O mosaico romano de Panxón

Gustavo Pascual Hermida, profesor de Historia en ensino secundario
Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela
Autor do blog: Máis que petróglifos e Máis que petróglifos 2

 

Introdución

Panxón é unha localidade costeira no municipio de Nigrán, visitada por miles de turistas á procura de sol e praia na costa do sur de Pontevedra (Galicia, España). Esta vila mariñeira encerra un rico e valioso patrimonio histórico que nos fala dun poboamento continuo desde hai máis de dous mil anos.

Vista de Panxón co porto, o seu castro, ao fondo impoñente, Monteferro, as illas Estelas á esquerda e de lonxe as illas Cíes presidindo a entrada á ría de Vigo

Situación xeográfica de Panxón sobre o mapa do Instituto Xegráfico Nacional

 

O seu castro, un asentamento da Idade de Ferro, situado na pequena península que separa a praia de Panxón (San Xoán) da de Madorra, preside o porto mariñeiro e hoxe, como hai dous mil anos, segue observando a trasfega dos pequenos barcos de pesca.

Os importantes restos romanos aparecidos na súa contorna, o mosaico obxecto deste artigo, o ara dedicada a Mercurio, a olería cerámica, as anforetas recuperadas no centro do pequeno porto falan desa continuidade histórica que perdura na Idade Media cos restos da primitiva igrexa, que conserva aínda en pé un arco de ferradura e unha lauda altomedieval xunto a varios sartegos pétreos provenientes da súa necrópole e, xunto a ela, xa no século XX, a moderna igrexa parroquial obra do arquitecto Antonio Palacios, que realizou o proxecto gratuitamente a cambio de que non se destruíse a igrexa primitiva.

 En primeiro plano, a igrexa primitiva co seu arco de ferradura, ao fondo o templo votivo do Mar, obra do arquitecto galego Antonio Palacios

 

A conciencia patrimonial que demostrou no seu día o xenial arquitecto porriñés non é, por desgraza, o espírito que presidiu a conservación do patrimonio na nosa sociedade. Só hai que botar unha ollada á evolución urbanística do propio Panxón nos últimos cen anos, para darnos conta de que a paisaxe natural e o seu patrimonio foron elementos secundarios nesa historia.

A costa de Nigrán a principios dos anos cincuenta do século pasado

 

Entendemos que facer compatible desenvolvemento e conservación é difícil, pero tamén é cuestión de vontade e con pequenos grandes pasos pódense compatibilizar, mesmo ver que ao final ambos os retos poden ser complementarios e fonte de riqueza económica e cultural, como nos demostrou Antonio Palacios no seu momento.

O mosaico romano de Panxón exemplifica moi ben a relación que mantivemos co noso patrimonio e, ao mesmo tempo, é unha oportunidade para tratar de saldar esa débeda con nós mesmos.

 

Historia dun achado

Moitos achados arqueolóxicos realizados en España e en Europa foron froito da casualidade, ligado a traballos agrarios, obras públicas e privadas, igual que a peza protagonista deste traballo.

O profesor de arqueoloxía clásica falecido en 2016, Fernando Acuña Castroviejo,da Universidade de Santiago de Compostela, gran especialista en musivaria romana, realizou un pormenorizado estudo en distintas publicacións sobre este resto. Nun deles —«De novosobre o mosaico de Panxón e outras novas sobre a musivaria na Gallaecia».Revista da Facultade de Letras, Ciencias e Técnicas do Patrimonio do Porto, vol.XII, pp.143-157, en 2013 relataba os pormenores do achado grazas a que puido acceder a un manuscrito do século XIX que lle entregou o insigne José M.ª Álvarez Blázquez, e que paso a transcribir, resumido, do traballo do profesor Acuña, polo seu gran valor testemuñal:

[…” Dª Umbelina González Lavandeira viuda del Sr. Puga tiene un mosaico en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón encontrado por los ante pasados del dcho. Sr. De Puga practicando unas excavaciones en el sitio llamado el “ Castro” en punto bastante elevado de la referida parroquia y conservándose por sus habitantes la constante tradición de que en la antigüedad ha existido una ciudad y almismotiempo el que no muy distante de aquel punto un labrador abriendo un pozo encontró a ciertaprofundidad una cocina en muybuen estado y como tambiénsea tradicional que la mencionada población ha sufrido un hundimiento desde el que desapareció.[…] con este ya son dos los restos de preciosidades mosaicas halladas en Galicia; pues en 1º de Septiembre de 1842 se encontróotro en la ciudad de Lugo alhacer el alcantarillado para la Rua Batitales[…]. El que nos ocupa está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo ibandestrozando y para evitar su total desaparición han hechoaquelladándole forma de cajónembutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor su fondo es de mármolesblancos en cuadro incrustados en una argamasa especial. Contiene un precioso múgil de 67 cm de largo por 20 de ancho en su parte más gruesa del cuerpo: está hecho con tal perfección q. no parece sino que está surcando las aguas, el ojo del Pez está formado de mármoles de colores y bastante pequeños en las alas, cola y hozicohay gran regularidad y acabamientotieneademás dos caprichos y por último una almejaabierta vista por la parte exterior representando con perfectos y variados colores la concha del inocente animalito q. habita en las riberas de aquella parroquia. El conjunto de obra de tanta paciencia y costo indica pertenecer a un ángulo del edificio q. lo contenía por formar parte de un cuadrocerrándolo una faja de color negro (o negra.) también me han dicho que le han roto unoscastillos y muñecos q. contenía […] el múgil indica q. la producción más abundante en el río de la Ramallosa es de este pez y no se equivoca en razón a que hay muchos y buenos; la Almeja la de los mariscos; el castillo tal vez sea el de Balcagia y en aquellostiempos capaz de ahuyentaralenemigo más pertinaz y el muñeco el trajeó costumbres de los indígenas de entonces. Lo cierto es que este trabajo q. este trabajo indica adelanto y perfección en las artes mucha paciencia lujo y riqueza…”].(F. Acuña, 2013, pp.145-146)

 

O texto permite confirmar a aparición deste resto musivario na contorna do monte do Castro cara a mediados do século XIX. Nese século era lóxico supoñer que estes achados fosen destruídos ou, como moito, por un azar da fortuna, que os seus descubridores os conservasenpor consideralos valiosos ou fermosos, como neste caso, pero as institucións encargadas do patrimonio non adoitaban descubrir estes achados nin tampouco existía unha lei sobre patrimonio que establecese claramente que había que facer ao atopar obxectos tan singulares. Hoxe en día, a pesar de que avanzamos moitísimo e dispoñemos de leis que protexen o patrimonio arqueolóxico no ámbito nacional e autonómico, seguen desaparecendo centos de restos ante os nosos ollos sen que poidamos evitalo (J. M. Merino de Cáceres e M.ª J. Martínez Ruiz, 2012).

Gonzalo Fernández-Turégano xunto ao mosaico na galería Carlton Hobbs de Nova York en xaneiro de 2019

 

Sinalaba Acuña Castroviejo no seu traballo que o mosaico terminou na colección Blanco-Cicerón e foi poxado na galería Castellana de Madrid no ano 2000 co número de lote 664 e, aínda que a Xunta valorou a posibilidade de compralo, ao final botouse atrás por considerar demasiado alto o prezo (F.Acuña, nota 15, pp.147). Ao final, o mosaico coa súa mesa terminou sendo adquirido pola prestixiosa galería de antigüidades de Nova York CarltonHobbs, como indica o profesor Acuñaque  o localizou alí en 2012 (F.Acuña, nota 16, pp. 147), polo que nunca estivo realmente perdido, senón que máis ben caeu no esquecemento e aos poucos perdéuselle a pista. Alí foi autenticado polo ilustre Dr. Carlos A. Picón,conservador naquel momento do Departamento de Arte Grega e Romana do Metropolitan Museum onde exerceu durante máis de 30 anos, actualmente director da galería Colnaghi na mesma cidade, ata que o meu amigo e grande afeccionado ás antigüidades e á arte, Gonzalo Fernández-Turégano, deu coa peza de forma casual en 2018 e puido visitar a galería e ver a peza en xaneiro de 2019. A partir de aí arrinca realmente este proxecto de recuperación dunha peza que xamais debeu saír do Val, de Galicia e de España.

 

Descrición e análise do mosaico de Panxón

A descrición que nos fai do mosaico o autor da carta é moi interesante, xa que permite saber que era unha peza máis grande, que contiña referencias a edificios, talvez un faro, un porto e figuras humanas relacionadas con actividades de pesca ou representacións mitolóxicas, o que o convertería nun exemplar único e Galicia, pero por desgraza non se conservou esa parte do mosaico.

En canto ao significado da escena representada, hai que entendela no contexto dos temas mariños realizados polos artesáns romanos, que plasman un discurso iconográfico preestablecido neste tipo de obras (P. Díez del Corral, 2004), expresión dos gustos, correntes artísticas e relixiosas da época. As obras de temática mariña tratan de enxalzar o mundo natural, a vida nos mares e a súa relación co home e a abundancia, sen descartar a súa vinculación con certos mitos ou crenzas que relacionan a vida e a morte coa auga.

Mosaicos da casa do Fauno en Pompeia (opus vermiculatum), actualmente no Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles. Unha mostra marabillosa dos musivarios romanos do século II a de C.

 

No caso concreto da temática de peixes presentan un claro afán por representar especies de consumo, tendo en conta que o peixe fresco sempre foi un produto moi custoso, consumido casede forma exclusiva polas elites romanas (M.ª Bobadilla, 1969), parece lóxico o seu uso como elemento decorativo nestas obras que adornaban as luxosas domus e villae da aristocracia romana. Mostran, ademais, un sentido didáctico á parte de estético,buscando un certo naturalismo para que se poidan identificar que especies se están representado, tal como se reflicte en mosaicos con estes motivos mariñoslocalizados ata a data, tanto na zona da Gallaecia, como en Lusitania e noutras partes de Hispaniae do resto do imperio, sinalando, así mesmo, o maior ou menor grao de asimilación e romanización de zonas aparentemente periféricas como o noroeste atlántico.

Especialmente magníficos son os mosaicos realizados no norte de África na zona de Cartago (Tunes) e, por suposto, en lugares de Italia como Ostia, o gran porto de Roma, ou cidades costeiras como Pompeia, Herculano ou santuarios itálicos vinculados á protección dos navegantes como Populonia (Piombino), no golfo de Baratti, Toscana, no que se achou un mosaico de temática mariña como ofrenda dunha tripulación en conmemoración por salvarse dun naufraxio, representando ese feito nunha das súas esquinas dunha forma certamente asombrosa (E. J.Shepher, 1999).

Detalle do mosaico do naufraxio, o barco e os tripulantes tragados polas ondas, Populonia, Italia.

 

Se nos detemos na análise formal e estilística da obra, si que podemos advertir unha serie de elementos que son comúns á área galaico-lusitana permitindo intuír ou formular, como xa o fixo o profesor Balil e recolle o propio profesor Acuña no seu momento, a probable existencia dun taller ou talleres itinerantes que ben poderían ter o seu centro en Lucus Augusti (Lugo) ou en Bracara Augusta (Braga), realizando estas obras alí onde eran contratados, inloco. A realización destas obras requiría unha serie de traballos que implicaba unha gran especialización (Vitrubio, De arquitectura), albanelería para preparar os pavimentos, os pintores que marcan o proxecto sobre o chan, despois viría o traballo do musivario e do teselario, o primeiro recortando o morteiro seguindo as marcas do pintor e o segundo preparando as teselas, recortándoas para que encaixasen na composición para finalmente ir fixándoas ao chan con morteiro de maneira directa ou a través dun bastidor de madeira sobre a que se colocaban as teselas (mármore e granitos, vidros, cerámicas ou mesmo metais como o ouro)e despois fixábanse sobre o chan premendo sobre elas. Estas actividades complexas tiñan que ser realizadas por talleres artesáns especializados.

Mesa e mosaico

 

O noso mosaico áchase embutido nunha mesa de madeira fabricada adhoc a mediados do século XIX, dunha factura de gran calidade. O mosaico mide 84 X 84 cm, está realizado con opus tessellatum de brillantes cores, branco-marfil, negro-agrisadas e ocre-amarelas. A composición, de temática mariña está presidida por un muxe ou un robalo de 77 cm, perfilado como se este estivese pintado, que destaca claramente sobre o fondo mariño sobre o que nada, poñendo especial énfase nos detalles das aletas ou do ollo, realizado con finos círculos concéntricos que rematan nun gran punto negro. As galadas  (remarcadas con teselas ocre-amarelas) e a boca non deixan lugar a dúbidas sobre a especie que estaban a retratar, o que indica o bo facer dos artesáns. Acompañan o muxe un par de ameixas, aínda que poderíatratarsedunha ameixa coas cunchas abertas.

Todo isto está enmarcado por un filete ou orla negra cos típicos dentados que nos permiten intuír que esta peza era unha das esquinas do mosaico que cubriría unha estancia rectangular ou cadrada. Para representar o ambiente mariño, repártense en aparencia aleatoria uns trazos rectos graduados, en cores negras e de distinto grosor, unidos a liñas romboidaissimulando o movemento do mar e a súa profundidade, un recurso moi común para a representación da auga nos mosaicos de todo o imperio e especialmente no norte de África.

Xunto a este elemento aparece outro signo que os especialistas denominan mosca de auga (A. Balil, 1971), composto por varios segmentos horizontais superpostos dos que saen dúas liñas ou apéndices para simular o movemento da auga que é típico dos mosaicos de temática mariña desta zona noroeste da península e que permitiu distinguir a existencia dun taller especializado, cuxo centro podería estar en Lugo (A. Balil), aínda que non é privativo desta zona de Hispania xa que se localizou en mosaicos repartidos pola Meseta, en León nas termas da catedral, en Palencia (Quintanilla de la Cueza), Mérida, Córdoba ou Xaén.

Quintanilla de la Cueza

 

O certo é que este elemento compositivo presenta unha alta concentración nos mosaicos localizados no noroeste galaico, como os mosaicos da Cigarrosa, na Rúa de Petínnosanos setenta, o famoso de Batitalesachado no século XIX nesa rúa de Lugo, o único localizado ata o momento en Galicia coa representación da máscara de océano.

Aparece noutros menos coñecidos e humildes polo seu mal estado de conservación, como o de Parada de Outeiro, Xinzo de Limia, aparecido ao ampliar a igrexa en 1950, representando un pequeno peixe cos mesmos elementos acuáticos (B. Garrido, tese de doutoramento, 2019) e, por suposto, en varios localizados en Braga.

Máscar de Océano (Batitales-Lugo)

 

Outras mostras máis afastadas fálannos das relacións desta zona noroeste do imperio coa zona sur lusitana, na que non só se intercambiaba e se comerciaba con viño, aceites, garum, peixe, ouro e estaño, senón que tamén se intercambiaban formas artísticas, como os interesantísimos mosaicos de Milreu, unha enorme e luxosa villae do século I ao V d. de C. preto de Faro, no Algarve portugués.

Mosaicos da piscina de Milreu. Faro,no Algarve, Portugal

 

En moitos dos seus mosaicos podemos apreciar este estilo propio desta zona atlántica á hora de representar este tipo de composicións mariñas. Tanto na aparición da mosca de auga como no tratamento estilístico da fauna mariña, as distintas especies de peixes de auga doce e salgada presentan moitas similitudes formais, co que se pode distinguir un estilo galaico-lusitano no que se mesturan influencias dos mosaicos norteafricanos e grecolatinos.

Milreu, detalle

 

O noso apreciado mosaico de Panxón, a pesar de conservarse tan só unha pequena parte, é unha peza dunha calidade excelente. Por factura e por conservación, fan del unha peza extraordinaria, dun valor histórico indiscutible, e máis sabendo que o estado das mostras musivarias localizadas en Galicia non é nin moito menos óptimo e son relativamente escasas.

Mosaico e nota adxunta

 

O castro de Panxón

Castro de Panxón sobre unha pequena península que separa a praia de San Xoán da praia da Madorra

 

O lugar suposto da localización do mosaico foi na zona norte da pequena península, aos pés do promontorio do castro, un xacemento arqueolóxico catalogado como ben patrimonial pola Xunta de Galicia (código GA36035057).

 Detalle do castro. No círculo a posible zona de aparición do mosaico romano a mediados do século XIX

Outra vista do castro. Panxón e o seu porto creceron a expensas do poboado afectando ao 40% da súa superficie

 

Este pequeno poboado sitúase a 22 metros de altitude sobre o nivel do mar, con coordenadas UTM: X:514.539, Y: 4.665.915. Sen dúbida nel tivo orixe o poboamento de Panxón. Trátase dun castro sobre unha península costeira. Esta presenta unha forma alongada e estreita con 250 metros de eixe N/S e apenas 60 metros eixeL/O na súa zona máis ancha, cunha superficie aproximada de 0,98 ha. Foi acondicionada para ofrecer unha defensa fronte á contorna, só se conserva relativamente ben a zona sur.

Vista da zona sur do poboado. Apréciase o corte rectilíneo e simétrico nos xistos a modo de foso defensivo

 

Seguramente a parte máis antiga, xa que se separa case enteiramente por un cantil, a modo de foso, do resto do promontorio. Este corte ten aspecto de ser artificial, xa que os seus perfís son moi simétricos e cortan perpendicularmente (L/O) a orientación natural (N/S) da rocha xistosasobre a que asenta o castro, en plena banda metasedimentariaO Rosal-Monteferro, como toda Praia América (J. M. Toyos, 2003), aberta cara á baía de Baiona, conformando unha espectacular paisaxe natural na costa do Val Miñor, integrado polos concellos de Nigrán e Baiona, xunto ao de Gondomar xa na zona interior.

Vista panorámica da costa do Val Miñor, coa praia Ladeira, a foz do Miñor e Praia América e, ao fondo, Panxón e Monteferro. Na época antiga unha baía cunhas condicións excepcionais na navegación de cabotaxe

 

Pola súa posición estratéxica sobre a praia e dentro da baía, presenta unhas excelentes condicións para a pesca e a navegación de cabotaxe.

Panxón hai sesenta e catro anos. O castro e as dunas conservábanse aínda en perfecto estado.

 

A pesar de que non sufriu escavacións e está moi alterado por construcións de vivendas ao longo dos séculos, unhadelas sobre a acrópole, os materiais que se recuperaron falan deses contactos comerciais marítimos.

A fronte oeste do castro sofre os embates dos temporais e a erosión mariña.

 

Sería magnífico recuperar esta zona do castro e poder levar a cabo un estudo arqueolóxico del antes de que o tempo termine por afectalo, xa que se comprobou que sofre unha forte erosión que provoca a deterioración progresiva dos cantís e a perda de potencial arqueolóxico (R. Villar. e N.Villacieros, 2010). Na época romana, a poboación estendeuse fóra das súas murallas e ocupou gran parte do terreo que conforma hoxe Panxón.

O castro co seu pequeno porto leva séculos ofrecendo protección ás embarcacións que acoden ao seu encontro.

Unha imaxe do porto e do castro de Panxón en 1970

Pódese apreciar que o castro aínda se conservaba practicamente intacto. Nos anos oitenta do século pasado non resistiu os embates do crecemento urbano e a súa acrópole foi alterada pola construción de varias vivendas e edificios. Ao fondo, Monteferro coa súa vertente sur libre de construcións tamén. A presión urbanística na costa do Val Miñore, en xeral, en todas as Rías Baixas foi tan forte que lles afectou aos espazos naturais e a moitos xacementos arqueolóxicos. Hoxe a nosa xeración ten o deber de protexer e conservar o que queda destes espazos.

Vista da baía de Baiona co monte Lourido en primeiro plano, Praia América, Panxón e Monteferro pechando a baía polo norte. A existencia desa pequena península en Panxónposibilitou a construción sobre ela do poboado da Idade de Ferro.Xeoloxicamente toda a costa de Nigrán está en plena banda metasedimentaria O Rosal-Monteferro con predominio de xistos metamórficos que favoreceron a formación da marabillosa praia de AreaLoura, rebautizada como Praia América nos anos trinta, ao abeiro do primeiro desenvolvemento turístico auspiciado polo empresario Manuel Lemos. A península do castro, ao estar formada por un esporón de xistos protexida pola península de Monteferro, resistiu os embates da erosión e foi moi ben aproveitada para levantar o poboado nunha localización privilexiada desde o punto de vista económico e defensivo.

 

A villae de Panxón

De feito, o edificio onde estaría situado este pavimento, como en todos os casos localizados ata agora en Galicia, Portugal, e a Meseta, está vinculado a vilas romanas, en bastantes casos ligados a piscinas, fontes, baños, termas e ninfeos, estancias domésticas relacionadas coa auga.

É moi posible que o lugar onde se localizou o mosaico houbese unha vila marítima, un tipo de explotación propia do baixo imperio, século III ao V d. de C. dedicada á explotación dos recursos do mar, pesca, salgaduras (especialmente xurelos e sardiñas), garum e sal, este último produto producido de forma industrial na costa de Pontevedra en numerosas salinas, como as localizadas entre a costa de Oiae A Guarda, o que sinala a enorme produción pesqueira desta zona noroeste. Villae das que se acharon na costa galega varias mostras como a de Novilleen Mugardos, Centroña en Pontedeume, Adro Vello no Grove, Toralla, Fiunchal e praia do Cocho en Vigo, Canexolen Ons, Sobreira en Oia , entre outras (M. Padín, 2017).

As salinas das Lagoas en Viladesuso, Oia, escavadas pola arqueóloga Mar Cortegoso en 2017

 

É neste contexto de grandes villae onde os propietarios desas explotacións, os domini, se permitían a construción destes magníficos conxuntos, que xuntaban as áreas domésticas e as produtivas, decorando as primeiras con mosaicos, pinturas e uso de materiais nobres, acorde cos gustos e preferencias do momento. Neste aspecto a temática mariña dos mosaicos presentaría unha relación directa co gusto dos donos das vilas e as súas principais actividades económicas, pero tamén coa función das propias estancias, o que explicaría que a moitas villae do interior meseteñolles guste empregar esta temática mariña a pesar de inserirse en ambientes principalmente agrarios.

O mosaico de Panxón é toda unha mostra dese mundo tardo imperial, o que nos leva a formular a cuestión da cronoloxía desta magnífica peza, que con alta probabilidade habería que inserila nalgún momento da segunda metade do s. III ou ao longo do IV d. de C.

Panxón sería así, nese momento e desde antes seguramente, un centro pesqueiro e un porto na navegación comercial por estas augas do noroeste atlántico, un punto de distribución de produtos chegados desde o sur e exportador no ámbito local e posiblemente a longas distancias de salgas e cerámicas, como parece demostrar o achado dun taller oleiro romano fronte á praia da Madorra, no terreo onde hoxe se levanta a residencia da terceira idade Estella Maris (R. Villar,2015).Na mesma praia de Panxón, hai xa décadas, Isidoro Andrade achou unha ara romana dedicada a Mercurio (Mer/urio/aram/Festus/ficit), deus romano do comercio, o que salienta a relación comercial deste enclave, actualmente exposta no museo Quiñones de León de Vigo.

Ara de Panxón  M.M.Q.L. de Vigo

Tamén foron localizadas, froito do azar, varias anforetas romanas nos arredores do porto recollidas nas redes polos pescadores (P. Díaz, 1978), xunto á aparición de numerosos restos de ánforas de diferentes lugares de Hispania, especialmente lusitanas e béticas, así como norteafricanas e doutras zonas do imperio que sinalana existencia dese tráfico marítimo intenso en época romana, algo común a toda a costa atlántica, xa que hoxe podemos dicir que esta vía marítima coñecida como perlocamaritima foi a principal para o comercio en época romana coas áreas costeiras do norte de Europa, reducindo o peso da tese tradicional que sinalaba á ruta do Ródano como a máis importante, polo que as costas galegas tiveron un protagonismo evidente nesa navegación atlántica na que era vital dispoñer de puntos de cabotaxe (J. Rubio-Campillo e J. Remesal, 2018).

A finais do imperio, asomando xa a Alta Idade Media, existen evidencias de que en Panxón (San Pantaleón) se formou unha comunidade cristiá temperá, como parecen apuntar os restos altomedievais conservados na localidade, sinalando unha continuidade de hábitat moi antiga e unha relación que vai máis aló do comercio, tal como sucede en toda a costa das Rías Baixas como Adro Vello no Grove, ou Areal en Vigo, onde se acharon os restos de igrexas datadas no s. V ao VI d. de C.; e noutras localidades (J. C. Sánchez, 2012).

Lauda xermánica altomedieval de Panxón , tapa de sartego de estola

 

En todas elas, como en Panxón, o mar, o seu pasado romano, e a vía perlocamaritima foron claves no desenvolvemento da súa historia. O noso mosaico convértese así, nunha peza de enorme valor, xa que nos sinala a riqueza e importancia que alcanzou esta localidade durante o Baixo Imperio, na que unha familia galaicorromanase permitiu decorar a súa villae cuns mosaicos de tan alta calidade.

Sartegos pétreos altomedievais aparecidos na necrópole de Panxón

 

Epílogo

Dicía ao principio do artigo que, por desgraza, a nosa sociedade tratou con certo desprezo os restos do pasado, esa herdanza que explica de onde vimos, onde estamos e por que somos o que somos. Esta peza representa dalgún modo ese espello no que mirarnos, preguntándonos se non é hora xa de cambiar, de saldar unha débeda con nós mesmos, de decidir canto vale a nosa identidade e a nosa historia, algúns cremos que paga a pena facer un pequeno esforzo colectivo, mesmo ou precisamente por iso, en momentos tan difíciles como os que nos está tocando vivir, e antes de que esta parte da nosa herdanza histórica se perda definitivamente, adornando o salón de calquera fogar, en calquera parte do mundo, tentar recuperala co involucramento da sociedade civil, para todos.

Propóñovos, propoñémosvos desde a Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón, que sexamos nós, a cidadanía, os que deamos un paso á fronte para a adquisición desta peza, agora que se nos presenta a oportunidade, para o seu gozo público no presente e para as xeracións vindeiras.

Estou seguro que Antonio Palacios, o xenial arquitecto galego e o insigne profesor Fernando Acuña Castroviejo estarían plenamente de acordo con nós e serían os primeiros en colaborar na recuperación do mosaico romano de Panxón. Debémonolo.

 

 

Inmemoriam profesor Fernando Acuña Castroviejo

 

 

Bibliografía: 

 

 

Acuña Castroviejo, Fernando (2013).De novo sobre o mosaico de Panxón e outras novas sobre a musivaria na Gallaecia.Revista de letras, ciencias y técnicas del patrimonio. O Porto.

Acuña Castroviejo, Fernando(2001-2002).Nuevasaportaciones a los mosaicos romanos de Galicia.Estudia E. Cuadrado, AnMurcia, 16,17, pp. 361-374.

Álvarez Martínez, J. M.ª e Neira Jiménez, Luz (obra colectiva) (2018).Dimas Fernández Galiano (InMemoriam). Estudio sobre mosaicos romanos. La Esfera de los Libros.

Balil, A (1971). Sobre los mosaicos romanos de Galicia: identificación de un taller musivario. París: CMGRII.

Blázquez Martínez, J. M.ª (2002). Mosaicos de tema marino en Siria, Israel, Jordania, Norte de África, Hispania y Chipre. L`Africa romana14. Lo spazio marítimo del Mediterráneo occidentale: gogradíastoricaedeconomia. Atti. Del XVconvegno do studi. Sassari,7-10 decembro 2000, pp. 569-578. Roma. Edición dixital cortesía do prof. AttilioMastinoe do autor J.M.ª BlazquezMartínez.

Blazquez Martínez, J. M.ª (1990). La colección de mosaicos del Museo del Bardo. En el centenario de su fundación. Goya 217-218, pp.1-13. Versión dixital Fundación Lázaro Galdianoe autores. Gabinete de Antigüedades de la Real Academia de la Historia.

Bobadilla, María (1969). El mosaico de peces de La Pineda (Tarragona).Pyrinae revista de prehistoria i antiguitat de la Mediterránea Occidental, núm. 5, pp. 141-154.

Castiñeira González, M. Antonio eDíezPlatas, Fátima (2002).Profano y pagano en el arte gallego.USCServizos de Publicacións e Intercambio Científico.

Díaz Álvarez, Pedro (1978). Nigrán perla de la costa mágica. Centro de Iniciativas y Turismo de Playa América-Nigrán, pp.339-345.

Díaz Díaz, Víctor M. (2012).Las ánforas romanas en el noroeste de la Península Ibérica. Máster de Prehistoria y Arqueología. Repositorio de la Universidad de Cantabria.

Díez del Corral Corredoira, Pilar (2004).El mar en el fin del mundo: océano en la musivaria de Gallaecia.Gallaecia, 23,  pp. 35-56.

Losada Pérez, F.; Fernández Fernández, A.eVieitoCovela, S. (2008):Toralla y las villas marítimas de la Gallaecia atlántica. Emplazamientos, arquitectura y función. Las villae tardorromanas en el occidente del Imperio: arquitectura y función. Congreso de Arqueología de Gijón. Estudios Olmeda. Colecciones Piedras Angulares.EdicionesTrea.

Fayos Bou, Haydée. Revisión crítica de soportes para mosaico: estudio e intervención de un fragmento de opus tessellatum de la villa de Cornelius (L’Ènova, Valencia). Traballo final do Máster en Conservación y Restauración de Bienes Culturales, curso 2011/12.

Garrido Ramos, Beatriz (2019). Iconografía musivaria en la Península Ibérica en época romana. Investigación y difusión desde el campo de las humanidades digitales. Tese de doutoramento. UNED.

Merino de Cáceres, J.M. eMartínez Ruiz, M.ª J.(2012). La destrucción del patrimonio artístico español. (W. R.  Herst el gran acaparador).Cátedra.

Moya Maleno, Pedro R. (2009).Mercurio en la epigrafía hispanorromana: el ara votiva de Laminium (Alhambra-Ciudad Real).RECM, 1, pp.101-123.

López Quiroga, Jorge (2018).Las laudas funerarias con representación del orante y la estola. Élites eclesiásticas, jerarquía y territorio en la Gallaecia tardo-antigua.Universidad Autónoma de Madrid. InTemporumSueborum. El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-485). Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Ourense. 2018

J. Sepher, Elizabet (1999). Populonia un mosaico e iconografía del naufragio. In Mélanges de l´ecolefrancaise de Rome Antiquité, tome 111, núm. 1, pp.119-144. Dispoñible en htpps://doi.org/10.30406/mefr.1999.2072 htpps//www.persee.fr./doc/mefr_0223-5102_1999_111_1_2072.

Pascual Hermida, Gustavo (2013).El poblamiento antiguo de la costa de Oia. Una posible interpretación. Más que petróglifos. Dispoñible en http://masquepetroglifos.blogspot.com/2013/05/capitulo-i-de-iv.html.

Regueras Grande, Fernando (2013).Mosaicos romanos del Conventus Asturum. Brigaecio, 23, pp.11-32.

Rubio Campillo, Javier; Remesal, José (2018).Production and distribution of foodduringthe Roman Empire: Economics and politicaldynamics(ePNet). Revista Journal of Archaeological.

Sánchez-Pardo, J. Carlos (2012).Los contextos de fundación de las iglesiastardoantiguas en Galicia (ss.V-VII): substratos arqueológicos, distribución y significado. AnTard,20, pp.255-273 (Academia.Edu.com).

Torres Carro, Mercedes (1990): Los mosaicos de la Meseta Norte. Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología, tomo 56, pp. 223-243.

Toyos, J.M. (2003). Litografía de la banda esquistosa de Monteferro-El Rosal (Macizo Ibérico, provincia de Pontevedra).Rev. Soc. GeolEspaña, 16(3-4), pp. 213-226.

Toyos, J.M. e Rodríguez García, Augusto (2010). Geología y geomorfología de la región entre Monteferro y O Rosal (Pontevedra). Guía de campo.Panxón: AEPECT.

Veiga Romero, Ana M.ª (2009). Los mosaicos de A Cigarrosa. Historia de un hallazgo. Museo Arqueológico Municipal de Ourense. Pieza del mes.

Villar Quinteiro, Rosa (2014). El alfar romano de Panxón (Nigrán, Pontevedra). Gallaecia, 33, pp. 215-238.

Villar Quinteiro, Rosa; Villacieros Robineau, Nicolás (2010). El castro de Panxón (Nigrán, Pontevedra). Nuevos datos y evaluación de su estado actual.Gallaecia, 29, pp. 137-144.

Vitrubio. De arquitectura. Edición de Joseph Ortiz y Sanz. Madrid: Imprenta Real de 1787.                                          

 

 

Sección: