A biblioteca en comunidade

Abrindo portas á memoria social
Cando se cambia a mirada xa non hai volta atrás, é un proceso no que hai que crer, estar disposto/a. Pero así que ocorre tense outra —e definitiva— perspectiva. Abrindo as cancelas á memoria oral das nosas xentes, facéndoos protagonistas da historia, buscamos deixar constancia e darlle o valor que ten.

María Dulcenombre Carro Etchepare
CEIP Nicolás del Río (Cedeira)
dulcecarro@edu.xunta.es

 

 

O estudo e a reflexión das palabras de Pablo Freire, María Montessori, Francesco Tonucci, Rosa Piquín... entre outros cultivaron a miña mirada cara ás familias.

É un feito que elas son importantes, teñen uns saberes que a escola necesita e nós, mestras e mestres, somos guías competentes, que podemos guiar esa transmisión. Polo tanto, o concepto que cada un de nós teña das familias (e falo da familia ampla) verase reflectido en todo o que fagamos e moito máis no que non fagamos.

Así que vou escribir desde a miña experiencia, como membro dun equipo de biblioteca que logra involucrar as familias en proxectos de centro e intercentros e ata onde conseguimos que navegue ese navío no que imos alumnado, familias e docentes. E non só nós, pois existe unha relación cotiá de traballo entre as tres bibliotecas da vila (IES Punta Candieira, Biblioteca Municipal López Cortón e Carlos Labraña) e unha gran colaboración co Concello de Cedeira, Museo do Mar, diferentes asociacións da vila...

 

Os proxectos do CEIP Nicolás del Río parten do currículo cedeirense que promove a biblioteca Carlos Labraña 

RELACIÓN DE PROXECTOS

AS PORTAS DA VILA, primeiro e segundo de primaria, ano 2016/17

SALSEIRO DE RECORDOS, infantil e primaria, ano 2017, galardoado no IV concurso por proxectos 

MENSAXE NUNHA BOTELLA, infantil, ano 2017

DE FESTAS POLA VILA, intercentros primeiro bacharelato e segundo primaria, ano 2018, galardoado no V concurso por proxectos

CRÓNICAS... ATALAIA DO MUSEO MARES DE CEDEIRA, infantil e primaria, ano 2018, galardoado no V concurso por proxectos

PEGADAS NA IAUGA. PATRIMONIO INMATERIAL: A SEMENTE, intercentros primeiro bacharelato, terceiro primaria e músicos primaria, ano 2019, galardoado no VI concurso por proxectos

XORNADA DE RAPETA, toda a vila, ano 2019

VERBAS DE CEDEIRA, PEGADAS NA IAUGA. A SEMENTE QUE AGROMA, proxecto intercentros, primeiro bacharelato e cuarto primaria, ano 2020

 

Pensamos que así é como se debe articular o ensino, pois é necesario coñecer o próximo para abrirse ao mundo. E disto as familias e os diferentes axentes sociais da nosa vila están impregnados, así que sabemos tamén que todos eles terán materiais gráficos que ofrecer e unha documentación oral que achegar.

O primeiro proxecto no que buscamos esa implicación total da comunidade educativa foi Salseiro de Recordos, que tivo unha repercusión enorme.

Como necesitamos que as familias se impliquen desde o comezo, temos claro que hai que ser moi coidadosos á hora de solicitar a súa documentación. Así é como decidimos crear unha carta cun sobre. Pero non era unha carta calquera: tiña a impresión dunha fotografía que necesitou dun traballo previo de investigación por parte nosa; a carta incluía versos, citas... que enriquecían o texto e lle daban valor. Foi un traballo de calidade porque cando un recibe algo así, non manda menos. E todas as familias que participaron esmeráronse na busca e compilación da documentación.

Visto que esa canle tivo bos resultados, seguímola utilizando nos seguintes proxectos.

 

 

Ao centro chegan tanto fotografías e documentos como información oral. Xunto co alumnado, escaneamos todo o material gráfico. Posteriormente os cursos de cuarto e sexto na materia de libre configuración Aprender a Investigar fixeron os pés de foto coa información brindada.

No tramo final móntase a exposición e convídanse as familias e os diferentes axentes sociais. Por suposto, alumnado e docentes tamén acudimos: é un acontecemento na vila, algo que todos desexamos compartir. E aquí temos outro punto importante para implicar as familias: hai que convidar dun xeito moi formal, cunha invitación á altura de tal evento. Pensemos que son proxectos anuais que implican a todo o alumnado, familias e mestres, hai un proceso longo no que se conversa, se expón, se debate, se chega a acordos, se toman decisións e, ao final, móntase o produto, despois dun longo percorrido que hai que valorar e agradecerlles a todos. É un evento importante para toda a comunidade educativa e como tal o temos que tratar. Fanse carteis e invitacións e mándanse a cada unha das familias.

Organizamos un acto e dámoslle difusión, pois todo ese proceso que describimos antes hai que visibilizalo. Os medios que teñamos nas nosas mans hai que movelos, aínda que é posible que algúns xa teñan esa inquedanza e mesmo veñan facer unha entrevista, chamen por teléfono ou escriban un pequeno artigo, temos blogs, webs, unha radio escolar, Radio Experimental, e hai que aprender a difundir.

Ao mesmo tempo que se fan estes proxectos de centro, xorden nas aulas pequenos proxectos. Arredor do Salseiro houbo Mensaxes nunha Botella, Profesións de Cedeira, este último realizado cos meus titorandos, os Vagalumes 

Para o seu desenvolvemento solicitamos a colaboración de diferentes mulleres e homes de Cedeira que tiñan profesións tradicionais nas que desexabamos afondar. Os rapaces convertéronse en periodistas: redactaron entrevistas, revisaron, corrixiron e logo fomos ata cada posto de traballo a realizalas; ata en moitos deles vivenciaron a profesión, realizando un obradoiro.

Para o seguinte ano, esa inmensa exposición fotográfica levou a outro traballo de investigación co interese de reunir todos os datos posibles sobre tres naufraxios que tinguiron de negro a primeira metade do século XX en Cedeira. Os dos barcos Goizeko Izarra, Mánchester e Villa de Cedeira. Neste caso toda a información quedou recollida nun documental televisivo que pasou a formar parte dos fondos do Museo Mares de Cedeira e que hoxe está á disposición de quen desexe velo.

Ao igual que no anterior, o formato de implicación coas familias foi solicitar a súa colaboración mandando un texto de calidade, coidando a fotografía, a presentación e ata o material para a impresión.

Para a presentación do produto final, neste caso solicítase a colaboración dun grupo musical de Cedeira, Os Benignos, faise unha presentación do acto e varios docentes e persoas da directiva do Museo Mares de Cedeira guían as familias pola exposición.

 

 

Para quen teña interese, no blog da biblioteca hai cumprida información.

Por outra banda, desde hai uns anos, as bibliotecas escolares do IES Punta Candieira e do CEIP Nicolás del Río temos unha boa relación e descubrimos que moitos de nós defendemos ese ensino heteroxéneo e inclusivo, no que todos somos pezas necesarias e temos moito que dicir. Así conseguimos facer medrar proxectos intercentros nos que fixemos coincidir irmáns, curmás de diferentes idades e familias con alumnado en ambos os dous centros.

De Festas pola Vila é un dos proxectos intercentros, perfectamente replicable en calquera outra vila. Escollemos cada mes unha celebración con transcendencia cultural na nosa vila, convidamos as familias a participar e, segundo o que desexásemos facer, concertamos reunións con diferentes axentes sociais da nosa vila. Por exemplo, lembro que chamei a Jorge Bellón, un papá con alumnado no noso centro pero non na miña aula que ten en Santo André de Teixido un negocio de artesanía. Está documentado nas lendas e vive das súas creacións, os San Andresiños. A súa contribución foi inmensa a través dun obradoiro amenizado coas lendas de cada unha das figuras típicas.

As bibliotecas do CEIP e do IES coordinámonos para decidir que festas iamos compartir e decidimos celebrar conxuntamente catro delas: Samaín, Candeloria, San Xosé e Maios, que levan consigo cambios estacionais.

 

 

Ao igual que no resto de propostas, a participación nestas acádase con educación, presenza, difusión e unha carga inmensa de gratitude e valoración cara ao que outros poden ofrecer. Faise indispensable que as familias atopen a biblioteca dos centros como un lugar cálido no que sempre poden estar e onde os imos escoitar.

Ao rematar cada festa, as familias eran convidadas a un pequeno acto para compartir a festa e o éxito da investigación. Unha das que recordo con grande agarimo foi Cantos de Reis. Todas as familias están e participan activamente: algunhas no canto, outras moitas gózano como público... o alumnado agasalla a cada unha delas cun marcapáxinas coa canción escrita do seu puño e letra, que fixeron con gran cariño, e despois rematamos tomando un chocolate quentiño con galletas. Os lazos máis grandes coas familias fanse con emocións e podo asegurar que, despois dun acto semellante, unha está cargada delas.

A colaboración entre o alumnado de ambas as bibliotecas trae consigo un agradecemento, ser galardoados en máis dunha ocasión no concurso por proxectos da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Éxitos que compartimos con toda a comunidade educativa.

A participación das familias na Biblioteca Carlos Labraña non se limita aos proxectos. Participan nun gran número de actividades: puntos de lecturas, grupos interactivos, faladoiros dialóxicos...

 

 

Para rematar, cómpre lembrar a necesidade de ter presente a retroalimentación, todos os proxectos ou actividades que se realicen necesitan dunha avaliación ou entrevista, para ter en conta a opinión das familias, do resto de docentes, do alumnado, e así ver que podemos mellorar. Hai que estar en conexión co que os demais pensan: mirar, sempre mirar.

 

 

Sección: