LOMLOE

Unha oportunidade para o sistema educativo

O segredo do cambio é enfocar toda a túa enerxía,
non na loita contra o antigo,
senón na construción do novo.

Sócrates

Este novo ano trouxo unha nova lei educativa que, aínda que tardará un tempo en pasar ás aulas en todos os cambios que propón, representa para quen está chamado a poñela en marcha a posibilidade de implicarse no cambio do noso sistema educativo. Algúns destes cambios xa veñen deseñados, para ben ou para mal, na propia lei. Non obstante, outros moitos terán que ser desenvolvidos polos reais decretos e ordes ministeriais, así como polos equivalentes decretos que as comunidades autónomas desenvolvan a partir dos primeiros. Empeza un camiño para participar, implicarse e mesmo comprometerse neses cambios.

Os aspectos máis relevantes aínda por deseñar van desde o propio currículo ata as avaliacións de diagnóstico. Non podemos esquecer que os currículos e as avaliacións precisan do traballo do profesorado na súa translación ás aulas. É comunmente aceptado que o factor máis influínte no éxito do sistema educativo é o profesorado. Pero, en que se concreta esta idea comunmente aceptada? Haberá quen pense que a clave está no número de docentes en relación co alumnado do centro, outras persoas pensarán que a clave está na formación do profesorado e outras na práctica docente que se desenvolve nas aulas. É evidente que as dúas primeiras claves teñen o seu peso, mais a última é, nestes momentos, ao noso parecer, a máis determinante das tres.

O mundo actual presenta uns retos sen precedentes para o sistema educativo que non presentaba hai cincuenta anos. Por este motivo, a forma de aprenderlle ao alumnado actual ten que mudar con respecto á das épocas precedentes. Non parece operativo decantarse por un modelo de escola que preparaba para un mundo que xa non existe. Hai cinco décadas non había ordenadores nas aulas, pero tampouco os había nos fogares das familias. Daquela non existía Internet, Google, redes sociais ou este mundo global onde todo ten data de caducidade. Hai anos todo se construía para durar longo tempo, a tecnoloxía avanzaba lentamente... En xeral, o mundo ía máis lento. Hoxe en día, o mundo é máis complexo e dinámico. Se se pretende comparar para escoller escolas e sistemas educativos de distintas épocas, haberá que ter en conta os contextos desas escolas e sistemas. O desaxuste prodúcese se nun mundo complexo se pretende traballar con modelos de escola deseñados para sociedades menos complexas.

A LOMLOE establece, no seu artigo 1, os seus principios pero, para facer efectivos nas aulas estes principios, son precisos cambios curriculares e metodolóxicos. En relación cos primeiros, é perentorio dispor dun currículo que dea un paso máis no camiño iniciado cos últimos decretos e se chegue, por fin, a un currículo unicamente centrado nas competencias clave. E isto non só no discurso, senón tamén na práctica. Precísase que os currículos de todas as materias se deseñen para que o alumnado de forma simultánea aprenda os contidos de cada materia e adquira as competencias clave segundo o nivel fixado para cada etapa. Esta cuestión é determinante no ensino básico. Consecuentemente, é imprescindible que os criterios de avaliación avalíen —valla a redundancia— as destrezas das competencias clave vinculadas á propia materia. Cada materia ten os seus contidos, mais a aprendizaxe destes contidos acádase nun contexto onde poidan poñerse en práctica as competencias, nun mundo global e en continua evolución.

Pero de nada serviría deseñar un currículo onde o elemento central fosen as competencias se a práctica docente na aula non vai da man dese currículo. Isto supón, en moitos casos, lóxicas inseguridades do profesorado que precisa formación concreta, pero tamén decisión para levala á aula. Doutra forma, non se superará esa inseguridade e indecisión. É certo que no inicio o camiño será incómodo, pero como di unha famosa frase «o mellor experto tamén un día foi un aprendiz» ou, en verbas de Aristóteles: «Somos o que facemos repetidamente. A excelencia, daquela, non é un acto; é un hábito».

Por iso mesmo, é preciso adaptar a práctica docente para traballar eses contidos en contextos deseñados para a adquisición e a avaliación das competencias clave. Se o alumnado ha de acadar unha significativa comprensión e expresión oral e escrita, terán que practicalas a diario. Se o obxectivo é mellorar a tolerancia, a convivencia e a erradicación da violencia de xénero, haberá que agrupar o alumnado en equipos mixtos onde aprendan a respectarse e a resolver pacificamente os conflitos. Se se persegue desenvolver a capacidade de indagación do alumnado, débeselle aprender a xestionar a información e a empregala noutros contextos.

Para que todo o profesorado se sinta seguro traballando con este sistema, resulta necesaria a formación. Sen dúbida, a Consellería fixo un importante esforzo nos últimos anos e moito profesorado xa está formado, mais esta formación debe trasladarse ás aulas. É posible que esa formación deba ampliarse e deba incluír o seu traslado ás aulas dos centros educativos. Ao final chegará un momento en que o profesorado terá que ser o que se decida e terá que ser o protagonista do cambio para materializar esa práctica docente na aula. Por iso, debemos ser positivos e acadar a confianza necesaria para dar ese paso. En definitiva, estamos ante unha nova oportunidade e tanto as administracións como os e as docentes temos a oportunidade de atender ao noso alumnado para o mundo que nos tocou vivir.

 

José María Alén de la Torre
Inspector de educación. Pontevedra

 

 

Sección: