisición de competencias como, entre outras moitas, o coñecemento e análise do territorio, das correntes artísticas actuais e do pasado, o diálogo e a mediación cultural, da investigación e identificación de tendencias, de idiomas etc., os seus titulados poidan exercer a súa profesión nun ámbito local, estatal ou internacional e, polo tanto, beneficiarse, ademais, da multiplicidade de ofertas de emprego que se atopan nunha boa situación en canto á súa evolución.

En segundo lugar, este grao pretende formar un profesional cuxa evolución no mercado de traballo se atopa en moi boa situación dado que abrangue unha multiplicidade de ofertas de emprego. Así, no caso de Galicia, o sector da cultura é un dos sectores estratéxicos máis importantes en canto á súa achega ao emprego e desde o punto de vista cualitativo polo valor engadido que lle achega á propia comunidade autónoma. Estas afirmacións vense apoiadas polos seguintes datos:

  • 710 200 persoas, o 3,6 % do emprego total, traballaban en España no ano 2019 no emprego cultural.
  • 6,7 millóns de persoas, o 3 % da man de obra, traballaban en Europa no 2018 en industrias culturais e creativas.
  • Este sector demanda profesionais con capacidade crítica e comprensiva da diversidade cultural que a doten dun novo enfoque fronte aos retos da I+D e das TIC.
  • E, finalmente, hai un nicho potencial nas tarefas de xestión, elaboración de políticas culturais e na investigación académica no campo da xestión cultural.

Outra particularidade que cómpre destacar do Grao en Xestión Cultural é o seu carácter exclusivo e estratéxico dentro do seu ámbito territorial de influencia e na maior parte da Península Ibérica. Estas dúas características obedecen ao feito de que este grao só se imparte, ademais de na Universidade de Santiago de Compostela, nas universidades de Córdoba e Huelva. En consecuencia, unha titulación con esta denominación e impartida no Sistema Universitario Galego pode resultar claramente atractiva para estudantes procedentes de comunidades autónomas veciñas como Asturias, Cantabria e Castela e León, outras máis afastadas como A Rioxa, Navarra ou Estremadura e, incluso, as denominadas «comunidades históricas» como o País Vasco e Cataluña que, por posuíren unha realidade semellante á galega, poden sentírense atraídos por un grao destas características onde se analizan cuestións como «patrimonio e identidade cultural» ou «xestión da diversidade lingüística», entre outras moitas. Tampouco debemos esquecer a proximidade xeográfica e cultural existente entre Galicia e Portugal e que pode resultar un aliciente para a captación de alumnado portugués, posto que no catálogo de titulacións do país veciño tampouco existe unha oferta docente semellante. Esta mesma singularidade da que falamos tamén procede da súa modalidade de impartición na que existe unha modalidade presencial e outra semipresencial que combina a aprendizaxe a través das aulas virtuais de cada materia e asistencia presencial na aula ou a través de medios telemáticos. Esta modalidade semipresencial resulta moi atractiva porque abre a posibilidade de captar alumnado noutras comunidades onde non existen estes estudos, alumnado que non pode acudir ao campus onde se imparte por non ter os medios económicos necesarios ou ben porque debe compaxinar os estudos co exercicio dunha actividade profesional. Igualmente, o feito de que na Facultade de Humanidades, centro de impartición, existan senllos programas de mestrado e de doutoramento coa mesma orientación ca o grao, isto é, o Máster en Servizos Culturais e o programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Territorio, Identidade e Paisaxe, abre a posibilidade de que a ese mesmo alumnado se lle oferte un percorrido formativo completo dentro deste eido. Este potencial alumnado, con independencia da súa proximidade xeográfica, disporá dunha ampla oferta de prácticas externas en máis de 60 institucións públicas e privadas e empresas do sector. Estas prácticas, ao seren de carácter obrigatorio, semellan unha formación dual cunha clara vocación de conectar os futuros egresados coa realidade diversa e cambiante do sector cultural, servirlles de orientación e adquirir experiencia.

En definitiva e de acordo con todo isto, o Grao en Xestión Cultural representa unha clara e decidida aposta para a inserción laboral non só do alumnado do bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, de Artes, Artes Escénicas e Plásticas, senón tamén de ciclos de formación profesional que polas súas características formativas teñen unha clara conexión con estes, como son, entre outros moitos, a Animación Sociocultural e Turística, Mediación Comunicativa, Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos, Fotografía, Espectáculos, Guía, Produción de Audiovisuais e Espectáculos etc. Unha mostra da adecuación destes perfís e a súa conexión con este grao pode verse nas ponderacións das materias que aparecen na páxina da CIUG. Por outra parte, a súa dobre modalidade de impartición, en especial a semipresencial, ofrece a posibilidade de que alumnado de diversa procedencia xeográfica, idade, situación laboral activa etc. poida acceder a uns estudos que poden contribuír a mellorar as súas condicións laborais e a súa reciclaxe dentro dunha aprendizaxe continua ao longo da súa vida.

 

 

Palabras clave: 
Sección: