O noso google maps lector en tempos de pandemia

Lectura e xeografía retroaliméntanse en toda circunstancia. Os libros e as lecturas son vacinas de alta eficacia e sen efectos secundarios. Grazas a uns e outras somos quen de circunnavegar o mundo, segundo uns e outras cadaquén pode deseñar o seu particular mapamundi e trazar o seu itinerario lector persoal.

José María Lores Pérez
Coordinador do equipo de biblioteca e do club de lectura Pedra do Acordo
IES San Paio (Tui - Pontevedra)
jose.maria.lores@edu.xunta.gal

 

 

Lectura e xeografía retroaliméntanse en toda circunstancia. Os libros e as lecturas son vacinas de alta eficacia e sen efectos secundarios. Grazas a uns e outras somos quen de circunnavegar o mundo, segundo uns e outras cadaquén pode deseñar o seu particular mapamundi e trazar o seu itinerario lector persoal. A continuación presentamos algunhas experiencias e materiais que constitúen o noso peculiar google maps lector deste curso.

Xeografía e lectura son dous conceptos emparellados ab ovo. Toda lectura é froito dunha circunstancia, circunstancia do autor-creador e circunstancia do lector-receptor. Un dos factores constitutivo desas circunstancias son as xeografías físicas vividas, reais e/ou ficticias, tanto do escritor como do seu público, xeografías que se materializan nos espazos nos que se sitúa a obra e tamén nos espazos nos que se produce a lectura desa mesma obra. Por iso resulta enriquecedor o acto de ler in situ, nos espazos habitados pola persoa creadora e polos personaxes que participan nas peripecias e vivencias dos textos.

 

 

Unha das fórmulas para levar á práctica esta comunicación entre creadores, lectores e obras é a realización de itinerarios literarios. Neste senso, desde a nosa biblioteca e club de lectura levamos anos promovendo, dentro das viaxes didácticas, actividades específicas das que salientaremos dúas:

1. Os outonos clásico-literarios, en dúas xornadas de inicios/mediados de novembro. Nas súas cinco edicións visitamos as casas-museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa e A Pobra, de Manuel Antonio en Rianxo e de Manuel María en Outeiro de Rei; as fundacións Rosalía e Cela en Padrón... e fixemos rutas literarias —entre outras— polo Mondoñedo de Cunqueiro, de Leiras e dos poetas formados no seu seminario; pola Vilanova de Lourenzá de Paco del Riego; polo Ferrol de Carvalho e Torrente; pola Coruña literaria; pola Atenas galega de Otero Pedrayo, Risco e A Esmorga de Blanco Amor ou polo Monforte de Manuel María, Lois Pereiro ou o conde de Lemos, e sempre acompañados coa lectura de textos ad hoc. Para mostra, a escolma da última destas viaxes

2. As viaxes clásico-literarias de primavera, dunha semana de duración. A pandemia impediu a realización da XVII edición destas viaxes que adoptou un formato virtual grazas á elaboración do libro colaborativo Diario dunha viaxe que non foi.. Nestes percorridos primaverais tivemos oportunidade de peregrinar por algunhas das xeografías cervantinas e quixotescas (Campo de Criptana, Alcalá), machadianas (Soria, Segovia), unamunianas (Salamanca) ou becquerianas (Veruela)..., seguimos as pegadas do doncel de Sigüenza, do cabaleiro de Olmedo, do arcipreste de Hita, de Frei Luis de León, de Teresa de Xesús e Juan de la Cruz, da Celestina ou do Cid, de Ana Ozores e Fermín de Paz na Vetusta de Leopoldo Alas, de Cela na súa obra Viaje a la Alcarria... da man dos textos escolmados. Para exemplo, esta selección.

 

 

Ata agora falamos de lecturas que acompañan as nosas viaxes, mais en tempos de mobilidades limitadas e confinamentos profilácticos faise necesario adaptarse á situación sen deixar a nosa dupla condición de viaxeiros e lectores. Xa escribiu o comediógrafo francés Francis de Croisset (1877-1937) que «a lectura é o modo de viaxar daqueles que non poden tomar o tren». Nós hoxe temos certas pexas para tomar o tren, pero non por iso imos perder o tren da lectura porque os libros e a lectura descóbrennos xeografías máis ou menos distantes, posibilitan viaxes que, sen saírmos do noso contorno máis íntimo, abren as nosas mentes e nos achegan a novas realidades. Tamén o dixo o escritor e humorista norteamericano Mark Twain (1835-1910): «viaxar é fatal para os prexuízos, o fanatismo e a estreiteza de miras».

 

 

Con estas premisas e tendo como norte da nosa navegación o lema das bibliotecas escolares para este curso, comezamos a traballar unha serie de xeografías lectoras aproveitando distintas conmemoracións e acontecementos. Velaquí algúns destes materiais:

  • A concesión do Nobel de Literatura á estadounidense Louise Glück levounos a elaborar unha pequena escolma para coñecermos algúns enclaves do seu particular mapa poético que se inspira na mitoloxía grega, na literatura clásica e en poetas estadounidenses como Emily Dickinson, Robert Lowell, Mark Strand ou William Carlos Williams e no mundo psicanalítico.
  • Aproveitando o Día das Escritoras construímos un genial.ly  para percorrer, mapa en man, vinte e unha xeografías de escritoras porque é preciso poñerlles voz, letra e rostro ás literatas que viven no limbo do esquecemento ou son preteridas dos manuais ao uso e cómpre demostrar que a escritura en feminino atravesa todas as fronteiras, cingue todos os mares, abrangue todos os continentes e pertence a todas as épocas.

 

 

  • Nos inicios de novembro, o medo e a celebración de Defuntos deron pé a cadanseu material: a escolma Polas xeografías poéticas da morte e un caderno-guía de lecturas das xeografías literarias dos medos.
  • Non deixamos pasar o 25 de novembro sen facer un lutuoso percorrido polas xeografías das últimas vítimas coas que a vesania machista tinguiu de vermello a pel de touro peninsular e os seus arquipélagos no pasado 2020. A sección de sucesos dos xornais constituíu o alicerce fundamental para as nosas investigacións.
  • Lembramos o 98.º aniversario do asasinato dos mártires de Sobredo sinalando nun mapa de Galicia algúns dos nosos Casas Viejas autóctonos: igual que na vila gaditana de Casas Viejas, tamén na nosa terra as múltiples loitas que, contra abusos, espolios e inxustizas, enfrontaron os sectores máis desfavorecidos e humildes da sociedade e os caciques e as forzas de seguridade do estado bañaron en sangue Maceda, Sarria, Pontevedra, Oseira, Nebra, Sofán, Sobredo... Os textos xornalísticos, unha vez máis, foron a fonte principal para este mapa de sangue e terra.
  • Para celebrarmos o Día das Persoas con Discapacidade, experimentamos en carne propia as barreiras que ofrecen as xeografías nada inclusivas da nosa realidade cotiá, un exercicio co que lemos a realidade máis alá das palabras, aínda que estas tampouco faltaron a partir das recomendacións lectoras fornecidas desde os fondos da biblioteca.
  • Máis da metade da xeografía humana ten nome de muller. Así e todo, aínda hoxe son moitos os lugares e as circunstancias nos que o papel das mulleres é secundario e o seu protagonismo minusvalorado. Aproveitamos o 8 de marzo para reivindicar a necesaria igualdade de xénero (lecturas en clave feminina) e para presentar, en formato audiovisual, mulleres pioneiras e  mulleres próximas, heroínas na nosa circunstancia cotiá, mediante entrevistas, traballos elaborados polo alumnado.
  • Cando comeza a primavera, festexamos o Día da Poesía. Este ano era unha boa ocasión para converter as nosas xeografías lectoras en xeografías poéticas embarcándonos nun cruceiro lírico con escalas en múltiples latitudes, desde Galicia ata Iraq, desde Marrocos ata a Terra do Sol Nacente... acompañados polas poéticas de 21 escritores.
  • Abril é o mes dos libros e da lectura. Neste ano —como xa dixemos— de xeografías lectoras e de mobilidades restrinxidas, apostamos polas viaxes virtuais e, para facilitalas, o 23 de abril aproveitamos unha das paredes da biblioteca para crear un mapamundi literario ligando cidades e países con libros cuxa lectura nos leva a distintos lugares espallados polo amplo mundo; os libros son os puntos de apoio dos fíos dunha arañeira que podemos seguir tecendo ao longo dunha vida chea de lecturas. Complemento desta actividade foi a elaboración dun planisferio literario coa aplicación genial.ly.

 

 

En resumo, aproveitando todos os formatos e posibilidades que nos permiten os libros e a lectura, podemos saltar as restricións viaxeiras. Os libros son vacinas de alta eficacia e sen efectos secundarios. Grazas aos libros somos quen de circunnavegar o mundo. Cadaquén pode deseñar o seu particular mapamundi e trazar o seu itinerario lector persoal. Os libros garanten sempre viaxes seguras, así que... ánimo! E cando emprendas a túa viaxe, pide que o camiño sexa longo, cheo de libros, cheo de experiencias... Aquí intentamos presentar algunhas que constitúen o noso peculiar google maps lector deste curso.

 

 

Sección: